O
martes 23 de xullo, ás 21:00 horas, na Igrexa da Madalena de Ribadavia, preséntase o libro-DVD Morreu o demo, acabouse a peseta, publicado por Urco Editora, dentro da Mostra Internacional de Teatro. No acto participan Pedro Solla e Comba Campoy.
Arquivo da categoría: Ensaio
Santiago: presentación de Rosalía na cobiza do lonxe
Artigo
de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“O xoves 18 de xullo, ás 12:00 horas, presentouse na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela o volume colectivo Rosalía na cobiza do lonxe, monográfico arredor da vida e obra da nosa poeta fundacional que veu luz nos Cadernos Ramón Piñeiro do centro homónimo. (…)
Os que se animen co libro, atoparán nel, precedidos dun fermosísimo texto cunqueiriano sobre Rosalía, traballos de Ana Acuña poñendo en relación os versos da cantora cos de Pintos a propósito do tema da orfandade; unha visión de confluencias e lecturas paralelas entre José Ángel Valente, Edmond Jabès e mais a escritora da man de Carmen Blanco; a procura das pegadas rosalianas en Novoneyra analizada por Luís Cochón; as influencias de Rosalía detectables en Emilio Pita presentadas por José Ángel García López; unha revisión da Negra sombra e as súas implicacións realizada por Pilar García Negro e outra visión complementaria do mesmo tema asinada por Anxo González Fernández; un estudo verbo da pragmática do poema e o seu simbolismo aplicado a En las orillas del Sar por Arcadio López Casanova; unha completa panorámica do tempo vigués dos Murguía Castro servida por Xurxo Martínez González; un repaso á cuestión da imaxe física do home nos textos de Rosalía que achega Marina Mayoral; unha detallada análise dos paratextos dos Cantares gallegos, contribución de Manuel Rodríguez Alonso; unha nota sobre a consideración de Rosalía en Borges de Claudio Rodríguez Fer e dous apuntamentos sobre a universalidade e a categoría de clásica no tratamento da saudade encarnada obra de Andrés Torres Queiruga.
Da miña parte, convidóuseme a sumarme a este magnífico elenco de profesores, investigadores, poetas, narradores, filósofos e teólogos e quixen facelo vencellando as figuras de Rosalía e Díaz Castro nun traballo titulado, xustamente, Presenza de Rosalía na obra de Xosé María Díaz Castro, encargado, por certo, antes de que ninguén soubese que a RAG ía distinguilo no 2014, por máis que o volume vexa luz agora, meses máis tarde da redacción e entrega desta colaboración. (…)”
A Coruña: presentación de O labirinto da saudade, de Luís G. Soto
Manuscritos: Francisco Fernández del Riego (IV)
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
Taboleiro do libro galego (XIII), por Ramón Nicolás
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí a nova entrega da listaxe de libros en lingua galega máis vendidos na última quincena, última ata o mes de setembro. Agradezo a xenerosa colaboración destas dezasete librarías galegas para compola: Casa do Libro de Vigo, Á lus do candil, Librouro, Andel, Couceiro, Pedreira, Cartabón, Aira das Letras, Trama, Torga, O Pontillón, Paz, Libros para Soñar, Sisargas, Lila de Lilith, Livraria Suévia e Carricanta.”
NARRATIVA
1º-. As vidas de Nito, de Xabier Paz, Edicións Xerais.
2º-. Faneca Brava, de Manuel Portas, Edicións Xerais.
3º-. Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, Edicións Xerais.
4º-. O anxo de Eva, de Marina Mayoral, Edicións Xerais.
5º-. Winnipeg, de Hixinio Puentes, Edicións Xerais, e Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño, Editorial Galaxia.
POESÍA
1º-. Raíz da fenda, de Berta Dávila, Edicións Xerais.
2º-. Un rato díxolle á lúa, de Antonio García Teijeiro, Edicións Xerais (edición de Fran Alonso).
3º-. Resina de poliéster, de Xabier Correa Corredoira, Baía Edicións.
4º-. Carne de Leviatán, de Chus Pato, Editorial Galaxia.
ENSAIO-TEATRO
1º-. A cociña dos Cunqueiro, de Elvira González-Seco Seoane, Editorial Galaxia.
2º-. Inmateriais, de Suso de Toro, Edicións Xerais.
3º-. Feminismos, de Olga Castro e María Reimóndez, Edicións Xerais.
4º-. As lambetadas de Larpeiros, de Merchi Rodal, Editorial Galaxia.
INFANTIL-XUVENIL
1º-. Flor de area, de Manuel Lourenzo González, Edicións Xerais.
2º-. O cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións-A porta verde do sétimo andar.
3º-. Soños de fútbol en Bangui, de Yves Pinguilly, Editorial Galaxia (tradución de María González).
ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. Rosalía pequeniña, de Uxía Senlle, Editorial Galaxia.
2º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.
3º-. Bicos de música, de Mamá Cabra, Editorial Galaxia.
BANDA DESEÑADA
1º-. Marcopola 2, de Jacobo Fernández Serrano, Edicións Xerais.
2º-. Máis alá, Inacio / Iván Suárez, Demo Editorial.
3º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
Plácido Castro: Unha vocación internacional
Desde
Cultura Galega:
“Malia non ser un dos persoeiros máis coñecidos do galeguismo de preguerras, a vida e a obra política e intelectual de Plácido Castro (Corcubión, 1902; Cambados, 1967) merecería por si soa un filme británico. Políglota, viaxeiro e activista político, foi o principal responsable do recoñecemento internacional de Galicia como nación antes da Guerra Civil. Tres novos libros editados pola Fundación Plácido Castro botan luz sobre este descoñecido intelectual.
A Fundación Plácido Castro vén de editar tres curiosas e interesantes publicacións que divulgan a obra e o pensamento do corcubionés Plácido Castro. Un galego en Irlanda, 101 máximas e reflexións de Plácido Castro e 1933-2013. 80 anos da participación e admisión de Galicia no Congreso de Nacionalidades Europeas. Os tres libriños permiten coñecer a personalidade e as accións poliédricas e acceder a importante documentación interna da Sociedade de Nacións que permite coñecer a estratexia dos galeguistas para o recoñecemento internacional de Galicia como pobo.
Plácido Castro naceu en Corcubión no seo dunha das familias máis adiñeiradas da área. Os seus pais enviaráno a estudar, cando aínda era moi neno, aproximadamente aos seis anos, ao colexio Scarborough de Glasgow. Nesta cidade escocesa tamén cursaría os seus estudos universitarios. A súa vida en Inglaterra compaxinaríase coas súas vacacións en Galicia, onde tomou conciencia da identidade, da lingua e da cultura. Militaría no Partido Galeguista e participaría da prensa da época, onde remitiu numerosas crónicas da vida e da cultura inglesas.
Un galego en Irlanda é unha compilación de seis crónicas de viaxes que Plácido Castro remitiu ao xornal vigués El Pueblo gallego, e nos que detalla unha viaxe á illa -de especial relevancia no discurso cultural e político dos galeguistas do momento- na que remata por convivir cos illeiros do arquipélago de Blasket. As crónicas, cheas de lirismo, anécdotas e un perspicaz talante, son unha viaxe de ida e volta entre Galicia e Irlanda, nos seus parecidos e diferenzas.
O libriño 101 máximas e reflexións de Plácido Castro introduce aos lectores no pensamento galeguista e político do escritor e tradutor, no que se evidencia a súa demanda de conciliar tradición e identidade coa modernidade para ser visibles no mundo. A vocación internacional de Castro tamén se advirte na escolma de documentos publicados en 1933-2013. 80 anos da participación e admisión de Galicia no Congreso de Nacionalidades Europeas; a través dos documentos pódese seguir o proceso da inclusión e participación dos galeguistas no Congreso de Nacionalidades Europeas, celebrado en Berna en 1933. (…)”
Suso de Toro: “Só a soberanía nos permitiría solucionar os nosos problemas como país”
Entrevista
de Montse Dopico a Suso de Toro en Praza:
“Unha galería de personaxes que poida resumir “as nosas capacidades, dilemas e posibilidades” como país. Así presenta Suso de Toro o contido de Inmateriais (Xerais), o seu novo libro. Nel, recolle boa parte dos retratos de personaxes da nosa historia que publicou no desaparecido suplemento Luces de El País. Trinta textos nos que presenta a crónica do que, ao seu ver, foi o “fracaso nacional galego”. Desde un Reino de Galiza que perdeu fronte a Castela ata un proxecto galeguista e liberal que non acabou de triunfar ou un golpe de Estado que, no 36, rematou con ilusións e esperanzas.
– Praza: Xa dis no limiar que a escolla dos personaxes é subxectiva. Como comezara esta serie de retratos?
– Suso de Toro: Propuxen facer unha galería de personaxes. O punto de vista é subxectivo, porque é unha escolla miña, pero tamén ten unha dimensión obxectiva. Son todos personaxes máis ou menos coñecidos, que eu poño nun plano de igualdade: os indiscutidos, como Castelao, ao lado dos máis discutidos; ou doutros que quixen poñer en valor e facer máis visibles… O que hai, sobre todo, é unha lectura persoal de Galiza como pobo, como reino, nación, comunidade humana. Neste sentido, Inmateriais completa, a través de 30 historias de distintos personaxes, o que escribín en prensa e noutros libros sobre Galiza. O que teñen en común estes trinta personaxes é que están, case todos, marcados polo signo do fracaso, que é o fracaso nacional galego. Primeiro, o fracaso de Compostela fronte a Toledo. Despois, o do Reino de Galiza fronte ao Reino de Castela… ata chegar a hoxe. Todos os personaxes tropezan coa realidade de non termos Estado propio. E o fracaso político de Galiza conduce ao fracaso persoal: profesional, artístico, cultural, político… (…)”.
Vigo: actos destacados do mércores 3 na Feira do Libro
O
mércores 3 de xullo prosegue a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), cos seguintes actos literarios destacados para este día:
Mércores 3
– 18:30 h. O escritor Agustín Fernández Paz asinará exemplares das súas obras
– 19:00 h. Presentación do libro Cartas de inverno, novela gráfica de Antonio Seijas, publicada por Edicións Xerais de Galicia. Participan no acto Agustín Fernández Paz, Manuel Bragado e o autor.
– 19:30 h. O escritor Xabier Paz asinará exemplares do seu libro As vidas de Nito, publicado por Edicións Xerais de Galicia.
– 20:00 h. Presentación do libro Inmateriais, de Suso de Toro, publicado por Edicións Xerais de Galicia. Participan no acto Manuel Bragado e o autor.
Vigo: actos destacados do luns 1 na Feira do Libro
O
luns 1 de xullo prosegue a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), cos seguintes actos literarios destacados para este día:
Luns 1
– 18:15 h. Presentación do libro infantil O carballo, de Calros Silvar, publicado por Baía Edicións. O autor, que nos explicará como debuxar unha árbore, estará acompañado por Miguel Ángel Fernández Martínez, do grupo naturista Vacaloura e autor da Guía de libélulas de Galicia, e Belén López Vázquez.
– 19:00 h. As marionetas do mundo e os mundos de Barriga Verde. Charla coloquio sobre os títeres galegos realizada por Comba Campoy, investigadora sobre a tradición de títeres galegos e Anxo García, titiriteiro e recuperador do espectáculo de Barriga Verde. Presentación do DVD – libro Morreu o demo, acabouse a peseta, publicados pola Asociación Cultural Morreu o Demo.
– 20:00 h. O escritor Xabier Correa Corredoira, presenta o seu libro Resina de poliéster, publicado por Baía Edicións. Xunto co autor, participará no acto o escritor Francisco X. Fernández Naval e a directora da editorial, Belén López Vázquez.
Vigo: actos destacados do sábado 29 e domingo 30 na Feira do Libro
O
sábado 29 e domingo 30 de xuño prosegue a súa andadura a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), cos seguintes actos literarios destacados para estes días:
Sábado 29
– 18:00 h. Contacontos: O Cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz, actividade organizada por Nova Galicia Edicións.
– 19:00 h. Alfonso Eiré presenta o seu libro Infiltrados, publicado por Biblos Clube de Lectores.
– 19:30 h. O escritor Miguel Ángel Alonso asinará na caseta de Andel do Libro Galego e Portugués.
– 19:30 h. O escritor Pedro Feijóo, asinará exemplares do seu libro Os fillos do mar, publicado por Edicións Xerais de Galicia.
– 20:00 h. Presentación do libro A cociña dos Cunqueiro, con prólogo de César Cunqueiro e receitas da dona do escritor, Elvira González-Seco Seoane, editado por Galaxia. Participan no acto Carmen Freire, Miguel Vila, César Cunqueiro e Víctor Freixanes.
Domingo 30
– 19:30 h. O escritor Moncho Iglesias presenta o seu libro Pedras de plastilina, publicado pola editorial Toxosoutos.
– 20:00 h. Presentación do poemario Viaxe sen cancelas, de Xesús Bermúdez Tellado, publicado pola editorial Redelibros.
– 21:15 h. Presentación do libro Nada se esquece, de Puri Ameixide, publicado pola editorial Redelibros
– A partires das 19:00 horas, os autores asinarán exemplares dos seus libros na caseta da Libraría Cartabón.

