Miguel Mato: Señardade da luz

Entrevista a Miguel Mato sobre o seu libro Señardade da luz en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Xa ó principio do libro afirmas que tanto a visión labrega, como a etnográfica ou a política da obra de Manuel María, son reducionistas, pois o poeta era todo a un tempo e moito máis…
– Miguel Mato (MM): Na literatura galega houbo moitas veces opinións moi mediatizadas politicamente. E tamén hai unha tendencia a explicar a obra de Manuel María, como lle pasou a Ánxel Fole, desde unha perspectiva etnográfica, ruralista… Toda definición vai ser reducionista. É poeta da terra, si, pero tamén amosa unha elevación estética, unha vontade de estilo. Tamén é político, non só ruralista… Pero eu non creo no tópico do poeta da patria: era un bo poeta, e iso é o máis importante. (…)
– GH: O pesimismo era nel unha actitude vital e estética, apuntas. A angustia do mundo, o desacougo… Pero por outro lado celebraba a natureza, as pequenas cousas… e niso amosaba un vitalismo contraditorio con ese fatalismo…
– MM: Todos somos contraditorios. O pesimismo de Manuel María ten que ver coa súa biografía: perdeu a seu pai de novo… Despois foi o desacougo ante o que estaba a pasar en Galicia… Manuel María pertence a unha xeración que agardaba uns cambios que non se produciron. Por iso o sentimento de desencanto… Tamén miraba a espiritualidade das cousas, dos obxectos pequenos, contemplaba a marabilla dos pequenos obxectos… A súa era unha visión cósmica, panteísta. (…)
– GH: Creo que non o agradaba moito o culturalismo dos 80, aínda que este é un tópico que se está aínda a revisar. Que cres ti?
– MM: A verdade é que eu nunca lle escoitei diatribas sobre iso. Si, claro, el era un poeta comprometido, que cría na función social da literatura. E tamén era unha persoa culta… Dixo Cáccamo que o culturalismo só pode molestar os incultos. Ademais, eu creo que todo vai unido, o culturalismo é unha visión do mundo…”

Ferrol: presentación de A historia secuestrada polo franquismo, de Manuel Monge

O xoves 3 de febreiro, a partir das 20:00 h., na Galería Sargadelos (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina rúa María) de Ferrol, preséntase o libro A historia secuestrada polo franquismo, de Manuel Monge, publicado en Laiovento. No acto participan, acompañando ao autor, Francisco Pillado e Eliseo Fernández.

A Coruña: presentación de Señardade da luz (A obra poética de Manuel María), de Miguel Mato

O xoves 3 de febreiro, a partir das 20:30 h., no local da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, e con entrada libre, preséntase Señardade da luz (A obra poética de Manuel María), de Miguel Mato, editado pola A. C. Alexandre Bóveda, que comeza con este libro as súas publicacións.

Lugo: presentación de Maruja Mallo: de prometedora pioneira a artista universal, de Carlos Nuevo e Emílio Xosé Ínsua

O luns 31 de xaneiro, a partir das 20:00 h., no Salón de Actos da Fundación Caixa Galicia (a carón da Catedral) de Lugo, preséntase o libro escrito en colaboración por Carlos Nuevo Cal e Emílio Xosé Ínsua Maruja Mallo: de prometedora pioneira a artista universal, que obtivo o Premio Ánxel Fole na edición do 2009. Crónica posterior en El Progreso.

Ferrol: presentación de Ferrol. Patrimonio e sociedade, de Rosa Méndez Fonte

O venres 28 de xaneiro, ás 20:00 h., na Galería Sargadelos (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina rúa María) de Ferrol, preséntase o libro Ferrol. Patrimonio e sociedade, de Rosa Méndez Fonte. No acto acompañarán á autora Fernando Bores, Germán Castro e Carlos Miragaya.

Santiago: presentación de A Terra de Soneira no corazón da Costa da Morte

O martes 25 de xaneiro, a partir das 20:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro A Terra de Soneira no corazón da Costa da Morte, coordinado e dirixido por Xosé María Lema Suárez, publicado por Xerais, no que participan, alén del, Evaristo Domínguez Rial, Xan Fernández Carrera, Roberto Mouzo Lavandeira e Xosé María Rei Lema. No acto acompañarán aos autores Jorge Mira e Manuel Bragado.

A mesa e manteis. Historia da alimentación en Galicia, de Xavier Castro, gaña o premio Gourmand best in the world na categoría de mellor libro de historia gastronómica en galego

O libro de Xavier Castro A mesa e manteis. Historia da alimentación en Galicia, publicado en Biblos Clube de Lectores, mereceu a atención dos xurados do pretixioso premio Gourmand best in the world que o consideran o mellor libro escrito en galego sobre a materia e que, como tal, participará na fase final do galardón que se fallará a comezos de marzo en París. A obra de Xavier Castro representará a Galicia na categoría de mellor libro de historia gastronómica (Best Culinary History Book) cos gañadores en outras linguas e os resultado coñecerase o vindeiro 3 de marzo no teatro Le 104 de París. A Feira do Libro de Cociña de París é o maior evento do mundo dedicado aos libros de cociña e o viño. Cimentada sobre unha vasta e sólida rede de contactos de editoriais de máis de 50 países, a feira xunta sen problemas negocio e pracer. Editores, autores, fotógrafos, deseñadores, impresores, distribuidores, libreiros; todos se reúnen nesta feira para negociar ps seus proxectos.

Edicións Positivas publica Conversa ultramarina, inédito de Lois Pereiro

Edicións Positivas, tras reeditar as obras de Lois Pereiro, Poemas 1981-1991 e Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995, publica agora o inédito Conversa ultramarina, obra na que o autor fala das súas inquedanzas, gustos, amizades, proxectos, do futuro.