Xosé Antón Cascudo: “As personaxes de Mad Men encarnan moitos dos problemas que relatou Betty Friedan”

Entrevista de Laura Veiga a Xosé Antón Cascudo en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como xurdiu A mística da feminidade en Mad Men?
– Xosé Antón Cascudo (XAC): Eu estaba interesado en estudar os cambios que se están producindo a todos os niveis no ámbito da ficción televisiva: relato, produción, distribución. Porque desde 2000 houbo unha eclosión de series paradigmáticas como Os Soprano, The Wire ou A dous metros baixo terra.
Fun afondando na historia de Mad Men porque me parecía unha obra moi complexa, con moitas capas, e na que se trataba un momento histórico que tamén me interesaba: os 60, a pegada da contracultura e os cambios a nivel musical ou cinematográfico. Tamén había outros aspectos que me resultaban rechamantes, como o uso da publicidade ou a construción de personaxes.
Paralelamente, comecei a ler A mística da feminidade de Betty Friedan por curiosidade, porque nunca o lera. As personaxes de Mad Men encarnaban dalgunha maneira, ou correspondíanse, con moitos dos problemas que Friedan relataba nesa obra. Eran problemáticas que estaban aí latentes para as súas concidadás estadounidenses e que se poñían de manifesto en case todas as figuras femininas de Mad Men.
– ND: Cal foi o proceso de construír o ensaio?
– XAC: Basicamente, meterme a fondo nas tramas, facer escaletados de capítulos da serie que me interesaban moito, relacionar unhas cousas con outras e analizar o enorme subtexto que hai. É unha serie que se constrúe moito polo poder da suxestión e da imaxinación; de feito, ten unha posta en escena que podería ser catalogada como exuberante. É moi interesante como nas tramas está habendo un proceso de cambio que case non é percibido polos ollos da persoa que ve as escenas, senón que está agochado por un deseño de produción moito máis evidente.
Outro aspecto interesante son as personalidades tan fortes que hai, por exemplo a de Don Draper, o protagonista, e foi un proceso de descuberta, de ver unha e outra vez a serie. Son arredor de 70 horas de metraxe, polo que unha única visualización son tres días da túa vida que estás dedicando a isto. Probabelmente eu fixen dúas visualizacións enteiras, de principio a fin, e logo bastantes máis de capítulos soltos e secuencias concretas que me interesaban. (…)”

Antón Baamonde: “O localismo non o vexo mal pero é como o colesterol, hai malo e bo”

Entrevista a Antón Baamonde en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): A tese que defende no seu libro parte de que Galicia debe pensarse a si mesma como unha soa cidade, superando os localismos. Non parece fácil romper con séculos de consolidación da Galicia dos marcos e as leiras.
– Antón Baamonde (AB): No libro comezo dando uns apuntamentos dos procesos de urbanización mundial. En 2008, máis da metade da poboación do mundo pasou a ser urbana. Ese é o proceso que se viviu no século XX e que seguirá vivíndose no XXI. Non se trata xa de que se crean cidades, senón megaurbes, con millóns de habitantes na súa contorna. Fago ese apuntamento para enmarcar a situación de Galicia: é un territorio que está a perder poboación, un problema demográfico con transfondo económico, non hai postos de traballo apetecibles e os mozos formados emigran. É un país que, a pesar de ter certa riqueza e ser urbano, está nunha curva de descenso. Ao final, do que se trata é de que a economía sexa potente, e unha posible oportunidade de crecemento económico é aproveitar a trama urbana de Galicia das sete cidades, un modelo policéntrico urbano que non se parece ao da España centralista con organización radial, senón que se parece máis ao modelo holandés: un armazón de cidades ben comunicadas, sobre todo por tren. Doutra banda, a economía galega é moi aberta e cun peso do sector primario moi pequeno. Se quere competir ten que pensar as cousas a outra escala. Por exemplo, como fan os portugueses, que teñen toda a política de Estado dirixida a iso.
– EP: Xorde aí outra das bases das súas propostas, aproveitar as sinerxias co norte de Portugal.
– AB: Si. Se colles o mapa da Península, ves que a poboación está no centro e nos eixos costeiros, particularmente no Mediterráneo. Todo ao redor de Madrid e a súa contorna é un deserto demográfico. Pero do eixo atlántico fálase menos que do mediterráneo, desta continuidade sociolóxica, económica e demográfica. Moitas empresas de Vigo están realmente situadas no norte de Portugal e Portugal é o principal investidor estranxeiro en Galicia. Hai que dar continuidade urbana desde Ferrol ata Porto porque, de feito, as relacións son xa enormes. Hai que requerir de quen corresponde, do Estado, os investimentos correspondentes para logralo. (…)”

Compostela: presentación de Personaxes da Galiza medieval, o 11 de febreiro

As persoas interesadas deben anotarse en comunicacion@ogalo.gal antes do venres 10 de febreiro de 2023, ás 16:00 horas, sinalando nome e dous apelidos de todas/os as/os asistentes.