Desde Chamando á Terra, da Radio Galega:
“Un dos grandes autores do país, Manuel Lourenzo, en conversa con María Solar sobre Suite Artabria, premio Álvaro Cunqueiro. Comezamos cun cachiño do libro na voz de Pepe Carreira. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Arquivo da categoría: Entrevistas
Os nenos da varíola, de María Solar
Entrevista a María Solar en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): En Os nenos da varíola aborda unha das proezas máis importantes da medicina moderna: a dos vinte e dous nenos que levaron a vacina da varíola ata América brazo a brazo. Como coñece vostede este suceso e que foi o que lle impactou tanto deste feito como para querer transformalo en novela?
– María Solar (MS): Eu cheguei a esta historia moito antes de ser consciente de que quería ser escritora. Aparte de ser xornalista de formación, tamén fixen a carreira de Bioloxía, e na facultade, nunha ocasión, contárannos algo, moi por riba, sobre a vacina de Jenner, un médico inglés que se decatou de que as mulleres que muxían as vacas contraían a varíola deste animal, e esa varíola inmunizábaas contra a varíola dos humanos. En base a esa observación, e tras algún experimento, xurdiu a vacina da varíola para os humanos. Foi a primeira vacina que se creou. Eu fiquei fascinada con esa historia. E logo contárannos que o médico alacantino Francisco Xavier Balmis levou esa vacina a América de brazo en brazo de persoas. Así, sen máis explicacións.
Pasados uns anos, exercendo xa como xornalista, dous investigadores da Coruña, aos que eu lles agradezo toda a axuda que me prestaron neste libro, que son Joaquín Pedrido e Toño López, indagaron sobre eses rapaces que levaron a vacina da varíola ata América: quen eran, de onde viñan, cantos anos tiñan… Iso foi no 2006, e na TVG fixéramos unha reportaxe diso, onde reproducimos a historia de Balmis cunha pequena dramatización da época con tres nenos, entre eles a miña filla. Acababa a reportaxe cun primeiro plano da nena levantando a vista e mirando ao espectador, aí conxelamos a imaxe e subíamos un rótulo co nome de todos os nenos. O resultado foi moi emocionante. Ese día decateime de que non valía dicir que vinte e dous nenos levaron a vacina da varíola ata América brazo a brazo, porque detrás de cada un deses nenos había un nome, unha cara, uns ollos, unha idade. Nese intre empecei seriamente a pensar nesta historia, a recoller información, etc. (…)
– FL: En Os nenos da varíola describe a dureza dunha época, especialmente a padecida polos nenos expósitos. Nun momento da novela sinala que “a metade dos nenos falecían nas casas de cría antes dos dous anos” ou “De cada cen expósitos, entre setenta e oitenta non chegaban a facer os dez anos de vida. Esa era a realidade, case todos morrían”. A esta novela acáelle moi ben o termo de dickensiano que lle outorgou nunha recensión o crítico Xosé Manuel Eyré.
– MS: Díxoo moita xente, pero ese é o punto da época. Era igual aquí que na Inglaterra de Dickens. Era un mundo que non ten nada que ver co de hoxe e que é moi difícil de comprender visto dende unha perspectiva actual.
Os nenos expósitos eran o lixo da sociedade. Nesa época non existían os métodos anticonceptivos, nacían nenos espurios e sobre todo había moita fame. O resultado eran moitos nenos sendo abandonados. Os hospitais tiñan unha inclusa dentro onde había un torno, ti deixabas aí o neno, xirábalo, tocabas a campaíña e ninguén preguntaba nada.
A xente non quería saber nada deles, pensaban que transmitían enfermidades, que eran fillos da prostitución… Pero en realidade podían ser fillos de calquera. Algúns nenos eran abandonados temporalmente con algunha marca para poder recollelos cando os pais puidesen. Por orde do Rei si que había leis para dar protección a eses rapaces e sacalos das rúas, dun xeito teórico polo menos, porque aos catorce anos volvían a esas rúas. (…)”
Diana Varela: “Se por algo paga a pena vivir é porque existe a liberdade e porque temos, ademais, o dereito de exercela”
Entrevista de Montse Dopico a Diana Varela en Praza:
“A videopoesía está a abrirse un camiño cada vez máis sólido na literatura galega. Unha das últimas achegas neste sentido é Non, Amor de Diana Varela Puñal, un proxecto editado en formato convencional en papel e en DVD. A autora dérase a coñecer cos seus poemarios anteriores, Fíos e Animal Abismo, coas súas pezas de teatro e cunha novela, Fin de Festa, reeditada recentemente por Laiovento. En Non, Amor explora o impacto da asunción da morte como único destino inexorable das persoas. Reivindica a liberdade, o amor e a patria, entendida como orixe, tribo, clan. Clama contra a violencia e a intolerancia. E cuestiona, como en Animal Abismo algúns binomios hexemónicos, como o que opón humanos e animais.
– Praza (P): Publicaches primeiro os videopoemas e despois o libro en formato papel. Por que?
– Diana Varela Puñal (DVP): Interésanme moito o teatro e o cine. Este é, ademais, un libro que me levou varios anos facer. Estivo metido nun caixón ata que decidín retomalo. A raíz de facer recitais e, pola experiencia previa que tivera con A morte e a súa voz ausente -unha peza teatral miña sobre Cesare Pavese da que fixemos varias representacións e que gravamos en vídeo-, xurdiu a idea dos videopoemas.
Falei cun amigo que traballa no cine, Cristian Rola, e así foi… Empezamos a coller algúns dos textos e a traballalos doutra maneira. De todas maneiras, a nosa proposta non consiste nunha poeta poñéndose a recitar versos, coma nun recital. As pezas son como pequenas curtas, nas que a imaxe e a música son tan importantes coma a palabra, aínda que sexa poesía. En youtube poden verse algúns dos poemas, pero non todos, porque tamén temos unha edición en DVD.
– P: “Neste breve conxunto de poemas imaxinei como verían o mundo varios personaxes a piques de integrarse na quietude definitiva”, di o limiar do Non, Amor. Todo o libro está marcado pola presenza da morte, quizais da perda de seres queridos, e do xeito no que fuximos da morte, sen estar nunca preparados para a súa chegada.
– DVP: É unha reflexión, si, arredor da morte. Non só pola perda de seres queridos. É, esencialmente, o que pasa cando asumes que a morte sucede, que tamén che vai suceder a ti. É a maneira de afrontalo. Que pode ser iso que chaman delirio, loucura… vivir cos ollos pechados, non querer velo. O libro é unha reflexión sobre este limbo no que vivimos pois, desde que nacemos, estamos camiñando cara ao precipicio. É ese pánico de saber que vamos morrer. Mais tanto ten se estamos preparados ou non, porque vai acontecer igual. É esa angustia de saber que vas morrer, que é o noso único destino claro.
– P: O poemario é moi diferente dos anteriores na forma. Poemas e versos máis longos, e máis narrativo. Por algunha razón especial?
– DVP: Eu pretendín que fose diferente. Non, Amor ten moito que ver coa música, con cancións que eu escoitaba ou tiña na cabeza mentres escribía. Os versos saíanme segundo a melodía da canción. Así foi o proceso: deixeime levar polo río da música. E iso permitiume expresar experiencias dolorosas dun xeito para min máis levadeiro. Non é que eu planease que ían ser poemas longos. Saíu así pola música, polo tema e polo que meu estado me pedía. (…)”
Cuestionario Proust: Estevo Creus
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Estevo Creus:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A timidez.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A capacidade de poñerse en dúbida e rir.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Cariño e comprensión.
4.– A súa principal eiva?
– O meu excesivo hedonismo?
5.– A súa ocupación favorita?
– Practicar o White Techín (mirar ao teito). Disciplina acuñada polo amigo Arturo.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Pasar a vida viaxando. Aprender un cento de cousas. Amar?. Compartir corpos…?
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a capacidade de abraiarme. Non sentir amor por nada.
8.– Que lle gustaría ser?
– Viaxeiro a tempo completo/no seu defecto, escultor preto do mar.
9.– En que país desexaría vivir?
– Occidente non. Nun país bonito, he, …anarquía e mar?
10.– A súa cor favorita?
– A cor laranxa.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A margarida.
12.– O paxaro que prefire?
– No mar o corvo mariño cristado…, na terra o paporrubio…, non podo escoller entre os dous.
13.– A súa devoción na prosa?
– …Cortázar?
14.– E na poesía?
– Uf… Ultimamente aquela que se rebela contra a propia proposición lingüística como formato do saber/coñecemento. Aquela que di sen dicir e sabe sen saber. Por nomear unha das mellores experiencias poéticas, dicir que tiven a sorte de escoitar/viaxar na voz de Carlos Oroza. Habería tanta xente á que admiro…, ai!!
15.– Un libro?
– O que acabo de ler: Realidad y Mundos posibles. Los Actos de Imaginación que dan Sentido a la Experiencia. Bruner, Jerome. Un ensaio científico sobre os formatos da memoria, a persoa (identidade) como texto de ficción científica, e de como o relato constrúe a experiencia e os significados. Somos textos literarios? A deriva sería pensar quen constrúe o texto e quen impón o texto… Quizais Foucault poida dar algo de luz…, ou non…, non o sei…, moitos libros habitan este corpo e andan.
16.– Un heroe de ficción?
– Non son de heroes. Tampouco procuro salvadores.
17.– Unha heroína?
– A mesma que arriba.
18.– A súa música favorita?
– Son moi eclético… algo que influíu moito en min foi a experimentación de Steve Reich (LP: Different Trains) acompañado por Pat Metheny e a Kronos Quartet.
19.– Na pintura?
– Toda a pintura…, pero un cadro que segue a obsesionarme é Retrato duplo dos duques de Urbino de Piero della Francesca. E xa van anos. Habería moita máis pintura. Pintar a mona por exemplo penso que é preciosísimo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Ningún e ningunha en particular. Calquera persoa boa e xenerosa…, o que signifique iso pois…., é outra leria.
21.– O seu nome favorito?
– Un topónimo: A derramada.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O de xulgar e aconsellar cando ninguén pediu nin xuízo nin consello.
23.– O que máis odia?
1) A ausencia do azar nas ecuacións.
2) Que deter o sufrimento humano non sexa a nosa maior prioridade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Gusto máis da intrahistoria. O abusón.
25.– Un feito militar que admire?
– Creo que ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A valentía.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Tranquilo, sen dor, e a poder ser nun día soleado na praia de Carnota ou no mar do Rostro, en Fisterra.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O estado… tranquilo/intranquilo felizmente borroso?
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Uf…, cada defecto é unha virtude, cada virtude é un defecto (penso eu). Supoño que NON sería indulxente coa ausencia de dúbidas.
30.– Un lema na súa vida?
– Van dous: 1) O mapa non é o territorio e a palabra non é. 2) Amar sempre.”
Jorge Emilio Bóveda, sobre As sete mortes de Leopoldo Pardo
Desde Chamando á Terra, da Radio Galega:
“A entrevista de María Solar a Jorge Emilio Bóveda sobre o seu novo libro As sete mortes de Leopoldo Pardo. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Emílio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González: “Noutros países existen biografías ‘canónicas’ das figuras senlleiras da nación”
Entrevista de Montse Dopico a Emílio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González en Praza:
“Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte. É o título da última obra editada por Xerais Crónica, un completo percorrido pola traxectoria vital, política e creativa de Antón e Ramón Villar Ponte escrito polos filólogos e investigadores Emilio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González. Este traballo únese, así, a outros semellantes realizados recentemente -como a biografía sobre Castelao elaborada por Miguel Anxo Seixas ou a de Rosalía feita por María Xesús Lama- para avanzar nun xénero, o biográfico, “aínda moi deficitario”, segundo os dous autores, na nosa cultura.
Porque “que Rosalía, Manuel Antonio ou Cabanillas, por dicir algúns nomes, só en datas moi recentes fosen obxecto de traballos con afán totalizador sobre a súa biografía é ben sintomático”, apuntan. Ademais, no caso dos irmáns Villar Ponte a “inxustiza” era, ao seu ver, especialmente “sangrante”, xa que “o seu rol no panorama galego do seu tempo foi autenticamente fundamental”. Os dous responderon por correo electrónico as preguntas de Praza sobre Común temos a patria.
– Praza (P): Por que decidides facer esta biografía dobre, dos dous irmáns?
– Xurxo Martínez González: Temos falado moito arredor dos Villar Ponte, tanto da súa relevancia no período de preguerra -non sempre ben recoñecida- como da existencia dun fondo documental moi amplo e, en boa parte, inédito. Co gallo do centenario das Irmandades da Fala propuxémoslle a Xerais este traballo. Acollérono e estámoslle agradecidos pola aposta que fixeron.
– Emílio Xosé Ínsua: Entre nós seguen faltando biografías de figuras de primeirísima orde, é un xénero aínda moi deficitario, o que non deixa de ser un síntoma (máis) de “anormalidade” da cultura galega. Que Rosalía, Manuel Antonio ou Cabanillas, por dicir algúns nomes, só en datas moi recentes fosen obxecto de traballos con afán totalizador sobre a súa biografía é ben sintomático. No caso dos irmáns Villar Ponte a inxustiza era sangrante, pois o seu rol no panorama galego do seu tempo foi autenticamente fundamental. Abordar a biografía dos dous ao mesmo tempo ten unha dupla causalidade: porque formaron un verdadeiro tándem e resultaba imposíbel explicar un sen o outro, por unha banda, e porque a figura de Ramón, por outra, habitualmente menos considerada, atendida e recoñecida que a de seu irmán Antón, merecía esta especie de “restitución igualatoria”. (…)
Entrevista a Alba María sobre Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs. Calviño de Tallo
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Alba María publica Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs. Calviño de Tallo. Un libro-disco da ACentral Folque que xunta historia do xénero e memoria oral. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Entrevista a Daniel Salgado sobre O Gran Rexeitamento. Flores para Albert Ayler
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Daniel Salgado publica con Apiario a plaquette O Gran Rexeitamento. Flores para Albert Ayler. Un ritmo salmódico, como de ladaíña. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Cuestionario Proust: Lois Pérez
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Lois Pérez:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– O sentido do humor.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A xenerosidade. Tento non pedir máis do que dou, pero non me conformo con menos.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Máis ben desexo que teñan un longo camiño, e saúde e amor. Talvez que conviden a un trago. Ou a dous. E que estean aí cando veña o malo. No bo xa está todo Cristo.
4.– A súa principal eiva?
– Moitas, non podería elixir unha soa. Non quero pecar de vaidoso.
5.– A súa ocupación favorita?
– Trasnoitar, ler, amar, beber, conversar, escribir, cantar, tocar, contar, xogar co Loisiño, viaxar… Coma no verso de Vian: ver a sombra en cor e os monos do Brasil, que dormen sen soñar… Tanto por facer, contra a escuridade.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A xustiza social e a paz como consecuencia, cousas que os meus ollos non verán. A falta diso, ver o solpor coa Alba e co Lois. Imagine-all-the-people…
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Morrer. E non vivir pra contalo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Xa entrados en gastos… O inmortal de Borges, ou desertor nunha guerra.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nun que non estea gobernado por delincuentes, coma o noso. Agora mesmo: en Portugal. Ou no Couto Mixto. Ou na República Independente da Illa de Arousa. Uxía presidenta!
10.– A súa cor favorita?
– O negro de Johnny Cash.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A flor da derrota, a rosa sen porqué. Ou a lila que agromou da Antártida, no conto aquel de Gianni Rodari. Dead flowers. Ou Cuatro rosas (en tu honor).
12.– O paxaro que prefire?
– O que voa libre, vista larga, voo baixo e preciso. O Freebird de Lynyrd Skynyrd. O paxaro cantor que adoza as súas cordas, o día que me queiras… O raio misterioso aniñará no teu pelo e as lucernas curiosas verán que es o meu consolo.
13.– A súa devoción na prosa?
– Lucía Berlín, Roberto Bolaño e Borges, Carson McCullers, Dostoievski… Pron, Mirolad Pavic, Knausgard… Mia Couto, Mezz Mezrow. Cunqueiro es dios!
14.– E na poesía?
– Vicente Huidobro, Anne Marie Morris, Roque Dalton. Darío Xohán Cabana.
15.– Un libro?
– Os libros arden mal, de Manuel Rivas. Pero moitos máis.
16.– Un heroe de ficción?
– Arxentino da Rocha Alemparte. Ou o Emmet Ray de Woody Allen.
17.– Unha heroína?
– Catherine, a policía de Happy Valley; Elvira, a d´A Arte de Trobar.
18.– A súa música favorita?
– Bowie, Siniestro, Resentidos, Pappo Napolitano, Etta James, Lavern Baker, Stones, Auserón, Boris Vian, o Loco, Muddy Waters. Calamaro, Edgar Varese, Fluzo.
19.– Na pintura?
– Suzanne Valadon, a nai de Utrillo. Por todo. Maruxa Mallo. Sempre Frida.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Meus avós, os que morreron e os que viven. Todas as nais e pais coas súas crianzas ao lombo, que a esta hora deambulan pola encrucillada da vergoña, onde choran as estrelas, onde as fronteiras están pechadas, ben preto xa da morte.
21.– O seu nome favorito?
– Alba.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Falar por non estar calado. Que lle voten aos corruptos, malia o monte queimado, malia que calcinen todo ao seu paso… A mala fe.
23.– O que máis odia?
– A xente que actúa e fala pensando que inventou o caldo; odiar non odio a ninguén (agardo non caer nese erro); procuro cultivar o amor e a compaixón, pero prodúceme certo rexeitamento e mágoa, pola ousadía, certa xente que non ten puta idea e pensa que si a ten. Tento evitalo eu mesmo na medida do posíbel. Non sempre se consegue. Temos días.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Calquera fascista, que castigou ou castiga aos de abaixo, aos que sofren a historia, polo delirio egoísta de catro imbéciles que pensan que vivirán eternamente.
25.– Un feito militar que admire?
– A revolución dos caraveis. O incidente do cabalo no desfile franquista aquel, na Coruña, o que presenciou Lugrís: un cabalo tirou o seu xinete ao chan, un militar. Fíxose o silencio e ergueu Lugrís, berrando: bravo! bravo! E axitaba o pano, diante dos fachas.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O dos verdadeiros músicos. Cando toco a guitarra, lembro o que dicían de Lou Reed: nunca se soubo se tiña unha guitarra moi rara que soaba moi ben ou unha guitarra moi boa que soaba moi raro.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Morrer soñando. Ou soñando morrer.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A ledicia blue, indignación e contemplación. Ser tristemente alegre, ou ledamente triste. “Son feliz estando triste”. Malandrómeda. A cabeza non para.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os meus. Sei que malia todo son bo chaval.
30.– Un lema na súa vida?
– Rock and roll. Nunca atrás. Traballo feito non corre présa (frase do Suso prá resaca).”
“Se non hai libro non hai país”, entrevista a Cesáreo Sánchez
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“O presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega analiza os datos da edición en galego en 2017. A entrevista pode escoitarse aquí.”