Entrevista
a Cesáreo Sánchez Iglesias en Coruña Magazine:
“(…) – Coruña Magazine (CM): Que é, pois, Tempo transfigurado?
– Cesáreo Sánchez (CS): Un poemario que ten como elemento aglutinador a música, que é tempo acrisolado, transfigurado e convertido en materia poética. Dentro dese tempo transfigurado acontece a vida dos compositores, a súa música. É tamén unha aproximación ao que é o amor en clave do que é memoria do amor. Hai poemas á persoa que nos amou de maneira incondicional; a nai, que representa unha forma do máis alto amor.
Aparece a aceptación da orfandade dos seres polos que fomos amados. En concreto, hai algúns poemas vencellados á norte da miña nai, hai xa trece anos, que me fan tomar consciencia da asunción da orfandade, extensible á ausencia doutras mulleres que formaron parte da miña vida. Mulleres ás que amei e que quizais me amaron. Tamén aparece outra variable, que é que cando todo falla, xurden os territorios da infancia, que teñen moito que ver co amor materno. (…)
– CM: Hai detrás de Tempo transfigurado unha metáfora do tempo actual?
– CS: Hai. Ante o tempo veloz está tamén o tempo do poeta, que non é un tempo histórico. O tempo do poeta trascende a historia no sentido do día a día, aínda que se poida falar da historia. O tempo do poeta busca aquilo que permanece. Diante do banal busca o que permanece, diante do urxente busca o que permanece. Comentaba hai uns días que estamos no tempo da desinformación por sobreinformación do banal e efémero. A poesía é todo o contrario: é unha maneira de cuestionar o tempo actual.
Aquí está a música que me formou ó longo dos anos. No poemario, cando falas, falas tamén do presente, aínda que fales do pasado. Eu falo do que permanece do pasado. Poeticamente hai que buscar no presente aquilo que permanece, aínda que a poesía está tamén nos bordes efémeros da vida, que son os máis eternos; pero no fondo sempre escribes do presente.
E ninguén escrebe fóra da propia vida. (…)
– CM: Tempo transfigurado invita a iso. A conxunción de palabra e música convida a tomar as cousas con calma?
– CS: Claro, sería bo que tivese esa función de que a quen le o libro o axude a sacar do seu interior sentimentos que non leve o vento. E ser críticos con aquilo que nos negue humanos. Sempre lles digo aos rapaces: buscade o poético que hai dentro de vós. O carpinteiro que está a facer unha cadeira ten unha poética porque quere facela con cariño, con amor, con beleza… En todo oficio hai unha poética. O poema invita a que busques no interior, dá instrumentos para diferenciar entre o fundamental e o banal. Hai que ter criterio para elixir. A cultura non é a erudición do coñecemento, senón a capacidade de saber elixir. (…)”
Arquivo da categoría: Entrevistas
Antonio García Teijeiro: “Exportamos moi boa literatura”
Roberto Abuín: “O comunitarismo é patrimonio inmaterial do pobo galego”
Entrevista
a Roberto Abuín en BiosBardia (foto do autor da propia revista BiosBardia):
“A editorial Axóuxere leva desde o 2010 creando pensamento crítico desde Rianxo. Falamos cun dos seus responsables, Roberto Abuín (Rianxo, 1979), sobre unha proposta singular para a lingua galega que vai máis alá dos textos dos libros.
– BiosBardia (B): Cónteme, que é Axóuxere?
– Roberto Abuín (RA): Axóuxere é un proxecto cultural que nace en Rianxo como resposta ao oco que había na nosa produción cultural de ensaio e pensamento crítico. Queriamos poder dispoñer en galego de textos imprescindibles nestas áreas e tamén favorecer que as persoas que están a pensar arestora en Galicia tivesen un lugar onde publicar. (…)
– B: Antes indicábame que había un oco na edición galega de ensaio.
– RA: Correcto. É curioso porque o interese polo ensaio e o pensamento era fundamental na Xeración Nós pero a verdade é que a día de hoxe a maior parte da produción editorial en galego é literaria. O noso interese era reverter esa situación e sermos ambiciosos. Queriamos que os textos relevantes do pensamento crítico da actualidade estivesen accesibles na nosa propia lingua. (…)
– B: Que outros proxectos lle gustaría que nacesen a partir de Axóuxere.
– RA: Hai moitos. Pero quero destacar dous.
Por unha banda, coido que nos fai falta unha revista de pensamento. Unha publicación de pensamento crítico mais feita cun criterio moi plural. Coido que nos falta en xeral dialogar, entender os argumentos das persoas que pensan diferente a nós. Conseguir un espazo de debate razoado é unha arela á que non renunciamos.
E pola outra, gustaríame moito que se crease unha comunidade de aprendizaxe, a nivel galego, que favorecese o intercambio e o diálogo entre creadores. Que viñesen escritores galegos e doutros lugares e falasen de creación. Unha convivencia semellante á que se establecía nos seminarios de verán do Laboratorio de Formas de Sargadelos. Converter a Rianxo no primeiro punto de desenvolvemento do pensamento crítico e que desde aquí a iniciativa fose sumando outros espazos para crear unha rede galega.”
Chus Pato: “O Mondoñedo10 é xa o Nobel da literatura galega”
Antón Riveiro Coello publica en Galaxia o libro de relatos Á sombra dos bonsais
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Algo que contar, tres son multitude e un final de impacto. Antón Riveiro Coello estréase no microrelato co libro Á sombra dos bonsais. Pode escoitarse aquí.”
Víctor Freixanes presenta Unha ducia de galegos
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
““A cultura e a lingua é o que nos dá un sitio no mundo”. Víctor Freixanes presenta Unha ducia de galegos. Galaxia reedita o libro de conversas corenta anos despois. Pode escoitarse aquí.”
Entrevista a Antón Riveiro Coello sobre Á sombra dos bonsais
Desde
o Chamando á Terra da Radio Galega:
“Antón Riveiro Coello publica un novo libro de relatos: Á sombra dos bonsais. Pode escoitarse aquí.”
Tempo transfigurado, poesía e música no último libro de Cesáreo Sánchez
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Respiramos agora e deixámonos atrapar pola poesía. No seu novo libro, Cesáreo Sánchez fai unha viaxe a través da música que marcou e que marca a súa vida, relacionándoa con referencias ás mulleres que lle deixaron fonda pegada … Especialmente a súa nai …
En Tempo transfigurado, ou “canto das sereas” Sánchez descóbrenos como a dor pode ser moi inspiradora …
Pode escoitarse aquí.”
María Xosé Queizán: “Rosalía de Castro foi máis avanzada que moitas feministas actuais”
Antón Riveiro Coello compila un cento de relatos no seu novo libro
Desde
La Voz de Galicia:
“(…) Para coñecer o xerme deste libro [Á sombra dos bonsais] hai que botar a vista un par de anos atrás, cando o escritor afincado en Boiro empezou a publicar en Facebook o que el define como micropostais: «Aínda que me decanto máis polo xénero da novela, arrimeime á vertixe da rede e fun probando con estes textos miúdos». A boa aceptación que tiveron entre o público levou ao autor a seguir creando, ao ritmo que lle ía marcando a deusa inspiración, ata reunir preto dun cento de relatos. Ordenounos de maior a menor, seguindo a forma da copa dunha árbore, e así xurdiu Á sombra dos bonsais.
Antón Riveiro explica que o obxectivo que se marcou foi que o libro fora gañando intensidade a medida que o lector pasara as páxinas: «A intensidade ten que ver neste caso co número de carácteres. Conforme o relato se comprime en extensión, gaña en enerxía». De feito, o último son só tres palabras.
O escritor perseguiu nesta ocasión ofrecerlle ao lector un libro áxil, capaz de provocar un entretemento case instantáneo: «É unha obra diferente ás anteriores, que se le nunha tarde. Está de feito pensada para ser lida dunha atacada, co fin de comprobar precisamente como se vai concentrando a intensidade cada vez nun menor número de palabras».
Riveiro Coello está moi satisfeito con esta estrea no eido dos pequenos relatos: «Foi un proceso vicioso e estimulante para un novelista como son eu». Aínda que recoñeceu que, a diferenza do que lle ocorreu coas obras anteriores, que foron collendo forma case de xeito mecánico, nesta ocasión o proceso da escrita foi intermitente: «Tanto os relatos como as poesías teñen que ser froito da inspiración».
Como non podía ser de outro xeito, o autor xa está en pleno proceso de creación de outro volume. Será una novela longa e aínda non hai data para o seu lanzamento: «Levou case un ano con ela e penso que me quedarán dous máis. Teño que darlle o tempo que precise, sen présa».”


