Terra queimada (Embora), de Ramón Caride

Entrevista a Ramón Caride en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Estamos en Terra queimada ante unha novela breve pero argallada con diferentes fíos argumentais, con moitos personaxes. Un relato que exhala unha grande intensidade. Poderíamos considerar a Galicia rural como o nexo común de todas esas historias que transitan ao longo do libro?
– Ramón Caride (RC): Eu son moi fan do filme Vidas cruzadas, que está inspirado nos relatos de [Raymond] Carver, ou de Nueve vidas, o filme dirixido por Rodrigo García Barcha, o fillo de García Márquez, onde diferentes personaxes conflúen nun momento determinado pero logo nunca máis volven atoparse. Historias moi distintas pero que acontecen no mesmo sitio. Isto é un pouco o que define a vida, estamos no mesmo lugar pero o mundo discorre de diferente xeito para cada un de nós.
Por outra banda xa na miña primeira novela, Soños eléctricos, concorrían varias historias a través do libro. É unha característica da miña escrita e en Terra queimada pasa o mesmo, amósanse diferentes relatos na mesma narración, velaí está o suceso da guerrilla carlista, onde me interesaba moito o tema dos guerrilleiros no Paraño. Logo aparece a historia dos catro vellos que están xogando ás cartas, onde “parece” que non vai pasar nada. Asoman as personaxes de Sawa e do piloto do helicóptero, no cal abordo o tema de emigración pero serve tamén para lle dar unha volta ao tema do rural, que por unha banda esmorece, é abandonado, pero tamén no rural principian outro tipo de historias.
Se colles todo o anterior e dáslles unha volta e outra, ao final atopas ao fío que as xungue a todas: o lugar onde acontecen. (…)
– FL: Un dos cadros que nos amosa en Terra queimada é a deleiba do mundo rural. Un mundo que esmorece, que envellece como os catro xogadores de cartas coa que arranca a novela. Que -en definitiva- desaparece.
– RC: No que vas ao interior de Galicia, ou te afastas un pouco da costa ou das cidades grandes, isto é o que hai no país. Unha poboación envellecida que está como esperando algo pero que en realidade non agarda por nada, porque saben que ese mundo, o seu mundo, vai desaparecer con eles. Esa é a imaxe, pasar o tempo xogando á baralla. É unha maneira de arrincar a novela, unha paisaxe onde –aparentemente- non pasa nada. Catro persoas, avellentadas, que parece que xa viviron todo e que, como dicía antes, nada axitará as súas vidas.
Eu reivindico moito, á hora de facer literatura, o anódino, a tensión que hai no cotiá. Mira a túa vida, mira a miña vida, seguramente non nos pasen cousas transcendentes a meirande parte do tempo, pero sen embargo, as poucas arroutadas ou os únicos momentos singulares que se apartan da vulgaridade, non teñen sentido se non consideras o resto.
Velaí a razón pola que eu principiei a novela con eses homes, con esa acción de xogar á baralla. É unha estampa.
– FL: Vostede procede do concello de Cea, unha zona que doadamente podería reflectirse en Terra queimada. De que xeito o contexto familiar e paisaxístico no que medrou transformouse na escrita desta novela curta? Que importancia tivo o factor sentimental á hora de escribir?
– RC: Unha historia sempre hai que escribila dende a emoción, entendo eu. Escribir, polo menos no meu caso, implícate como persoa, introduces a memoria e incluso o teu estado emocional. A ver, nun primeiro momento a historia é imaxinaria, pero claro, velaí está a corta dos piñeiros, que eu coñezo ben porque viñan cortar madeira aos meus pais. Aquí na novela chámase Ramón, non me lembro como se chamaba daquela o tipo pero mentalmente teño na cabeza a súa imaxe moi nítida. Eu recordo a Tereixa, cando neno, que tiña unha taberna… Todo isto ao final vas revivindo cousas, lembras e imaxinas outras… e todo isto vai xuntándose. E seguramente máis cousas. Os topónimos proceden de Terra de Montes e da zona do Carballiño. Reflíctese claramente o Paraño, pero estamos en Terra queimada ante unha Terra de Montes un pouco imaxinaria. (…)”

Cuestionario Proust: Anxo Fariña

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Anxo Fariña:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Sensible.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A empatía.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que me apoien cando o precise.
4.– A súa principal eiva?
– Pensar demasiado.
5.– A súa ocupación favorita?
– Imaxinar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A ausencia de dor. E, a partir de aí; cociñar para a miña familia, un paseo pola natureza, unha cervexa cos amigos, algo de escalada, ler…
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Que lle acontecese algo ao meu fillo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Unha persoa.
9.– En que país desexaría vivir?
– No meu. Pero con menos lumes, menos hipocrisía, máis coidado pola natureza…
10.– A súa cor favorita?
– Verde.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A do toxo.
12.– O paxaro que prefire?
– Aguia.
13.– A súa devoción na prosa?
– Por épocas. Agora, Murakami e Faulkner.
14.– E na poesía?
– As dos meus amigos escritores/as.
15.– Un libro?
A historia interminable.
16.– Un heroe de ficción?
– Un anti-heroe de cómic: Logan (Lobezno).
17.– Unha heroína?
– Ninfa (un dos personaxes dos Megatoxos).
18.– A súa música favorita?
– Variada e depende da época. Non pode faltar algo de Frank Sinatra e Coltrane.
19.– Na pintura?
– Matisse, Klimt…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Os que son quen de sobreporse a enfermidades ou adversidades terribles.
21.– O seu nome favorito?
– Aidan.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A impuntualidade.
23.– O que máis odia?
– A violencia.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Por desgraza temos moito onde elixir. Franco, Hitler…
25.– Un feito militar que admire?
– Admirar ningún. Como escritor fascínanme moitos episodios bélicos da historia. Sobre todo polas microhistorias dos seus participantes que adoitan quedar no anonimato ensombrecidas polos mandatarios.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Unha mellor saúde.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen dor e en paz.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Ultimamente máis melancólico do que me gustaría.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– O medo.
30.– Un lema na súa vida?
– Imos aló.”

Long Play: Poemas de Lois Pérez

Desde Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Entramos agora nun mundo circular que xira arredor de referentes galegos e americanos. Falamos de Long Play, de Lois Pérez, un poemario editado por Xerais que se presentou esta semana en Compostela. Nós estivemos con el nun lugar con encanto, o local “La fruslería de Madame Deficit” en Lugo. Pode verse aquí.”

Marcos Calveiro e O xardineiro dos ingleses

Entrevista de María Solar a Marcos Calveiro en Chamando á Terra, da Radio Galega:
“Pepe Carreira le un cachiño de O xardineiro dos ingleses de Marcos Calveiro, editado por Galaxia. Entrevistamos o autor, que gañou con este libro o premio García Barros. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Manuel Ferreiro: “Pondal dedicoulle toda a súa vida á construción dunha obra ao servizo de Galiza”

Entrevista a Manuel Ferreiro na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Que vai descubrir na obra de Pondal un lector que nunca se enfrontase á súa literatura? Que alicerces a sustentan?
– Manuel Ferreiro (MF): Vai encontrar un universo complexo, poliédrico, tamén con arestas e contradicións, e un múltiplo panorama de liñas poéticas. Con todo, o que latexa no fondo, o que está sempre por detrás da obra de Pondal, é o feito de que lle dedicou toda a súa vida á construción dunha obra ao servir da súa nación, da súa patria, de Galiza. Ese era o seu obxectivo desde moi cedo, desde que participou no Banquete de Conxo (1856) ata que en 1917 morreu na pensión Luguesa da rúa Juana de Vega da Coruña. Hai que dicir tamén que foi unha especie de escritor profesional, gozaba dunha posición económica que lle permitía dedicar os seus esforzos exclusivamente á literatura en vez de dedicarse á súa profesión de médico, que practicamente non exerceu. A súa vida era a poesía, a literatura, a redención da patria. E todo canto poema escribiu vai orientado nesa dirección. (…)
– RAG: E que pegada deixou na literatura posterior?
– MF: Obviamente creou escola. Pondal funcionou como poeta nacional en Galicia desde a morte de Rosalía (Curros estaba na Habana), polo menos esa é a miña opinión. Por iso lle foi encargado o Himno. O seguinte poeta nacional foi Cabanillas, e as influencias de Pondal nel son obvias, alén dunha serie de autores da que se chamou escola pondaliana, onde os trazos estilísticos e a épica de Pondal se perciben perfectamente. A influencia pondaliana chega ata hoxe, non hai máis que ler a poesía de Xosé Luís Méndez Ferrín, un dos grandes poetas do século XX e do XXI, recoñecido pondalianista e admirador de Pondal. Penso que toda persoa que se dedique ao cultivo da literatura en xeral e da galega en particular debe ler todo Pondal pola calidade lingüístico-estilística da súa obra, probablemente tería unha benéfica influencia na escrita de hoxe. (…)
– RAG: Como foi o proceso de escolma da antoloxía que Eduardo Pondal. Os cantos eran da Patria (120 poemas)?
– MF: Había moitos anos que desexaba facer esta antoloxía, acollina con moita vontade, mesmo moito amor, moito afán. Organiceina sobre toda a obra de Pondal con criterios chamémoslle temático-semánticos. Imitando a estrutura de Queixumes dos Pinos, abrina “Esta antoloxía non é un produto erudito, está pensada para calquera persoa non especializada que estea interesada en achegarse a Pondal” e pecheina con “Polo baixo cantando” e “Polo alto cantando”, para que fose circular. A partir de aí, a escolma foi construída, poñéndolle a cada capítulo un verso do autor, xuntando composicións arredor de distintos temas: están os poemas autobiográficos, os dedicados á paisaxe pondaliana, a cuestión amorosa e da muller, o pensamento do poeta, as composicións de teor helenizante, os poemas máis ideolóxicos; os históricos, que van das escenas do pasado mítico aos versos dedicados aos Mártires de Carral (1846), e tamén os dedicados a Rosalía e Curros. Outro capítulo recolle os poemas anticasteláns, extremadamente duros, penso que máis aínda que “Castellanos de Castilla” de Rosalía; outro presenta cinco poemas dedicados á lingua galega e a última sección antes do peche recolle o canto XIII d’Os Eoas, precedido por tres textos líricos nos que se refire á elaboración deste poema épico. (:::)”

“A indestrutíbel poesía popular”

Entrevista de Daniel Salgado a Xosé Manuel Sánchez Rei en Sermos Galiza:
“Nin “as profundas transformacións que sofreu a sociedade galega” e que modificaron as condicións de existencia da propia poesía popular conseguiron acabar con ela. Así o explica Xosé Manuel Sánchez Rei (A Coruña, 1973), que esta terza feira, na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, presentou a escolma Cantar na Coruña. Cancioneiro coruñés dos séculos XVIII e XIX (Laiovento).
Máis de 400 cantigas “de vidas, amores, ironías, traballos” debuxan un mundo extinguido pero que sobrevive en verso. “Lembro unha muiñeira, O quer que lle quer, que aparece recollida no cancioneiro de Ballesteros a finais do XIX”, explica Sánchez Rei, “e que lle sentín cantar á miña avoa na casa. Ou en coros e corais do tipo Cántigas da Terra”.
As estrofes compiladas no volume foron extraídas doutros cancioneiros, facturados entre o séculos XVIII e XIX. “Eran magníficos, como o de Saco Arce ou o de Ballesteros, pero xerais, de todo o país ou, como no caso deste último, da provincia da Coruña”, engade, “eu escolmei aquelas pezas relativas á cidade e ao seu ámbito de influencia”. Arteixo ou o desaparecido Concello de Oza, por exemplo.
O esforzo ilustrado foi pioneiro en revalorizar a lírica popular. O Padre Sarmiento ou Cornide Saavedra apañaron as maneiras de cantar do pobo e axudaron a que constase a súa “capacidade de se expresar”. Na introdución do libro, o autor expón como durante os denominados Séculos Escuros e o “Século da Ilustración Galega” a poesía tradicional “consolidouse”. Ademais, continúa “dada a escaseza de textos cultos conservados neste período, a literatura oral conforma unha das principais mostras lingüísticas e literarias”.
“Lingüísticamente resultan moi interesantes”, di Sánchez Rei, profesor na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, “porque estas cantigas, cantadas maiormente por mulleres, a todo isto, reflicten o galego da época”. Adaptadas dentro do posíbel -cómpre conservar as rimas- á ortografía actual, un completo aparello de notas indica lugar de recollida, cancioneiro orixinal ou os cambios introducidos por Sánchez Rei. (…)”

Deixe a súa mensaxe despois do sinal, as voces do novo libro de Arantza Portabales

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Catro mulleres, o contestador, algúns homes, un gato, a tecnoloxía da incomunicación, catarse, ou o encontro coa liberdade…De todo isto, creo, ten este monllo de historias, de voces que Arantza Portabales tece nesta novela. Deixe a súa mensaxe despois do sinal… Ou de como ás veces é moito mellor falar só… Pode escoitarse aquí.”

Manuel Ferreiro: “Pondal estivo preocupado por que a súa memoria ficase viva”

Entrevista a Manuel Ferreiro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Pondal tiña medo de ser esquecido? Á luz dalgún verso…
– Manuel Ferreiro (MF): Pondal estivo preocupado toda a súa vida por que a súa memoria ficase viva, que a obra que el concibiu ao servizo do pobo galego fose lida e tida en conta no seu tempo, pero tamén nos tempos de hoxe. Nese poema que dita na pensión La Luguesa dous ou tres meses antes de morrer, explica ben o que é a súa obra.
– LVG: Cumpriuse a súa vontade?
– MF: [Suspira] Non vivimos bos tempos. Continúa a ser moi necesario que os galegos e galegas volvamos ler o que os nosos antepasados escribiron, e nomeadamente aqueles que entregaron a súa vida a que a nosa patria non desaparecese. Probablemente se reflexionaría, e moitas actitudes poderían variar: poderiamos construír ou reconstruír unha patria que está en perigo.
– LVG: Que é Pondal na súa vida?
– MF: Comecei a traballar con Pondal un pouco de casualidade, como un traballo académico, investigador, facendo o doutoramento. Eu nin sequera son bergantiñán, son chairego, e moi rexionalista. Sinto que a miña patria de orixe é esa, pero recoñezo que teño unha fraqueza especial por Bergantiños, e foi a partir de Pondal. Para el Bergantiños era Galicia. Cando dedicas moitas horas, días, semanas, meses e anos a traballar sobre un autor acaba habendo unha especie de identificación. Pondal é un home complexo e non todo me gusta na mesma medida, claro. Mais síntome satisfactoriamente acompañado por el. (…)

María Rosendo: “O amor que se presenta en Diáspora é combativo porque rompe as normas do heteropatriarcado capitalista”

Entrevista de Montse Dopico a María Rosendo en Praza:
“Cartas de amor en forma de poemas. Que conforman un relato da ausencia, do anceio por reencontrarse coa persoa amada. Así é Diáspora de Amor Balea, o poemario co que María Rosendo e Andrea Nunes gañaron o premio Illas Sisargas de poesía erótica. Mais é moito máis ca iso. Mediaba, entre as dúas autoras, a distancia física, xa que Andrea atopábase en China e María en Galiza. Mais o libro reflicte outra migración, cunha pegada tanto ou máis fonda. Un movemento cara “outros xeitos de amarse, de construírse na afectividade”, tal como nos explica María nesta entrevista, na que falamos tamén da súa obra anterior, Nómade, ademais de analizar un pouco a conexión de Diáspora cos anteriores poemarios de Andrea Nunes.
– Praza: En realidade, os dous libros, Nómade e Diáspora de Amor Balea, están relacionados coa migración. De que xeito? Non sei, ademais, se podemos dicir que o feito de que os dous traten ese tema está relacionado coa situación dunha xeración (a vosa), que tivo que volver emigrar. Que pensas ti diso?
– María Rosendo: Si, os dous poemarios teñen a temática da migración presente, dun xeito ben transversal, mas eu acho que é unha migración que vai para alén dos territorios físicos. É certo que Nómade foi escrito na súa meirande parte fóra, na Arxentina, mas o que moveu os poemas, o que os fixo posíbeis non foi a diáspora física mais un sentimento de estranxeiría na propia pel. Nómade existe pola necesidade de pór palabras a un estado de sitio histórico contra das mulleres, que se dá desde que existe o patriarcado e que nos fai a todas aquelas socializadas como mulleres, ter que ir na busca do nós propias, do noso centro, que nos foi usurpado para atendermos antes os desexos dos outros.
En Diáspora de Amor Balea a voz que eu represento é a que fica na casa, na Galiza, no lugar onde o amor foi posíbel. E si, aquí hai unha referencia a unha emigración mais forzada; no poemario non sabemos o por que, mas si sabemos que é contra vontade, e esa distancia é a que nace para facer posíbel o texto, o intercambio poético.
Mas tamén teño que dicir que a cuestión migratoria en Diáspora de Amor Balea ten así mesmo un compoñente que vai para alén da distancia que existe entre a China e Galiza; penso que o poemario nos fala tamén dun movemento migratorio amoroso, dunha migración -tamén forzada- cara a uns outros xeitos de amarse, de construírse na afectividade. E aí imos, migradas, porque o feminismo non nos deixa un outro lugar. Daquela eu atreveríame a dicir que aquí dáse un movemento que é complexo, que ten moito de soidade, como nas migracións territoriais físicas, mas que acho ten un destino ulterior, que é o lugar da emancipación. (…)”