Xabier Quiroga: “Hai unha mecha acesa, que di moito do que virá, xa sexa revolución ou desfeita dun sistema caduco”

EntrevistaXabier Quiroga de Montse Dopico a Xabier Quiroga en Praza:
“(…) – Praza (P): Nada máis comezar a novela [Izan o da saca] vese a conexión con O cabo do Mundo: o barqueiro, o taxista Reina, o tema da represión franquista… Pensaches, dalgunha maneira, esta novela como continuidade de O cabo do Mundo? Por que decidiches recuperar ao Reina?
– Xabier Quiroga (XQ): Para nada. Izan o da saca ten entidade propia e esa conexión coa Ribeira Sacra foi o resultado dunha decisión de autor: onde situar os feitos concretos da historia que se quere contar? Despois de meditalo, descartei a primeira opción, o Courel, e decidinme pola zona que máis coñezo e que aparece nalgunha das miñas obras anteriores. O motivo: crin que lle cadraba mellor un refuxio nazi nun lugar recóndito e espectacular como é o Cabo do Mundo. E o do barqueiro como personaxe, resulta unha novidade na miña novelística, aínda que teña escasa participación. De todas maneiras recoñezo que o resultado provoca no lector unha inmediata conexión coa novela que nomeas. En canto ao Reina ou Reiniña como protagonista, foi o resultado doutra decisión: tiña a historia planeada e feitas as investigacións, tiña a zona onde quería situar o remate, faltábame un investigador que remexese nese pasado nazi galego, tan escuro e perturbador, e como non quería un detective con carné nin un policía ao uso, caín na conta de que o Reina da miña anterior novela lle acaía a esta. Como ves, escribir consiste, ademais doutras lerias, en tomar moitas decisións. (…)
– P: (…) Sae polo medio o 15-M… e un discurso escéptico sobre o que movementos coma este poden conseguir, malia teren razón, debido á loita tremendamente desigual… As reflexións do personaxe son tamén túas, neste caso? Digo porque todas as túas novelas teñen que ver con iso: a loita contra o poder, a procura da liberdade… E semella raro que a posición sexa tan escéptica se o punto de partida é ese…
– XQ: As reflexións do protagonista sobre os movementos sociais, neste caso o 15-M, son as de calquera que pense, que se pare e reflexione. Facéndoo, axiña se chega ao escepticismo, maiormente vendo os medios oficiais revolverse a toda mecha para esnaquizar esa rebeldía que non só é xeracional, senón que ten unhas raíces máis profundas. Pero as reflexións do personaxe principal da novela, se non coinciden exactamente coa miña visión, tampouco pasaría nada, pois os personaxes, por veces, son entes que adquiren algo así como independencia ou vida propia, e ti, como autor, non podes facer outra que deixalos moverse polos feitos e opinar. E falando deste tema, da mecha, creo que hai unha que segue acesa e con futuro, o que di moito do que virá, xa sexa revolucións ou desfeita dun sistema caduco. E xa non imos máis aló, á conseguinte perversión de calquera sistema con boas intencións e sen definir ideoloxicamente.
– P: Hai personaxes que citas que existiron, como Xan de Forcados. Outros parecen inspirados en figuras reais. (Un historiador determinado, por exemplo). Que teñen de documentación e de ficción os personaxes principais? Mesturar as dúas cousas é algo que fas moito.
– XQ: Gozo documentándome e investigando para as miñas novelas, recoñézoo. Tanto como escribindo. Nesa tarefa dou coa realidade de feitos e de persoas que, considero, son de novela. De aí que as verta nas páxinas. Pero unhas son realidade constatada e outras mera invención. Moitos lectores me teñen manifestado que se puxeron a buscar información sobre tal ou cal personaxe ou circunstancia, e iso é importante. Mover á acción. Procurar por un mesmo. E eu non vou descubrir canto é real e canto ficción. O que si me gustaría advertir é que seguramente o real supera ou é moito peor cá invención. (…)”

Francisco Castro desmonta o mito do amor romántico

DesdeFrancisco Castro 2016 A Revista da Televisión de Galicia:
Francisco Castro é o autor de Amor é unha palabra coma outra calquera, unha novela de amor contra o amor. Nela busca desmontar o mito do amor romántico. Transcorre en tres días en que a protagonista se enfronta a si mesma, á morte e revisa a vida pasada co seu home. Desde que chegou ás librerías está a ter moi boa a acollida, o 9 de marzo preséntase en Compostela. A entrevista completa pode verse aquí.”

Beatriz Maceda Abeleira: “Estou convencida de que os libros cambian ás persoas”

Entrevista Beatriz Macedaa Beatriz Maceda Abeleira en Biblioteca Ágora da Coruña:
“(…) – Biblioteca Ágora (BA): E en que te inspiras para escribir as túas historias?
– Beatriz Maceda Abeleira (BMA): Eu creo que o feito de ser docente é fundamental. Os dous libros que teño publicados están pensados para eles. Eu teño un fillo que naceu no 2000, Man morreu no 2002 e entón pensei que os nenos tiñan que coñecer a unha personaxe como Man que ten tantos valores que aportar. Un deles fundamental é que se pode vivir con moi pouco. E o O álbum de Garrincha tamén é un libro cun sentido bastante pedagóxico. Fala de integración, fundamentalmente, fala do gusto polos libros, da importancia da amizade. De feito, a idea xurdiu nun centro dando clase cuns alumnos, no cole de Carral. Entón, creo que a docencia é fundamental pero logo é que a vida mesma está chea de historias: un paseo pola rúa e xa xurden moitas. Logo hai que escribilas e chegar ao lector, que é o máis complicado. (…)
– BA: A través da escrita tamén se pode cambiar o mundo..
– BMA: A literatura é fundamental. Para min é un acto de reivindicación e de compromiso. Cando escribo unha historia tamén hai un compromiso cos lectores de coherencia e de transmitir temas que realmente están ahí na sociedade. Eu estou convencida de que os libros cambian ás persoas, o que hai é facer que cheguen as persoas aos libros, que ás veces non é doado. (…)
– BA: Agora estás facendo rolda de presentacións da túa última obra, O álbum de Garrincha. Tivo boa acollida este libro?
– BMA: Si, de feito eu quedei abraiada, saíu en xullo e xa vai na segunda edición. Para unha autora coma min é todo un éxito que aos catro meses xa vaia pola 2ª ed. Sei que gusta moito, chámanme de moitos colexios e institutos e ademais mándanme moitas entrevistas para facer por mail con alumnos. O outro día estiven no Colexio de Arzúa e é un subidón total ver a sesenta nenos aos que lles encantou Garrincha, que che están dicindo que ten que haber unha segunda parte porque hai cousas que quedaron sen explicar. E resulta moi interesante a visión deles do libro porque cóntanme cousas que eu cando o estaba escribindo nin as pensara. Este libro ten o aliciente do fútbol. Eu tiña unha intención e é que ao ser Garrincha un futbolista que non coñecen os nenos de agora pero si os seus pais, enganchar aos pais co rapaz para que leran xuntos o libro. Iso o fago moito co meu fillo e é interesante falar con eles despois da lectura, créase complicidade e sempre lembrarán eses libros que leron contigo. Alegreime moito de descubrir que en varios clubes lectores nos que estiven pais, nais e nenos/as leran o meu libro xuntos. Garrincha conseguiu iso. (…)”

“Manuel María. Eu son fala e terra desta miña terra”

DesdeMargarita Ledo o Diario Cultural da Radio Galega:
Margarita Ledo presenta o libro-DVD Manuel María. Eu son fala e terra desta miña terra, unha aproximación íntima á figura do poeta. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Antón Patiño presenta a súa Teoría do riso

DesdeAntón Patiño o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“A Teoría do riso, de Antón Patiño, publicada en Xerais, é unha obra en que o autor reivindica o riso revolucionario e transgresor fronte á descomposición e á decrepitude do poder. É un poemario de “intres”, onde o son da palabra falada reflicte a súa sombra no espazo branco das páxinas. A entrevista pode verse aquí.”

Entrevista a Francisco Castro arredor de Amor é unha palabra coma outra calquera

EntrevistaFrancisco Castro 2016 a Francisco Castro na Cadea SER:
“Entrevista no programa Hoy por Hoy Vigo da Cadea SER ao escritor Francisco Castro que nos presenta o seu novo libro titulado Amor é unha palabra coma outra calquera, publicado en Galaxia.”

Darío Xohán Cabana, co-autor da Antoloxía poética de Manuel María

DesdeManuel María Antoloxía poética Darío Xohán Cabana Galaxia o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Escolma de 90 poemas, que publica a editorial Galaxia, Manuel María. Antoloxía poética é un traballo de selección realizado por Amelia Outeiro e o propio Darío Xohán Cabana, que releron os poemas do autor chairego sen perder de vista os destinatarios finais: todo tipo de lectores que se queiran achegar por primeira vez á poesía de Manuel María e tamén aqueles outros que queiran revisar poemarios lidos e poemas lembrados. A entrevista pode verse aquí.”