Entrevista de Laura Veiga a Iria Morgade Valcárcel en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como recibe o Premio Antón Losada Diéguez?
– Iria Morgade Valcárcel (IMV): Para min é moi emocionante por todo o que significa para o que era o obxectivo da novela [Quen escribirá a miña historia?]: divulgar e desmontar en certa maneira o relato da guerra fratricida que se vendeu durante a Transición, unha guerra entre irmáns que aínda pervive no imaxinario social e no discurso oficial. O resultado é a ocultación do xenocidio que se cometeu após do golpe de Estado.
A novela naceu coa intención de romper con este relato, porque é algo que na academia e na historiografía xa está bastante consolidado, e levalo ao coñecemento máis xeral a través da literatura e da historia do protagonista. Se ben todo é ficcionado, un dos protagonistas é unha persoa real da que descoñecemos todo á parte de que foi un preso no Mosteiro de Oia. A historia era tamén unha reivindicación da súa persoa e dos desaparecidos. O premio é un pulo porque iso sexa máis coñecido e que poida chegar a máis xente. (…)
– ND: Un dos temas que aborda son os campos de concentración da Galiza.
– IMV: Ademais da crueza que supón comprobar que existiron aquí e que segue a ser algo aínda moi descoñecido, isto é unha proba desa construción do relato da que falaba. Isto apartou o réxime franquista do seu contexto, o dos fascismos europeos. Cando estes perden a guerra, o réxime franquista elimina moita da documentación que había sobre os campos de concentración para afastarse diso e construír esa excepcionalidade ibérica como se fose algo diferente. Como se o réxime franquista non estivese enmarcado no momento no que xurdiu.
– ND: Que importancia ten nomealos campos de concentración?
– IMV: Pórlle nome, campo de concentración, tamén axuda a romper con esa excepcionalidade, servindo tamén para comprobar como era esa violencia que se intentou suavizar e que en realidade tiña unha lóxica xenocida. Ademais dos 11 campos tamén estaban as prisións, como a de San Simón, que estaban dentro do sistema penitenciario, aínda que as condicións de vida e crueza eran moi similares.
Na historiografía que se realizou durante moito tempo até hai 20 ou 30 anos, cando comezou a haber profesionais novos e novas que impulsaron outro tipo de investigación, o discurso da guerra fratricida impregnaba todo. Era, polo tanto, o que se aprendía nos libros de texto. Do mesmo modo, o nazismo tamén o impregnou todo, construíndo o relato da violencia exercida sobre os xudeus, obviando ou negando moitos outros pobos que tamén foron masacrados e exterminados, como o xitano.”
Arquivo da categoría: Entrevistas
Samuel L. París: “A poesía é un misterio universal”
Entrevista a Samuel L. París na revista Quiasmo:
“(…) – Quiasmo (Q): Que é para ti a poesia?
– Samuel L. París (SLP): A execución do misterio. Unha procura.
– Q: Essa procura está direccionada? Como repercute na tua criatividade?
– SLP: Non está direccionada, máis alá dos límites que definen a miña incapacidade para creala ou aceptala. Como lector e ouvinte, a poesía opera máis no terreo sorpresivo do “atopar” máis que nun activo “encontrar”. Como creador, o seu misterio e amplitude ás veces resultan paralizantes, aínda que, cando notas que tes as dúas mans metidas nas súas sombras e che lembra que todo é posible, só pode repercutir para levarte a territorios que nunca pensaches visitar.
– Q: Esses territórios estavam aí e “atopam-se” ou criam-se ao caminhar criativamente?
– SLP: Eses territorios non estaban. Non existían. A poesía non é; a poesía foi (podemos atoparnos con ela) ou será (necesitará ser creada), aínda que só pode ser observada desde ese baleiro que é o presente. O importante, como persoa que se pon do lado da creación, é saber que a poesía non se atopa e non se crea sen a túa acción. Por iso é imprescindible que as poetas e os poetas non deixen de buscar e compartir a súa obra. Tamén por responsabilidade e para que quen está por chegar poida continuar o misterio.
– Q: Esse mistério estende-se também à música? Como foi/é a tua experiência com ela?
– SLP: No meu caso, a experiencia coa música é totalmente diferente á da poesía; sempre se artellou como un proceso colectivo, ao servizo dun obxectivo común. Tanto na creación dunha canción, como na maquinación dun directo ou na propia interpretación ao vivo, a necesidade de disolución do individuo nalgo maior foi o camiño para chegar a algo diferente do que unha única persoa podería acadar.
O misterio do local de ensaio ou do concerto difire do da escrita ou do recital. Na música navegas, en compañía, cun rol decididamente flutuante. Na poesía estás nadando en soidade, aínda que esteas acompañado de todo o mundo. (…)”
Felipe Senén: “Reivindico o ser humano como célula fundamental da creatividade, que era a mensaxe da Xeración Nós”
Entrevista a Felipe Senén en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Recolleu este domingo o premio Freire Carril da súa edición de 2024. Feliz polo recoñecemento?
– Felipe Senén (FS): Sempre alegra que institucións de tipo popular como esta lle vixíen a un na súa ansia de dar a coñecer as cousas da nosa cultura, para defendela e promovela, como é o caso do noso patrimonio cultural.
– ND: Este galardón ten un carácter fondamente democrático. Outórgalle iso aínda máis relevancia aos seus ollos?
– FS: Asi mesmo é, tal como o dis. Desde sempre forma parte da miña profesión o estar vinculado á historia da cultura galega, a esa ansia de divulgar tantos aspectos descoñecidos das nosas tradicións, da nosa creatividade… todo iso forma parte da cultura, e a miña mensaxe sempre vai dedicada a iso, pois ademais a cultura é un valor, un espírito e unha marca que está nun proceso de degradación, como un valor de consumo para liturxias, actos, publicacións…
Persoalmente, eu defendo que a cultura lévase posta, e estou feliz de que desde a A. C. Agromadas se entendese esta mensaxe tan reitierativa miña, de reivindicar o ser humano como célula fundamental da creatividade, que a fin e ao cabo era a mensaxe da Xeración Nós, a de Cuevillas, a de Risco… (…)
– ND: Aos seus 76 anos, que lle queda por facer a Felipe Senén?
– FS: Simplemente continuar (ri). A cuestión é facelo ben, e que a xente entenda o que dis, algo que unha palabra galega tan bonita resume como “ter ansia”. Nesa necesidade de servir tamén podo referenciar outra palabra moi galega e que está moi perdida, enxergar, é dicir, pór os cinco sentidos nas cousas, con sabedoría, aplicando o que aprendiches, analizando as cousas con obxectividade e compartindo de formas moi diversas, a través da palabra ou do que poidas escribir. (…)”
Alberte Blanco, político e escritor: “Os galegos sabemos máis de supervivencia que noutros países”
Entrevista a Alberte Blanco Casal en La Región:
“(…) – La Región (LR): Leva toda a vida escribindo, pero chegou á novela tarde.
– Alberte Blanco Casal (AB): Cando te dedicas á política de forma intensa, non hai tempo para relaxarse e facer narrativa literaria. Ao remate da miña estadía no Goberno da Xunta no 2009, comecei a escribir de forma sistemática.
– LR: Como foi o proceso de investigación histórica?
– AB: Aínda que son das Rías Baixas, cheguei a Verín hai case 40 anos, e sempre me chamou a atención a riqueza cultural da comarca e o seu pasado glorioso. E penso que, de tódalas épocas, o último terzo do XVI é o máis interesante. Coincide co reinado de Filipe II, no que o Conde de Monterrei, Gaspar de Zúñiga, chegou a ser vicerrei de Nova España, e tamén coa anexión de Portugal. E non debemos esquecer a efervescencia cultural do colexio dos Xesuitas, situado daquela no actual Parador.
– LR: Novela negra coa relixión de fondo. Algún referente?
– AB: Son lector empedernido dende a infancia, e as influencias acumúlanse, sobre todo dos novelistas románticos ingleses e franceses, e de relatos como Poe ou Lovecraft. Eu quixen orquestrar unha ficción con base nunha serie de episodios históricos. Hai festas pagás, con personaxes do protoentroido, guerras fronteirizas, as actividades da inquisición e a inimizade entre os Dominicos e os Xesuítas. (…)”
Rosalía Fernández Rial: “As boas intencións non chegan para abordar as situacións de acoso escolar”
Tamara Andrés: “Busco a palabra exacta para que sexa un lugar para poder descansar”
Entrevista a Tamara Andrés no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“”Para non concretarme/ …sopro…/ e entre beizo e beizo/ asoma unha pluma que esboroa/ os significados todos ao seu paso…”. Son versos do último poemario de Tamara Andrés, editado por Positivas, que inspira hoxe a conversa a partir doutro verso seu: “Só a beleza, pasaxeira, me alimenta/ así como algo dela queda sempre en min/ algo de min vai marchando tras dela”. A entrevista pode verse aquí.”
Rafa Vilar: “A idea fundamental que quería deixar con A penúltima estación é que a palabra importa”
Entrevista de Laura Veiga a Rafa Vilar en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como xurdiu o relato A penúltima estación?
– Rafa Vilar (RV): Sempre digo que cando fago narrativa síntome como se estivese practicando unha sorte de furtivismo. Levo máis de 30 anos escribindo e publicando poesía. As cousas que teño de narrativa son pequenas, fundamentalmente microrrelatos, mais de vez en cando éntranme estas ganas de facelo. A penúltima estación en concreto parte dunha situación totalmente inventada na que unha muller viaxa en tren coas cinzas do seu home nas mans. Esta muller, de mediana idade, vai reflexionando sobre a súa vida, a morte e o amor. Nunha estación sobe ao tren unha rapaza nova que se ve que emocionalmente está pasando por un mal momento e pouco a pouco imos descubrindo os problemas que ten na relación coa súa moza. Así, estabelécese un diálogo entre elas. Á hora de escribir o relato interesábame esa reflexión entre dúas xeracións de mulleres e ver o contraste que hai nas súas maneiras de ver a vida de maneira profunda, non tanto en cuestións superficiais. No fondo, o que se estabelece é unha situación de empatía e sororidade.
– ND: Precisamente, é doado percibir as diferenzas entre xeracións no tratamento que se lle dá á morte.
– RV: Totalmente. E no amor tamén. É certo que ao ser un relato curto non hai un espazo para grandes diálogos, polo que hai cousas que en vez de dicirse, quedan veladas. Con todo, si se entende que a pesar das diferenzas que poida haber existe unha corrente de empatía e de sororidade ante situacións da vida que son complexas e, aínda así, comúns, como poden ser unha ruptura amorosa ou a perda dun ser querido. Mais a cousa non queda aí. Entre estas dúas mulleres hai 30 anos de diferenza. A personaxe da rapaza, durante a primeira parte da viaxe, non fala porque vai atenta ao móbil. Hai ese contraste porque a outra muller está mirando pola fiestra, atenta ás paisaxes que se suceden. (…)”
Berta Dávila: “A arquitectura da novela pretende explicar conceptos de como se configuran as soidades contemporáneas que vivimos”
Entrevista de Ana G. Liste a Berta Dávila en Praza:
“(…) – Praza (P): Dirías que nesta novela está máis presente a túa ‘filosofía de vida’?
– Berta Dávila (BD): A verdade é que creo que en todos os meus libros está a miña maneira de ver o mundo porque unha das cousas que máis me interesa na literatura, tanto cando leo como decididamente cando escribo, é esta cuestión do punto de vista: que maneira ten de observar a vida a persoa que está construíndo este artefacto, de problematizala e comunicala a outras persoas.
Non creo que haxa máis vontade disto nesta novela, pero é certo que xira arredor dunha serie de conceptos que se desenvolven en escenas e en pequenas historias destes personaxes. Non hai máis de min, pero a propia arquitectura da novela pretende explicar algúns conceptos e ideas que teñen fundamentalmente que ver con como se configuran as soidades contemporáneas que vivimos; cal é o propósito de todo isto, da literatura e do para que estamos aquí. Son preguntas que nese momento eu me estaba facendo.
– P: Esta historia existía xa para sen contada mentres aínda estabas co proxecto da túa novela anterior, Os seres queridos? Ambos libros son moi intimistas sendo ficción.
– BD: A narrativa que a min me interesa é a intimista, entón tampouco é unha cousa novidosa que a min me poida interesar escribir este libro, pero os tempos de escrita son cousas bastante elásticas en xeral. As novelas non nacen un día concreto que unha marca no calendario, aínda que si a vontade de escribilas. Hai cousas deste libro que estaban xa, en forma dalgunha nota, moito atrás. É certo que se trata dun libro bastante vinculado a Os seres queridos, pero non tanto ao proxecto en si, máis ben á súa recepción. Empecei a concibir, ou estruturar, esta novela máis ou menos en novembro do 2021 á volta do verán e rematara de escribir Os seres queridos na primavera anterior.
Os tempos da escrita e da publicación sempre son moi distintos e existe un lapso aí no que estás ‘entre libros’, escribindo e non, ou un pouco perdida, como me atopo agora mesmo. Xurdiu esta historia dos peixes e da ficción e da imaxinación que articulei nun primeiro texto para unha encarga para á que tiña pouco tempo, así que decidín escribir aquelas ideas que tiña para unha novela moi inicial. Despois, toda a recepción de Os seres queridos marcou moito a miña percepción sobre como me estaba relacionando coa literatura, e iso foi filtrándose no proceso de escritura deste libro.
– P: Como te axudaron a escribir este libro as reaccións provocadas polo anterior?
– BD: Máis que axudarme, que non sempre foi axuda, condicionou dalgunha maneira que eu estivese durante o primeiro estadio de escritura deste libro pensando continuamente en cal era a miña maneira de relacionarme coa literatura e coa lectura dos meus libros, en como eran lidos os meus libros, dende que punto eu articulaba eses libros e como se confrontaba logo coa recepción e no significado de todas esas cousas. Foron tempos nos que tiven que responder moitas veces que significaba a autoficción para min… e nos que tamén tiven que responder sobre cal é o espazo da imaxinación na literatura desde o meu punto de vista, que sempre está na linguaxe. De aí xurdiron algunhas ideas que articulan este libro. (…)”
Xosé Luís Mosquera, escritor: “É moi difícil non ser un híbrido, non mesturar o mundo que somos e o mundo no que vivimos”
Entrevista de Laura Veiga a Xosé Luís Mosquera Camba en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Cal foi o xerme de Trece maneiras de mirar un almanaque?
– Xosé Luís Mosquera Camba (XLMC): É unha pregunta complicada porque, supoño, a meirande parte da xente que escribimos acabamos por vérmonos metidos en algo que non sabemos como comezou. É algo que te arrastra e que vai tirando mentres sexas quen de seguir.
O que xera que escribas sobre algo adoita ser azaroso, ás veces é algo que ves ou que escoitas, outras veces é unha idea, algo que te atrae ou unha irritación. Este texto está vinculado a un poema do autor norteamericano, Wallace Stevens, titulado Trece maneiras de mirar un merlo. É un poema que sempre me pareceu moi fondo e interesante para volver sobre el. Reflexiona sobre o paso do tempo, o efémero, o amor… E nun momento determinado acendeuse un camiño por aí e acabou sendo este texto. É o único que podo dicir.
– ND: En moitas ocasións, dese xerme orixinal ao que acaba sendo hai moita evolución.
-XLMC: Evidentemente. É un tópico entre autores e autoras que falan dos seus procesos creativos: contan como é o propio texto o que te arrastra e que ti vas descubrindo. Ti es como o primeiro lector dese texto que se vai descubrindo. Tamén che fai dar voltas e voltas e por iso todo acaba mudando. (…)”
Antonio M. Fraga, escritor eumés: “A protagonista está baseada en Alfreda Noncia Markowska”
Entrevista a Antonio Manuel Fraga en Diario de Ferrol:
“(…) Como escorrentar un lobo trata a emoción do medo e a maneira de enfrontarse a ela para evitar que chegue a paralizarnos. Con este fin, o texto segue a historia de Noncia, unha muller de etnia xitana que vive na Polonia ocupada polos nazis. Este é o último libro de Antonio M. Fraga, que acaba de presentar en Pontedeume, ilustrado por María Brenn.
A obra, editada por Cuarto de Inverno, encádrase na literatura xuvenil, un campo no que o autor é especialista, aínda que non é o único que practica. Así pois, esta peza diríxese aos lectores a partir de certa idade, que se atopan arredor desa ponte entre a infancia e a adolescencia. Non obstante, tal e como concreta Fraga, “sempre penso na literatura infantil como a que tamén poden ler os nenos”, posto que aínda que se dirixa a un público a partir de certa idade, neste caso os 11 ou 12 anos, non existe ningún límite.
A historia comeza en Polonia no ano 1944, en plena Segunda Guerra Mundial coa súa protagonista, Noncia, que ten un permiso de traballo para traballar no ferrocarril. O punto de partida é que ela a aproveita este posto para rescatar a dous pequenos irmáns xudeus que foran enviados a un campo de concentración, aos que acolle na súa casa. Noncia axuda aos dous nenos a vencer o medo que sinten pola situación que están a vivir, co relato dunha “incrible aventura, con moitos tintes fantásticos, que viviu cando era nova e percorría, os camiños de Europa do leste acompañando ao tabor xitano ao que pertencía”, resume Fraga.
Esta narración traslada aos personaxes e ao lector ao corazón do bosque de Białowieża. O autor explica que nese emprazamento, o carro da familia de Noncia “abandona a caravana para perseguir a uns cabalos tarpáns”, que son unha particular especie extinta que habitaba naquel espazo. Desa maneira chegan a “unha vila secreta agochada no medio do claro dun bosque, que se chama Polana Wilków, que significa claro de lobos”, continúa. Neste lugar, que é o fogar dos Neuri, unha poboación de características moi especiais, “Noncia debe aprender a mirar o medo cara a cara”, relata o escritor.
Este artellou a narración seguindo dúas premisas fundamentais. En primeiro lugar, “apetecíame facer unha historia relacionada co folclore eslavo, con ese territorio de Europa do leste e máis con ese tempo determinado do século XX”, apunta Fraga. Así mesmo, “un dos puntos de partida foi o de tratar o medo e as formas de combatelo”, explica. Ademais, o escritor quixo mesturar a realidade coa fantasía “e que esas dúas historias funcionasen como un espello”, xa que moitas das situacións que Noncia relata aos nenos, “teñen moito que ver coa historia persoal deses dous irmáns e do que están vivindo”, argumenta. (…)”
