Arquivo da categoría: Entrevistas
Entrevista a Henrique Monteagudo, coordinador do Centenario de Ramón Piñeiro
Entrevista a Xosé María Álvarez Cáccamo, recoñecido por AELG como O escritor na súa terra
Entrevista a Luís Martínez-Risco
Entrevista a Luís Martínez-Risco na revista Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Que é para ti a História?
– Luís Martínez-Risco (LMR): A história é uma disciplina que ajuda a pensar reflexivamente. No nosso dia a dia devemos tomar decisões sobre aspectos nos que influem múltiples aspectos, e devemos de o fazer valorando todos e cada um por individual e no seu conjunto. O caracter multicausal que é próprio à disciplina da história contribui na aprendizagem e adquisição das habilidades necessárias.
– P: Como é a tua experiência no ensino da História? Para onde deveriam caminhar estes modelos educativos?
– LMR: Cada ano que passa um bocado mais frustrante. Os planos de estudo são absurdos. Encher e encher de conteúdos que, de tanto encher, ficam valeiros e dificultam a aprendizagem da reflexão. Os modelos educativos, no referente à História, deveriam esforçar-se em ultrapassar os modelos decimonónicos quando os estados estavam obsesionados por se equiparar a nações e as nações em se constituir em estado. No caso do estado espanhol, além do trágico das guerras e repressão, chega à paranoia de ver um elemento de pobreza o que em realidade é de riqueza. (…)
– P: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver? Fala-nos, em concreto, da Fundación Vicente Risco…
– LMR: Levo vários anos implicado com a Fundação Vicente Risco. Um labor complexo que não seria possível sem a cumplicidade de múltiplas implicações individuais, de pequenas empresas, … Desde o Padroado da FVR consideramos que o melhor contributo que podemos fazer para honrar a Vicente e Antón Risco é o de prosseguir o seu trabalho pola dignificação da Galiza. Catalogar e digitalizar a documentação de ambos os dois autores para ser consultada por investigadores. Afondar na reflexão sobre o país e a nosa cultura, no que o relacionamento com Portugal e a Lusofonia é quase uma obriga. O trabalho de cultura de base, …”
Eva Veiga recolle o Premio de Poesía Concello de Carral que gañou co libro Soño e vértice
Cuestionario Proust: Serxio Iglesias
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Serxio Iglesias:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– O superpoder da invisibilidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A humildade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Amizade.
4.– A súa principal eiva?
– A preguiza travestida de reflexión paralizante.
5.– A súa ocupación favorita?
– Viaxar coa miña namorada.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Manter a ilusión por conseguila.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A prohibición da cervexa.
8.– Que lle gustaría ser?
– Guitarrista de rock (recoñecido internacionalmente).
9.– En que país desexaría vivir?
– En calquera recanto fraternal de Latinoamérica.
10.– A súa cor favorita?
– Sempre acabo no negro.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Espiñentas rosas.
12.– O paxaro que prefire?
– The craven.
13.– A súa devoción na prosa?
– Milan Kundera.
14.– E na poesía?
– Fernando Pessoa.
15.– Un libro?
– El llano en llamas.
16.– Un heroe de ficción?
– Croior, o señor das pedras, creado por Miki Nervio.
17.– Unha heroína?
– Mafalda.
18.– A súa música favorita?
– Rock, jazz, rhythm&blues…, a herdanza afroamericana.
19.– Na pintura?
– Francis Bacon.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– A nai, o pai, sucadores de océanos.
21.– O seu nome favorito?
– Rui.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A soberbia intelectual.
23.– O que máis odia?
– Os fanatismos.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Ian Smith, Hitler, Stalin, Pol Pot… Calquera desa calaña, sen estúpidas distincións.
25.– Un feito militar que admire?
– A revolta irmandiña.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Poder voar.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Inconscientemente.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Expectante polo mañá.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Aqueles que causan problemas ao posuidor do defecto e non aos demais.
30.– Un lema na súa vida?
– Non hai ganancia sen perda.”
Parlamento das Letras: Miguel Sande
Entrevista de Armando Requeixo a Miguel Sande no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Miguel Sande (MS): Fáltalles apoio, está claro, un apoio decidido e eficaz do noso Goberno. Fáltalles visibilidade. E é obvio, fáltanlles lectores; tamén lectoras, aínda que menos. Por parte dos/as autores/as e críticos/as fáltalles máis risco quizais, vontade anovadora. Sóbranos, acaso, comodidade (iso tamén se nota na escrita).
*Anovar non é incluír nunha novela cartas, poemas, debuxos; iso é doado, coño, iso é ata unha simpleza (que adoitan valorar moito os xuris). O difícil é mesturar iso nun texto narrativo sen que se note a derruba dos marcos que sinalan os xéneros. O futuro, se o hai, que o dubido, vai por aí: por tirar os marcos, pero con máis intelixencia. Outravolta a mirada nova sobre a lúa para a descuberta. Pero non lemos; creo que nin quen escribimos lemos abondo, porque do contrario venderiamos máis libros, mesmo de poesía. Somos case máis os que escribimos que os que len. E non digo que sobren escritores, en absoluto; ao contrario, iso nunca é problema, a escolla nunca foi un problema; se acaso, unha vantaxe ou privilexio; digo que faltan lectores. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MS: Tanto ten a valoración que eu faga, non lle vexo demasiado futuro, nin ao noso nin a calquera outro. E non porque sexa pesimista. Creo que o libro como obxecto físico parécese cada día máis a un cadaleito. Os libros electrónicos tampouco non se len. A vida dun libro hoxe é, nada, un suspiro. E nos textos das redes sociais un día é a eternidade. O termo “clásico” morreu. A xente nova, en xeral, non le máis ca por obriga; escribe cada vez peor (o meu propio fillo é universitario e ten faltas de ortografía, incrible; todos, practicamente, así, vexo os exames). As novas tecnoloxías son demasiado adictivas. Nos centros de ensino acabarán por desaparecer os libros a non tardar. Estamos nunha revolución tecnolóxica, dixital, que non fixo máis que comezar e vai todo a demasiada velocidade. É a transformación.
Mira, eu pensaba van moitos anos xa que deberían desaparecer os premios literarios, pero xustamente agora non; neste momento de desespero e agonía, non; ao contrario, creo que son máis necesarios ca nunca, pero, ollo, tamén creo que vós, os membros dos xuris, debedes apostar máis polo risco: a todo ou nada. Por pura necesidade. Fóra convencionalismo xa. Diante dunha situación límite non se pode seguir igual porque acabas por te afundir. Ou descubrimos unhas miradas novas sobre a lúa ou non hai sorpresa, pero máis do mesmo non, xa non vale. E aínda así, cun apoio decidido e eficaz dos responsables da nosa Cultura. En todo caso, isto é, ha ser, unha transformación: non quero dicir en ningún caso que a literatura vaia desaparecer. Transformarase e irá buscando novas vías para se manifestar, seguro. (…)”