Parlamento das Letras: Chelo Suárez

Entrevista de Armando Requeixo a Chelo Suárez no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Chelo Suárez (CS): É moi difícil pronunciarse neste apartado. As nosas letras foron asentadas solidamente, dignificadas por poetas e escritores ao longo do tempo. Síntome moi orgullosa do noso pasado literario, formado por escritoras e escritores magníficos. Mulleres e homes que abriron o camiño a cantos vimos detrás. Sobrarlle ás letras definitivamente? Quen está á altura de poder dicir: “isto é o que sobra”. Paréceme excesivamente pretensioso cando, en literatura, todo é admisible, nada se pode negar e, ata o máis fútil, pode ter o seu punto de orixinalidade. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– CS: Comparo o noso presente literario cun ceo estrelado. Nel destacan autores fixos dun brillo inusitado, outros de menor intensidade, intermitentes, opacos… Algúns pasan cegantes, efémeros como lóstregos ante nós. Penso que temos un presente literario bastante desigual, pero nada aburrido. (…)”.

Para visibilizar a vida das lesbianas

Desde Radiofusión:
A novela En vías de extinción quere contribuir a visibilizar a vida das lesbianas. Construir un imaxinario de igualdade e de liberdade, e traballar para eliminar prexuízos, segundo a súa autora María Reimóndez. Gaia protagoniza a novela (…) Ela é unha desas persoas que teñen a cerna dura coma un carballo, que asumen e reivindican o monte como berce persoal e que resisten a domesticación en todas as súas formas. Como un animal solitario, Gaia percorre os lugares interpretándose como un elemento ecolóxico chamado a cambiar o humus da forma máis discreta pero imborrable posible, invocando a revolución de ser quen se é sen compromisos, a través de batallas sen reféns, e poñendo o que se pensa sempre por diante. Así é o vehículo que Reimóndez emprega na súa última obra.
A entrevista pódese escoitar completa aquí.

Ferrol: presentación de Miudiños, de Vicente Araguas

O venres 8 de marzo, ás 18:00 horas, na Galería Sargadelos de Ferrol (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina Rúa María), preséntase o libro Miudiños. Escolma 2001-2012, de Vicente Araguas, publicado por Edicións Embora. En relación con este libro, pódese ler aquí esta entrevista ao autor en Diario de Ferrol.

O Temple, Cambre: presentación de Matriarcas, de Montse Fajardo

O venres 8 de marzo, ás 20:00 horas, na Librería A Libreira (Rúa Luís Seoane, 2), no Temple-Cambre, terá lugar un coloquio con motivo da presentación do libro Matriarcas, mulleres en pé de vida, coa súa autora Montse Fajardo. Tamén participa coa súa música César Morán, acompañado nalgúns temas por Xosé Taboada.

Parlamento das Letras: Calros Solla

Entrevista de Armando Requeixo a Calros Solla no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Calros Solla (CS): Fáltalle quen as lea.
Sóbralle a impostura dos que arremeten contra o inimigo pola mañá; ao mediodía, partillan con el mesa e mantel e, pola noite, poñen a cama. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– CS: Partimos dun pretérito ‘mais-que-perfeito’ e agarda por nós un futuro hipotético. O presente anda choqueleando no medio. (…)”.

Francisco X. Fernández Naval: “A División Azul é un tema da nosa historia e alguén tiña que contar o que sucedeu”

Entrevista a Francisco X. Fernández Naval en Diario de Ferrol, desde Xerais:
“(…) – Diario de Ferrol (DF): Era consciente da estrañeza que provoca a División Azul?
– Francisco X. Fernández Naval (FFN): Desde logo non era un tema que eu tivese próximo, emocional e ideoloxicamente. Pero foron unhas circunstancias nas que participaron 3.000 galegos durante tres anos e alguén ten que contar o que sucedeu. É historia e merece a pena.
– DF: A obra [A noite branca] ten dúas liñas literarias unha crónica familiar e outra bélica. Como as traballou?
– FFN: Hai unha historia de reconstrución da familia a través de cartas e fotografías, unha memoria silenciada que quería sacar á luz. Logo, na participación galega na II Guerra Mundial axudoume moito o meu amigo o historiador Núñez Seixas; facilitoume moita documentación, e outra atopeina eu. Teño que dicir que hai acontecementos e relacións que están ficcionadas, pero a base histórica dos sucesos é completamente real.
– DF: Esa implicación levouno incluso a facer unha viaxe en caravana por toda Europa ata a fronte de batalla.
– FFN: Si, ata Novgorod. Repetimos a viaxe que os primeiros voluntarios, e o meu parente Alfredo Rodríguez, realizaron entre os meses de xnllo e outubro de 1941. Foi un proxecto complexo, vivido con moita intensidade.
– DF: A novela conéctase coa súa obra máis eoñecida ata hoxe, O bosque das antas.
– FFN: Si, recuperei a personaxes e un universo literario anos despois co que pecho un ciclo.
– DF: A novela está a ter unha excelente recepción crítica e xa vai pola segunda edición.
– FFN: As primeiras críticas son moi boas, e agradézoas, pero emocióname como está a funcionar entre os lectores. Na miña familia había un certo desacougo, afortunadamente xa superado.”

Miro Villar: “Breizh é un diálogo entre as fisterras atlánticas”

Entrevista a Miro Villar en Compás da Costa:
“(…) – Compás da Costa (CdC): Breizh parte de varias viaxes á Bretaña francesa, pero despois segue unha “lóxica itinerante”. Cal foi a túa fonte de inspiración?
– Miro Villar (MV): Foi a primeira viaxe. Este libro, aparte de todo o substrato sobre o haiku do que falei antes, ten unha viaxe física, que é cando por primeira vez coñezo a Bretaña nunha das viaxes organizadas polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, tendo como guías excelentes ó presidente do SEMESCOM, Xosé María Lema Suárez, e tamén ó que fora Director Xeral de Patrimonio en Francia, un bretón que coñece perfectamente a zona. Isto abriunos moito a ollada sobre esta xente, a arquitectura, o megalítico… É dicir, embarcarnos fóra dunha ollada turística, que non o é, senón como un diálogo con esa cultura. Calquera persoa galega, ten na súa imaxinación estas terras estremeiras como poden ser Bretaña ou Irlanda. Son fisterras atlánticas que están moi preto de nós. A obra trata de enlazar este diálogo entre terras que son próximas. Algo do que xa falaran Castelao ou Manuel María.
– CdC: Naquela viaxe, cando tomabas notas no teu caderno, xa tiñas na mente realizar un libro de haikus?
– MV: Non, pero os cadernos de viaxes normalmente non admiten notas longas, senón que son apuntamentos. A posteriori, reflexionando sobre esa suxestión de Jacinto Pascoal percibín que o haiku podía ser a estrofa ideal para recoller todo iso. Pola concisión, polo inmediato, porque permitiría recoller moitas das cousas que puiden observar. (…)”

Manuel Rivas: “Teño que repensar se quero continuar na Academia nesta situación”

Entrevista a Manuel Rivas en La Voz de Galicia:
“(…) «A circunstancia actual da institución non é a mesma que cando eu entrei e este cambio obrígame a repensar se debo ou non permanecer como académico», apunta Rivas.
O escritor considera, «aínda que sexa algo inxenuo», que debe quedar algunha esperanza para resolver a situación porque, declara, «eu pediría que Ferrín agotase o seu actual mandato». Rivas asegura sentirse incómodo «con algunhas acusacións vertidas desde o anonimato por académicos» e pide que se abandonde o «cainismo que tantos estragos causa no país para adoptar isto que antes se chamaba altura de miras».
O escritor tamén considera que hai unha «considerable desproporción entre as cuestións que son motivo de polémica e as repercusións das mesmas». Rivas lembra que non sucedeu «nada ilegal» e que pode ser «necesario que a Academia poña en marcha un regulamento para establecer contratacións públicas». Igual que outros consultados, o escritor sinala que a valoración do presidente e da súa xestión «é globalmente boa e esta circunstancia aínda fai máis difícil entender por que a situación acaba en dimisión». Na opinción de Rivas «a situación debería reconducirse desde unha confianza básica, desde unha certa unidade que pense no país e que abandone comportamentos cainitas que non benefician á cultura galega nun momento moi grave para a mesma». (…)”.