O venres 20 de abril continúa a Feira do Libro de Ferrol (no Cantón de Molíns), cos seguintes actos literarios:
– 19:00 horas. Sinatura de Luces, bicos e cores, de Concha Blanco, publicado en Embora.
– 19:30 horas. Presentación de Vento galerno, de Antonio Yáñez Casal e Vaia tropa!, de Antón Cortizas, publicados en Xerais. No acto, xunto aos autores, participa Manuel Bragado.
Arquivo da categoría: Feiras do Libro
Víctor Freixanes, premiado co Rosa dos Ventos polos alumnos dun instituto de Bos Aires
“Os alumnos de quinto curso de bacharelato do instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires puxeron en marcha este ano un premio de carácter anual que homenaxea a quen distíngase para achegar a cultura galega nas dúas beiras do Atlántico. Este ano os alumnos de máis idade do centro educativo da capital arxentina escolleron a Víctor Freixanes como primeiro merecedor deste galardón. As razóns do premio, que será entregado o xoves 19 de abril nas instalacións do Centro Galicia, foron xustificadas polos estudantes co argumento de que Freixanes é «un guieiro que acubilla o respecto polo labor desenvolvido nesta beira do Atlántico a prol da cultura galega». Lembraron as veces que o escritor participou en actividades da comunidade escolar «apoiando os traballos do centro educativo» e introducindo na súa realidade «a importantes figuras académicas e políticas da cultura» galega. Ademais de recoller o premio outorgado polos alumnos do Santiago Apóstolo, un instituto que se denomina galego-arxentino, Víctor Freixanes participa como director de Galaxia na Feira do Libro de Bos Aires, que comezou o pasado luns. Por primeira vez, unha editorial galega representa ao sector español nas mesas de debate. Neste caso, Freixanes participará nunha mesa redonda baixo o título A experiencia dos protagonistas, dedicada ás novas tendencias da industria editorial. (…)” Vía La Voz de Galicia.
Ferrol: comeza a Feira do Libro coa presenza de Xosé Neira Vilas
O xoves 19 de abril comeza a Feira do Libro de Ferrol (no Cantón de Molíns), onde se presentará, a partir das 20:30 horas, o libro 100 anos do Himno Galego, de Xosé Neira Vilas, publicado por Edicións Embora. O autor lerá previamente, ás 19:30 horas, o Pregón oficial co que dará comezo a Feira.
Allariz: conferencia de Francisco Castro no I Outlet do Libro Galego
O domingo 1 de abril, ás 19:00 horas, na Praza de Abastos de Allariz, e dentro do I Outlet do libro galego, terá lugar unha conferencia de Francisco Castro, baixo o título Os libros da miña vida.
Allariz: Outlet do Libro Galego, do 31 de marzo ao 8 de abril
Desde Cultura Galega:
“O Concello de Allariz, a Libraría Aira das Letras e a Asociación Galega de Editores promoverán entre o 31 de marzo e o 8 de abril o Outlet do Libro Galego de Allariz. A iniciativa, que se celebrará na Praza de Abastos, porá a disposición dos clientes 648 títulos galegos a prezos que oscilarán entre os 3 e os 15 euros, canda lotes de cinco títulos por 10 euros. Canda a oferta de venda, organizaranse diversas actividades de animación e dinamización cultural.”
Os editores galegos participan na Feira do Libro de Boloña
“A Feira do Libro para rapaces de Boloña é o evento máis importante do mundo adicado ó libro infantil e xuvenil. Profesionais de todo o mundo daranse cita entre o 19 e o 22 de marzo na cidade italiana. O evento conta cun espazo de 20.000 m2 nos que se ubican os pavillóns que acollen ós editores dos cinco continentes. Mil douscentos expositores procedentes de 66 países e 5.000 profesionais. A feira conta tamén cun centro de axentes literarios e un espazo propio para ilustradores no que cada ano se monta unha gran exposición de obras para álbums ilustrados. O peso da ilustración na feira é enorme. Están acreditados máis de 70 xornalistas de todo o mundo e no transcurso da feira vanse dar a coñecer os libros. Os gañadores dos Premios Hans Christian Andersen do ano 2012 serán anunciados na feira o 19 de marzo e a cerimonia de entrega terá lugar durante o 33º Congreso Internacional de IBBY, que vai ter lugar en Londres do 23 ó 26 de agosto de 2012. O candidato da sección española é Agustín Fernández Paz, autor que tamén foi recoñecido na Feira Internacional do Libro de Guadalajara, México, do ano 2011, como Premio Iberoamericano de Literatura Infantil e Xuvenil. Varios editores galegos participan no stand patrocinado pola Consellería de Cultura. Contarán con libros na feira os editores de Biblos Clube, Baía Edicións, Edicións Embora, Editorial Galaxia, Ir Indo Edicións, Kalandraka Editora, Nova Galicia Edicións, OQO Editora, Ouvirmos e Toxosoutos e Edicións Xerais de Galicia. Contarán con espazo propio na feira: Kalandraka Editora, Nova Galicia Edicións e OQO Editora. Amais dos editores destas tres empresas,desprázanse a este evento editores do Consorcio Editorial Galego, empresa distribuidora de máis de cen editorais e entidades galegas; Editorial Galaxia e Ediciones Linteo. O 20 de marzo será presentado o catálogo Galician Books for Children & Young Adults, unha publicación dos editores galegos patrocinada pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia e elaborada por GÁLIX, entidade que traballa en Galicia a prol da LIX e que forma parte da internacional OEPLI, organización europea de promoción da literatura infantil e xuvenil.” Vía Asociación Galega de Editores.
Leipzig, Alemaña: éxito da lectura de María Reimóndez na Feira do Libro
“Un nutrido número de persoas astiron onte á lectura e debate ao redor da novela Pirata de María Reimóndez na Haus des Buches organizada polo Departamento de Tradución e Lingüística Aplicada e o Centro de Estudos Galegos da Universidade de Leipzig. A autora foi presentada pola lectora de galego, Diana García Couso, e o catedrático de Lingüística Iberorrománica, o Prof. Dr. Carsten Sinner. Tras a lectura de varios fragmentos da obra en galego e alemán houbo un animado debate entre a autora e o público. María Reimóndez ficará en Leipzig ata o sábado e o venres impartirá unha conferencia como actividade final do curso intensivo de galego inicial que se está a realizar nestas datas, ao que asisten máis de corenta participantes. O Centro de Estudos Galegos da Universidade de Leipzig e o seu correspondente lectorado naceron en outubro de 2010. Dende entón organizan actividades culturais de difusión relacionadas con Galicia e a lingua galega, ademais de encargarse da docencia de materias de lingua e cultura galegas, e tamén de tradución entre o galego e o alemán. Leipzig é o único lugar fóra de Galicia onde se pode estudar galego dentro da carreira de Tradución.
A autora atópase na cidade no marco da Feira do Libro de Leipzig, que é o evento literario máis importante de Alemaña despois da de Frankfurt. Esta feira conta cun programa que inclúe miles de actividades, tanto para o sector profesional como para a cidadanía ao redor do libro e da lectura. Este ano María Reimóndez é a única escritora galega presente na feira.” Vía Xerais.
A cultura galega estará presente nas feiras do libro Boloña, Bos Aires e Guadalaxara
“O DOG publica hoxe a licitación dun concurso para a organización dos actos da extinta Consellaría de Cultura e Turismo (agora Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria) nas feiras do libro de carácter internacional para este 2012. Segundo esta resolución, prevese a organización de actividades nos encontros de Boloña (50.000 euros), Bos Aires (60.000 euros) e Guadalaxara (México, por 45.000 euros). As tres feiras son de especial relevancia para o sector libreiro ás que a Galicia acode de xeito continuado. A cifra de licitación é inferior a de edicións anteriores polo descenso, non da contía destinada a cada feira, senón pola redución de citas ás que se acode. En 2010, o importe foi de 280.000 euros e incluía, ademais das tres citas ás que se acode este ano, Frankfurt e Líber (que alterna entre Barcelona e Madrid).” Vía Cultura Galega.
Durango: participación galega na Feira do Libro e do Disco Vasco
“O Culturgal, tras pechar a porta do Pazo de Cultura de Pontevedra, meteu na súa maleta unha escolma das propostas culturais que representan ao sector das industrias culturais galegas e viaxou cara a Durango Azoka, a Feira do Libro e do Disco Vasco. Como cultura convidada, Galicia respondeu ao convite de Gerediaga cunha mostra multisectorial que abranguen desde o audiovisual, á literatura, a música e o teatro. Para facelo, conta co apoio económico ofrecido pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. Este é o programa da presenza galega:
Domingo 4 de decembro:
– 12:00 h. Acto inaugural. Galicia somos todos. Con Antón Reixa.
– 18:30 h. Euskaraz eta galegoz. Os escritores vascos Harkaitz Cano, Leire Bilbao e Urtzi Urrutikoetxea ofrecerán un recital de poesía, no que lerán os seus poemas escritos en euskera e de seguido traducidos ao galego.
Luns 5 de decembro:
– 13:00 h. En Galego e Euskara, sobre Galicia e Euskal Herria. O escritor galego Darío Xohán Cabana e o euskaldún Pako Aristi, conversarán sobre o oficio de escribir e a situación da literatura en ambas as dúas linguas. Acompáñaos nos labores de moderador o doutor e escritor galego, residente en Euskadi, Xosé Estévez.
Martes 6 de decembro:
– 17:00 h. Sesión de animación con escritores vascos e galegos. Baixo o patrocinio de Gálix os escritores galegos Concha Blanco, Pere Tobaruela e Ledicia Costas, xunto cos escritores vascos Pako Aristi, Castillo Suárez e Felipe Juaristi realizarán unha sesión de animación de contos.
Martes 6 de 11:00 a 13:00 e de 16:00 a 19:00 h. e mércores 7 de decembro de 11:00 a 16:00 horas:
– Caixiña de Mistos: Un misterio para Tintimán en Durango. Por Mr. Misto Films e Santiago Jaureguizar.
Mércores 7 de decembro:
– 12:30 h. A Asociación Escritores en Lingua Galega (AELG), cos seus homólogos vascos de EIE, participarán nunha mesa redonda sobre os 28 anos de historia de Galeusca e o seu futuro próximo. Xosé Estévez representará á AELG e Fito Rodríguez á EIE. Galeusca é un encontro anual de escritores e escritoras que reúne a representantes das literaturas galega, vasca e catalá e que organiza de forma rotativa cada unha das asociacións de escritores. No 2008 constituíuse a Federación Galeusca para establecer relacións produtivas e estables entre os creadores das tres culturas.
– 17:30 h. A empresa galega Imaxin|software e a vasca Elhuyar Fundazioa de Usurbil (Gipuzkoa) presentan o multimedia educativo ZooLoco ou Zoo Zoroa, que realizaron conxuntamente. Tras a presentación, realizarase un taller lúdico.
– 18:00 h. Mesa redonda na que Artur Trillo, representante de Talía Teatro, debaterá cun creador vasco sobre o teatro e as “linguas minorizadas”.
Xoves 8 de decembro:
– Vídeos musicais galegos, curtametraxes e o documental Digna Rabia, que mostra a historia das mulleres galegas na época franquista. Durante todo o día.
– 16:00 h. A importancia do son, por Sinsalaudio.
– 20:00 h. Concerto Acrobatak, con Ugia Pedreira, Fred Martins e Mikel Urdangarin.”
Queremos agradecer especialmente a Xosé Estévez o envío de fotos e información sobre a repercusión dos actos en diversos medios: AZOKA DURANGO 2011.
Guadalajara, México: Vinte editoriais galegas expoñen libros na FIL
“As editoriais galegas expoñen os seus libros na FIL baixo as marcas Galicia e Galician Books e dentro do stand compartido pola Asociación Galega de Editores e a Xunta de Galicia. A Cámara de Comercio da Coruña apoia a presenza dos editores cunha misión, na que tamén viaxa a Secretaria Xeral Adxunta, Ana Agras Gómez. A FIL comeza o 27 de novembro e remata o 4 de decembro. Os organizadores do evento conseguiron que sexa a Feira do Libro máis importante de Lationoamérica e tamén difundir a idea de que a Cultura é a solución. Alemania é a cultura convidada desta edición. Desprázanse a Guadalajara: Francisco Villegas, de Cumio e Ellago; Benigno Paz, de KNS Ediciones; Ainhoa A. Borrás e Pedro López, de Ideas Propias, Atanasio Murillo e Manuel Conde, de Editorial Supérate; Xosé Ballesteros, de Kalandraka; Xosé Manuel Figueiras, de Distribucións Arnoia e Victor Cando de Librerías Nobel; Manuel Bragado, de Edicións Xerais e a secretaría técnica da AGE. Dende a Consellería de Cultura desprázase o Director Xeral do Libro, Francisco López. Amosan os seus libros e novidades editoriais, Editorial Ideas Propias, Editorial El Patito, Baía Edicións, Kalandraka Editora, Ediciones del Viento, Embora Edicións, Editorial Supérate, MC Sports, Editorial Linteo, Edicións Espiral Maior, Biblos Clube de Lectores, Edicións Nova Galicia, Auga Editora, Editorial Galaxia, Ir Indo Edicións, KNS Ediciones, Editorial Everest Galicia, Edicións Xerais, OQO Editora e Edicións Toxosoutos. Disporán de stand propio na FIL: Kalandraka Editora, Editorial Ideas Propias, Distribucións Arnoia, Edicións do Cumio e Librerías Nobel.
Programa de actividades na FIL
O 27 e 28 de novembro a AGE manterá diversas xuntanzas con editores e axentes mexicanos. O 29 de novembro entrégaselle a Agustín Fernández Paz o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil. Está previsto que asistan o Presidente da AGE e o Director Xeral do Libro. O programa Ecos de la FIL, consistente na presentación dos autores e as súas obras a colectivos educativos, contempla a participación de Rosa Aneiros e Marcos Calveiro, o día 30 de novembro na Asociación de Clubs de Lectura e na Escola Secundaria nº24. O día 2 de decembro estarán en na Sala de Lectura de Colima e no Colexio Alpes Cumbres. Ese mesmo día participará tamén en Ecos de la FIL o autor premiado, concretamente na Preparatoria nº 2. Aneiros presentará a Fernández Paz na actividade El placer de la lectura, que terá lugar o día 30 de novembro. O día 1 de decembro os autores participarán nun encntro con nenos indíxenas da Serra de Durango, xunto á xornalista mexicana Lidya Cacho. Ese mesmo día e ás 6 da tarde, terá lugar Voces de Galicia, unha presentación da literatura galega na FIL.” Vía AGE.