A Coruña: homenaxe a Luísa Villalta, O Papagaio: a pegada dos sentidos

Compostela: presentación de As crebas. Outro xeito de andar ao mar, de Francisco X. Fernández Naval e Maribel Longueira

O xoves 24 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 6), preséntase As crebas. Outro xeito de andar ao mar, de Francisco X. Fernández Naval (texto) e Maribel Longueira (fotografías), publicado en Baía Edicións. No acto, xunto aos autores, participan Belén López Vázquez, Soledad Pite e Manuel Rodríguez.

Radiocrítica do 17-03-2014, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 17 de marzo en Ames Radio (107.2 FM, agora accesible on line neste enderezo). Desta volta falei con Nazaret López sobre A pantasma da casa da Matanza, de Miro Villar e Xosé Cobas (I: 00:37); o poemario Paisaxes de pan, de Ánxela Gracián (I: 4:45); o catálogo de fotos Xosé Neira Vilas. Memoria gráfica (I: 9:24 e II: 0:00) e o libro de viaxes de autor Novos pasos por Bretaña, de Pemón Bouzas (II: 3:20).”

Compostela: Xornada Xela Arias e Luísa Villalta: Letras, interartes, proxectos na fin de século, o 26 de marzo

Nestes enlaces pódese consultar o programa completo e confirmar a inscrición no evento.

Os Vilares: a terra baixo a poesía de Díaz Castro

Artigo de Marcos Pérez Pena en Praza:
“Todo comeza con Manuel María. “Aló polo ano 93 eu estaba na organización da Romaría Labrega da Chaira e fixéramos unha exposición de fotografías antigas da parroquia. Viñera Manuel María inaugurala e dixo que todo aquilo estaba moi ben, pero que había que completalo cunha pequena historia sobre a parroquia, porque é unha parroquia que tiñan certas peculiaridades. E, dese xeito, encomendoume dalgún modo o facelo”. Fala Pastora Veres, que ultima un libro sobre a parroquia dos Vilares, en Guitiriz, o lugar no que creceu e viviu Xosé María Díaz Castro.
De seguro que o autor de Nimbos será un dos protagonistas deste ano 2014 que comezaremos en poucas horas, e ao igual que noutras ocasións estes meses serán unha boa oportunidade para afondar en todos os aspectos que conforman a súa obra e que definiron a súa vida. E poucos tan importantes como a terra que pisou e a paisaxe que mirou: a parroquia dos Vilares. “Estívenlle dando voltas, falando con veciños, pero fun deixando o tema. Sempre tiña aí ese tema, e este ano, aproveitando a celebración da Letras, decidín sacalo adiante”, comenza Veres, que lembra que o propio Manuel María salientara naquel encontro que “era unha parroquia que ía dar que falar, referíndose precisamente ao tema de Díaz Castro e das Letras, pois supoñía que nun futuro sería homenaxeado”.
Porén, Os Vilares: Lareira de soños é moito máis ca un libro de textos e fotografías sobre a parroquia. O proxecto complétase cun documental en preparación, a cargo de Cibrán Tenreiro, que ao igual que a publicación, verá a luz nos vindeiros meses. Un e outro traballo recollen as imaxes das aldeas e da paisaxe, e tamén a voz dos veciños que habitan o lugar: “Cada veciño ara o seu rego para facer dos Vilares a Terra Sucada, sementada e traballada nas miles de páxinas que podería ter cada libro e cada vida. Sabemos que Os Vilares e Guitiriz van ser no ano 2014 o centro da cultura e as letras galegas pola homenaxe que o mundo rendirá ao indixena parroquiano Xosé María Díaz Castro. Independentemente da merecida dedicatoria ao poeta chairego, a contorna do seu nacemento e crianza merece tamen proxectarse ao coñecemento dos que alí nunca estiveron nin saben”. (…)”

Ourense: exposición Fóra de campo, no Outono Fotográfico 2013

Do martes 3 ao xoves 19 de decembro, na Galería Visol (Rúa San Domingos, 33) de Ourense, e con horarios de martes a venres, de 18:30 a 21:00 horas, e sábados de 12:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 21:00 horas, dentro do Outono Fotográfico 2013, estará aberta a exposición Fóra de campo, que nace como un proxecto colectivo co que se pretende reflexionar e crear ao redor da fotografía e os seus límites. O grupo está formado por Caxigueiro, Eduardo Estévez, Ernesto González Torterolo e Nachok, propón un achegamento a esta disciplina explorando as posibilidades que poden ofrecer outras linguaxes artísticas (pintura, escultura, videocreación e poesía) na procura de lecturas menos convencionais. A inauguración terá lugar o martes 3 de decembro ás 20:00 horas.