Arquivo da categoría: Historia
Noia: presentación de Crónicas de Jean Froissart. A conquista de Galiza e León (1386-1387), traducido por Paulo Nogueira
Gondomar: A historia negada, conferencia-parladoiro con Anselmo López Carreira
Historias da Coruña. A memoria da cidade, organizadas por A. C. Alexandre Bóveda e a AS-PG, do 27 de xaneiro ao 8 de febreiro
HISTORIAS DA CORUÑA. A MEMORIA DA CIDADE
Días 27 e 31 de xaneiro, 5 e 8 de febreiro de 2018
Lugar: A. C. Alexandre Bóveda (Olmos 16. A Coruña)
Programa
Sábado 27 de 11:30 a 13:00 h.
Roteiro: As mulleres das Irmandades da Fala. CEN anos marcando o camiño. Guían o roteiro Mercedes Queixas Zas, secretaria da AELG e María Xosé Bravo, presidenta da A. C. Alexandre Bóveda.
Hai 100 anos nacía na Coruña a primeira Irmandade da Fala, considerada por moit@s a primeira iniciativa consciente de normalización do idioma galego mais as Irmandades non se ocuparon só da lingua, crearon un xornal, fundaron o Conservatorio Nazonal de Arte Galega, crearon as Escolas do Insiño Galego, impulsaron a creación de coros, traballaron arreo para a creación do Partido Galeguista… Á Irmandade da Coruña pertenceron máis de 200 mulleres e o seu papel foi básico no teatro, na creación de editoriais, nas escolas… Lembraremos neste roteiro a Micaela Chao Maciñeiras, a Elvira Bao Maceiras, a María Miramontes, a Amparo López Jean…
Mércores 31 de 19:30 a 21:30 h.
María Barbeito. Unha vida dedicada á escola e aos escolares. Ana Romero Masiá, historiadora, investigadora e ensinante.
María Barbeito Cerviño (1880-1970) foi unha destacada mestra e pedagoga coruñesa que desenvolveu o seu traballo nas Escolas da Garda desde 1901 ata que foi desposuída de todos os cargos a raíz do levantamento do 18 de xullo de 1936. O seu recoñecido prestixio estaba baseado nas experiencias que levou a cabo e na introdución de novos métodos pedagóxicos, ademais do labor que realizou en favor dos nenos e nenas das escolas públicas a través das cantinas e comedores escolares. A República destacouna nomeándoa un dos 10 mestres seleccionados en toda España co título de inspectora, o que concitou envexas que non a desanimaron a continuar co seu labor. Retirada forzosa do ensino, refuxiouse no traballo de traducir autores franceses.
Luns 5 de 19:30 a 21:30 h.
Da Cidade da Ilustración ao Polígono de Elviña: unha historia urbana da Coruña. José María Cardesín Díaz, sociólogo, profesor da UDC e investigador do Grupo Estudos Territoriais.
Entender as transformacións que experimentou a nosa cidade no curso de máis de dous séculos esixe combinar dúas perspectivas: a macro, encadrando as mudanzas no proceso de transición da cidade moderna a contemporánea en Europa; a micro, desenvolvendo unha metodoloxía baseada na cartografía histórica que nos permita analizar como aquel proceso cobrou corpo na Coruña.
Xoves 8 de 19:30 a 21:30 h.
Umha panorámica geral da historia do movimiento obreiro na cidade e as greves. Carlos Velasco, historiador, investigador e profesor da UDC.
No início da década de 1870 surgem na Corunha os primeiros gromos organizativos da classe operária vencelhados à Internacional (AIT), no contexto do Sexénio Democrático (1868-1873). Ultrapassada a fase mais duramente repressiva decorrente da implantaçom do regime da Restauraçom, o sindicalismo proletário de cariz mormente anarco-sindicalista consolida-se a partir da década de 1890, momento em que se produzem as primeiras greves de importância. Será na II República que o obreirismo corunhês alcance a sua maturidade, vertebrado maioritariamente em torno da Federaçom Local Obreira da CNT. Depois virá o desmantelamento por conta do fascismo e a recuperaçom na década de 1970.
Solicitada a homologación á Concellaría de Educación por 8 horas lectivas.
A actividade é de entrada libre para todo o público. Os/ as ensinantes terán dereito a certificado homologado e para iso deben inscribirse na web www.as-pg.gal apartado de formación. Hai unha reserva máxima dun 30% para aquelas persoas que nunca traballasen como docentes para a Consellería de Educación.
Organizan: AS-PG e A. C. Alexandre Bóveda
Pontevedra: presentación de Amada García e os seus arredores, de Bernardo Máiz
Vigo: presentación de A Revolución Soviética e a cuestión nacional, da revista Terra e Tempo
Sada: presentación de Meirás. Un pazo/un caudillo/un espolio, de Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo
Marga do Val: “Hai unha conexión moi clara entre Sobredo e a represión do 36”
Entrevista a Marga do Val en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Como transcorren os acontecementos de Sobredo (lugar da parroquia de Guillarei, en Tui)?
– Marga do Val (MdV): O día 28 o xuíz e a Garda Civil preséntanse en Sobredo para embargar os bens a un veciño que non pagou o foro. Tocan as campás das igrexas a rebato, para avisar de que chega a Garda Civil e o xuíz. É moi impresionante cando as xeracións das e dos maiores nos contan este feito, como se transmitiu ás familias e ás novas xeracións, trazan un relato épico que nos axuda a visualizar a xente traballando no campo, como deixa todo e vai correndo para Sobredo. Concentráronse alí máis de 2 mil persoas das parroquias da contorna. Foi terríbel a represión da forza pública. A garda civil a cabalo, disolvendo a manifestación a tiros, provocou que houbera varias persoas feridas. Tres persoas quedaron mortas no sitio –esta é a expresión se emprega no relato–, Cándida Rodríguez González, Joaquín Estévez Besada e Venancio González Romero. É moi curioso porque o nome de Cándida, na época, non se recollía en moitos lugares, aparecía na prensa “y una mujer”, o que dalgunha maneira nos fai ver como as mulleres aparecen silenciadas na historia aínda que sexan protagonistas de sucesos como estes. O acontecido chega inmediatamente a Madrid, ao Parlamento, e á prensa. Manuel Portela Valladares é a voz dese pobo masacrado en Sobredo e o no xornal Galicia temos a mellor crónica da época.
– SG: Cal é a relación que se estabelece entre o golpe de 1936 e a posterior represión e os acontecementos de Sobredo?
– MdV: Por exemplo, un neno de 14 anos caeu ferido e hai unha crónica de xornais da época que conta como o doutor de Tui, Alejo Diz, foi visitalo pola noite para atendelo na casa. Alejo Diz sería un dos médicos fusilados en Tui no 36. Hai unha clara relación moi ben estabelecida polo historiador Bieito Alonso entre os sucesos de Sobredo e os que van ocorrer en Tui a partir de 1936. É moi interesante porque moitas das persoas que van fusilar no 36 xa son detidas en 1922, por exemplo, Enrique Jaso Paz. En 1932 ergueuse o monumento, obra do escultor Camilo Nogueira, para conmemorar o décimo aniversario dos sucesos –entre os oradores do acto estaba Antón Alonso Ríos– e destruíuse con dinamita no 36. Rebentárono e alí quedaron as pedras, no chan, entre a herba. Esa destrución simbolizou a represión que padecería Tui a partir de entón.
O primeiro acto que se fixo foi no 86, con motivo dos 50 anos do derrubamento do monumento, pola entidade Xunta Xestora pro-reconstrución do Monumento aos Mártires de Sobredo. En 1987 fíxose o segundo acto de memoria e iniciáronse os traballos de recuperación. No 88 reconstruíuse o monumento aos mártires, obra de Enrique Velasco e a partir de 1989 cada ano faise esta conmemoración.”
Ourense: presentación de número monográfico sobre a Revolución de Outubro
Miguel Anxo Seixas: “A historia cultural é a gran carencia que ten a cultura galega”
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“O historiador defende a tese Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao. Biografía dun construtor da nación. Pode escoitarse aquí.”