Compostela: visita guiada ao Panteón Real da Catedral de Santiago, con Camilo Nogueira

“A A. C. O Galo convídate a ti e acompañante/s (sempre que non pasen de 3) á visita guiada que realizará ao “Panteón Real” da Catedral de Santiago. Nel atópanse os enterramentos de raíñas como Berenguela de Barcelona (casada con Afonso VII de Galiza e León) ou Xoana de Castro (casada con Pedro I de Castela), de reis como Fernando II de Galiza e León, Afonso VIII de Galiza e León e IX de Castela, e infantes e aristócratas das máis relevantes casas nobiliarias, como Raimundo de Borgoña.
As explicacións correrán a cargo de Camilo Nogueira Román, quen leva anos traballando encol dos primeiros tempos do reino galego e é autor de O Reino de Gallaecia, un estudo publicado por Edicións Xerais de Galiza, sobre a nosa historia durante a alta idade media.
A visita é de balde, só poden asistir a ela 25 persoas con máis de 9 anos de idade e celebrarase:
Día: xoves, 12 de abril de 2018. Hora de comezo: 18:30 h.
Lugar de encontro: Porta das Praterías da Catedral de Santiago ás 18:20 h.
Cómpre anotarse antes do 10.04.2018 ás 22:00 h. en ogalo.ac@gmail.com especificando o nome e apelidos, DNI, email e número de teléfono. O email e teléfono non o require a Fundación Catedral de Santiago, demandámolo nos para avisar ás persoas que ocuparán a praza que deixen libre aquelas que, despois de anotarse, nos comuniquen que non poden vir, cousa que, en caso de acontecer, vos rogamos encarecidamente que fagades canto antes. Como é habitual teñen preferencia as/os socios/os da AC. O Galo.
A lista de asistentes cubrirase dacordo á orde en que a citada asociación reciba os e-mails de cantas/os soliciten participar nesta 3ª visita guiada de balde, que neste ano 2018 organiza ao Panteón Real.”

Francisco Rodríguez: “Neste país o que hai é moita desmemoria histórica”

Entrevista a Francisco Rodríguez en Sermos Galiza:
“(…) Falamos con Francisco Rodríguez, un dos autores do monográfico Rebeldía galega contra a inxustiza: Salcedo, Oseira, Nebra, Trasancos, Sofán e Sobredo. Rodríguez escribe o capítulo ‘A revolta de Trasancos de 1918’, uns feitos aínda descoñecidos en grande medida, embora a súa importancia. “Nas revoltas pola carestía de 1918 en Barcelona participaron 500 mulleres. En Ferrol, con moita menos poboación, foron máis de 500. E con cortes de accesos e asaltos a trens, o que non se deu en ningún outro sitio”.
– Sermos Galiza: Como explica que uns feitos desta gravidade, cun número tan importante de mortes, puideran estar practicamente 80 anos agochados tanto na historia de Galiza como na memoria popular da comarca?
– Francisco Rodríguez: Dáse pouca importancia na historia de Galiza ao que é historia política, é dicir, os fenómenos sociais entendidos desde a súa dimensión ideolóxica e contestataria; interesa dar a imaxe de Galiza como país resignado. Nese esquema xeral para a historia de Galiza de ocultación, de agochamento, hai tres cuestións específicas neste caso particular.
Primeiro: todo o que acontece nesta comarca dentro da historia xeral de Galiza é moi pouco considerado, pártese do prexuízo de que isto é menos Galiza ou, se queres, que é unha finca do Estado español.
En segundo lugar, e derivado disto, Ferrol non pode relocer na historia de Galiza nin de España nada máis que naquilo que o coloque como apéndice de España.
E en terceiro lugar, a represión brutal que se deu e que acaba converténdose en autocensura social. Hai que ter en conta que houbo un golpe militar que afondou máis no esquecemento. Na II República ergueuse en Sedes un monumento aos mártires da Revolta de Trasancos e cando chegou o franquismo iso destrúese, o que acrecentou o temor que xa había.
Pero tamén teño que dicir que queda xente, pouca, que por tradición ou memoria familiar quedoulle a idea de que algo grave pasara, de que houbera mortos. (…)”