Con
motivo do terceiro cabodano, o recordado Ramiro Fonte será homenaxeado o próximo domingo 9 de outubro, ás 12:30 horas, na praza das Angustias (en Pontedeume), onde viviu durante a súa infancia. Alí descubrirase unha placa e leranse algúns dos seus poemas por Euloxio Regueira, Cristina Fraga, Ainé Chao Valera e Xosé María Álvarez Cáccamo. Neste acto participará tamén a súa compañeira, Elsa Baluja.
A iniciativa pretende ser unha reivindicación popular do valor literario deste autor e nace coa intención de converterse nunha cita anual. “Non nos gustaría que a súa obra puidese caer no esquecemento ou ser usada en beneficio de vaidades persoais ou de institucións”, indican os organizadores. “A súa obra é un patrimonio cultural. É de todos vós, lectores. E como amigos de Ramiro, queremos axudar a que a xente se achegue a ela e a coñeza”, engaden. “Ramiro teimaba en que a tarefa artística fose un camiño individual e libre, en que o intelectual non se deixase condicionar polos ditados do mercado nin servir intereses espurios”.
Este acto estará complementado por diversas actividades de divulgación da súa figura.
Arquivo da categoría: Homenaxes
Muxía: Teresa Moure, dentro da iniciativa Galería Mulleres
O
Concello de Muxía continúa coa iniciativa da Galería Mulleres, onde se destaca cada mes o labor dunha muller no mundo das artes, as letras, a ciencia, etc…., repartíndose cartazes e indicacións para informarse sobre ela ou acceder á súa obra. Con cada muller reséñanse os libros a disposición do/a usuario/a na Biblioteca da Muller, integrado dentro da Biblioteca Municipal do Concello de Muxía, escritos por ela ou que fagan referencia á mesma. Tras vinte meses de programa con protagonistas como María Lado, Rosalía de Castro, María Xosé Queizán, María Casares, Marilar Aleixandre, María do Carme Krukenberg, Luísa Villalta ou Leonora Carrington, este mes de outubro centrarase en Teresa Moure.
Vilalba: Antía Cal, Chairega de Honra
O
sábado 1 de outubro, ás 12:00 h., na Casa da Cultura de Vilalba, a Asociación Cultural Xermolos e a Irmandade Manuel María organizan un acto no que se nomeará a Antía Cal Chairega de Honra. Previamente terá lugar unha mesa redonda coa participación de Avelino Pousa Antelo, Xosé Neira Vilas, Carmiña de Soutomaior, Xosé Manuel Beiras e María Xosé Lamas, actuando como moderador David Otero. Posteriormente terá lugar un xantar no restaurante Nova Ruta de Vilalba, tralo que actuarán Mini e Mero. Para anotarse a comida, que custa 17 euros, os interesados deberán chamar o teléfono 646413890 ou ben enviar un correo electrónico á dirección xermolos@xermolos.org
Lourenzá: homenaxe póstuma a Francisco Fernández del Riego
O
venres 30 de setembro, ás 18:00 h., na Casa da Cultura de Lourenzá, o Concello desta vila organiza unha homenaxe póstuma a Francisco Fernández del Riego, que se desenvolverá no transcurso da XXI edición da Festa da Faba. Previamente, ás 17:00 h. oficiarase unha misa recordatorio e, de seguido, na praza do Conde Santo terá lugar unha ofrenda floral ante a súa estatua.
Profesores da Universidade de Santiago homenaxean a Juan José Moralejo
“Un
grupo de profesores da Universidade de Santiago ofreceron o xoves 22 de setembro unha homenaxe ao tamén profesor Juan José Moralejo Álvarez. A celebración tiña como motivo o 70º aniversario do doutor en Filoloxía Clásica, que foi profesor de numerosas promocións da Universidade compostelá. A homenaxe, que partiu dun grupo de docentes do Departamento de Latín e Grego, tivo carácter aberto, e fóronse sumando no salón de actos da Facultade de Filoloxía unha parte dos amigos, colegas e exalumnos do profesor que traduciu a Política de Aristóteles ao galego”. Vía La Voz de Galicia.
Gondomar: proxección dun documental en homenaxe a Álvaro Cunqueiro dirixido por Manuel Forcadela
O
venres 23 de setembro, ás 20:30 horas, no Aula de Cultura Ponte das Rosas (Avenida da Feira, 10) de Gondomar, terá lugar a presentación e proxección dun documental en homenaxe a Álvaro Cunqueiro a cargo do seu director, Manuel Forcadela. O acto está organizado pola Sección de Lingua e Literatura do Instituto de Estudos Miñoranos.
Cunqueiro. Estación Mondoñedo
Cunqueiro: estación Mondoñedo é
un ciclo de actividades culturais en homenaxe ó escritor Álvaro Cunqueiro, cun programa variado sobre a súa figura e a súa obra: teatro, poesía, gastronomía, vida tabernaria, maxia, fantasía, imaxinación, deseñado por aCentral Folque para o Concello de Mondoñedo.
Gondomar: recital poético, concerto e representación teatral en homenaxe a Álvaro Cunqueiro
O
venres 16 de setembro, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar, terá lugar un recital poético de textos de Álvaro Cunqueiro a cargo de Marta Dacosta e Rexina Vega, concerto musical baseado en textos de Cunqueiro a cargo de César Morán, acompañado polo contrabaixo de Alfonso Morán, e representación do prólogo do Incerto señor don Hamlet a cargo do grupo Non si Teatro. O acto está organizado pola Sección de Lingua e Literatura do Instituto de Estudos Miñoranos.
Vídeo do acto de homenaxe a Lois organizado pola Real Academia Galega en Monforte o 17 de maio
Vídeo do “Acto conmemorativo organizado pola Real Academia Galega coa colaboración do Concello de Monforte de Lemos, na honra de Lois Pereiro”, do pasado 17 de maio de 2011, realizado por Blogaliza.tv:
Vídeo do Vento Lois no Antigo Cárcere da Coruña, o 12 de maio
Vídeo do Vento Lois no Antigo Cárcere Provincial da Coruña o 12 de maio de 2011, coa música de Ulträqäns e Loretta Martin e a poesía de Cesáreo Sánchez Iglesias, Antía Otero e Xulio López Valcárcel, nun acto coa presentación de Xurxo Souto e Manuel Rivas. O vídeo foi realizado por Blogaliza.tv: