A Coruña: Gala homenaxe a Lois Pereiro, con poesía e música

O mércores 11 de maio, ás 20:30 horas, no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, 1) da Coruña, organizada pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda, terá lugar unha Gala homenaxe a Lois Pereiro, composta por un recital poético de compañeiros de Lois Pereiro no grupo De Amor e Desamor e un concerto de Manu Clavijo versionando obras do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.

VENTO LOIS no Monte Xalo (Cerceda), o domingo 8 de maio

O domingo 8 de maio ás 17:00 horas, no Petón do Monte Xalo (Cerceda), adianto do VENTO LOIS, organizado pola Asociación Cultural Lucerna, coa participación de Estibaliz Espinosa, Miguel Mato, Ramón Vilar e Samuel Paris, entre outros.
“‘O obxectivo ha ser sempre un Universo que se expande’, escribiu Lois Pereiro. Mais, por onde comezar a expandilo? Velaí a cuestión á que lle queremos poñer resposta desde a Asociación Cultural Lucerna, de Cerceda.
O Vento Lois anda soprando con forza en todos os recunchos do país. Ao noso concello tamén chegou algo desa brisa e empurrounos a artellar un novo xeito para expandir o universo. O lugar escollido? O Monte Xalo, un deses espazos onde peta ben o vento e desde o que polinizar o aire con palabras xeitosas para contribuír á expansión do universo.
En que consistiría exactamente o acto? Apoiándonos no vendaval que percorrerá o mundo o vindeiro 12 de maio convocado pola seita loisista leremos o Manifesto Loisista no Petón do Monte Xalo. De seguido abrirase un recital para compartir coas persoas que asistan e cos grandes bolos graníticos do Xalo poemas de Lois Pereiro, textos propios, mensaxes a/sobre Lois… Logo, a música pechará o acto para impulsar as mensaxes lanzadas ao vento do Xalo, contribuíndo así á expansión do Universo…
A devandita expansión do universo será gravada para compartila o 12 de maio con todo o planeta.
Gustariamos de contar coa túa presenza nesta homenaxe para participar na lectura do manifesto e no posterior recital. Agardamos a túa presenza para conseguir unha expansión do Universo potente e duradeira.’

Vilaboa, Culleredo: Encontro coa poeta Pilar Pallarés

O mércores 13 de abril, ás 20:00 h., na Biblioteca de Poesía Uxío Novoneyra (Pazo de Vila Melania, Vilaboa, Culleredo), terá lugar un Encontro-homenaxe coa poeta Pilar Pallarés, no que intervirán, acompañando á autora, Celestino Poza, Miguel Anxo Fernán Vello e Carlos Pereira Martínez. No acto haberá unha actuación do “Dúo de guitarra e voz” do Conservatorio de Música de Culleredo, a cargo de Cristina López Fraga, voz, e Antía Seijas Vieites, guitarra.

Santiago: Homenaxe a Xosé Neira Vilas

Crónica posterior en La Voz de Galicia e Galicia Confidencial.

A Coruña: recital Cinco poetas con Cunqueiro

O domingo 10 de abril, a partir das 19:00 h., na Taberna de Cunqueiro (Rúa da Estrela, 22) da Coruña, e con entrada libre, finaliza o ciclo Cinco días con Cunqueiro, organizado pola Concellaría de Cultura da cidade en homenaxe ao autor mindoniense, do que este ano se cumpre o centenario do seu nacemento, co recital Cinco poetas con Cunqueiro, coa participación de Yolanda Castaño, Antón Reixa, Xavier Seoane, Lino Braxe e Rómulo Sanjurjo, unindo poesía e música.