Homenaxeamos un bo e un xeneroso, discurso de Cesáreo Sánchez Iglesias na entrega do Premio Bos e Xenerosos a Francisco Carballo, o 3 de marzo de 2012

DesdeFrancisco Carballo Sermos GalizaCesáreo Sánchez Iglesias:
En 2012 Francisco Carballo recibiu a distinción Bos e Xenerosos que outorga a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Reproducimos aquí o discurso que con tal motivo pronunciou o seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias.

“Amigas e amigos, querido Francisco Carballo.
Homenaxeamos hoxe un Bo e Xeneroso, un dos que día a día e en cada tempo histórico de vagariño fundan a nación, como nos lembra o noso himno nacional. Reunímonos hoxe aquí en homenaxe a un dos homes que constrúen á par que contan e fan a luz sobre a nosa memoria colectiva. Un dos que, de alma xenerosa, entregan á terra dos galegos e das galegas a bondade do seu traballo, do seu coñecemento, coa fortaleza da humildade como valor inmenso.
Dinos o Profesor Francisco Carballo:
Galiza é a miña patria. Nela acumúlanse sentimentos familiares e de pertenza a un colectivo. É a miña referencia: a terra nai en si e a súa cultura.
Desde esta referencia aproxímase ao noso ser colectivo. É un historiador que nos di:
Precisamos liberarnos dunha historia imposta e coñecer a propia historia de Galiza.
Francisco Carballo é fillo do humanismo e da Ilustración. Dela dinos que os ilustrados reivindicaron Galiza como reino de cultura e lingua propias, e lévao a afirmar que moitos galegos están colonizados ou asimilados. Ora ben outros galegos non o estamos.
Dinos:
Sería fonte de vida e de ilusión darse de conta de que (os galegos e galegas) son un astro por si mesmos.
Os arredor de vinte anos que compartín con Francisco Carballo no proxecto d’A Nosa Terra, permitíronme poder partillar con el o seu maxisterio humano, a súa sabedoría, permitíronme poder reflexionar con el, partillar soidades creadoras, fraternas, de amigo, de irmán maior se el me permite a expresión. Quizais por iso nas nosas comunicacións, dende a nudeza do humano, sempre estivo presente o pensamento reflexivo sobre a realidade nosa, sobre os proxectos colectivos que compartimos, no día a día da nosa nación. Foi para min a man comprensiva e xenerosa para que nunca faltara o necesario alento, para que nunca nos apreixara a man da desesperanza.
Desculpádeme esta breve referencia persoal de gratitude, na miña comunicación con Francisco Carballo, pois el achegoume sempre a necesaria luz no andar do camiño, cando o mal vento mollaba as nosas azas.
Na súa compaña un sabe que a nosa nación ou é pobo ou non será, pola mesma razón que aquilo que é alicerce, pedra basilar do noso futuro, só pode ser construído con proxectos colectivos. O seu labor de historiador, o seu maxisterio cara aos máis novos fixo que, dende o ensino medio, alimentara unha nova forma de ollar a historia, nun tempo no que a universidade non cubría totalmente as necesidades da nosa historiografía nacional; aínda segue sen as cubrir totalmente.
Quizais podería ficar esta loanza miña no ámbito da súa humanidade como persoa, que para min é o grande tesouro do home -que a sociedade actual, depredadora, non valora e nega-; mais el -fillo do humanismo mais ilustrado, como comentei- para crear un corpus teórico que afortale os esforzos organizativos do nacionalismo, fálanos da historia dunha Galiza como nación, como pobo, e dinos que un nacionalismo das clases pobres de orixe marxista e popular tan forte como o caso galego escasea no estado español, e sitúase, claramente, en relación a outros posicionamentos da historiografía, definindo de xeito fulcral a relación entre a nación e o nacionalismo, e así dinos:
Non vexo que o nacionalismo invente as nacións sen máis, senón que as transformacións da sociedade e a secularización polos ilustrados desa sociedade traen a conciencia para que poidan aparecer esas reivindicacións das nacións.
Da política dinos:
Vivo amo, sinto e aprecio a política. Estou en contra dos que desvalorizan a política. En canto que me é posíbel, no marco que vivo, axudo en todo o que podo.
Para nos achegar a Francisco Carballo, podemos ollar reflectidas múltiplas facetas da súa personalidade nas súas entrevistas, unha que é das máis importantes da súa vida: a súa fe cristiá e o seu vivir nunha comunidade relixiosa, que el nos define como entrega á experiencia de Deus, á defensa dos débiles. Á responsabilidade única da súa conduta, á experiencia do propio, aos necesitados e á loita pola xustiza. Igrexa é subversión, Igrexa é protesta das inxustizas sociais, Igrexa é oferta de esperanza.
Dinos:
A función da misión cristiá, se quer ter sentido, é a critica ao poder. Se o poder é opresor ten que ser crítica desapiadada; se o poder se modera, poderá dialogar con el.
Ou dinos tamén:
O poder quere dominar todo e busca fórmulas de dominio. Apodérase do relixioso para ter máis poder aínda, pero o que é relixioso auténtico non pode deixarse manipular.
Francisco Carballo coincide cos teólogos da teoloxía da liberación en que salva o home polo seu compromiso cos dereitos humanos e pola súa ética. Que defende a necesidade de loitar contra das inxustizas, de dar exemplo de loita contra da pobreza e de aproximación ao pobo oprimido.
Situado claramente nunha Igrexa na liña de inculturación na Galiza fronte á outra de españolidade e tradición. Dinos:
O valioso está en comunicar o coñecemento.
El é un grande comunicador ou divulgador do saber porque, como tamén practica, o pensamento ou a ciencia son para transformar o mundo. Fálanos desta transformación apoiada no valor do ser humano, da súa dignidade igualitaria no fundamental.
Do noso dereito a determinarmos o noso futuro fálanos na clave de que non podemos renunciar ao xa conquistado para afortalar a nosa identidade nacional na que sempre está presente unha sociedade libre e igualitaria, sendo necesaria a nosa intervención nas máis diversas institucións e estar activamente nos grupos que traballan por unha Europa dos pobos e do acceso destes a nacións.
No seu traballar día a día, no seu desenvolver o pensamento, el dinos que urxe tanto a mellora económica como a cultural do conxunto, empezando polos peor dotados. Temos que ollar onde están os movementos sociais de resistencia á dominación para dialogar ata lograr puntos comúns.
E para finalizar esta breve intervención fágoo cunhas súas palabras que subscribo en todas e cada unha das súas sílabas e do seu sentir:
Amo a miña patria, Galiza: o seu mar salobre dos poemas de Manuel Antonio e Eduardo Blanco Amor; a liberdade da estirpe que di Méndez Ferrín; a esperanza dun pobo enaltecido por Rosalía e Castelao. Levo nos ollos a melancolía de Virxilio, de Bernanos, dos dramas procelosos de Sófocles e Shakespeare.
Parabéns, querido amigo e compañeiro, por este humilde agasallo de afecto e de recoñecemento do teu labor por todos os desposuídos desta terra.”

Ourense: Xornadas Eduardo Blanco Amor no 35º aniversario do seu pasamento

2014 12 Xornadas Blanco Amor 12014 12 Xornadas Blanco Amor 2

Ourense: acto literario do Centro PEN Galicia en homenaxe a Eduardo Blanco-Amor

DesdeEduardo Blanco Amor El Correo Gallego:
“Nesta XI edición, 35 aniversario do pasamento do ilustre ourensán, respondendo ó chamamento do Parlamento de Galicia que, por unanimidade dos grupos da Cámara, declarou 2014 como Ano Blanco-Amor, a actividade promovida polo PEN terá lugar o luns 1 de decembro, ás 12:00 h, no cemiterio de San Francisco, en Ourense. (…). Este é o programa:
– Saúdo e benvida: Luís González Tosar (Presidente do Centro PEN Galicia).
– Palabras de Siro López: Algúns aspectos do humor de EBA.
– Lecturas a cargo das alumnas e alumnos.
– Breves intervencións de:
Víctor F. Freixanes (Director da Ed. Galaxia).
– Xesús Alonso Montero (Presidente da RAG).
– Ana Garrido (Concelleira de Cultura).
– Rosendo Fernández (Vicepresidente da Deputación de Ourense).
– Jesús Vázquez Abad (Conselleiro de Cultura, Educación e Ord. Univ).
Finalizará cunha ofrenda floral.

Compostela: presentación de Letras nómades, coordinado por Ana Acuña, e homenaxe a Begoña Caamaño

O Ana Acuña Letras nómadesvenres 21 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Letras nómades. Experiencias da mobilidade feminina na literatura galega, coordinado por Ana Acuña, e editado por Frank & Timme. O acto, que contará coa presenza da coordinadora do volume, así como das colaboradoras Manuela Palacios, Olivia Rodríguez, María Xesús Nogueira e Susana Sánchez Arins, finalizará cunha lectura colectiva do texto Viaxar para ler o mundo. Viaxar para lerme, de Begoña Caamaño, incluído no volume.

Mondoñedo: entrega do III Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro

O III Premio Leiras Pulpeirosábado 15 de novembro, en Mondoñedo, terán lugar varios actos en relación á entrega do III Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro. Os actos serán os seguintes:
12:00 h. Recepción oficial na Casa do Concello de Mondoñedo.
12:15 h. Ofrenda floral ante a tumba de Manuel Leiras Pulpeiro.
12:45 h. Entrega dos premios do III Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, no Salón de Plenos do Concello.

A Coruña: XVIII Memorial de teatro Ibán Toxeiro

OA. C. Alexandre Bóveda xoves 13 de novembro, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda organiza o XVIII Memorial de teatro Ibán Toxeiro, que contará coa participación de:

– Grupo de Teatro da A. C. Alexandre Bóveda, coa obra Palabras de víspera, de Álvaro Cunqueiro;
– Grupo de Teatro Valacar da ONCE, coa obra Orientación, de Antonio Gelpí.
– Bucanero, coa obra Horario de visitas, de Ettore Buch.
– La Tuerka 27, coa obra Ascensores, de Alfonso Zurro.
– Espello Cóncavo, coa obra Occidente, de Lino Braxe.
– Música co pianista Antonio Rumbo.
Premio Ibán Toxeiro pola súa aportación ao teatro a Francisco Pillado.
– Presenta: Juan Fernán.
– Dirixe: Lino Braxe.

Será ás 20:30 horas, con entrada libre e gratuíta.

Láncara: entrega do XIII Premio Ramón Piñeiro Facer País a Marica Campo, o domingo 26 de outubro

146_68207_Invitacion_Pin_eiro_Marica Campo Piñeiro