A Coruña: recitado poético en homenaxe a Antón Avilés de Tamarancos e ao Día Internacional da Poesía

O mércores 21 de marzo, ás 20:30 horas, no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos) da Coruña, terá lugar un recitado poético organizado pola A. C. Alexandre Bóveda co que se conmemora o Día Internacional da Poesía e tamén homenaxear a Antón Avilés de Taramancos. No acto participan, entre outros, Miguel Mato, Henrique Rabunhal, Olga Patiño, Lino Braxe, Dores Tembrás, Xulio López Valcarcel, Diana Varela, Xoán Abeleira ou Xosé Manuel García.

Francisco Carballo: “Galiza é o obxecto dun experimento para destruír as bases da súa identidade”

Desde Dioivo:
“Quizais a vontade de se liberar dunha historia imposta sexa a arela que vertebra o titánico traballo de Francisco Carballo (Maceda, 1925) nun tempo no que, como onte lembrou o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, “a Universidade non cubría as necesidades da historiografía nacional”. Esa entrega á constitución dun relato propio da historia galega e a revindicación do cristianismo como espazo de loita contra as inxustizas, e mesmo de subversión e crítica ao poder, atravesan a traxectoria vital e profesional de Francisco Carballo, quen onte acolleu emocionado o premio Bos e Xenerosos.
“Galiza é o obxecto dun experimento para destruír as bases da súa identidade”, dixo. Denunciar o presente e o pasado desa destrución, desde os Trastámara até Xoán Carlos I, é para Carballo o obxectivo sobranceiro dos historiadores galegos. E nese papel constituíuse el mesmo como referente. Confirmábao Anselmo López Carreira, quen o coñece desde 1978, “desde as primeiras reunións que tivemos para elaborar o manual de Historia de Galicia que en 1979 impulsou a ANPG”. Entre os rasgos persoais de Carballo, López Carreira lembrou a súa “honestidade persoal, a fidelidade cos proxectos que emprendeu e o seu compromiso social”. O convivio deses valores desemboca na figura humana deste renovador da historiografía galega, cuxos traballos conectaron a Galiza dos sesenta co labor silenciado de Otero Pedrayo e Ferro Couselo, elos perdidos do esplendente pasado do Seminario de Estudos Galegos. Á fronte dunha xeira de novos investigadores universitarios, Carballo amparou e asinou publicacións de referencia no eido da historiografía, a través da editora do semanario A Nosa Terra -aventura editorial que el mesmo refundou en 1977 e que chegou a presidir-, como foron a Historia Xeral de Galiza (1997) ou a colección de manuais especializados da colección A Nosa Historia. (…)
“Somos un país ao que se lle quere impoñer unha cultura, destruíndo a que el xerara e quería continuar”. O redescubrimento desa cultura propia e abatida, o coñecemento dese país, fía todo o labor como investigador historiográfico de Francisco Carballo, quen decidíu tamén afondar na historia da Igrexa galega para, simplemente, “coñecer se a Igrexa pagaba ou non a pena, se merecía aceptación ou era digna de reproche. Eu busquei na Historia a miña resposta…”. Esa reposta ten a ver cunha división que Carballo fixo onte expresa: “a cúpula eclesiástica, que é un problema máis ca unha solución” fronte ao cristianismo de base que é, para o historiador, un elemento “positivo, unha forza viva e rexeneradora”.”

Unha coroa de loureiro para Ramón Cabanillas

Desde Cultura Galega:
“Foi a última homenaxe en vida ao poeta Ramón Cabanillas. No ano 1958, no Paseo do Espolón de Padrón, os intelectuais Paulino Pedret, Aquilino Iglesia Alvariño e Ramón Otero Pedrayo glosaron a obra do poeta cambadés. O acto rematou coa entrega da coroa de loureiro a Cabanillas, xa moi maior. O Arquivo Sonoro de Galicia publicou no ano 1999 este documento sonoro, que fai o número 17 da colección As nosas voces que estamos a dixitalizar.”

Muxía: Aurora Marco na Galería de Mulleres no mes de marzo

O Concello de Muxía continúa coa iniciativa da Galería de Mulleres, onde se destaca cada mes o labor dunha muller no mundo das artes, as letras, a ciencia, etc…., repartíndose cartaces e indicacións para informarse sobre ela ou acceder á súa obra. Con cada muller reséñanse os libros a disposición do/a usuario/a na Biblioteca da Muller, integrado dentro da Biblioteca Municipal do Concello de Muxía, escritos por ela ou que fagan referencia á mesma. Este mes de marzo centrarase en Aurora Marco.

Ofrenda floral a Cunqueiro en Mondoñedo

“Como cada 28 de febreiro dende hai trinta anos, o pasado martes o Concello de Mondoñedo levou a cabo unha ofrenda floral ao escritor Álvaro Cunqueiro coincidindo co seu trixésimo primeiro cabodano. Con tal motivo, ás 11:30 h. desprazouse ata o cemiterio vello desta localidade unha comitiva da que formaban parte o rexedor e diversos edís mindonienses, amais dunha nutrida representación da corporación ferrolá, cidade coa que Mondoñedo está irmandada.
Presidindo a comitiva figuraba o profesor e crítico, tamén mindoniense, Armando Requeixo, quen foi o encargado este ano de oficiar de mantedor da ofrenda, na que se depositou unha rosa vermella na tumba do poeta Manuel Leiras Pulpeiro —de quen se cumpre este ano xustamente un século do seu pasamento— para logo pronunciar unhas breves palabras de recordo e homenaxe diante da tumba de Álvaro Cunqueiro ao tempo que se dispuñan ao pé desta diversos centros florais. A seguir, a comitiva trasladouse ao Salón de Plenos do Concello de Mondoñedo, onde o mantedor do acto pronunciou ás 12:15 h. unha breve alocución baixo o título de Álvaro Cunqueiro: mindoniense irrefutable, que foi seguida dunha lectura pública do poemario Herba aquí ou acolá á que o propio orador deu comezo e na que interviñeron autoridades e numeroso público asistente.” Desde Galicia Confidencial.

Santiago: Picaversos especial en homenaxe a Wislawa Szymborska

O martes 28 de febreiro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Especial Wislawa Szymborska, onde participarán Piedad Cabo, Olga Novo, Alicia Fernández e Paula Carballeira poñendo voz aos poemas da poeta, ensaísta e tradutora polaca.

“Rosalía era a voz dos silenciados, das maltratadas, da lingua, era a voz que falaba por todos”

Desde Praza:
“Este venres cúmprense exactamente 175 anos do nacemento de Rosalía de Castro e para celebralo a Asociación de Escritores en Lingua Galega organizou un feixe de actividades de todo tipo e en todas as direccións, animando ademais á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor. Dende hai semanas, ademais, foilles remitindo aos concellos de todo o país solicitudes para que os plenos municipais aprobasen mocións declarando este 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro. (…)
Como salienta Mercedes Queixas, os actos organizados nacen con vocación de ser moi “sociais” pois “a obra de Rosalía está concibida para o pobo, para a sociedade galega”. O obxectivo é “achegar a obra de Rosalía todos os galegos, sobre todo os máis novos, que hoxe coñecen unha Rosalía que non foi a que estudamos durante moitos anos. Os estudos de diferentes investigadores nos últimos anos fóronnos colocando ante unha Rosalía moito máis auténtica, con maior personalidade, unha muller culta, loitadora, vangardista…, algo moi diferente a aquela Rosalía simple, chorona, populista…, que outras xeracións estudamos”.
Queixas afirma que “Rosalía tiña un país na cabeza que non era a que daquela había e ela ergueuse convencida como a voz do pobo, dende unha posición consciente de certo prestixio ou con maior facilidade para chegar á sociedade. Era a voz dos oprimidos, dos silenciados, das maltratadas, das nunca valoradas, das invisibilizadas, das mulleres, da lingua, era a voz que falaba por todos”. E conclúe: “precisamos voces que nos recorden que non existe aínda o equilibrio para a sociedade, nin para o xénero, nin para as linguas, que hai unha lingua propia e oficial que segue sendo invisibilizada e marxinada”. (…)”.