Compostela: A literatura infantoxuvenil galega e as aulas. A escrita de Xosé Neira Vilas, con Armando Requeixo

Esta actividade enfócase como continuación dos Cursos de Formación. Os camiños nas narrativas literarias e artísticas da Literatura Infantil e Xuvenil, dado que desde 2020 non se levaron a cabo no seu formato habitual anterior.

Está orientada á formación do futuro profesorado de Educación Infantil e Primaria, e a todo tipo de mediador/a, no seu quefacer profesional no marco de ámbitos básicos como son a formación artístico-literaria e a comprensión e expresión escrita e lectora.

Terán lugar estes encontros:

– Santiago. O 2 de novembro, ás 12:00, na Aula 12 da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) da Universidade de Santiago de Compostela: Conferencia A literatura infantoxuvenil galega e as aulas. A escrita de Xosé Neira Vilas, por Armando Requeixo, presentado por Carmen Ferreira Boo.

– Santiago. O 3 de novembro, ás 19:00, na Aula 1 da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) da Universidade de Santiago de Compostela: Conversa con Antía Yáñez, presentada por Marta Neira Rodríguez.

Nos tres casos, a entrada será libre até completar a capacidade.

Iria Misa: “Toda a industria pornográfica actual está pensada para captar os adolescentes e mantelos enganchados á pantalla o maior tempo posíbel”

Entrevista de Tensi Xesteira a Iria Misa en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): O libro Mamá, quero ser Ziggy Stardust supuxo un antes e un despois na súa carreira literaria. Que lle deu esta historia?
– Iria Misa (IM): Si que teño esa sensación. Cando escribín esa novela fun consciente de que dera un paso máis e decateime de que tiña unha boa historia. Antes de que saíse xa espertaba moito interese e aí sentín o agarimo que colle a xente cando unha obra lle gusta moito. Deume moitas satisfaccións, aínda que atopou dificultades e reticencias dalgúns sectores porque trataba o tema da realidade trans en crianzas. Pero o libro funcionou tan ben e fun a tantos coles que houbo momentos nos que mesmo me sentín como unha rockstar. Recibíanme dunha maneira os nenos nos coles… O libro, ao final, trata de algo que nos pasa a todos, porque todos nalgún momento nos sentimos diferentes e queremos que nos entendan. Foi un antes e un despois na miña carreira, un libro significativo.
– ND: Comeza o seu libro máis recente, Só para adultos, cunha cita de Leticia Dolera que di que é urxente tratar a relación do porno cos rapaces. Por que esta cita e por que tan de cheo no libro? Que sentido lle quería dar?
– IM: Cando lin este chío de Leticia Dolera decateime de que ela estaba a traballar en algo similar ao que a min me roldaba pola cabeza, que era como a rapazada se estaba empezando a relacionar no sentido sexual. Eu comezaba a percibir que estaban sucedendo cousas moi diferentes ao que nós poderiamos agardar ou ao que viviramos cando adolescentes. E impactoume moito porque o dixese tan claro. Porque eu tiña claro que algo estaba sucedendo pero aínda non dera co motivo nin coas palabras, e ela puxo o foco. Por iso quixen abrir o libro con esa cita. (…)”

Soledad García Riveiro: “Os premios danme forzas para seguir loitando por un mundo máis xusto e humano”

Entrevista de Jose Antepazo a Soledad García Riveiro en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): O seu proxecto Emocionaria. Un conto, unha emoción cumpre cinco anos. Que cambiou desde os seus inicios ata hoxe en día?
– Soledad García Riveiro (SGR): Sobre todo, cambiou a ilustración. Agora fago todo eu en solitario: escribo, ilustro, maqueto, difundo, organizo os eventos… É unha loucura de traballo. Facendo balance e mirando para atrás, non sei como fun capaz de chegar a tanto. Aproveito todo o tempo libre que teño, é a miña paixón.
Hai moito dos meus pais en Emocionaria. Eles son os meus grandes referentes e ensináronme o valor da nobreza, do traballo duro, da humildade e de facer as cousas con corazón. Ese legado camiña con cada paso que dou. (…)
– FV: Facendo alusión ao nome, se tivese que describir estes cinco anos de Emocionaria cunha emoción, cal sería?
– SGR: A alegría. Cada vez que a un neno lle gusta un dos meus libros ou está a signar e cantar comigo nas presentacións é incrible. O outro día, ao rematar o contacontos unha nena abrazoume como se non houbese mañá e iso para min foi impresionante. Esa sensación de que uns nenos que non che coñecen de nada veñan a abrazarte é marabilloso, así que quédome coa alegría seguro. (…)”

Ourense: Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil 2026: Medo me dá! Ler para esconxurar as sombras. Fina Casalderrey: “A xoaniña que bebeu na folla”, o 29 de outubro

A edición de 2026 do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil vai ter lugar baixo o título xeral de Medo me dá! Ler para esconxurar as sombras. A AELG colabora con esta actividade ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral da Lingua.

O Ciclo está coordinado por Isabel Mociño González, Carla Míguez, María González Cerdeira e María Vázquez Fernández (Facultade de Educación e Traballo Social, Campus de Ourense – Universidade de Vigo).

A última sesión será o día 29 de outubro de 2026, ás 18:00 horas, na sala Emilia Pardo Bazán da Facultade de Educación e Traballo Social, no Campus de Ourense.

A inscrición é de balde e pode facerse aquí.

Está en proceso o recoñecemento de 15 horas de créditos de libre elección.

O programa é o seguinte:

29 de outubro
Fina Casalderrey
A xoaniña que bebeu na folla

A Coruña: Contos para acabar con algún medo, con Paula Carballeira

O 24 de outubro, ás 12:00 horas, no salón de actos na Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña (Rúa Miguel González Garcés, 1), terá lugar o contacontos Contos para acabar con algún medo, a cargo de Paula Carballeira, con entrada libre até completar a capacidade da sala.

Lugo: Conversa con Antía Yáñez, o 22 de outubro

Esta actividade enfócase como continuación dos Cursos de Formación. Os camiños nas narrativas literarias e artísticas da Literatura Infantil e Xuvenil, dado que desde 2020 non se levaron a cabo no seu formato habitual anterior.

Está orientada á formación do futuro profesorado de Educación Infantil e Primaria, e a todo tipo de mediador/a, no seu quefacer profesional no marco de ámbitos básicos como son a formación artístico-literaria e a comprensión e expresión escrita e lectora.

Terán lugar estes tres encontros:

– Lugo. O 22 de outubro, ás 13:30, na Aula 29 da Facultade de Formación do Profesorado (Campus Lugo) da Universidade de Santiago de Compostela: Conversa con Antía Yáñez, presentada por Rocío García-Pedreira.

– Santiago. O 2 de novembro, ás 12:00, na Aula 12 da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) da Universidade de Santiago de Compostela: Conferencia A literatura infantoxuvenil galega e as aulas. A escrita de Xosé Neira Vilas, por Armando Requeixo, presentado por Carmen Ferreira Boo.

– Santiago. O 3 de novembro, ás 19:00, na Aula 1 da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) da Universidade de Santiago de Compostela: Conversa con Antía Yáñez, presentada por Marta Neira Rodríguez.

Nos tres casos, a entrada será libre até completar a capacidade.