Ferrol: actos destacados do venres 21 na Feira do Libro

O venres 21 de abril continúa a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:00 h. Presentación de Anatomía da lingua (Lingua de amar, lingua de amor), de Antón Cortizas, coa participación do ilustrador Leandro Lamas.
20:00 h. Bernardo Maiz presenta o seu libro Amada García e os seus arredores, publicado por Embora.

Raúl Gómez Pato: “Cando escribes poesía para nenos, tes que entrar no seu universo e amoldarte”

Entrevista a Raúl Gómez Pato en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Que sentiu ao escoitar os seus poemas musicalizados por primeira vez [Cousas de papá]?
– Raúĺ Gómez Pato (RGP): Cando vou recitar un poema sempre digo que a música de Héctor o mellorou sustancialmente. Ao escoitalo por primeira vez, pensei que o poema estaba moi mellorado. Se a iso lle unimos as ilustracións, a sensación que tes como escritor é o dobre de gratificante.
– LVG: É profesor. ¿Len os nenos menos do que deberían?
– RGP: Na actualidade hai moitas actividades vinculadas coa lectura como os contacontos, que acostuman a estar cheas. Ao que non están acostumados, sen embargo, é a poesía. É curioso porque os nenos quédanse moito mellor cos versos. Pode verse nas cancións, facilítalles moito a tarefa de memorizar.
– LVG: ¿Son un público esixente?
– RGP: Para min e moito máis difícil escribir para o público infantil. Se escribes para adultos falo pensando no teu propio universo pero cando escribes poesía para nenos tes que introducirte no seu universo e amoldarte. A maiores, os nenos teñen moi claro o que lles gusta e o que non. (…)”