Salceda: presentación de O corazón da maxia, de Xavier Estévez

OXavier Estévez venres 17 de abril, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura de Salceda, terá lugar a presentación do libro O corazón da maxia, de Xavier Estévez, publicado en Xerais, nun acto coorganizado pola editora e o Concello de Salceda. Participa, xunto ao autor, Manuel Bragado.

Pontevedra: actividades do xoves 16 na Feira do Libro

OFeira do Libro de Pontevedra 2015 xoves 16 de abril continúa a Feira do Libro de Pontevedra (na Praza da Ferrería, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa: Feira do Libro de Pontevedra 2015:

19:00 h. Manuel Lourenzo González asinará na caseta da Libraría Paz.
20:00 h. Elena Gallego Abad presenta Dragal IV. A estirpe do dragón, publicado en Xerais. Participan, xunto á autora, Manuel Bragado e Pablo García Freire (de Lectureka).

Pontevedra: actividades do mércores 15 na Feira do Libro

OFeira do Libro de Pontevedra 2015 mércores 15 de abril continúa a Feira do Libro de Pontevedra (na Praza da Ferrería, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa: Feira do Libro de Pontevedra 2015:

18:00 h. Contacontos de Miguel Ángel Alonso Diz arredor dos libros de Nova Galicia.
18:45 h. Lectura pública de libros de Fina Casalderrey e sinatura de libros.
20:00 h. Manuel Portas presenta o seu libro Amor en alpargatas, publicado por Edicións Xerais. Acompáñano Susana Pedreira e Manuel Bragado.

Elena Gallego Abad: “A historia de Dragal dá para tres triloxías”

EntrevistaElena Gallego de César Lorenzo Gil a Elena Gallego en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): A receita, daquela, para os escritores galegos, é a perseveranza no traballo “comercial”?
– Elena Gallego (EG): No meu caso foi así. Non podes unicamente pensar en escribir boas historias, tes que pensar que a túa obra é coma un fillo, que precisa coidados, atención, que te preocupes por ela, que fagas todo o posible polo seu benestar. Eu sempre considerei fundamental atender os lectores nas redes sociais, visitalos nos centros de ensino, facer presentacións, que me consideren unha persoa accesible coa que comunicarse… E por outro lado, sempre estou intentando abrir mercado. A serie de Dragal está en Alemaña, en Italia, no Xapón, no Brasil e en Portugal. Confío que co tempo se publique neses países e incluso noutros. Ás veces paso as mañás enteiras ao teléfono con editores. (…)
– B: Seguro que ten reflexionado sobre cal é a “fórmula” do éxito de Dragal.
– EG: Coido que pode haber varias razóns pero a miña análise non é previa; non nace dun deseño. Cando me poño a escribir só teño dúas cousas en mente: que nunha saga, é imprescindible que cada novo título sexa mellor ca o anterior e que a miña fidelidade é co lector; un lector que non se deixa enganar, que sabe moi ben o que quere, que é esixente, que bufará de rabia se o texto non está á altura das súas expectativas.
– B: Íame dar o resultado desa análise a posteriori.
– EG: Si. Digo que visto o resultado, Dragal é unha serie que empata moi ben con persoas que len pouco, en moitos casos rapaces que nunca leran nada anteriormente e que encontran nestes libros os alicientes necesarios para engancharse. Cada libro facilita esa “dependencia”, primeiro polas técnicas que emprega: capítulos breves que sempre rematan en alto, que “esixen” continuar a lectura. Segundo, pola mestura de xéneros. Eu fun sempre unha devoradora de libros e esas lecturas acaban por formar parte dos meus textos. Recoñezo que tirei cousas d’Os Cinco, de Enid Blyton, de Viaxe ao centro da Terra, de Jules Verne… Hai aventura, hai amor, hai relato fantástico e novela histórica… E terceiro, porque a narración é realista. (…)
– B: De canto lle valeu esa aprendizaxe na narrativa para mozos cando publicou Sete Caveiras (Xerais), unha novela negra para adultos?
– EG: De moito. Tanto no proceso de escrita coma no de promoción. Sete Caveiras foi un libro que me fervía e escribino moi rápido. Funcionou moi ben. Xa vai pola terceira edición e estou en negociacións cunha editorial para lanzar unha versión en francés. Serviu ademais para rachar certos preconceptos sobre Dragal. Como é unha serie pensada para o público mozo, moitos lectores adultos tiñan reparos en achegarse. Logo de leren a miña outra novela foilles máis fácil. (…)”

A Coruña: presentación de Coller as rendas, de Yolanda Castaño

OYolanda Castaño sábado 11 de abril, ás 18:30 horas, na FNAC da Coruña (Praza de Lugo, s/n), terá lugar o contacontos para pequen@s lector@s arredor do libro Coller as rendas, de Yolanda Castaño, ilustrado por Xosé Tomás, publicado por Xerais.

Agustín Fernández Paz presenta un novo libro infantil: Amizades secretas

DesdeAgustín Fernández Paz 2 o Zigzag da Televisión de Galicia:
“Nova obra dun dos grandes autores galegos de literatura infantil: Agustín Fernández Paz. A fascinación dos nenos e nenas polos animais é o eixe de Amizades secretas, unha narración que ten a orixinalidade de estar contada desde unha dobre perspectiva: a da familia dos ratos e a das persoas.” A entrevista pode verse completa aquí.

María Canosa, 6 libros por ano

DesdeMaría Canosa La Voz de Galicia:
“Tempo de nacer e tempo de morrer; tempo de plantar e tempo de colleitar; tempo de laiarse e tempo de bailar; tempo de chorar e tempo de rir… A longa letanía sobre os tempos é un clásico do libro do Eclesiastés que segue a ser válida. Así, para María Canosa (Cee, 1978), «os tempos da escrita nunca se corresponden cos da edición». Un exemplo do que di é que no último ano a escritora publicou seis títulos, un deles en tres linguas distintas. Isto pasou porque fóronselle acumulando orixinais: «Vagalume de versos (Galaxia) levaba catro anos desde que foi aceptado na editorial e Druídas (Embora) publicouse aos poucos meses; cada un ten o seu tempo, todos acumulan retraso».
Canosa leva 21 libros publicados e parécelle pouco probable outro ano con seis títulos, un feito debido «non a que fose máis produtiva escribindo, senón publicando». Agora ten máis orixinais xa rematados, pero algúns non os quere publicar: «Son moi persoais, outros son poemas… Ás veces fago limpeza do que teño e desboto: necesito distancia de lectora para autocorrixirme e autocriticarme». A diversidade é unha das características destes seis títulos: «Son todos moi distintos», asegura. Así, Papá que son os sorrisos? (Galebook) «é o primeiro libro en formato dixital para min». É un álbum ilustrado por Dani Padrón que sae en dobre formato: papel e electrónico.
A filla da escritora protagoniza Ana xa chegou (Everest), «un álbum ilustrado tamén por Padrón que conta os primeiros pasos no mundo dun bebé, Ana, pero dende a óptica dun dos seis primeiros bonecos; foi case máis idea de Dani -cando viu o boneco da miña filla e gustoulle- que miña». (…)
María Canosa apunta algunhas claves creativas: «Escribo moito por impulsos, pero as historias non son tan impulsivas. Non preparo moitos guións porque os fago na cabeza, un guión moi esquemático… Non quero prescindir do que me vai pedindo a escrita». Agora pasou o tempo da publicación e volve o tempo da escrita.”