“A
Fundación Manuel María de Estudos Galegos asinaba esta mañá un convenio coa Consellaría de Cultura polo que esta entidade fai unha achega de 100.000 euros. Os cartos destinaranse ao acondicionamento do auditorio da sede da Fundación, situada na antiga casa do poeta en Outeiro de Rei. Ademais, o texto prevé o desenvolvemento de rutas pola zona a partir da figura e da obra de Manuel María. O 70% dos cartos previstos no convenio proveñen dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional.” Vía Cultura Galega.
Arquivo da categoría: Institucións
O Cancioneiro de Petrarca e Que me queres, Amor? de Manolo Rivas, entre as traducións que máis axuda reciben
“O importe máximo que a Xunta achegou para axuda a promoción, produción e edición do libro galego no que se refire á tradución (doutras linguas para o galego e viceversa) foi de 6.000 euros por título. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a relación de beneficiarios desas axudas, nas que as contías máis altas foron para o Cancioneiro de Petrarca, no que foi a tradución para o galego. No tocante a tradución a outros idiomas de obras orixinarias na nosa lingua, foron Que me queres, Amor? de Manolo Rivas, Pirata de María Reimóndez ou Land Rover de Suso de Toro dos que recibiron a máxima contía. En total achegáronse preto de 200.000 euros entre 26 editoras. É Reverso Comunicación e Cultura S.L, a que recibe a cifra máis alta, con 24.410,19 euros para unha vintena de proxectos. A convocatoria desta liña de axuda supón un terzo do que se viña destinando a este fin, de tal xeito que descendeu dos 300.000 euros de edicións anteriores a 200.000. Con respecto aos criterios esablecidos este ano, na convocatoria deste ano préstase especial atención a apoiar obras de interese cultural vencelladas a aniversarios e centenarios que se celebren no período sinalado.” Vía Cultura Galega.
Cultura de facto
“Supresión das axudas ás entidades locais, rebaixa nas subvencións as industrias culturais, anuncio da posibilidade de que non se conclúa a Cidade da Cultura, queixas continuada do sector das artes escénicas e audiovisual…. Se lle aplicaramos un balance contable ás políticas culturais do ano, teriamos unha ecuación chea de restas, apuntes e números vermellos. Canda as cifras, este ano 2011, tamén deixa nomes propios: os de Álvaro Cunqueiro e o de Lois Pereiro que catalizaron boa parte das actividades. Malia que o contexto de crise económica co que comezou o ano non apuntaba grandes alegrías para o sector cultural, co caer dos días no calendario, fóronse perfilando, corrixindo e mesmo definindo algunhas políticas culturais. Un ano que pode marcar un punto de inflexión e moitas das actividades que se consolidaron nos últimos lustros. (…)” Vía Cultura Galega.
O Consello da Cultura centrará en Paz Andrade a súa acción no 2012
“O
homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2012, Valentín Paz Andrade (1898-1987), é tamén o protagonista da actividade do Consello da Cultura Galega para o vindeiro ano. O plenario da institución aprobou onte Plan de Actividades de 2012 nos que destaca unha exposición sobre o intelectual. A mostra exhibirase no Brasil, país co que Paz Andrade mantivo unha fonda relación e que permitirá ao consello continuar co seu traballo de acción exterior. Malia o recorte orzamentario, o Consello seguirá coa súa liña de actividades de asesoramento e xornadas de reflexión no eido da cultura. (…)”. Vía Cultura Galega.
Cangas anuncia a creación do Museo do Mar Bernardino Graña
“Museo do M
ar Bernardino Graña é o nome do proxecto que anunciaron esta fin de semana representantes de Costas do Estado e mais do Concello de Cangas. As naves de Ojea, en Cangas, recentemente destruídas por un incendio é a localización seleccionada para este novo equipamento, carente aínda de proxecto museográfico e de fondos económicos. O alcalde, Enrique Sotelo, sinalou que o centro acollerá o material existente na vila sobre a industria conserveira, a caza da balea, as confrarías relixiosas e outros contidos. A figura do poeta Bernardino Graña e a súa obra vencellada ao mar completarán a orientación do proxecto.” Vía Cultura Galega.
A Real Academia Galega sinala que non todos os anos se pode “ter un Lois Pereiro”
Artigo de Camilo Franco en La Voz de Galicia:
“A Real Academia Galega está a punto de pechar o libro Lois Pereiro para abrir o libro Valentín Paz Andrade. A institución clausurou onte o congreso sobre o poeta case como punto final a un ano que distintas voces sinalaron como diferente no histórico das celebracións do Día das Letras Galegas. O presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, apuntou ao finalizar o congreso que a institución «escolle ben aos homenaxeados, pode haber autores menos divertidos, pero todos son importantes e todos os anos non podemos ter un Lois Pereiro».
Para o presidente da RAG o congreso finalizado onte culminou un ano intenso arredor do poeta e no que se demostrou que a academia «pensa ben». Ferrín explicou que dedicarlle o día «a Lois Pereiro non era ningún risco, risco foi cando llo dedicamos a María Mariño». Admitiu que este ano foi distinto «como é cada ano» engadindo que os autores poden gustar máis ou menos, pero a academia «é un tanque de pensamento dos mellores do país». Puxo de exemplo a importancia de Valentín Paz Andrade con que, explicou, «imos poder repasar case todo o século XX en Galicia e creo que é un asunto moi importante aínda que pareza menos divertido».
Na valoración do Congreso, o presidente apuntou dúas características fundamentais. «A participación maioritaria no mesmo foron poetas, co que temos a interpretación da poesía desde dentro e por tamén tivemos a ollada externa que nos deu Gimferrer e que colocou a Pereiro como un dos grandes de Europa».
Para o escritor Manuel Rivas o congreso e as celebracións de Lois Pereiro demostraron que era un poeta que ligaba «o individual e o colectivo, unha ponte entre o eu e o nós» e este carácter da poesía de Pereiro «escenificouse dunha maneira na que as celebracións non foron un culto á personalidade, senón un campo fértil e moi creativo e participativo».”
Unha decena de empresas reciben axudas para os seus proxectos editoriais
“As receitas da cociña da familia de Cunqueiro (Elvira González-Seco), o Dicionario Lois Pereiro (María Xesús Nogueira) ou as traducións ao galego de textos de Flann O´Brien (A boca Pobre e A vida dura) son algúns dos títulos polos que varias empresas galegas recibiron axudas do Ministerio de Cultura. Trátase da liña de subvencións para o fomento da edición de libros e a súa distribución en bibliotecas públicas, correspondentes ao ano 2011 que hoxe sae publicado no BOE. No listado tamén hai autores como Agustín Fernández Paz (con Mals temps per a fantasmes a cargo de Edicións Bromera ou Fantasmas de luz editado por Grupo Anaya) publicados por editoras non galegas.” Vía Cultura Galega.
Santiago: 30º aniversário da AGAL, o sábado 5 de novembro
“O
sábado 5 de novembro a Associaçom Galega da Língua (AGAL) celebra no Museu do Povo Galego, em Santiago de Compostela, o ato comemorativo do 30º aniversário da entidade reintegracionista. A receçom aos assistentes será às 11:00 horas, e a partir das 11:30 invervirám diferentes pessoas que explicarám nas suas próprias palavras diferentes aspetos da história da associaçom e da atividade realizada nas últimas três décadas. O ato encerrará contra as 13:00 horas com degustaçom de aperitivos e bebidas. Por enquanto, já confirmárom a participaçom no ato perto de um cento de pessoas. Além disso, representantes de diferentes entidades também anunciárom a presença de representantes institucionais.
Na mesma data, mas já ao meio-dia, haverá umha homenagem aos sócios da AGAL e membros da Academia Galega Isaac Alonso Estraviz e José-Martinho Montero Santalha. Decorrerá a partir das 14:15 h. no Restaurante O 16, mesmo ao pé do Museu do Povo Galego. Devido à lotaçom limitada, já nom é possível reservar vaga, e mesmo foi estabelecida umha lista de espera. Ao redor de meio cento de pessoas tributarám-lhes a sua admiraçom e afeto a estes dous vultos do reintegracionismo.
Também como parte das atividades do 30º aniversário da associaçom, o Conselho da AGAL promove um concurso para eleger o novo logótipo de entidade reintegracionista. As pessoas interessadas em participar têm até 17 de novembro para enviar as suas propostas. (…)” Vía Portal Galego da Língua.
I Xornadas de Literatura e Ensino. A Literatura galega nas aulas: os camiños do entusiasmo, o 18 e 19 de novembro
As
I Xornadas de Literatura e Ensino. A Literatura galega nas aulas: os camiños do entusiasmo, que terán lugar o venres 18 e sábado 19 de novembro no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia (Monte Gaiás) de Santiago de Compostela, son un curso organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega e o patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia-Xunta de Galicia.
A asistencia é libre. Para o colectivo docente non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario está solicitada a homologación ante a Consellaría de Educación por 10 horas, e a matrícula é preferente para socios/as da AELG e da AS-PG (por orde de inscrición). Para as persoas que nunca traballaran como docentes en centros públicos ou concertados da Consellería de Educación resérvanse 25 prazas.
A matrícula, gratuíta, farase desde o 24 de outubro ao 15 de novembro de 2011 a través da web da AS-PG.
Os obxectivos previstos son:
– Reflexionar sobre a necesaria revisión e actualizar da transmisión didáctica da literatura no ensino obrigatorio e posobrigatorio.
– Valorar a literatura galega, a través da súa historia, como unha ferramenta clave para a adquisición da necesaria competencia lingüística adaptada a cada nivel/etapa educativa.
– Adecuar a diversidade metodolóxica literaria aos novos tempos educativos.
– Achegarse aos contidos didácticos e interactivos que as TIC ofrecen para o profesorado.
– Coñecer o Espazo Didáctico que a AELG ofrece aos profesionais do ensino, en particular, e á sociedade, en xeral.
– Reflexionar sobre os criterios de selección e o estabelecemento de canons literarios orientativos para o ensino da literatura.
– Concienciarse da necesidade de estimular creativamente, na escrita, o alumnado.
– Coñecer e analizar as estratexias de sedución que faciliten a descuberta e o achegamento á literatura por parte do público infanto-xuvenil.
– Partillar e debater directamente sobre orientacións e estratexias de achegamento literario para a infancia e mocidade xunto con escritores e escritoras da literatura galega.
Pode descargarse aquí o programa, que está composto polas seguintes actividades:
VENRES 18 DE NOVEMBRO
– 16:30 h. Conferencia inaugural: Que vén sendo iso de ensinar literatura? Instrucións de uso para docentes nos biosbardos, por Xosé Miranda.
– 17:30 h. Mesa redonda: A literatura galega nas aulas do século XXI: estratexias de sedución. Participan: Antón Riveiro Coello, Xavier Seoane e Pilar Ponte Patiño. Coordina: Mercedes Queixas Zas.
– 19:00 h. Presentación do Espazo didáctico virtual da AELG, por Mercedes Queixas Zas.
SÁBADO 19 DE NOVEMBRO
– 10:30 h. Mesa redonda: A literatura infantil e xuvenil en Galicia: tópicos, prexuízos e puntos de fuga. Participan: Pilar Sampedro, Manuel Lourenzo González e Fran Alonso, coordinados por Armando Requeixo.
– 12:00-12:30 h.. Pausa-café.
– 12:30 h. Mesa redonda: Itinerarios lectores durante a adolescencia: criterios de selección. Participan: Ramón Nicolás, Marilar Aleixandre e Xabier P. DoCampo, coordinados por Marcos Sánchez Calveiro.
– 16:30 h. Mesa redonda: Os “irmáns pequenos” no universo da aula: a poesía, o teatro e a literatura de tradición oral. Participan: Antonio García Teijeiro (poesía); Teresa González Costa (teatro) e Antonio Reigosa (literatura oral). Coordina: Carlos Negro.
– 18:00 h. Mesa redonda: A escola e as outras literaturas: álbum ilustrado, novela gráfica e banda deseñada. Participan: Gracia Santorum, Ánxeles Abelleira e Jacobo Fernández Serrano baixo a coordinación de Francisco Castro.
Crónica posterior en Poesía galega e o blogue de Armando Requeixo, Criticalia.
O Concello de Tomiño nomea fillo predilecto ao escritor Xosé Luís Franco Grande
“A
proposta de todos os grupos e, por unanimidade, a corporación de Tomiño decidiu o venres 21 de outubro en sesión plenaria nomear fillo predilecto do concello ao escritor Xosé Luís Franco Grande. Nado na parroquia de Tebra, no concello de Tomiño, no ano 1936, Franco Grande, que estudou Dereito na Universidade de Santiago e exerceu a avogacía como asesor xurídico da Caixa de Aforros Municipal de Vigo, é unha das figuras senlleiras do galeguismo. É polas súas importantes achegas á cultura galega e pola súa traxectoria intelectual que se lle nomea fillo predilecto. Foi autor no ano 1968 do Dicionario galego-castelán de Galaxia, libro que serviu de guía ás primeiras xeracións de estudantes de galego. Tamén afondou na poesía, no teatro e no ensaio, chegando a gañar o Premio Eduardo Pondal. A corporación tomiñesa celebrará proximamente un acto para formalizar o nomeamento.” Vía La Voz de Galicia.
