A AELG avaliou coa Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo a actividade conxunta

O encontro entre Antón Bao, Vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo e responsábel da Área de Cultura, e o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, acompañado do vogal da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, Antonio Reigosa, e do vogal por Lugo desta Asociación, Isidro Novo, tivo lugar o xoves 3 de marzo ás 18:30 h., co obxectivo de analizar a colaboración entre ambas entidades desde 2007 e avaliar o programa de actividades previstas para 2011, ano en que, malia a forte redución orzamentaria, mantén o seu apoio ao sistema literario en 2011 tamén a través da AELG.
A Asociación de Escritores entende que a decisión da Vicepresidencia de consolidar a colaboración na provincia de Lugo referenda a calidade das propostas e demostra a sensibilidade da institución na defensa, promoción e posta en valor do noso patrimonio de literatura oral e tamén lingüístico. Sempre desde un enfoque de cultura viva e participativa, ambas entidades colaboran na organización das Xornadas de Literatura de Tradición Oral, que este ano acadará a súa cuarta edición en outono baixo o lema Lendas urbanas. Mitos e ritos dos tempos modernos. Estes encontros teñen levado a Lugo especialistas de varios países, pero non se descoidou a transmisión dos contidos aos máis novos, para o que puntualmente se envían as actas, acompañadas dun DVD que permite a aproximación didáctica aos temas propostos, a todos os centros de ensino e bibliotecas da provincia.
Tamén coa premisa de convidar a sociedade a participar e gozar do seu patrimonio literario oral, continúase coa organización das Polafías, encontros nos que o elemento fundamental e imprescindíbel está constituído polos homes e mulleres, narradores, cantadores e romanceadores, da veciñanza onde teñen lugar. Sempre co obxectivo de recuperar usos de creación musical e literaria de carácter popular, por medio dunha adaptación das antigas xuntanzas tradicionais (fiadas, polavilas) aos tempos actuais, na que os recursos técnicos permiten darlle un carácter estábel axudándose das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de internet, para conseguir unha ampla difusión deste patrimonio a través da web da AELG.
Aprovéitase tamén esta plataforma, na súa sección Palabras con memoria, para recompilar e devolver ao sistema literario vocábulos que están na memoria dos nosos maiores e aínda non foron recollidas nos dicionarios. Esta iniciativa conxunta permitiu até o momento salvar do esquecemento máis de mil palabras ou expresións do noso patrimonio máis simbólico, o lingüístico.
Finalmente, acordouse colaborar tamén na homenaxe O Escritor na súa Terra, que en xuño recibirá o autor lugués Paco Martín, quen pasará así a ser socio de honra da Asociación de Escritores. O ente provincial participará así do sentido da homenaxe, que é facer que o escritor se sinta arroupado pola súa terra natal e as súas institucións.

Muxía: Acto fundacional da Fundación Gonzalo López Abente

O sábado 29 de xaneiro, ás 11:30 h., no salón de plenos do Concello de Muxía, terá lugar o acto fundacional da Fundación Gonzalo López Abente, que nace co fin de poñer en valor a obra e a figura do escritor Gonzalo López Abente (Muxía 1878-1963), e con vocación de ser un foco de irradiación de actividade cultural para toda a Costa da Morte. Farán a presentación Félix Porto, Alcalde de Muxía e Presidente da Fundación, e X. H. Rivadulla Corcón, Vicepresidente. Logo farase a sinatura da acta fundacional por parte dos representantes das institucións que forman parte do Padroado: Deputación da Coruña, Real Academia Galega, Universidade da Coruña, Universidade de Santiago, Consello da Cultura Galega, Asociación de Escritores en Lingua Galega e PEN Clube de Galicia, tras o que o poeta e escritor Miro Villar, membro da Comisión Executiva da Fundación, fará o laudatorio de López Abente. A continuación os asistentes trasladaranse ao cemiterio para facer unha ofrenda floral -a cargo dos familiares- diante da tumba do poeta nun acto presentado por Xesús Sambade, membro da Comisión Executiva da Fundación, e lectura de poemas de López Abente por: X. H. Rivadulla Corcón, Miro Villar, Luís González Tosar (presidente do PEN Clube de Galicia), Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente da AELG) e Xosé Luís Méndez Ferrín (presidente da RAG). Os actos continuarán coa visita á sede da Fundación (Casa das Beiras) onde será interpretado pola Coral Virxe da Barca o himno á Virxe da Barca (obra de López Abente) por primeira vez en galego, xa que nos anos 50 prohibíuselle escribilo en galego, e agora como acto de xustiza fíxose a tradución, rematándose cun ágape de confraternización para os asistentes. Crónica posterior en Galicia Hoxe.