Gondomar: Antonio García Teijeiro no club de Lectura Lendo Contigo

O sábado 29 de marzo, ás 12:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, o club de lectura compartida Lendo Contigo de Espazo Lectura contará coa presenza do poeta Antonio García Teijeiro, autor da antoloxía de poemas proposta para este mes no club: Un rato díxolle á lúa (Xerais, 2013).

Pontevedra: Sabela González lerá as primeiras páxinas da segunda parte de As crónicas de Landereina

Desde Galaxia:
“O xoves 27 de marzo, ás 10:30 horas, no Salón do Libro de Pontevedra, un grupo de alumnas e alumnos do IES Torrente Ballester desa cidade escoitarán as dúas primeiras páxinas do novo libro da triloxía As crónicas de Landereina, Feitizo de sangue, na voz da súa autora, Sabela González, acompañada por Francisco Castro. Ao tempo, anunciará algunhas das claves da evolución da historia e dos personaxes da obra, publicada por Galaxia.”

Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (XVIII)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse no IES San Paio de Tui do seguinte xeito:
“Lectura continuada de poemas, intervención artística perfilando o rostro de Rosalía a partir da escritura dos seus versos e ambientación músico-poética a partir dunha pequena lista de reprodución de vídeos. Todas estas accións desenvolvéronse na entrada principal do centro e contaron coa participación e asistencia de numerosos membros da comunidade educativa.”

Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (XVII)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse no IES de Poio do seguinte xeito:
“Habilitaron un mural no centro para que o alumnado deixe os seus versos. O luns 24 de febreiro leron os versos da AELG a xeito de manifesto.”

No CEIP Carlos Casares de Nigrán fíxose un mural nunha parede do patio cuberto. Prepararon tamén unha das súas poesías, á que lle puxeron música. Neste vídeo, está o resultado do traballo:

Ramón Nicolás: Con Antón Riveiro Coello no Club de Lectura Lendo no Galiñeiro

Crónica de Ramón Nicolás no seu blogue, Caderno da crítica:
Antón Riveiro Coello agasallounos onte, coa xenerosidade que o caracteriza, un serán inesquecible. Achegouse á tardiña ao Club de Lectura Lendo no Galiñeiro do IES Valadares e gozamos alí dun par de horas de intensa e aleccionadora conversa arredor, basicamente, desas dúas grandes pezas da narrativa galega contemporánea como son Laura no deserto e mais As rulas de Bakunin, sobre as que se dialogou abondo, aínda que tamén se tocaron aspectos do que se podería denominar a cociña (literaria) do autor, isto é, o seu espertar á creación literaria, as lecturas e o pouso que estas deixan ou as fontes e dinámicas empregadas para a xestación das súas novelas. Houbo tempo tamén para falar d´Os ollos de K, de Casas baratas e doutros títulos, sempre con simpatía e proximidade. Un serán extraordinario, non teño dúbida, onde moito aprendemos sobre literatura e sobre vida. Moitas grazas, Antón (fotos do encontro nas que falta o espléndido fotógrafo, Anxo Cabada).”

Lugo: presentación do Grupo Literario Leiras Pulpeiro

Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (III)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse deste xeito no CEP Pilar Maestu Sierra, A Pobra do Caramiñal:
“Durante a semana previa tiveron unha actividade titulada Rosalía do A ao Z, que culminou o luns 24 cun recitado colectivo de poemas e varias presentacións informáticas.”

E no IES Félix Muriel de Rianxo:
“Un día parecíanos pouco, así que acordamos dedicarlle varios días á autora de Cantares. Este ano, no día que se cumpría o 177 aniversario do seu nacemento enchemos o centro con poemas dela, coas súas obras, con poemas que o alumnado fixo para ela, con recreación de poemas seus… con antoloxías poéticas coma a que presentamos no artigo anterior…
Todo comezou no local do ENDL co alumnado rotulando os anuncios que logo colgariamos polo centro. Mais tamén houbo traballo previo entre o alumnado que reescribiu a Rosalía… Poemas de Cantares e de Follas foron reinterpretados polo alumnado cunha estética máis “actual”. E así encheron a cafetaría, de xeito que a xente que foi tomar café hoxe puido ler as súas creacións.
Mais non facía falta ir tomar un café para saber de Rosalía hoxe no Félix Muriel… Con entrar no centro xa se podía ver a mesa coa bibliografía e mais o taboleiro informativo..
E o xoves 27 Helena Villar Janeiro imparte unha charla-conferencia para alumnado de 2º e 3º da ESO sobre a autora. Ese día escoitaremos ao alumnado que leva semanas ensaiando poemas seus musicados…”

O recorte comeza polos libros

Desde Cultura Galega:
“As familias galegas están a facer grandes recortes no gasto en bens e servizos culturais, ata o punto de reducir o seu consumo máis dun 15% entre 2011 e 2012. Das diferentes partidas, é o libro non de texto o que leva a peor parte. As familias gastaron 15.3 millóns menos neste ámbito en 2012, nun contexto de recortes xerais. Así o revela o informe Evolución do gasto cultural dos fogares galegos, feito público polo Obervatorio da Cultura Galega. (…)
No apartado de Libros e Publicacións periódicas en Galicia os fogares gastan de media seis euros máis que no conxunto de España, pero no ámbito dos servizos culturais, entre os que se conta a asistencia a espectáculos, cada galego gasta 7,5 € menos de media ca no conxunto de España.
Sen embargo, é precisamente no grupo de gasto Libros e Publicacións periódicas onde se produce a maior redución de gasto en 2012 con respecto ao 2011. En Galicia cae un 26.9%, que se traduce en 15.3 millóns de euros menos de gasto. Esta redución é máis acusada no libro “non de texto” que nas publicacións periódicas. (…)”