Ribeira: crónica do Día de Rosalía 2013

Desde a A. C. Altofalante coméntannos o seguinte sobre o acto do Día de Rosalía en Ribeira:
“O acto de Rosalía que celebramos o sábado 23 de febreiro na Casa do Pescador en Ribeira ás 19:00 horas foi todo un éxito, superando con creces o aforo e obrigando a varias persoas a presenciáreno en pé. Participaron na lectura xente de todo tipo, desde unha nena de 6 anos até unha anciá ou unha moza estadounidense. Entre os lectores estiveron tamén Quico Cadaval, Carlos Callón e Santi Páramo. Ao comezo do acto lemos o Manifesto da AELG.” Aquí van tres fotos do acto:

A AELG reclama a apertura do Panteón de Galeg@s Ilustres no Día de Rosalía

Desde Sermos Galiza:
““Rosalía non pode ser agasallada como a tumba de calquera persoa querida. Estáselle a conculcar o dereito ao pobo galego de honrar a súa grande escritora” sinala Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) que hoxe conmemorará o nacemento da escritora no espazo onde foron trasladados os seus restos desde o panteón de Adina.
Cursar solicitudes e acadar permisos son precisos para que o Panteón de Galegos Ilustres, onde están enterrados, entre outros, Castelao, Domingo Fontán, Asorey ou Alfredo Brañas. De non cumprir os trámites, a porta está pechada, impedido así o acceso libre e público a un espazo no que están algunhas das máis relevantes figuras da historia e a cultura galegas. “Queremos aproveitar este día tan simbólico para reinvindicar un Panteón laico, de acceso púlbico de maneira que se poida ir alí honrar a calquera persoa en calquera momento. É tremendo que para poñerlle frores a Rosalía teñamos que pedir permiso” comenta Cesáreo Sánchez.
Resposta masiva e entusiasta
O acto de Bonaval será o último de tres días de conmemoracións promovidas pola AELG. O día 22 máis dun cento de centros de ensino participaron na rede de actos arredor do Día de Rosalía co desenvolvemento de singulares actividades co alumnado, algunhas delas recollidas na páxina web da Asociación. No sábado foron concellos e demais fundacións ás que organizaron por todo o territorio recitais e outros actos arredor da data. O acto de hoxe porá fin solemne a tres actos nos que, como nunca, a homenaxe a Rosalía se expandiu polo territorio enteiro, cunha participación singular e moito maior que nos anos anteriores, animada tamén ao se cumpriren neste ano o 150 aniversario da publicacion de Cantares Gallegos.
“A resposta foi masiva e de moito entusiasmo e iso dinos que Rosalía non só sigue viva entre maiores e rapaces senón que son receptivos a súa actualidade. Resulta conmovedor ver ao alumnado dos institutos recitando con afecto e respecto e dándolle unha fasquía actual” afirma Cesáreo Sánchez e convida a visitar a páxina oficial da AELG onde é fácil atopar imaxinativas e emocionantes festas de aniversario para Rosalía. “O día vai tomando a dimensión que o país demanda” engade.
Unha flor e un libro
Da AELG vén tamén o convite para que no Día de Rosalía se agasalle unha flor e un libro, iniciativa que, segundo sinalan, cada ano está a ter máis forza e conta co apoio de moitos libreiros que prepararon andeis e escaparates especiais para conmemorar o día.
O acto deste domingo 24 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres consistirá na lectura de poemas de Cantares Gallegos, actuacións musicais mais unha ofrenda floral. O grupo de Gaitas Carapaus e a Coral da Asociación Cultural e Musical Solfa interpretarán algunhas pezas de temática rosaliana. Marilar Aleixandre, Marta Dacosta, Alicia Fernández, Pilar García Negro, Inma López Silva, Teresa Moure, Mercedes Queixas e Helena Villar Janeiro serán as encargadas da lectura do poema mentres Xina Vega e Cesáreo Sánchez lerán o manifesto da Asociación elaborado para o Día de Rosalía.”

Santiago: acto nacional no Panteón de Galegos Ilustres, o domingo 24 de febreiro

O domingo 24 de febreiro, ás 12:00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres, terá lugar un acto nacional onde serán lidos poemas de Cantares gallegos, ademais da realización dunha ofrenda floral. Este é o programa:

Recepción: Grupo de Gaitas Carapaus.
Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
Actuación da Coral da Asociación Cultural e Musical de Solfa, que interpretará as seguintes pezas:
A Rosalía, de Manuel Curros Enríquez; música de Alfredo Oliveira.
Campanas de Bastabales, de Rosalía de Castro; música de Xosé Carlos Seráns.
Rosa de abril, de Rosalía de Castro; música de Andrés Gaos e arranxos de Joám Trilho.
Negra Sombra, de Rosalía de Castro; música de Xoán Montes e arranxos: Joám Trilho.
Lela, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao; música de Rosendo Mato Hermida e arranxos de Francisco Tobar Cereijo.
Lectura do Manifesto da AELG:
Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
Xina Vega, vogal da AELG.
Lectura de poemas rosalianos:
Marilar Aleixandre: Non che teño medo moucho.
Marta Dacosta: Eu cantar, cantar, cantei.
Alicia Fernández: Miña Santiña, miña Santasa.
Pilar García Negro: Campanas de Bastabales.
Inma López Silva: A xustiza pola man.
Teresa Moure: San Antonio Bendito.
Mercedes Queixas: Nasín cando as prantas nasen.
Helena Villar Janeiro: Quen non xime.
Ofrenda floral.
Interpretación do himno co acompañamento musical do Grupo de Gaitas Carapaus.

Actos do Día de Rosalía para o sábado 23

O sábado 23, ás 12:00 horas, na Librería Lila-Lilith e Ciranda (Rúa da Travesa, 7) de Santiago de Compostela, terá lugar un acto coas poetas Rosalía Fernández Rial, Helena Salgueiro e Luz Fandiño, onde recitarán obra propia alternando con poemas de Rosalía. No acto proxectarase tamén Todas con Rosalía.

Actos conxuntos da Fundación Rosalía de Castro, a Real Academia Galega e a Asociación de Gaiteiros de Galicia, no Día de Rosalía

Desde a Fundación Rosalía de Castro:
“O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o vicerreitor de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas, e o representante da Asociación de Gaiteiros Galegos, Olimpio Xiráldez, presentaron os primeiros actos dun ano dedicado a celebrar o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos.
O primeiro día sinalado deste ano é o 24 de febreiro (Día de Rosalía e 176 aniversario do seu nacemento), cando celebraremos con varios actos o nacemento da poeta. En primeiro lugar, haberá unha Alborada para Rosalía para o que estamos a facer un chamamento a todos os gaiteiros e gaiteiras de Galicia para que nesa mañá dean unha alborada de gloria en honra á poeta padronesa en todas as vilas e cidades do país. Ao remate, lerán un manifesto. Trátase dunha iniciativa conxunta coa Asociación de Gaiteiros Galegos. Os gaiteiros que queiran participar poden anotarse na web da Fundación.
Ademais, ás 10:00 da mañá faremos unha ofrenda oral ao pé do monumento que lembra onde naceu a escritora (Praza de Vigo, Santiago de Compostela). E a continuación realizaremos un acto na Casa de Rosalía en Padrón onde personalidades culturais, sociais e políticas de toda Galicia interveñen e recitan na honra da escritora. Alí presentaranse ademais os actos conmemorativos do 150 aniversario de Cantares gallegos. E contaremos coa actuación musical de Uxía e Sérgio Tannus. (…)”

Allariz, Silleda, Ponteareas e Mondariz-Balneario: homenaxes a Rosalía de Castro

O domingo 24, en Aira das Letras (Rúa Emilia Pardo Bazán, 5), catro poetas (Concha Rousia, Iolanda Aldrei, Luz Fandiño e Artur Alonso) recitarán versos na honra de Rosalía acompañados polo trío de música medieval “Ars Anterga”. A lectura de poemas está aberta a quen queira participar.
Por outra banda, todas as persoas que merquen un libro en galego o 23 e 24 levarán de agasallo unha flor.

O Concello de Silleda, nun acto previsto para ás 16:30 horas, descubrirá un mural na rúa Santa Olaia para despois continuar coa lectura de poemas de Cantares Gallegos coa colaboración de Queremos Galego Deza. Están convocadas as asociacións culturais e locais, así como a comunidade educativa. Nos próximos días repartiranse poemas da escritora pola vila.

O mesmo domingo 24, ás 12:30 horas, na Rúa Rosalía de Castro de Ponteareas, a Asociación de Mulleres Floralba efectuará unha ofrenda floral a Rosalía, acompañando a lectura pública das súas obras. Ás 18:30 horas, realizarán a mesma acción na Praza da Auga de Mondariz-Balneario.

Santiago: actos para o Día de Rosalía da A. C. O Galo

Desde a A. C. O Galo:
“Cun roteiro guiado pola profesora de lingua e literatura Mercedes Espiño que terá saída na Praza de Vigo o sábado 23 de febreiro ás 17:00 horas, a nosa asociación quere sumarse á celebración do Día de Rosalía que a este ano ten unha relevancia moi especial por se cumpriren 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, o primeiro libro completamente en galego que supuxo o renacemento da nosa literatura culta. Neste roteiro coñeceremos os lugares de Santiago de Compostela que tiveron especial relevancia na vida de Rosalía de Castro: onde naceu, viviu, escribiu e loitou. Será un roteiro através de unha ducia de puntos da cidade, nos que adicaremos uns momentos a explicar a súa relación con Rosalía ou coa sua obra e aproveitaremos para realizar a leitura de algún poema.”

Actos do Día de Rosalía para o venres 22

O CEIP de Prácticas de Ourense celebrará o Día de Rosalía o 22, venres. Ao subir do recreo conectaranse todos os altofalantes das aulas, e os 678 alumnos e alumnas escoitarán un poema musicado interpretado por un mestra en prácticas, para logo o alumnado voluntario de 2º e 3º ciclos de Primaria ir polas aulas dos máis pequenos recitando e cantando poemas da nosa autora.
O CPR Cardenal Cisneros de Ourense organiza ás 12:00 unha lectura de Cantares Gallegos nas distintas linguas maternas dos alumnos do centro, aproveitando a interculturalidade do mesmo: galego, castelán, inglés, francés, wolof, portugués, rumano, árabe.
Na cidade de Lugo oito centros de ensino (IES Lucus Augusti, IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, IES Ánxel Fole, IES Xoán Montes, Colexio Maristas, Colexio San Xosé, CPR Fingoi e Colexio Divino Maestro) organizan un recitado no Parque de Rosalía, ás 12:00 horas, no que participan un total de 80 alumnas e alumnos en compañía de Marica Campo e Darío Xohán Cabana. O acto rematará cunha ofrenda floral.
En San Sadurniño a homenaxe desenvolverase en dúas quendas entre as 12:00 e as 14:00 horas. Nela participarán alumnos e profesores de Educación infantil e Primaria do C. P. I. San Sadurniño, que lerán a viva voz poemas de Rosalía Castro no salón de actos da casa da Cultura. No acto tamén estará a poeta María Lado, quen fará unha intervención a medio camiño entre o literario e a animación á lectura. Ademais o Concello obsequiará aos máis pequenos con libros que tratan sobre a figura e a obra de Rosalía.
En Cabana de Bergantiños, os alumnos e as alumnas de 5º e 6º de Primaria do CPI As Revoltas farán a súa particular interpretación do poema Fun un domingo, que será recollida nun vídeo.
Na Coruña, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda promove un maratón de leitura para nenos e nenas sobre textos de Rosalía, entre as 17:30 e as 20:00 horas, e unha charla ao remate do mesmo a cargo de Miguel Mato, quen falará da autora.

Fene: actos do Día de Rosalía

O Concello de Fene, a proposta da Concellería de Cultura, vai secundar a iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritoras en Lingua Galega promovendo diferentes actos para a celebración pública do Día de Rosalía, o vindeiro 24 de febreiro, data do seu nacemento.
– O venres 22, ás 12:00 h., nos CEIP de Centieiras, Os Casais e O Ramo; no CPI A Xunqueira; no IES de Fene e no Colexio “Jorge Juan”, alumnado e comunidade educativa procederá á lectura simultánea de poemas de Cantares Gallegos.
– O sábado 23, ás 19:00 h., no salón de sesións da Casa do Concello, o Alcalde de Fene; os/as voceiros/as dos grupos municipais do PP, PSdG-PSOE, BNG e EU e representantes do CPS de San Valentín, CCRD de Perlío, CMI Unidade de Fene, CPS Liga de Amigos de Barallobre, ACDR O Pote de Maniños; AA.VV de Limodre, SCRD Agarimo de Sillobre, A.VV de Magalofes e Banda de Gaitas Tradicional ‘Airiños de Fene’ procederán á lectura de poemas de Cantares Gallegos. O acto rematará coa interpretación de Negra sombra a cargo da Coral Polifónica da SCRD Agarimo de Sillobre.
– Asemade, na Biblioteca Pública Municipal expoñeranse exemplares de e sobre a obra de Rosalía de Castro e procederase á liberación de fondos bibliográficos en galego.