Xoán Carlos García Porral: “Os alcumes ou a microtoponimia son básicos para manter a historia das comunidades rurais”

Entrevista a Xoán Carlos García Porral en Praza:
“(…) – Praza (P): É pouco o que sabemos sobre os alcumes? Están suficientemente estudados?
– Xoán Carlos García Porral (XCGP): Traballamos moito sobre lendas ou topónimos e se cadra adóitase traballar menos sobre os alcumes. Seguramente porque é algo que ves moi próximo: eu vivo nunha aldea e ves que a xente é tratada moitas veces polo alcume. Pero cando paras a pensar sobre o significado dese alcume, a carga emocional que hai detrás, ou o que implica de relación cos seus antepasados, ves que é un tema ao que hai que prestar máis atención. E, ademais, hai que tentar que non se perda: non se trata de ser alcumadores, de poñerlle un novo alcume a un veciño que chega novo, pero cando menos tentar que non se esquezan os que hai. Nos anos 30 do pasado século houbo un traballo en Vilanova dos Infantes que recolleu uns 500 alcumes que se empregaban na zona. Recentemente, 90 anos despois, outro investigador de Vilanova atopou que xa se perdera unha parte importante deses 500.
– P: Nos últimos anos investigaches moito sobre outros fenómenos, coma as lendas de tradición oral ou a microtoponimia. Hai que traballar para evitar que se perda esta riqueza lingüística e social?
– XCGP: Si. Certamente os alcumes danlle identidade ás comunidades rurais, pero tamén está o tema da microtoponimia, nomes que funcionan como auténticas máquinas do tempo, que nos trasladan a un tempo pasado. A través da microtoponimia pódense recoller cantidade de lendas, de anécdotas, a historia mesma da aldea, que está gardada nese topónimo. Pero cando ese microtopónimo desaparece, alá vai todo iso, igual que cando morre unha persoa maior. Está sucedendo dende hai anos, por exemplo, coas concentracións parcelarias: ao facer fincas moito máis grandes, todos aqueles recunchos que tiñan o seu nome, acaban perdéndose.
– P: Neste proceso afecta moito o despoboamento do rural, a urbanización e a migración interna da poboación a vilas e cidades?
– XCGP: O proceso de urbanización claro que afecta. Hoxe en día hai máis diferenza cultural entre un avó e o seu neto, aínda que vivan na mesma casa, que entre o neto e un rapaz da súa idade que vive en Manhattan. Tecnoloxicamente están máis conectados e viven nunha cultura máis horizontal, e pola contra o rapaz xa non comprende as referencias microtoponímicas e lendarias que utiliza o seu avó, esa sabedoría que garda a xente maior, precisamente, ese coñecemento da tradición oral, popular, de sempre. (…)”

Pontevedra: III Xornada de Onomástica Galega. Os alcumes

O catedrático Xosé Luís Regueira é o novo director do ILG da USC

Desde a Universidade de Santiago:
“A xunta de goberno do Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC nomeou esta mañá como director o profesor Xosé Luís Regueira Fernández logo de que fora proposto por unanimidade como candidato nunha reunión do seu Consello Científico.
Xosé Luís Regueira Fernández (Vilalba, 1958) é catedrático da área de Filoloxías Galega e Portuguesa. Licenciouse en Filoloxía Románica na USC en 1982 e obtivo o título de doutor na mesma universidade sete anos despois. Forma parte do ILG desde 1981, onde foi o seu secretario entre 1996 e 2005.
Os seus intereses investigadores céntranse na fonética e na variación da lingua oral, e actualmente é investigador principal do proxecto Cambio lingüístico no galego actual. Dende a súa aparición en 1990 é coordinador da revista Cadernos de Lingua que edita a Real Academia Galega, á que pertence como membro numerario dende 2012. (…)”

Ribeira: actos destacados na Feira do Libro para os 23 e 24 de xuño

O 24 de xuño finaliza a Feira do Libro de Ribeira (na Praza do Concello), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios durante o fin de semana de 12:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Sábado 23
20:00 h. Escritores de Ribeira na Feira do Libro. Lectura e coloquio con Carlos Callón (Galegocalantes e galegofalantes) e Carlos Lixó (As Casas). Modera Manuel Cartea, presidente da A. C. Barbantia. Posterior sinatura de libros.
21:15 h. Manuel Miragaia presenta Galeguia, publicado por Chiado Editora.

Domingo 24
13:00 h. Charla-coloquio sobre o libro O valor das palabras. A enfermidade como unha oportunidade, por ASEM Galicia.
19:00 h. Presentación de Camiños, de Magín Blanco, publicado por Fol Música.
21:00 h. Acto en lembnranza de Plácido Betanzos.

A Coruña: Encontro Galeusca de Editoras 2018

Compostela: Galego, porta aberta para o mundo, do 26 ao 29 de xuño

A inscrición debe facerse antes do 15 de xuño aquí.