Entrevista a Vítor Vaqueiro no Portal Galego da Língua:
“(…) – Portal Galego da Língua (PGL): Segundo explicas no teu artigo para o Sermos Galiza, a tua obra, Palavras a Espartaco, foi considerada a de maior qualidade, mas no final não resultou a ganhadora por se considerar que está redigida «em português». Isto, apesar de que nas bases do certame Victoriano Taibo só se especificava que as obras deviam estar redigidas em galego. Defendeu de alguma maneira o júri que a tua obra não estava em galego? Achas possível argumentar que algo é ‘português’ em lugar de ‘galego’?
– Vítor Vaqueiro (VV): Em realidade, eu não conheço as deliberações do júri, já que, segundo assinalo no próprio artigo, a notícia chega por uma via e numas circunstâncias excecionais, quase incríveis, porque o acaso existe e, como diria um conhecido matemático, John Allen Paulos, «é improvável não ocorrerem cousas improváveis». Quero dizer com isto que a pessoa que me informava mesmo desconhecia a minha participação no certame e nem sequer era integrante de dito júri. Acho, porém, que se julgou mais bem o texto pola sua aparência gráfica. Ora, estou totalmente certo de que nem todos os membros do júri pensam que o livro não está escrito em galego.
Quanto à segunda questão: não sei se é possível argumentar que algo é ‘português’ em lugar de ‘galego’. Sei, porém, uma cousa: que é impossível demonstrar que Palavras a Espartaco, o livro que concorre ao prémio, não é galego. A distinção entre ‘galego’ e ‘português’ depende da posição em que se colocar quem observa. Se considerarmos galego o que se fala na rua, então carretera, a leite, naranxo ou o ponte é galego. Às avessas, muitos textos publicados na norma ILG não são ‘galego’, porque a gente não diz prognóstico, nem árvore, nem luvas, nem hepatite, nem centos de vocábulos ou expressões que estão padronizados como galego. (…)
– PGL: Por último, como deve um autor ou autora reintegracionista enfrentar a hora de decidir participar num certame? Deve começar por contatar a organização e perguntar explicitamente se as pessoas reintegracionistas estão vetadas?
– VV: Bom, desejaria dizer antes de mais que eu decidira há uns 25 anos deixar de participar em certames, cousa que cumpri até este ano. Se concorri a este foi, em primeiro lugar, porque, por primeira vez depois de 35 anos, via-me sem editorial, tinha um texto de difícil publicação e as Bases do prémio mesmo garantiam a edição da obra ganhadora. Em segundo lugar, porque essas mesmas Bases não enunciavam, como ocorre na maioria dos prémios, nenhuma restrição normativa e achei que não se iam produzir critérios de exclusão e poderia ter alguma possibilidade de ver publicado o meu livro duma maneira quase automática. Se eu não decidisse há um ano e meio abandonar a norma ILG-RAG ou se o prémio Victoriano Taibo especificasse com claridade que só poderiam participar aquelas pessoas que seguissem o padrão ILG-RAG, neste momento não estaríamos a falar tu e mais eu.
Respondendo a tua pergunta: uma pessoa reintegracionista tem, do meu ponto de vista, que enviar o texto e aguardar o falho do júri, se é as Bases do prémio não proibirem a participação de quem não siga o padrão atual. Se o proíbem, então deve escutar a sua consciência, que lhe indicará abster-se ou participar, concorrendo para dar conta, no próprio interior do júri, da existência duma discrepância. (…)”
Arquivo da categoría: Lingua
Xosé Ramón Freixeiro Mato: “O galego no século XXI perdeu máis falantes que en toda a historia anterior”
Entrevista a Xosé Ramón Freixeiro Mato en Radiofusión:
““A sociedade galega ten que decidir e optar: ou mantemos o galego ou o perdemos”. O dilema formúlao o catedrático das Áreas de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña Xosé Ramón Freixeiro Mato. Faino tras revelar o Instituto Galego de Estatística que o galego xa non é a lingua de uso frecuente da maioría da poboación. A Xunta valora positivamente ese dato a través da lente do bilingüismo e salienta “un aumento das persoas que se desenvolven habitualmente nas dúas linguas cooficiais de Galicia”. Porén, no que atinxe á lingua orixinal do país, o IGE informa de que en 2011 apenas o 44 por cento da cidadanía usa “sempre” o galego, cando hai dez anos ese dato era do 57 por cento. “Ás veces” fálano o 45 por cento e “nunca” o 11 por cento. Segundo Freixeiro Mato, en moi poucos anos o reparto entre galego e castelán inverteuse por completo e agora “a situación é moi preocupante e non podemos pechar os ollos á realidade”. (…)
“No mundo urbano e entre a xente nova o galego é unha lingua residual”, láisase o profesor, atribuíndo parte da responsabilidade ás políticas educativas e ao incumprimento do Plan de Normalización Lingüística por parte da Xunta. “30 anos son moitos para unha lei: a sociedade en 30 anos mudou moito”, reflexiona mentres pide que se respecte o marco lexislativo mentres se traballa por actualizalo.
Xosé Ramón Freixeiro Mato deu ao prelo con Xerais a primeira Estilística da Lingua Galega, que vén de merecer o Premio de Investigación dos Premios da Crítica 2014 pola “novidade e orixinalidade da proposta, que é a primeira deste tipo en lingua galega, e a concepción e enfoque amplo da Estilística ao abeiro doutras disciplinas lingüísticas”, segundo estableceu o xurado. O volume, que xa recolleu cualificativos como “monumental”, “imprescindbile” ou mesmo “un fito dos nosos tempos”, enche un baleiro para o sistema galego, xa que a estilística “era un oco que había na nosa filoloxía”, concede o autor.
A obra, cuxa metodoloxía de traballo supuxo a lectura de centos de obras para detectar os mellores exemplos do galego, supón tamén, confesa Freixeiro Mato, un “agradecemento” particular para os escritores e escritoras no noso idioma que “en tempos complicados, sen recoñecemento social”, foron quen de conseguir “unha lingua literaria de calidade, apta para a creación artística”.”
A entrevista completa pódese escoitar aquí.
Taboleiro do libro galego (XXVI), por Ramón Nicolás
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí as novidades editoriais en lingua galega máis vendidas ao longo do pasado mes de setembro. O meu agradecemento ás dez librarías que, nesta ocasión, puideron participar: Paz, Trama, Suévia, Miranda, Abrente, Biblos, Andel, Cartabón, Libros para soñar e Lila de Lilith.
NARRATIVA
1º-. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, Xerais.
2º-. A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz, Edicións Xerais.
3º-. A voz do vento, de Pemón Bouzas, Xerais.
4º-. Chovida do ceo, de Alfredo Conde, Edicións Xerais.
5º-. 55, de Xavier Queipo, Xerais.
6º-. O espido de Gina, de Miguel Anxo Fernández, Galaxia.
7º-. A maleta de Victoria Kent, de Xerardo AgraFoxo, Galaxia.
POESÍA
1º-. Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, A. C. Caldeirón.
2º-. dun lago escuro, Marta Dacosta, Xerais.
3º-. Río Alzhéimer, de Carlos Pereira, Alvarellos.
4º-. Anamnese, de Eli Ríos, Sotelo Blanco.
5º-. Os inocentes, de María do Cebreiro, Galaxia.
ENSAIO-TEATRO
1º-. Guía para o descenso enerxético, A. C. Véspera de nada.
2º-. A alternativa está aquí, de María Reimóndez, Xerais.
3º-. Bibliotecarias e bibliotecarios infames, de F. X. Redondo Abal, Laiovento.
4º-. Crónicas dun tempo escondido, de Sabino Torres, Galaxia.
5º-. Eu estaba alí, Afonso Eiré, Hércules de Edicións.
6º-. Contra a morte das linguas, de Miguel Moreira, Edicións Xerais.
XUVENIL
1º-. Reo, de Xesús Fraga, Galaxia.
2º-. Dragal III, de Elena Gallego, Xerais
3º-. Recinto gris, de Ledicia Costas, Edicións Xerais.
4º-. Os Megatoxos e o dragón de xade, de Anxo Fariña, Xerais.
INFANTIL
1º-. O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
2º-. Verdedades, de Yolanda Castaño e Xosé Tomás, Biblos.
3º-. A nena á que non deixaban ser feliz, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, A Porta Verde / Nova Galicia Edicións.
4º-. O grúfalo, de Julia Donaldson, Patas de Peixe.
LIBROS CD-DVD
1º-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras, Kalandraka.
2º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Editorial Galaxia.
3º-. Cantos animais, de Susa Herrera e María Noel Toledo.
4º-. Unha viaxe polo mundo, de As Maimiñas, Galaxia.
BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. A causa do crime, de Tokio, Demo Editorial.
Taboleiro do libro galego (XXV), por Ramón Nicolás
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Retorna tras o verán o «Taboleiro do libro galego» que, coma sempre, ofrece as novidades editoriais en lingua galega máis vendidas ao longo dos meses de xullo e agosto. O meu agradecemento ás trece librarías que participaron nesta ocasión: Paz, Trama, Suévia, Miranda, Biblos, Andel, Cartabón, Aira das Letras, Pedreira, Libros para soñar, Á lus do candil, Casa do Libro (Vigo) e Lila de Lilith. Ao tempo a miña gratitude, nestes momentos que lamentablemente pecha as súas portas, á Libraría Carricanta de Betanzos pola súa colaboración, sempre tan garimosa, con este proxecto.
NARRATIVA
1º-. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, Xerais.
2º-. A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz, Edicións Xerais.
3º-. A voz do vento, de Pemón Bouzas, Xerais.
4º-. Orlando. Unha biografía, de Virginia Woolf (tradución de Celia Recarey), Irmás Cartoné.
5º-. Chovida do ceo, Alfredo Conde, Edicións Xerais.
6º-. Escrito en cafeterías, Miguel Anxo Murado, Galaxia.
7º-. Salseiros, de Suso Lista, Embora.
8º-. Os televisores estrábicos, de Ramón Vilar, Xerais.
9º-. Os pantalóns nunca foron cousa boa, de Lidia Gómez, Biblos.
10º-. Vento e chuvia. Mitoloxia da antiga Gallaecia, de Manuel Gago e Manel Cráneo, Xerais.
POESÍA
1º-. Ningún amante sabe conducir, de Rosalía Fernández Rial, Positivas.
2º-. Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, A. C. Caldeirón.
3º-. Estrela do Norte, de Luís Rei Núñez, Faktoría K.
4º-. Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure, Através.
5º-. Sobre ruínas, de Xesús Rábade Paredes, Alvarellos.
6º-. A distancia do tambor, de Eva Veiga, Espiral Maior.
ENSAIO-TEATRO
1º-. Eu estaba alí, Afonso Eiré, Hércules de Edicións.
2º-. Contra a morte das linguas, de Miguel Moreira, Edicións Xerais.
3º-. Guía para o descenso enerxético, A. C. Véspera de nada.
4º-. Crónicas dun tempo escondido, de Sabino Torres, Galaxia.
5º-. Xavier Vence. Conversas, de Xan Carballa, Engaiolarte Edicións.
6º-. A alternativa está aquí, de María Reimóndez, Xerais.
7º-. Fisterra. A derradeira perla de Occidente, de Modesto Fraga, edición do autor.
XUVENIL
1º-. Ámote, Leo A. Terminal de… chegadas?, de Rosa Aneiros, Edicións Xerais.
2º-. Dragal III, de Elena Gallego, Xerais
3º-. Recinto gris, de Ledicia Costas, Edicións Xerais.
INFANTIL
1º-. O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
2º-. A burra Ramona, de Paula Carballeira (ilustracións de Xosé Tomás), Baía Edicións.
3º-. A nena á que non deixaban ser feliz, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, A Porta Verde / Nova Galicia Edicións.
4º-. As noites de Xián, de Concha Blanco, Xerais.
LIBROS CD-DVD
1º-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras, Kalandraka.
2º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Editorial Galaxia.
3º-. Pan de millo, de Migallas, ilustracións de Dani Padrón, Kalandraka.
4º-. Na lingua que eu falo, de Najla Shami, sobre textos de Rosalía de Castro,Galaxia.
5º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.
BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. A causa do crime, de Tokio, Demo Editorial.
3º-. O Dragón que cambiaba de conto cada vez que esbirraba, de David Aceituno e Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
Foz: actos destacados do sábado 30 na Feira do Libro
O sábado 30 de agosto terá lugar a penúltima xornada da Feira do Libro de Foz (na Praza Conde de Fontao, con horarios de 17:30 a 22:00 horas). Dentro dos actos programados, destacan os seguintes:
– 19:00 h. Presentación de Como ser reintegracionista sen que a familia o saiba, de Eduardo Sanches Maragoto, publicado en Edicións do Cumio. Xunto ao autor, participa tamén Cándido Meixide.
– 19:30 h. Begoña Caamaño asinará exemplares de Morgana en Esmelle e Circe ou o pracer do azul, na caseta da Libraría Bahía.
– 21:00 h. Presentación do libro O ciclo do pan e as súas construcións na Mariña de Lugo. Eiras, cabozos, muíños e fornos, de José María Leal Bóveda, publicado pola Deputación de Lugo.
Carballo: actividades do xoves 28 na Praza dos Libros
Chega unha nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal do 28 ao 30 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h. Dentro dos actos previstos para o xoves 28, destacamos os seguintes:
– 12:30 h. Inauguración da Praza dos Libros, con pregón a cargo de Xan Fraga Rodríguez. No acto participan tamén Mar Eirís, Evencio Ferrero e a Banda de Gaitas.
– 19:30 h. Presentación de A toponimia celta de Galicia, de Fernando Cabeza Quiles, publicado en Toxosoutos. Participa, xunto ao autor, Xosé Manuel Varela.
– 20:30 h. Presentación de Salseiros, de Suso Lista, publicado en Embora.
Viveiro: actividades destacadas do sábado 16 e domingo 17 na Feira do Libro
O sábado 16 e domingo 17 de agosto finaliza a edición de 2014 da Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados para eses días:
Sábado 16
– 19:00 h. Recital-presentación da novela Fugaz coincidencia e o poemario Nair, de José Estévez, publicados por Redelibros. Participan, xunto ao autor, Chus Amieiro, Luísa Arias, Ana P. Croas, Iria López, Salomé Díaz Muñiz, Esperanza Martínez, Carmen Cociña, Catarina Laxe e Mar Romero.
– 20:00 h. Henrique Dacosta asinará exemplares do seu libro Entrada ao xardín do saber, publicado por Redelibros.
– 20:00 h. Presentación do libro A voz do vento, de Pemón Bouzas, publicado en Xerais.
Domingo 17
– 20:00 h. Presentación do libro Alcumes de Celeiro, de José Antonio Abella Albo.
– 21:00 h. Presentación do libro Como ser reintegracionista sen que a familia saiba, de Eduardo Sanches Maragoto, publicado por Edicións do Cumio.
A Coruña: actos literarios destacados do domingo 3 na Feira do Libro
O domingo 3 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados nese día:
– 13:00 h. Actividade infantil. Presentación do album ilustrado …3, 2, 1 … de Pepablo Patinho e Dani Padrón, publicado por Edicións Embora.
– 13:00 h. Presentación do libro Textículos dramáticos, do escritor Afonso Becerra, publicado por Laiovento. Xunto co autor, participará no acto Francisco Pillado. Os actores Gloria Rico e Xosé Luís Bernal, Farruco, da Cia. TEP Teatro en Punto realizarán unha lectura dramatizada de textos do autor.
– 19:00 h. Dores Tembrás asinará na caseta de Editores Coruñeses.
– 19:00 h. Presentación do libro Como ser reintegracionista sen que a familia saiba, do escritor Eduardo Sanches Maragoto, publicado por Edicións do Cumio.
– 20:00 h. Presentación do libro Escrito en cafeterías, de Miguel Anxo Murado, publicado por Galaxia.
– 21:00 h. Xabier López López asinará exemplares do seu libro 1989, publicado por Biblos Clube, na caseta de Editores Coruñeses.
A Coruña: actos literarios destacados do venres 1 na Feira do Libro
O venres 1 de agosto comeza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados nese día:
– 18:00 h. Agustín Fernández Paz asina libros na caseta da Libraría Pedreira.
– 19:00 h. Presentación do libro A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz, publicado por Xerais. Xunto co autor, participan no acto Mª Xesús Fernández e Manuel Bragado.
– 20:00 h. Presentación do Manifesto O galego: na fronterira da extinción? Organizado pola Revista Luzes e Edicións Xerais. Presenta o acto Iago Martínez Durán e participan no mesmo Manuel Rivas, Manuel Bragado, Xosé Ramón Ferreiro Mato, Valentina Formoso e Miguel Moreira. Repichoca final de Xurxo Souto e Os Diplomáticos.
– 20:00 h. Francisco Castiñeira asinará exemplares da súa obra Podería falar de nubes na caseta da Libraría Cartabón.
– 21:00 h. Presentación do libro Silencio habitado, da escritora Olga Patiño, publicado por Pigmalión. Xunto coa autora, participan no acto Luz Pozo Garza, José Carpenter e Antonino Nieto Rodríguez. Haberá acompañamento musical a cargo de Xosé Taboada e Martín Marticorena.
– 21:00 h. O escritor e xornalista Manuel Rivas asinará exemplares dos seus libros.
Libro galego: S.O.S. Hai alguén aí?, desde Letra en Obras
Desde Letra en Obras:
“(…) Decidimos lanzar as seguintes preguntas:
1- Está a callar a idea de que o libro galego está a vivir un momento especialmente crítico que incluso abre dúbidas sobre o seu futuro. Como ves a situación?
2- Que precisa para saír deste estado anémico e gañar terreo?
Eis as primeiras respostas.
– Paco Macías (fundador e propietario de Positivas, proxecto que ten tras de si 24 anos de traxectoria).
1- O libro, en papel, está a diminuír en todo o mundo. Galicia non está á marxe. Ao contrario, aquí está peor. As empresas son febles, tanto as editoras, como as distribuidoras, ou as librarías. O único que non perdeu vitalidade son os creadores. A mostra máis clara desta debilidade é a ausencia de debate, de preocupación pública, de lanzamento de iniciativas conxuntas… etc.
2- Pois recoñecer o evidente, unirse, e traballar máis conxuntamente que nunca. É o principio. E lanzarse aos novos espazos dixitais. Non hai fórmulas máxicas.
– Mercedes Queixas Zas (escritora, profesora e secretaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega). En resposta única ás dúas cuestións:
– Vivimos unha realidade moi ambigua e distorsionadora. Por unha banda, a pluralidade, diversidade, calidade e recoñecemento interior e exterior dunha gran parte da literatura galega confirman o bo momento creativo. Por outra banda, no entanto, é insuficiente o nivel de compromiso da sociedade á hora de consumir produtos culturais en galego en xeral, e literarios en particular, moitas veces debido á non superación de prexuízos que fan de menos as formas de expresión cultural na lingua propia. É parte corresponsábel no presente a propia Administración ao gravar impositivamente cun IVE inxusto e inxustificábel o libro, así como ao non elaborar unha planificación cultural que realmente teña como centro de gravidade o libro e a lectura, entendida como ferramenta de formación, instrución, ademais de lecer, para a sociedade, nomedamente a infancia e a mocidade, substrato crítico lector do futuro. Con certeza, o futuro do libro galego correrá a mesma sorte que a lingua que lle dá as palabras para a escrita.
– Francisco Castro (Escritor e traballador da Editorial Galaxia).
1.- Sen dúbida estamos nun intre crítico. O recente informe do Gremio de Editores deixa claro que volvemos ao nivel de hai 20 anos en facturación. No caso concreto do libro en galego, estamos editando aproximadamente a metade do que editabamos hai seis anos. Mais o peor da crise, ao meu entender, é que non estamos fabricando lectores. O galego necesita lectores. De nada sirve ter unha industria editorial se non hai lectores. E non parece que teñamos moitos máis alá da prescrición educativa. Pero iso vale tamén para o teatro ou a música ou os xornais e para toda aquela manifestación cultural que teña o galego como lingua vehicular.
2- O primeiro que necesitariamos sería un país detrás. Lectores e lectoras que aposten pola nosa produción editorial. Os índices de lectura son baixos. En galego, máis que baixos. Como saír desta? Entre outras cousas, promovendo políticas que fagan lectores, que lle aprendan á cidadanía que a lectura é un pracer, que é algo útil. Que se fagan campañas que vaian máis aló da cosmética e a maquillaxe. Que se aposte polas bibliotecas. Que non se recorte en educación. Que se forme aos futuros profesores en animación á lectura e no coñecemento da nosa literatura.
– Marcelino Fernández Mallo (escritor)
1- Véxoa en situación límite, o libro galego na marxinalidade dentro dun sector xeral en grave crise de seu.
2- Estratexia de lingua e de literatura próxima ao cidadán que integre edición, distribución e promoción.”