Oleiros: “O Ramallo de Prata”, un espectáculo musical con poemas de Uxío Novoneyra

O vindeiro venres 21 de maio, ás 21:00, terá lugar no Centro Cultural A Fábrica de Oleiros o espectáculo poético-musical “O Ramallo de Prata” do Grupo Ouriol. Con este recital, incluído na programación da Rede Cultural da Deputación Provincial da Coruña, celébrase ao poeta do Courel homenaxeado este ano co Día das letras galegas. O espectáculo concíbese a partires dunha escolla significativa de poemas de todos os libros de Novoneyra, textos nos que se inspira a interpretación musical orixinal.
O Grupo Ouriol está formado polos músicos Fito Ares e Bernardo Martínez, xunto coa poeta Eva Veiga na voz recitadora.

Fisterra: estrea de Camiño ao mar, de X. H. Rivadulla Corcón

Camiño ao mar é o titulo do novo libro de poesía de X. H. Rivadulla Corcón, que edita Auga Editora, e serve como base para o espectáculo poético do mesmo titulo, onde o poeta estará acompañado polo trompetista cubano Franky Valencia, e que se estrea o próximo domingo 16, as 19:00 horas no Faro de Fisterra.

O espectáculo englóbase dentro do proxecto poetico músical que se pon en marcha dentro da programación do Xacobeo 2010, e que leva por título xenérico CAMIÑOS DE AMOR E LÚA, no que tamén se ofrecerán espectáculos poéticos Xosé Carlos Caneiro, María Lado, Olalla Cociña e María Canosa.

Camiño ao mar de X. H. Rivadulla Corcón, é un poemario narrativo, no que un mariñeiro que vive de vagabundo en Compostela, atopa unha gaivota morta na Quintana dos Mortos, e este feito motívao para iniciar a viaxe de regreso ao seu mundo, o mar, coa intención de enterrar unha pluma desa gaivota nunha praia da Costa da Morte. A viaxe transcorre a través do Camiño Xacobeo de Santiago-Fisterra-Muxía. En realidade trátase dunha viaxe na procura da verdade interior do vagabundo.

O poemario está estruturado en cinco partes, compostas cada unha delas por un poema longo de 126 versos cada un. A primeira parte refírese a cidade de Compostela, e as outras catro aluden cada unha as catro etapas que tradicionalmente configuran a rota Xacobea a Fisterra e Muxía.

Retornan as Polafías

A AELG, a través da súa sección de Literatura de Tradición Oral e coa coordinación de Antonio Reigosa, comeza neste mes de maio a temporada de polafías na vila de Ponteceso o vindeiro venres 21, ás 20.30, na Fundación Eduardo Pondal. O día 22 terá lugar outra en Mesía.

Durante 2010 organizaranse un total de seis polafías. Cos patrocinios da Consellaría de Cultura e Turismo e das Deputacións Provinciais da Coruña e Lugo.

A Coruña: Lucía Aldao e María Lado actúan no Patachim

Venres 7cartazac
23:00
O Patachim (Orillamar 16)
Entrada: libre até completar capacidade

LUCÍA ALDAO E MARÍA LADO (poesía e música) actuarán dentro do ciclo “CONTAMOS CONTIGO: A palabra como protagonista”. É unha actividade da campaña “A cidade que le”.

MOITA POESÍA, POUCA DIVERSIÓN

Despois de pasear durante uns cantos anos o xa mítico “Onde estea un cubata que se quite un soneto”, María Lado (Cee, 1979) e Lucía Aldao (A Coruña, 1982) voltan aos bares coa mochila chea de versos. O formato é clásico, a actitude non. Trátase dun recital desenfadado onde sobre todo haberá poesía, como ten que ser, e algunha que outra sorpresa.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/GKsQC8KSp84" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

A Coruña: Leo Arremecághona no ciclo ESCRITA(S)

Pan!, pam!!, punk!!!

O punk non é un estilo. Non é unha música, unha roupa, uns textos. O punk é unha actitude e a última das vangardas do século XX, herdeira de dadá e os situacionistas, como escribe Greil Marcus. O punk transfórmase e rebenta en moito máis de sete estralos. Dálle a volta á tortilla da arte subida ao trono, para as elites. A arte é un tesouro que nos foi roubado. Non é dedicarlle a vida á arte, senón que a arte nos faga libres. A poesía non é de quen a escribe, senón de quen a goza. O punk rock repártelle kalashnikovs ao pobo en forma de guitarras eléctricas. A Internet é o último chanzo da revolución punk, que comezou cando Duchamp lle deu a volta a un mexadoiro e lle chamou Fonte.

Na Galería Sargadelos A Coruña (Rúa Real, 56) ás 20:00.