Pablo L. Orosa: “A maior derrota que sufrimos foi a perda da esperanza, a idea de que non hai alternativa posible”

Entrevista de Montse Dopico a Pablo L. Orosa en Praza:
“A Daniel Gluckmann privárao a súa propia familia, decidindo por el, da memoria do seu avó Manuel. Ninguén quería lembrar. Nin dicir. É por iso que lle pide axuda a un xornalista, Samuel, para completar o relato do seu pasado. Así comeza Fálame do silencio, a primeira novela do xornalista Pablo L. Orosa. Unha obra sobre os silencios que, tamén, nos conforman. Que son parte do que somos, contrariando, moitas veces, o que quixeramos ser. Falamos co seu autor.
– Praza (P): Fálame do silencio conta unha historia que foi bastante común en Galicia: emigrantes e/ou exiliados que marchaban e dos que nunca máis se volvía saber. (Tamén é, por exemplo, a historia que conta Borja Fernández na súa peza teatral Salvador). Como xorde a idea, no teu caso?
– Pablo L. Orosa (PLO): Supoño que a emigración é parte do que somos, do noso xeito de mirar o mundo. Penso que todas as familias teñen algunha historia da emigración, dos que marcharon mais tamén dos que quedaron, que acaba por filtrarse en nós. As ausencias e os retornos como parte da nosa identidade. Hai xente como Olga Novo que as transforma en auténticas marabillas literarias.
Eu son dunha xeración que viviu a emigración a través da boca dos outros. Das cartas que chegaban de Cuba, da prima que naceu nun barco de camiño a Santo Domingo. Aínda hai uns meses que apareceron na aldea dúas mulleres que viñan dende Cuba buscar a partida de nacemento de seu avó, que resultou ser tamén familiar noso. Aí sen dúbida hai outra historia. A do home que marchou e a desas mulleres que viñeron buscar o que tamén son.
No caso de Fálame do silencio a historia ten tamén un xermolo real: o avó de miña nai foi un deses que marchou a por tabaco e non volveu máis. Ela sempre se preguntou que fora del. Un día, cando morreu seu pai, recuperou un caderno que chegara da Arxentina con aquela historia e pasou moitas tardes transcribíndoo. Eu víaa ao volver da escola e sempre quedei coa teima de que tiña que escribirlle unha historia para completar o que seu avó non contaba no caderno.
– P: O libro ten bastante de reflexión sobre a identidade. Quen somos, en relación co que queriamos ser. Nese sentido, hai un paralelismo entre Manuel Gluckmann, o emigrante que marcha e non regresa, e Samuel, xornalista ao que o neto de Manuel, Daniel Gluckmann, lle pide que complete a historia do seu avó. Que quixeches dicir sobre a identidade?
– PLO: Entendo que a literatura son preguntas. E esa, somos o que queriamos ser, é unha das que formulo na novela. E probablemente unha das que non chego a responder. Ao longo da vida todos imos tomando pequenas decisións que marcan o que somos. Eu discrepo moito de quen di eu son así ou doutro xeito, penso que somos as decisións que tomamos. Todas elas, as súas consecuencias, debuxan a nosa identidade.
Eu ando un pouco obsesionado cos tempos “nos que creban as conciencias”. Tocoume vivir profesionalmente varios destes momentos, como a transición democrática en Birmania, nos que de súpeto veciños que non se falaban dende había anos volven recuperar as conversas e outros que pasaban o día a asasinar e torturar inimigos do Estado son agora cidadáns exemplares aos que os nenos soñan con parecerse. Mais co tempo, coa “anatomía dese momento”, xorde a pregunta da que falabamos antes. Somos o que soñamos ser? É unha pregunta individual mais tamén colectiva. No libro, todos os personaxes andan á procura desa resposta. (…)”

Mazaricos entregou os premios do certame literario máis antigo de Galicia

Desde Que pasa na Costa:
“O auditorio da Casa da Cultura de Mazaricos acolleu a entrega de premios da XLIV edición dos premios de relato curto Modesto Rodríguez Figueiredo. O concello mazaricán quixo colaborar co certame literario máis antigo de Galicia, que organiza a Fundación Pedrón de Ouro.
O mantedor do acto, académico e fillo predilecto do Concello, Manuel González González pronunciou un sentido discurso enlazando as cualidades de Mazaricos coas do premio: “Ningún sitio máis acaído para a entrega deste premio, o máis enraizado en Galicia, ca o Concello de Mazaricos, berce de galeguidade ata os miolos, cunha personalidade conformada ano a ano, século a século, desde tempos ben recuados na historia”. González tamén recordou a todas as personaxes que pariu Mazaricos, desde Tania Fuegho a Ismael Ramos, pasando polo seu compañeiro de infancia, o escritor Silvestre Gómez, que formou parte do xurado desta edición.
Despois da música de Xoán Curiel e benvida do alcalde Juan José Blanco Riveiro, chegaba o momento da entrega. O gañador, José Carou recibiu o primeiro premio, cunha dotación de 1000€ pola obra Afán e infortunio dos días estragados. O autor afirmou sentirse “máis profesor de filosofía que escritor” se ben ambas as dúas cousas “resultan plenas”.
Miguel Anxo Martínez Oubiña e Bibiana García Soto, conseguiron os dous accésits, dotados de 400€ polas obras Serpes e A liberación tras a escuridade.”

Xavier Alcalá: “Penso que paga a pena vivir en Carballo só por dispor desta biblioteca”

Entrevista a Xavier Alcalá en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿A nosa cinza marcou un pouquiño a súa carreira?
– Xavier Alcalá (XA): Voulle dicir a verdade, e que non nos escoite ninguén. Estou farto de que a xente me recoñeza por dúas cousas [ri]: por A nosa cinza e pola letra de Teño saudade, de Andrés do Barro. ¡Fixen bastante máis cousas! En realidade estou moi agradecido por esta resposta do público: os escritores somos moi vaidosos e o recoñecemento agradécese. A nosa cinza produce unha identificación inmediata da miña persoa. E tamén se fala de quen é quen dos que aparece no libro… Na biblioteca fixémolo sobre un médico de Carballo que exerceu hai moito tempo e que pode ser perfectamente unha das personaxes da novela, porque foi compañeiro meu dende a primaria. Quedou a xente algo sorprendida e dixo unha señora: «Pois foi o meu médico!».
– LVG: E entre as moitas que fixo está a súa obra máis recente, The Making Of. Tamén disto falaría no seu paso por Carballo.
– XA: Si, e vano ler a continuación. Fíxenlles un adianto desta historia de cacos e xente mala que, no fondo, é unha novela negra. Mostreilles unhas transparencias de fotografías dos anos 30, en pleno nazismo, en Buenos Aires. A xente dicía: «¿Pero isto é posible?». Pois si. Hoxe botamos as mans a cabeza e pensamos que o nazismo é algo terrible. É máis, vivimos en Europa baixo a ameaza de fascismos e neofascismos. Pero daquela era unha cousa moi prestixiosa. O libro conta unha visión da emigración que é épica, pero tamén antiépica. Conta cousas de cacos galegos e nazis alemáns, todos revoltos nun merengue.
– LVG: ¿Como de importante considera estas xuntanzas literarias?
– XA: Hai que recordarlle á xente o que eu lles dicía aos meus alumnos de Ciencias da Comunicación: non hai medio máis multimediático que a literatura. Punto. Cando un vai ver unha película de guerra, non cheira a que cheira a guerra. Pero se alguén le, por poñer un exemplo, a primeira novela da triloxía Evanxélica memoria, na que se conta a batalla do Ebro, pois o narrador está continuamente contando a que cheira estar nunha trincheira. A pólvora. A volta á literatura é algo socialmente necesario e os clubs convértense nunha especie de sistemas de difusión do que o autor fai. Teñen unha posición crítica. Nalgún tenme pasado de ter que discutir con xente. Tómase nota para na seguinte facelo mellor. Por iso son fundamentais. Dos labores máis satisfactorias que pode ter un escritor é enfrontarse ao crítico que todos levamos dentro, como fixen en Carballo. O que pasa é que quedei impresionado: o sitio a onde me levaron é un grande teatro, e nunca mellor dito.”