Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2019 para o 5 de xullo

O 5 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

11:00 h. Daniel Ugarte Otero asina O coala, na caseta da Libraría Nobel.
18:00 h. Concerto-presentación de Cantamos, de Luís Vallecillo, publicado por Guindastre Edicións. Posterior sinatura na caseta da Secretaría.
19:00 h. Daniel Asorey asina exemplares da súa obra na caseta da Libraría Pedreira.
19:00 h. Xosé Manuel González “Oli” asina Ratos de viaxe, na caseta de Libros para Soñar.
19:15 h. Presentación de Actrices secundarias, de Clara do Roxo, publicado por Elvira. Participa Xabier Romero.
20:00 h. Presentación de Versos e viceversos, de Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos, publicado por Kalandraka. Coa participación de An Alfaya.
20:00 h. María Xosé Porteiro asina exemplares de Sándalo, publicado por Galaxia, na caseta de Librouro.

Manuel Portas: “Ensínasenos a procurar no amor unha sorte de solución a todos os nosos males”

Entrevista de Montse Dopico a Manuel Portas en Praza:
“(…) – Praza (P): O narrador [Por puntos] parece ás veces un romántico e outras semella que ri duns personaxes a miúdo un pouco patéticos. Persoas que se senten soas e que tentan -quizais de xeito absurdo- curar as súas carencias emocionais cumprindo coa norma social: buscando unha relación de parella. Hai unha intención de crítica social aí?
– Manuel Portas (MP): Por aí van os tiros. Pero en moitos personaxes hai xogos arquetípicos e histriónicos. Aínda que o narrador, que se mantén nunha omnisciencia aséptica e ás veces cruel, con quen marca máis distancias é co personaxe do profesor da autoescola, o representante da “autoridade”, que esconde unha angustia vital moi forte. Mais si: é un xogo traxicómico. Eu procurei, iso si, tratar cun delicadeza, con sensibilidade, uns personaxes que, como dis, poden resultar patéticos.
Por unha banda porque non teño intención moralizadora ningunha, e por outra porque penso que, sendo como son, resultan moi humanos e non é difícil poñerse no seu lugar. Si é certo que, como dicía, hai tipoloxías, arquetipos… Coma os mozotes do Barbanza, por exemplo. Ou Tupé, tan macholo, que sofre tamén unha tremenda soidade. E si, a novela ten que ver con como están estruturadas as relacións humanas, como se nos ensina que a solución á soidade é a procura dunha relación de parella, como se iso fose unha sorte de solución a todos os nosos males. Despois tamén hai un certo xogo coas convencións da novela policiaca, cos seus arquetipos: un caso a resolver, un investigador… (…)
– P: Tamén Marité e Adela -que, sendo máis nova, non é unha muller moi empoderada- representan un pouco o mesmo, en distintas xeracións. Esa socialización que fai depender a autoestima de ter “pretendentes”…
– MP: A de Marité a min paréceme unha existencia dramática. Acaba de casar, despois dunha primeira experiencia sexual traumática queda sen parella e non volve ter outra relación. Garda o seu equilibrio levando unha vida recollida e metódica, refúxiase no alcol, no que atopa momentos de pracer solitario… A súa é unha tremenda soidade ontolóxica…
Adela é capaz de sobrepoñerse tras o remate, tamén traumático, dunha relación, e mesmo se rebela contra a nai cando esta a chama a resignarse, porque non está disposta a aguantar: ten polo menos o seu amor propio. Mais si que é verdade que, como dis, atopa un reforzo da súa autoestima ao saberse considerada como obxecto de desexo sexual por parte dos homes. Os personaxes van avanzando ao longo da novela e é o lector, o lectora, quen ten que valorar como evolúen. (…)”

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2019 para o 4 de xullo

O 4 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:00 h. Presentación de As nosas letras de Muller a Muller, de María Eiras.
18:30 h. Ledicia Costas asina na caseta da Secretaría.
18:30 h. Roteiro con Pedro Feijoo polos lugares recollidos no seu libro Camiñar polo Vigo vello. Organizado pola Feira do Libro de Vigo. Previa inscrición, posterior á compra dun libro na Feira. Prazas limitadas a 25 persoas.
18:45 h. Daniel Landesa presenta Penumbra, publicado por Xerais. Participa María Lado. Ao remate, sinatura na caseta de Secretaría.
19:00 h. Xosé Manuel González “Oli” asina Ratos de viaxe, na caseta de Libros para Soñar.
19:30 h. Presentación de Os días felices de Benvido Seixas, de Eduard Velasco, publicado por Xerais. Participa O Leo i Arremecághona. Ao remate, sinatura na caseta de Secretaría.
19:30 h. Ana Fontenla asina exemplares de Números vermellos, publicado por Galaxia, na caseta da Libraría Pedreira.
20:00 h. Ana Cabaleiro asina exemplares de As ramonas, publicado por Galaxia, na caseta da Libraría Cartabón.
20:00 h. Antonio García Teijeiro asina Pasando as follas do tempo, publicado por Belagua, na caseta de Librouro.
20:15 h. Presentación de Galileo no espello da noite, de Xabier Paz, publicado por Xerais, en conversa con Ana Ulla. Ao remate, sinatura na caseta de Secretaría.

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2019 para o 3 de xullo

O 3 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:00 h. Obradoiro arredor de Quokka Mokka, de María Solar, ilustrado por Víctor Rivas, publicado por Xerais. Ao remate, sinatura de exemplares na caseta de Secretaría.
18:00 h. Mónica Penas Vázquez asina Ovo de paspallás, na caseta da Libraría Nobel Gran Vía.
18:30 h. Roteiro con Pedro Feijoo polos lugares recollidos no seu libro Camiñar polo Vigo vello. Organizado pola Feira do Libro de Vigo. Previa inscrición, posterior á compra dun libro na Feira. Prazas limitadas a 25 persoas.
18:30 h. Anxo Fariña asina na caseta de Secretaría.
18:30 h. Luís Davila asina O bichero, na caseta de Librouro.
19:00 h. Contra todo isto. Vivir sen permiso. A literatura e o pensamento en liberdade”, por Manuel Rivas. Ao finalizar, sinatura de exemplares na caseta da Secretaría.
19:00 h. Manuel Esteban asina na caseta da Secretaría.
19:45 h. Presentación de Rosalía feminista, de Helena González Fernández, publicado por Xerais. Participa Nuria Vil, recitadora. Ao rematar, sinatura de exemplares na caseta de Secretaría.
20:00 h. Iolanda Zúñiga estará asinando exemplares de Natura, publicado por Galaxia, na caseta da Libraría Cartabón

“Eduard Velasco debuta na novela”

Entrevista en Inorantes:
“Humor, política e amor. Como a vida mesma. Con estes ingredientes creou o escritor catalán Eduard Velasco (Barcelona, 1982) a súa primeira novela, Os días felices de Benvido Seixas. Unha sorte de encontro entre unha moza e un mozo que lles leva a explorar máis alá dos seus entornos sociais e a coñecerse mellor a si mesmos. Conversamos con el sobre este libro, editado por Xerais, que promete aos lectores unhas boas gargalladas.
A historia de Mariña e Benvido foi escrita entre os anos 2014 e 2015 en Compostela. Foi finalista do Premio Xerais de Novela e en maio saiu do prelo case ao mesmo tempo que chegou o verán adiantado (outra vez) a Galicia. Non é casualidade, pois esta é unha historia moi de sol e tamén de mar e praia.
“É unha historia moi clara e pechada. Moi redonda. Fixen algunha modificación antes de que entrase na imprenta pero o fío é o mesmo. É moi sinxela no que ao argumento se refire”, explica Velasco, que neste tempo xa deixou de vivir en Santiago para recuperar os castiñeiros familiares na Ribeira Sacra (ou quizáis para dar clase nunha escola catalana).
A novela naceu de xeito experimental, Eduard conta durante a conversa con Inorantes que quería saber se era capaz de tecer unha novela. Agora ten dous poemarios publicados, despois de facerse co XXVII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé no ano 2014. Os días felices de Benvido Seixas tivo un obxectivo fundamental dende o inicio: facer rir. “É a única intención da novela”, confesa o autor.
“Pode ser boa ou pode ser mala, non son eu quen o ten que decidir, pero a pretensión de pasalo ben escribindo, de rir e de intentar que os lectores rían e pasen un bo anaco co libro nas mans é realmente a única intención desta novela”, sentencia.
“Síntome moi identificado co humor en xeral na vida. Non a concibo sen el porque xa bastantes cousas temos como para non poñerlle humor”, explica o escritor, licenciado en Filoloxía Catalana e Galega pola Universitat de Barcelona, para engadir que estivo “moi a gusto” escribindo dese xeito. O cal non quere dicir que non escriba noutros rexistros, “pero a verdade é que estaría moi contento se a xente que le esta novela o pasa ben”. (…)”