Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro luns do mes, chega a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”
Arquivo da categoría: Narrativa
Vigo: presentación de Demos de verán, de Miguel Vázquez Freire
Crónica fotográfica do Paseo Literario Os elefantes en Compostela, con Antón Riveiro Coello
Estas son algunas das fotografías do Paseo Literario por Compostela Os elefantes en Compostela, que tivo lugar o xoves 28 de setembro, dirixido por Antón Riveiro Coello. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Eli Ríos: “Procuraba unha obra que chegase directamente ao hipotálamo”
Entrevista
de Belén Bouzas a Eli Ríos en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): A protagonista da túa primeira novela é Nerea, unha muller de trinta e sete anos, funcionaria, casada, con dúas crianzas e casa propia. O detonante da novela é o diagnóstico de cancro, dous meses de vida por diante e mil cousas por facer.
– Eli Ríos (ER): Luns tenta ser un reflexo da vida diaria. Tenta ser un espello no que mirarnos e no que analizar a nosa sociedade. Unha sociedade que esquece o tempo dos coidados, esquece a xente que necesita algo máis alá das leis que despois non se aplican. Estoume referindo á conciliación, estoume referindo aos coidados, estoume referindo a que parece que unha muller que teña un diagnóstico de cancro ten que seguir traballando. E isto non é que o diga Luns, é que o vemos na prensa, por exemplo, co caso da mariscadora que obrigaban a traballar. Son sentenzas e son sentenzas xudiciais, é dicir, que por moita lei que teñamos, se as persoas encargadas de aplicala non teñen un mínimo de formación sobre o xénero, mal andamos.
– SG: “Vou morrer”, así comeza Luns… Coa crueza dun diagnóstico de cancro.
– ER: Temos unhas leis que nos están dicindo que todo vai ben, mais que despois non se aplican. O mesmo acontece coa medicina. Se nós imos a un hospital e se está falando sobre o doente, o enfermo, estamos esquecendo que quen sofre é unha muller. Estamos esquecendo que nin sequera temos ese mínimo de respecto. E isto vai a todos os niveis. No momento en que comezamos e imos na narración dámonos conta do espello do que falabamos antes, dámonos conta de que ás mulleres nos tratamentos médicos ou se nos trata cunha condescendencia que resulta realmente ofensiva ou trátasenos cunha frialdade como se fose o máis normal do mundo. E isto contrasta moitísimo, por exemplo, con outros diagnósticos que se fan nos homes, cando alguén fala sobre un cancro de testículos parece que acabou o mundo. Cal é a diferenza entre un órgano e outro? Un home pode pedir unha baixa por un cancro de testículos pero unha muller ten que ir recoller as crianzas á saída da escola, unha muller ten que rogar que por favor lle permitan o acceso a unha perruca ou a unha prótese… Entón, estamos nuns procesos médicos que si, contan cuns grandes avances, non podemos xeneralizar, pero debemos reformularnos para que estas cousas cambien, debemos ter dereito as mulleres a dicir “estou enferma, teño cancro”. E o que procura esta novela é que reaccionemos. Non poñamos un emoji no Facebook ou un “síntoo moito”. Non. Imos facer cousas en realidade, imos botar man en realidade. Por iso o que procuraba con esta narración visceral é unha obra que chegue directamente ao hipotálamo. É dicir, reacciona.”
Ferrol: presentación de Contos da Coruña, de Xurxo Souto
Marín: presentación de O xogo de Babel, de Elena Gallego Abad
A Coruña: Xurxo Souto presenta Contos da Coruña
Ledicia Costas reivindica en A señorita Bubble o papel da muller na ciencia
Artigo
de Xesús Fraga sobre o novo libro de Ledicia Costas en La Voz de Galicia:
“Unha inventora que tanto embotella bágoas como fai medrar bastóns de caramelo que saben a ceo. É a protagonista do novo libro de Ledicia Costas (Vigo, 1979), A señorita Bubble (Xerais), unha muller que representa as dúas caras da excentricidade: ao mesmo tempo que engaiola coa súa personalidade e artefactos as irmás mozas Noa e Sofi, tamén é vista pola veciñanza con receo e mesmo xenreira. ¿Por que? «Porque é unha muller solteira, viste distinto, ten modais británicos e é un tanto estrafalaria», enumera a autora. A señorita Bubble encarna, xa que logo, a saudable necesidade de desafiar as convencións e os estereotipos e o máis necesario hábito de cultivar o respecto con quen é diferente.
A protagonista préstase a máis lecturas alén das estritamente narrativas. Co seu personaxe Ledicia Costas quixo «darlle unha volta a ese concepto, ese estereotipo do inventor home». A señorita Bubble reivindica o papel das mulleres na ciencia, tantas veces silenciado historicamente, e aínda hoxe descoñecido ou escamoteado recoñecementos.
Esa calidade extravagante da inventora -traducida a imaxes no libro por Andrés Meixide- achégaa a personaxes en coordenadas semellantes. O nome de Willy Wonka é o dos primeiros que acode ao maxín, pero Costas tamén cita a Eduardo Manstesoiras (outro personaxe da novela chámase Vincent en homenaxe ao creador do protagonista da película de Tim Burton): ambos, como a señorita Bubble, reclúense e prefiren vivir tranquilos, afastados dunha sociedade que os trata cunha mestura de desprezo e medo. No caso da peculiar científica, isto faise evidente en como a alcuman: de meiga a caníbal e comenenos. (…)”
Rois: presentación de Catro pedras vellas, de Pere Tobaruela
Crónica fotográfica do Paseo Literario Compostela en Nordeste, con Daniel Asorey
Estas son algunas das fotografías do Paseo Literario por Compostela Compostela en Nordeste, que tivo lugar o xoves 21 de setembro, dirixido por Daniel Asorey. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.















