Entrevista
a Xavier Alcalá en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Na súa obra xa ten tomado Arxentina como espazo literario. Por que regresar de novo?
– Xavier Alcalá (XA): Para min existe un atractivo vivencial. Pasei moito tempo noutros sitios como Bruxelas, pero non me chegaron da mesma forma que Arxentina. As Américas en xeral, e as inmensidades do Brasil e da Arxentina en particular, lévanme a que non poida parar de buscar ambientacións. A enormidade deses territorios vastos e baleiros xa me arrastra. Esta é unha novela que debía ter escrito hai bastantes anos, pero polo medio se me meteron outras historias. Non é que eu volvese á Arxentina, todo isto xa viña de atrás. Teño unha relación persoal e familiar co país que me facilita moito as cousas.
– LVG: Na novela hai dúas historias que conviven en tempos distintos, unha ten que ver co recordar e a outra co sobrevivir. Como se relacionan entre si?
– XA: En The making of hai dúas novelas de viaxe que transcorren en paralelo. Está o escritor que vai e vén á Arxentina, que é onde transcorre a historia do outro personaxe, que é o que fai a gran viaxe. O que sae dunha aldea da Ferrolterra, pasa por Buenos Aires e acaba en Comodoro Rivadavia, que é a capital do petróleo na Arxentina xusto no momento da Segunda Guerra Mundial, no que todas as potencias se están pelexando polos recursos escasos. Todo o que se refire aos tempos antigos, é dicir, o que transcorre entre o ano 33 e o 43, é a historia dun tipo que anda a sobrevivir ata que algo lle falla, mentres que logo hai dous tipos, un xornalista e un novelista, que viven nos anos 90 e que non teñen necesidade de sobrevivir. Estes dous aínda están conectados cos vellos que quedan vivos e que saben da historia que nunca se contou, porque non é conveniente contar historias de cacos na emigración, e menos aínda se eses cacos se dedican a traballar para os nazis. Un dos personaxes da novela di que tamén hai que contar a cara B da emigración para que a cara A sexa máis nobre. Por outro lado, foi moi fácil meterme no ambiente da época grazas ao que me contaron os vellos, as revistas e xornais do momento e ao traballo da xente da universidade da Patagonia.
– LVG: Hai unha parte da emigración galega que aínda non se coñece?
– XA: Na actualidade, o drama de Galicia é que a diáspora non acabou. O peso da emigración dos galegos polo mundo, sobre todo polas Américas, pero sen esquecer Europa e Asia, dá como para facer cátedras de historia da emigración. O que se conta na novela está baseado nunha documentación que eu creo que debería estar nas mans dos historiadores, non dos novelistas, xa que aínda queda un labor inxente neste campo.”
Arquivo da categoría: Narrativa
A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 6 de agosto
O
6 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 11:30 h. Contacontos de Mar Guerra na Libraría Azeta.
– 18:00 h. Coloquio Editar poesía hoxe. Conversan Dores Tembrás, (ed. Apiario), Antón Lopo (ed. Chan da Pólvora) e Miguel Anxo Fernán-Vello (ed. Espiral Maior).
– 18:00 h. Presentación do libro Ring, ring…! Quen rima?. Lectura de poemas e obradoiro de ilustración con Ana María Fernández e Enrique López.
– 19:00 h. Estefanía Padullés asina Max e Lea e outros libros na caseta de Hércules Edicións.
– 19:45 h. Presentación de Fálame do silencio, de Pablo L. Orosa, publicado por Xerais. O autor estará acompañado de Manuel Rodríguez e Fran Alonso.
– 21:15 h. Presentación de A simetría das bestas, de Alberto Ramos, XVIII premio Risco de Creación Literaria. A continuación o autor asinará exemplares na caseta de secretaría. Participan: Alberto Ramos e David Cortizo.
A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 4 e 5 de agosto
O
4 e 5 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:
Sábado 4
– 18:00 h. Estefanía Padullés presenta Max e Lea. Obradoiro para debuxar un dinosaurio.
– 18:00 h. Bea Lema asina exemplares de O corpo de Cristo, XII Premio Castelao de Banda Deseñada, publicado pola Deputación da Coruña. Na caseta da Libraría Berbiriana.
– 19:00 h. Marcelino Fernández Mallo asina O bolseiro de Ingatex, na caseta de Lume.
– 19:00 h. Xoán Babarro asina O baúl de Domingo Quintas na caseta de Hércules Edicións.
– 19:00 h. Presentación de Mael. Máis alá da Fraga de Cornanda, de Uxía Meirama e Miguelanxo Prado, publicado por El Patito Editorial.
– 19:45 h. Presentación de O que sei do silencio, de Andrea Maceiras, publicado por Xerais, en conversa con Manuel Bragado (na carpa de infantil).
– 20:00 h. Sinatura de Yolanda Castaño na Libraría Azeta.
Domingo 5
– 13:00 h. Presentación de Patacas e máis patacas. O misterio da Casa Grande, de María Acosta.
– 19:00 h. Héctor Cajaraville asina Nova Nursia, na caseta de Lume.
– 19:00 h. Presentación do libro Lingua de Eva e Adán. Sobre poesía e poetas, de Xavier Seoane, publicado por Espiral Maior. Participan Eva Veiga, Xavier Seoane e Miguel Anxo Fernán-Vello.
– 19:30 h. Paco Nogueiras asina Radio Bule Bule e Brinca vai!, na caseta da Libraría Cartabón.
– 19:45 h. Negro sobre negro. Conversa de Diego Ameixeiras, autor de A crueldade de abril, publicado por Xerais, e Nieves Abarca, autora de El beso de Tosca.
– 20:00 h. Xurxo Souto asina na caseta de Lume.
– 20:30 h. Presentación dos novos títulos da colección Mulleres Bravas da nosa historia, con María Reimóndez, Eli Ríos, Andrea Jamardo e Andrea Barreira.
A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 3 de agosto
O
3 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 18:00 h. Presentación de Home invisíbel, de Xavier Queipo, e Labirinto ou memoria, de Marta Dacosta, publicados por Caldeirón.
– 18:00 h. Contacontos sobre Xandra, a landra que quería voar, con Mercedes Queixas, libro publicado por Urco Editora.
– 18:00 h. Lucía Cobo asina Coas miñas mans, na caseta de AENEA.
– 19:00 h. José Manuel Ledo Santiso presenta o seu libro de relatos Camiño, publicado por Ir Indo.
– 19:00 h. Ánxela Gracián e Antonio Seijas asinan Doce cartas a María Victoria Moreno, na caseta de Hércules Edicións.
– 19:00 h. Siro López asina Falemos de caricatura, na caseta de Lume.
– 19:00 h. Presentación de O ladrón de soños, de Sabela Fernández e contacontos a cargo de Tamara Lema e Yago Espasandín, xunto ao músico Eloi Mato.
– 19:30 h. Alberte Momán Noval asina Tripas, na caseta da Libraría Cartabón.
– 19:30 h. Manuel Vilariño asina Animal insomne na caseta de Cascanueces.
– 20:00 h. Estíbaliz Espinosa asina na Libraría Azeta.
– 20:30 h. Presentación de A través do espello e o que Alicia encontrou alí, de Lewis Carroll, en tradución de Xavier Queipo, con ilustracións de Fausto Isorna, publicado por El Patito Editorial. Participa Valentín García.
– 21:15 h. Presentación de Os Eidos, de Uxío Novoneyra, na colección Biblioteca de Mesopotamia, de Chan da Pólvora.
A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 2 de agosto
O
2 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 18:00 h. Arantza Portabales asina exemplares de Deixe a súa mensaxe despois do sinal, publicado por Galaxia.
– 18:00 h. Presentación de Nube Branca quere ser astronauta, de Pablo Nogueira e Manuel Uhía. Por Baía Edicións.
– 18:00 h. Lucía Cobo asina Muriel, na caseta de AENEA.
– 19:00 h. Presentación de Gaiola aberta, de Xoán Neira López, publicado por Baía Edicións, en edición de Armando Requeixo. No acto participa, xunto a autor e editor, Belén López Vázquez.
– 19:00 h. Emma Pedreira asina Antídoto na caseta de Alvarellos Editora.
– 19:00 h. Antonio Tizón asina Un home estraño e A antesala luminosa, publicados por Xerais, na caseta de Lume.
– 19:00 h. Antía Otero e María Brenn asinan O branco non pinta!, publicado por Apiario. Ismael Ramos asina exemplares de Lumes, editado tamén por Apiario. Na caseta da Libraría Berbiriana.
– 19:00 h. Enrique López asina Vida sa e outros libros na caseta de Hércules.
– 19:45 h. Presentación de Poesía erótica: Cantar de corpos, de Correa Corredoira, publicado por Baía Edicións. Coa participación de Yolanda Castaño.
– 19:45 h. Presentación de O Lobo con botas, de El Hematocrítico, con Alberto Vázquez e Cristina Ameijeiras, publicado por Xerais (na carpa infantil).
– 20:00 h. Antonio Manuel Fraga asina exemplares de Querido H. P. Lovecraft na caseta de Urco Editora.
– 20:30 h. Presentación de Baleas e baleas, de Luísa Castro, publicado por Galaxia. A autora conversará con Yolanda Castaño e Ismael Ramos.
– 21:15 h. Presentación de O xardineiro dos ingleses, de Marcos Calveiro, publicado por Galaxia. Acompañando ao autor estarán Encarna Otero e Ismael Ramos.
A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 1 de agosto
O
1 de agosto comeza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 11:00 h. Acto de inauguración. Presentación e lectura do pregón a cargo de Xavier Senín.
– 18:00 h. Antía Yáñez asina exemplares de Senlleiras, publicado por Galaxia.
– 18:00 h. Charla ilustrada: Os libros recuperados de María Victoria Moreno. Coa participación de Susana Sánchez Arins, Eli Ríos e Xavier Senín, e ilustracións en directo a cargo de Lara Torres e Lidia Cao.
– 19:00 h. Presentación de O exército de fume, de Manuel Gago, publicado por Xerais, en conversa con Manuel Bragado.
– 19:00 h. Presentación de Caderno de lúas, de María Canosa e Dani Padrón, publicado por Editorial Bululú.
– 19:00 h. Manuel Miragaia asina Galeguia na caseta da Libraría Pedreira.
– 19:00 h. Siro López asina Castelao na arte europea, na caseta de Arenas.
– 19:00 h. José Julio Fernández Rodríguez asina Clara e o rapto do Solpor e outros libros na caseta de Hércules Ediciones.
– 19:00 h. Blanca Crespán e Álex Mene asinan A raíña das tortas na caseta de Alvarellos Editora.
– 19:45 h. Na carpa infantil presentación de O segredo da vella libraría, de Xabier López López, publicado por Galaxia. Acompañando ao autor estarán o ilustrador do volume Xosé Tomás, Malores Villanueva e Alba Porral.
– 20:30 h. Presentación de The Making of, de Xavier Alcalá, publicado por Galaxia. Acompañando ao autor estarán o enxeñeiro Xoaquín Lameira, Xoán Antón Pérez Lema, Xulio López Valcárcel e Carlos Lema.
Ponteareas: actividades literarias destacadas na Feira do Libro para os 28 e 29 de xullo
O
domingo 29 de xullo finaliza a Feira do Libro de Ponteareas (na Praza Maior), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:
Sábado 28
– 18:00 h. Presentación de Rosaura e o mar, de Isabel Blanco, publicado por Belagua.
– 20:00 h. Presentación de Lapis na noite, de Ramón Nicolás, publicada por Xerais.
– 21:00 h. Presentación de Poesía (materiais para montar unha escena de cama), de Roi Vidal, publicado por Difusora.
Domingo 29
– 19:00 h. Presentación de Camiños, de Magín Blanco, publicado por Fol Música.
– 20:00 h. Presentación de Mirequelledigo. Crónicas dun filósofo tabernario, de Manoel da Costa Pardo, publicado por Meubook.
Ponteareas: actividades literarias destacadas na Feira do Libro para o 27 de xullo
O
27 de xullo continúa a Feira do Libro de Ponteareas (na Praza Maior), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 18:00 h. Presentación de O cociñeiro Martiño e as cenorias desaparecidas, de Iago López, publicado por Xerais.
– 19:00 h. Presentación da novela gráfica O Picoto do pai, polo alumnado do Garaxe Hermético. Participa Kiko da Silva.
– 20:00 h. José Manuel Ledo Santiso presenta o seu libro de relatos Camiño, publicado por Ir Indo.
– 21:00 h. Presentación de Labirinto ou memoria, de Marta Dacosta, publicado por Caldeirón.
Compostela: actividades literarias destacadas no Festigal 2018
Na
Galería das Letras do Festigal 2018, que se celebrará no Campus Universitario Sur de Santiago de Compostela, terán lugar as seguintes actividades literarias destacadas o 25 de xullo:
– 17:00 h. Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio. Carlos Babío Urkidi e Manuel Pérez Lorenzo, 2017. Edita: Fundación Galiza Sempre. Participan: Francisco Jorquera, presidente da FGS; Ana Miranda, eurodeputada polo BNG e vicepresidenta da FGS; Carlos Babío e Manuel Pérez, autores.
– 17:30 h. Invisibles. Relatos do maltrato. Montse Fajardo, 2017. Edita: Edicións Matriarcas. Participan: Montse Fajardo, autora do libro; e Carme Fouces, responsábel de Igualdade no Concello de Pontevedra.
– 18:00 h. Catalunya e nós. Coord. Rubén Cela Díaz, 2018. Edita: Fundación Terra e Tempo. Participan: Rubén Cela e representantes de ERC, CUP e JuntsXCat.
– 18:30 h. Metodoloxía didáctica do repente galego. María Porto e Henrique Salvador, 2017. Edita: Deputación de Pontevedra. Participan: María Porto, Henrique Salvador, autores; Carlos Alonso, presidente da Asociación ORAL; e Xosé Leal, responsábel de Cultura na Deputación de Pontevedra. Haberá unha demostración de repente galego.
– 19:00 h. Os soños na gaiola (Edición facsímile ilustrada por Reimundo Patiño). Manuel María, 2017. Edita: Casa – Museo Manuel María. Participan: Montse Pena, profesora da USC; Pepe Barro, deseñador gráfico; e Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María.
– 19:30 h. Mulleres de Gargamala! Cantares da tradición oral. Xulia Feixoo e Guillerme Ignacio, 2017. Edita: aCentral Folque. Presentan: Xulia Feixoo e Guillerme Ignacio, autora e autor do libro, e Alba María, representante de aCentralFolque.
– 20:00 h. Bonus Track. Rosalía Fernández Rial, 2017. Edita: Editorial Galaxia. Presentan: Rosalía Fernández Rial, autora do libro; e Francisco Castro, director da Editorial Galaxia.
Ramón Nicolás: “Tiña moi claro que quería fuxir do saudosismo ao falar da relación entre Galicia e Arxentina”
Entrevista
de Montse Dopico a Ramón Nicolás en Praza:
“(…) – Praza (P): A Noite dos lapis é un dos episodios da represión cometida pola ditadura arxentina. En 1976, varios estudantes de secundaria foron secuestrados e despois torturados e, a maioría deles, asasinados. Por que escolliches este feito para facer unha novela?
– Ramón Nicolás (RN): O argumento levaba dándome voltas desde había algúns anos e, indefectiblemente, está vinculado coa miña traxectoria docente. O trato cotián con adolescentes levoume a pensar o que podería ocorrer con aqueles que, comprometidos con problemas sociais e que viven o seu tempo con perspectiva crítica, se visen abocados á clandestinidade por mor dun cambio radical nun réxime ou nas propias estruturas políticas. Isto é, formuleime a sinxela, pero creo que non inocente pregunta nos días que vivimos, de “que pasaría se…?”.
E o que podería pasar foi o que xa pasou, isto é, a denominada “noite dos lapis” do 16 de setembro de 1976 en que a ditadura cívico-militar arxentina, obedecendo un plan sistematicamente deseñado para infundir o terror, secuestran, torturan e fan desaparecer un grupo de rapazas e rapaces. O encaixe histórico, por unha banda, estaba aí. Non nego que, ao tempo, resultou determinante unha viaxe veloz que realicei a Buenos Aires no ano 2012 por mor do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro: acumulei vivencias en apenas tres días que, tamén en parte, están recollidas neste libro. Da novela dixo María Xosé Porteiro na súa presentación en Vigo que era unha viaxe “cuántica”, no espazo e mais no tempo, e verdadeiramente hai moito diso, no plano histórico e no da memoria particular e colectiva.
– P: Cando lía o teu libro, pensaba en Meu pai vaite matar de María Xosé Queizán, entre outros títulos que, a partir da ligazón entre Galiza e América, optan por contar historias acontecidas alá, en América, é dicir, pola historia dos nosos “outros”, que tamén é a nosa. No teu caso, escolles un tempo de ditadura en España e en Arxentina, pero optas por contar un caso de represión alá. Por algunha razón especial?
– RN: Na novela fago confluír experiencias duras aquén e alén mar aínda que o peso maior descanse nas vivencias na Arxentina. Hai multitude de conexións entre Galicia e Arxentina e no libro deixo moitas pistas sobre algunhas delas que só están, á mantenta, suxeridas e o que sempre tiña moi claro é que quería fuxir do saudosismo cando se fala da relación entre Galicia e Arxentina. Mais a razón de que a proposta se derive ao lado americano talvez descanse no que respondía na primeira pregunta, na admiración que sinto por un país como Arxentina que acubillou aos nosos exiliados e a milleiros de persoas emigrantes e tamén polo feito de que, con todos os problemas e atrancos que houbo, a xustiza tomou cartas no asunto tras a conclusión da ditadura: a sociedade civil gañou unha batalla e eu quería pór o acento neste feito.
Quería, por inmanencia, salientar que tras recorrentes reivindicacións se conseguiu xulgar aos responsables dunha represión brutal, dun verdadeiro xenocidio. Esta resposta aquí non a houbo e se cadra esta é unha das explicacións a tantos problemas e conflitos que había moitos anos debían de estar resoltos. Dalgún xeito aquela “transición intransixente” como a chamaba Lueiro Rey, aquela restauración borbónica ou como se lle queira chamar deita unha sombra mesta no presente.
Por outro lado, cómpre non esquecer: o cultivo da memoria, do que pasou, é algo modélico en Arxentina e remito tan só á existencia de dous símbolos como son o Parque da Memoria bonaernse ou o Espacio Memoria y Derechos Humanos (Ex-Esma), por exemplo, mentres aquí seguimos a falar do que acontecerá cos restos do ditador ou da usurpación do Pazo de Meirás sen cuestionarse a legalidade da Fundación Francisco Franco, sostida con cartos públicos, ou por citar outro exemplo esa pretensión de converter a illa de San Simón nun espazo lúdico cando, particularmente, non imaxino mellor lugar para erixir un verdadeiro espazo da memoria da represión que se deu en Galicia desde xullo de 1936. (…)”