Ledicia Costas: “A miña aposta por vivir da literatura está moi meditada”

EntrevistaLedicia Costas de Carme Vidal a Ledicia Costas en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Tres edicións en cinco meses. Cal é o segredo de Escarlatina. A cociñeira defunta?
– Ledicia Costas (LC): O libro saíu en outubro e por volta do Samaín rematouse a primeira edición. En Nadal voou a segunda e en xaneiro a editorial xa se meteu coa terceira. 6.000 exemplares en total. Cadrou moi ben e entrou tamén en moitos centros de ensino. O que fixen foi xuntar dous temas que me gustaban literariamente como son a cociña e a morte e o resultado foi este. Temos unha longa tradición arredor da morte e é raro que ninguén a tratase deste xeito desenfadado. Que sexa un libro de receitas tamén axudou á hora de ser tan ben acollido. (…)
– SG: En que mudou esta colección de boas noticias a súa relación coa literatura?
– LC: Pois en algo moi importante. A día de hoxe os meus ingresos veñen exclusivamente da literatura. En xaneiro tiven o meu derradeiro xuízo e decidín deixar o oficio de avogada e meterme de cheo na escrita. Apostei por vivir disto. Sempre fun moi cauta e asistín a todo o debate que se produce arredor das posibilidades da profesionalización. Levei ano e pico sobrevivindo da literatura e agora decidín dar o paso, curiosamente cando o sector editorial non goza da mellor das saúdes. Son prudente pero é a miña decisión.
– SG: É unha aposta persoal na que tamén asume os riscos?
– LC: Digamos que é unha decisión moi meditada. Desde hai anos tratei de compaxinar a avogacía e a literatura mais comprobei que o que me gustaba e o que me proporcionaba ingresos é a escrita que, aos poucos, íalle comendo espazos ao dereito. De xaneiro a maio sumarei máis de cen charlas en centros de ensino. Como avogada, ademais, os ingresos reducíranse moito coas novas taxas. Optei por deixar a pel na literatura e, se logo hai que buscar outra saída xa se pensará.
– SG: Esa decisión obriga a ter unha actividade pública maior?
– LC: Obriga. O pálpito xeral que a xente transmite é que non se pode vivir da literatura e eu, que teño moito de outsider, confío en que a base de traballo é posíbel. Neste momento teño a sensación de que as cousas veñen soas e imos ver que pasa a partir de agora. (…)
– SG: A esa actividade súmase o proxecto que presentaba no fin de ano, a revista Criaturas arredor da literatura infantil e xuvenil.
– LC: Ese proxecto non é só meu e, en concreto, ten moito a man de Daniel Landesa que está na orixe de todo. Agora estamos argallando o seguinte número que vai estar dedicado ao humor na literatura. Somos unha lingua minorizada e estamos a lanzar unha revista especializada en literatura infantil e xuvenil. Dixéronnos que posibelmente non fora rendíbel mais non nos importa. O proxecto é amplo. Temos a revista e os contidos que imos metendo na web, a nosa intención é seguir ampliando contidos con todos os colaboradores e colaboradoras. Trátase de tecer unha rede, unha sorte de tellado no que acubillarse os que traballan na literatura infantil e xuvenil. Ao noso ver había unha lagoa, un espazo baleiro que decidimos cubrir. Temos moita ilusión co proxecto. (…)”

Cangas: presentación de Antípodas, de Xosé Vázquez Pintor

OXosé Vázquez Pintor xoves 19 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Maraxe (Avenida de Marín, 9), de Cangas do Morrazo, preséntase Antípodas, de Xosé Vázquez Pintor, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Manuel Bragado.

Xabier López: “Os boxeadores foron os primeiros e auténticos heroes, deportivamente falando, da clase obreira”

EntrevistaXabier López de Montse Dopico a Xabier López en Praza:
“(…) – Praza (P): A vida que nos mata desenvolvíase na Segunda República. Olympia Ring, 1934 tamén. Desta volta, interesáronche sobre todo a revolución de Asturias do 34 e a proclamación do Estado catalán. É a etapa do “bienio negro”: a represión política, a censura, a Lei de Vagos e Maleantes… Tivo algo que ver a escolla desta época co intento de destacar, precisamente, a época menos progresista da Segunda República?
– Xabier López (XL): Resístome a crer que a historia sexa cíclica -iso sería realmente terrible- pero penso que existen certas cousas que cómpre non esquecer: entre elas, que cando comezaron a respirarse aires de cambio neste país -e por extensión en toda España- sempre apareceron movementos políticos dentro do propio sistema dispostos a dinamitar as cativas conquistas do progreso. Á II República non a liquidou o Alzamento do 18 de xullo; o principio da fin chegou co programa de “goberno” desenvolvido pola dereita radical vitoriosa nas urnas en novembro de 1933: a amnistía prometida aos partícipes do golpe de estado de Sanjurjo, a paralización da reforma agraria, o restablecemento de relacións coa Santa Sede e a revisión da política de laicidade e as súas consecuencias prácticas (entre elas, póñase por caso, a que limitaba que fose o Estado quen pagase o salario do clero)… Por non falar do “desinterese”, cando non da aberta belixerancia, que amosaron a respecto das reivindicacións dos territorios diferenciados con ou sen autogoberno, como era a esas alturas o noso caso. Ademais, literariamente falando, todo “paraíso corrompido” ofrece unha chea de posibilidades ben interesantes.
– P: En que se basea ese “revival” do xénero negro ao que parece que estamos a asistir? Que ten que ver co tempo de crise económica, política..? Por que ese interese, tamén, pola novela histórica (algo tiña diso O caderno…)?
– XL: Xa case é un lugar común dicilo, pero a novela negra negra é un perfecto calidoscopio da sociedade que a produce. E por suposto que seríamos ben inxenuos se nos cremos que non houbo quen vivise xa as nosas “crises”. Chamámoslle “novela histórica” (pola ambientación, e todo iso) pero a verdade é que, de analizármolas polo miúdo, pouco mudaron as cousas dende os anos trinta do século pasado: cando menos na mentalidade e nos problemas que se formulaban. E pode que ata nas respostas. (…)
– P: O teu protagonista é un boxeador galego, que ademais é membro do Partido Galeguista. Fíxome pensar en Sangue sobre a neve, de Manuel Forcadela: un boxeador, crónica negra, retrato dunha cidade e dunha clase social… Como xorde este personaxe?
– XL: Ben. Tanto Manuel Ramírez Castro, O Camión, coma o Martell, non deixan de ser abstracción de todos aqueles mozos da época que vían no boxeo unha maneira de saír adiante, deixando atrás as máis das veces un entorno cheo de penurias. Durante un tempo, os boxeadores chegaron a gañar máis cartos ca os futbolistas. Dalgún xeito, foron os primeiros e auténticos heroes, deportivamente falando, da clase obreira. Co Camión, non obstante, propúxenme rachar o estereotipo para botarlle máis “pementa” ao asado, se podo dicilo así. O púxil pontevedrés non só é militante do Partido Galeguista: falamos dun mozo que é amigo dos libros, que ten estudos de bacharelato, que escribe poesía, que planifica ao milímetro os seus adestramentos e as súas dietas… Sempre me gustaron os perfís aparentemente contraditorios. (…)”

Que debe ter unha obra literaria en galego para vender máis de 40.000 exemplares?

ReportaxeLetra en obras en Letra en Obras:
“Nun mercado interno pequeno, e por riba non normalizado como é o noso, que unha novela chegue a vender 2.000 exemplares é xa nova. Comentabamos en 2013 que a tiraxe media dunha novela era de 1.000 exemplares (agora a cifra sería incluso menor) e a dun libro de poesía apenas superaba os 250. Mais entres os títulos que se publican sempre hai algúns que conquistan o público e que se converten en auténticos “long-sellers”.
Un exemplo podemos buscalo nunha das principais editoras en galego. Edicións Xerais, fundada en 1979, conta con seis libros que ao longo de todo este tempo superaron os 40.000 exemplares vendidos. Este é o seu particular ranking (con datos de finais de 2014):
Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz (1995) – 91.000 exemplares vendidos.
O lapis do carpinteiro, de Manuel Rivas (1998) – 85.000 exemplares vendidos.
Galván en Saor, de Darío X. Cabana (1989) – 52.000 exemplares vendidos.
Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. Docampo (1994) – 48.500 exemplares vendidos.
As flores radioactivas, de Agustín Fernández Paz (1990) – 48.000 exemplares vendidos.
A sombra cazadora, de Suso de Toro (1994) – 42.000 exemplares vendidos.”

Manuel Portas: “Este país non se pode permitir o luxo de que os sectores máis avanzados sexan fagocitados pola moda do momento”

EntrevistaManuel Portas de Carme Vidal a Manuel Portas en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): En Amor en alpargatas a morte do protagonista convida a facer balance da súa vida, un nacionalista ex-militante en Compostela. Algunhas referencias, lugares, momentos… son identificábeis, que toma da realidade para construír a súa novela?
– Manuel Portas (MP): A literatura pode ser, como o cine, de ciencia ficción ou máis apegada á realidade, máis verosímil. A novela non corresponde a unha biografía concreta nin era iso o que se pretendía, agora ben, hai elementos que soan a realidade porque estamos a falar dun país concreto, dunha xeración precisa -dez anos por riba do meu tempo- e cunha experiencia vital nese mundo nacionalista que pode ter detalles tirados de biografías diferentes, sen ser ningunha existente. (…)
– SG: “Non hai tempo para o orgullo. O país non pode agardar por feridas particulares. Vaille a vida.”, escribe na novela. Que hai do autor nesa confesión do protagonista?
– MP: O que expresa ese monólogo o protagonista en solitario na súa casa é unha reflexión moi estendida no mundo nacionalista, en persoas que están desactivadas e ven o que está a pasar con ollos perplexos. Sen vontade de se converteren en elementos activos, a distancia das estruturas organizativas e o paso do tempo fan que se sexan, en certa medida, observadores privilexiados que se preguntan cal é o futuro e non tanto do nacionalismo senón do pais. Nese punto de vista cuestionen tamén o nivel de irresponsabilidade que fai que, nun momento tan crucial para a historia, sigamos a discutir polos marcos das leiras. Xa non vale aquilo de “xa o diciamos nós”, a tal altura é miope e non contribúe a nada. Compre moito diálogo e este país non se pode permitir o luxo de que os sectores máis avanzados podan ser fagocitados pola moda do momento. (…)
– SG: Catro novelas e, polo que vexo, moitos proxectos na cabeza. Demorou mais, é mostra da ansia que tiña de se converter en escritor?
– MP: Un está todo o día creando, en cada mirada, en cada situación, nalgunha pequena noticia do xornal aparecen historias que tiran, ás veces impresionantes e con protagonistas anónimos que son mesmo superiores literariamente á propia narrativa. A literatura está demasiado chea de figuras e a xente normal ten dereito a verse reflectida nas obras. Cotián e anónimo non significa vulgar. Cada historia ten un prisma, un olor, un sabor, que a fai diferente e o reto está en captar eses recendos particulares. (…)”

Entrevista a Sabela González sobre Feitizo de sangue

DesdeSabela González o programa Galicia por diante da Radio Galega:
“Entrevista a Sabela González sobre Feitizo de sangue, publicado en Galaxia, pertencente á serie As crónicas de Landereina, no programa Galicia por diante da Radio Galega.”

Escarlatina, de Ledicia Costas, na lista de honra do IBBY

DesdeLedicia Costas Brétemas, de Manuel Bragado:
“Recibimos con satisfacción a noticia da elección de Escarlatina. A cociñeira defunta de Ledicia Costas para formar parte da Lista de Honra do IBBY do bienio 2015-2016. Recoñécese outra vez un deses textos literarios, que ademais de merecer o premio Merlín 2014 de literatura infantil e o Fervenzas ao mellor libro infantil do ano, está recibindo unha acollida calorosa entre os lectores e lectoras novos, xa que en cinco meses van xa tres edicións e varias ducias de encontros en bibliotecas escolares do país. Xaora, este fulgor de Escarlatina é o propio dunha novela nacida con vontade de clásico infantil contemporáneo, sexa pola orixinalidade da súa proposta temática e estrutura narrativa, onde a cociña e o inframundo teñen grande protagonismo, como pola súa sutileza para abordar a relación da rapazada coa morte e co auténtico valor da vida. (…)”

Cangas: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto

OXurxo Souto xoves 12 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Maraxe de Cangas (Avenida de Marín, 9), preséntase Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais. O acto, que contará coa participación do propio autor, inclúe a presentación do proxecto documental Os gaiteiros do mar (en homenaxe aos gaiteiros de Cangas Lito de Pinténs e Manoliño de Donón).

Francisco Castro: “O escritor ten que aspirar a ser un clásico, a transcender o seu tempo”

EntrevistaFrancisco Castro de Carme Vidal a Francisco Castro en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): En Tes ata as 10 percíbese a intención do autor de amarrar na lectura.
– Francisco Castro (FC): É unha novela que, ademais de pretender contar moitas cousas, quere atrapar, reivindicar o pracer da lectura, collerte moi forte e que continúes a ler, sorprendendo e dando reviravoltas argumentais.
– SG: A construción do misterio e a súa resolución obriga a afondar na estrutura da novela?
– FC: En toda a súa escrita tiven moi presente a arquitectura interna. Foi como xogar unha partida de póker na que ti controlas os ases que, ás veces, están debaixo da manga. Neste libro hai dúas cousas que fixen por vez primeira, escribir en primeira persoa que, sendo este o meu título 21 aínda nunca experimentara e do que me decatei cando puxen o punto e final e, en segundo lugar, é a primeira vez que escribo unha novela cun esquema ao lado, vixiando as tripas internas, con esa arquitectura que precisaba para conseguir ese efecto de atrapar coa intriga. Dalgunha maneira, neste libro está o que lin e o que escribín. É unha novela que lin e revisei catro, cinco, ou seis veces todas e cada unha das frases. Quería que tivese unha engranaxe que fora unha máquina de enganos, a sedución lectora. (…)
– SG: Vintecinco anos de escrita e vinteún libros deixan á vista unha grande paixón pola literatura.
– FC: Supoñen vida. Eu son literatura, son escrita, comunicación, a necesidade de dicir, de non calar nunca, de inventar. Estou certo de que se quedara inmobilizado estaría ditando historias. É unha pulsión. Os rapaces nos centros de ensino pregúntanme, por que escribes? Eu respondo dicindo que é un intento de comunicarme e transcender o tempo. Os creadores buscamos iso, comunicarnos cos nosos contemporáneos e transcender o tempo. Agardo que dentro de cen anos me poida comunicar con alguén a través da miña obra. (…)
– SG: Vostede é, nese sentido, dos escritores máis activos. Por que participa tanto de encontros en centros de ensino?
– FC: Doulle unha importancia fundamental á visita a centros escolares, clubes de lectura e demais espazos nos que se establece un contacto co lector. Nós non podemos ser como Hölderlin e pontificar, temos que enchouparnos na lama e facer pensar. (…)”