Ledicia Costas: “A miña primeira novela escribina con 14 anos”

EntrevistaLedicia Costas de César Lorenzo Gil a Ledicia Costas en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Escarlatina é unha viaxe ao mundo dos mortos pensado para rapaces. Mortos cheos de humor pero que feden mal, que apodrecen. Como manexou o pudor de falar de determinados temas para o público infantil?
– Ledicia Costas (LC): Non. Non teño pudor cando escribo. Nos libros, tamén nos infantís, o único que hai que ter en conta é o respecto cara aos lectores. Non debemos pór barreiras ou limitar que temas son ou non son para nenos. Este é un libro de humor macabro. Quixen desmitificar a morte, falar dela con naturalidade e graza. Estraño aquelas historias de terror humorístico ou humor terrorífico que lía cando era pequena… O pequeno vampiro, por exemplo. (…)
– B: Como é o seu método: escribe todos os días?
– LC: Todos os días, ao redor de oito horas en cada xornada. Son moi metódica pero non escribo segundo un plan definido. Gústame ir construíndo a historia a medida que a vou escribindo. É o mellor xeito de que siga a ser divertido escribir. Pero tamén sei que o éxito para unha escritora, é dicir, conseguir escribir o libro que queres escribir, só se consegue con esforzo, con horas e horas diante do texto; primeiro creando e logo corrixindo. A corrección é o que menos me gusta do meu traballo pero é un labor ao que lle dedico moito tempo. Chega un momento no que xa practicamente sei de memoria o texto dos meus libros e até me farta telos diante e estou desexando mandalos á imprenta e esquecelos. Antes lía os libros unha vez publicados e incomodábame porque vía que aínda había cousas que se poderían ter corrixido. Escarlatina é o primeiro que non lin. (…)
– B: Tamén probou a escrita a catro mans con Pere Tobaruela. Que diferenzas encontrou a respecta da creación individual?
– LC: A principal, que non se pode improvisar nin ir creando sobre a marcha. No traballo colectivo cómpre cinxirse a un guión previo e ir cumprindo cada un a súa parte. Foi unha iniciativa de Tobaruela e prestoume bastante inventar canda el esas historias negras para rapaces.
– B: As autoras de literatura xuvenil ou infantil adoitan ter maior contacto cos lectores grazas ás visitas aos centros de ensino. Tirou ideas destes encontros para futuros libros?
– LC: Tanto coma iso non. Falar cos rapaces é moi interesante para saber por onde respiran, que lles interesa, como esperan que sexan os personaxes das novelas. Aínda así, os meus libros son bastante libres. Gústame saber que opinan os lectores pero o principal é crear sen receitas, asumindo riscos. (…)”

Vigo: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto

OXurxo Souto venres 17 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Cartabón (Rúa Urzaiz, 125) de Vigo, preséntase Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais, nun acto que contará coa participación do autor e Manuel Bragado.

Antón Dobao: “O relato esixe exactitude, contención e disciplina literaria”

EntrevistaAntón Dobao de Carme Vidal a Antón Dobao en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Os relatos de As ilusións estrañas recrean o mundo da aparencia, dunha realidade normal na súa cotidianeidade que desemboca en episodios desacougantes.
– Antón Dobao (AD): A ilusión é unha palabra polisémica que reflicte ben o que conta o libro. Fai referencia efectivamente a esa primeira aparencia que ten a realidade, con moitas capas das que se ve só unha, fai referencia á ilusión óptica coa que os nosos sentidos se enganan e tamén á fantasía. Na miña escrita hai unha reflexión arredor da necesidade de tomar contacto co que está máis alá da aparencia, do que vemos. (…)
– SG: A condición humana é entón materia literaria privilexiada na súa escrita?
– AD: Os materiais para a construción literaria son múltiples e a maior parte deles inesperados. Son froito da observación e o contacto coa realidade alén da reflexión arredor da nosa condición como humanos, da nosa propia existencia. Supoño que é unha reflexión que moitos autores poden facer en relación coas experiencias máis íntimas. Son materiais moi diversos e procedentes de múltiples lugares, mesmo literarios ás veces, e xogos intertextuais. (…)
– SG: Desde 2008 non publica, mais neste tempo elaborou e dirixiu varios filmes. Como se relacionan na súa traxectoria a creación literaria e audiovisual?
– AD: Compleméntanse ben porque do que se trata é de contar. Proveño do mundo da literatura, como lector e escritor e a miña participación no cine ten moita relación con esa orixe. Síntome moi escritor cando fago o guión, dirixo ou monto unha película. Esas películas formaban parte dun proxecto que relacionaba a literatura, a lingua e o audiovisual. En todas as cinematografías do mundo vemos que a adaptación literaria é un recurso habitual e enriquecedor, as dúas creacións retroaliméntanse.
– SG: Algúns dos relatos son especialmente visuais. A linguaxe do cine meteuse na súa obra?
– AD: A estas alturas non se entende a escrita sen que as imaxes se aparezan como unha pantalla de cine ou televisión porque xa nacemos e nos educamos no cine. En certos relatos nótase de maneira especial desde o punto de vista formal no tratamento de personaxes, en planos superpostos, en escenas que se alternan, en multiperspectivas…”

Lalín: presentación de Zapatillas rotas, de Xabier Quiroga

OXabier Quiroga xoves 16 de outubro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos do IES Laxeiro de Lalín, preséntase Zapatillas rotas, de Xabier Quiroga, publicada en Xerais. No acto, en que colabora a Libraría Vagalume de Lalín, participan, xunto ao autor, Uxío Grande, Celso Fernández Sanmartín e Manuel Bragado.

Ourense: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto

OXurxo Souto mércores 15 de outubro, ás 20:00 horas, na Asociación Cultural Agalleira (Praza de San Cosme, 1) de Ourense, preséntase Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Xabier Paz.