Entrevista
de Carme Vidal a Xabier P. DoCampo en Sermos Galiza:
“Sermos Galiza conta este verán cunha sinatura de luxo. O Caderno de Agosto publicará en cinco entregas, a primeira esta quinta feira, o sorprendente relato de Xabier P. DoCampo, Operación monte de lixo, un thriller no que o autor se mergulla no mundo da corrupción.
– Sermos Galiza (SG): Que nos ofrece en Operación monte de lixo? É unha lectura para o verán?
– Xabier P. DoCampo (XPD): Non distingo literatura de verán, outono ou primavera porque iso daríalle unha sensación de lixeireza que non quixen que tivese a miña historia. Trátase dun relato en cinco capítulos que resolvín dunha forma que me gustaba, toda ela a través de diálogos para que a historia saíse a partir do que os propios personaxes din. Quixen facer un pequeno “thriller” da corrupción, coa contemporaneidade do tema aínda que o tratamento sexa clásico. Tratei un tema de actualidade, a corrupción, o monte de lixo que se mantén na nosa sociedade, e non digo na política que, ao meu ver, é unha actividade nobre na que hai seres innobres. (…)
– SG: O seu relato sae nos xornais e bebe tamén das historias que aparecen nas noticias. Como é esa relación?
– XPD: Hai unha retroalimentación entre a literatura e o xornalismo. A prensa é unha maneira de saber o que sucede no mundo, o material co que traballamos os escritores. A literatura ten elementos que non ten o xornalismo de noticias e, se é boa, axuda a comprender determinadas cousas.
– SG: Que papel pode cumprir a literatura nos xornais?
– XPD: O relato curto é un dos monumentos da narrativa e está tremendamente relacionado coa publicación en xornais e revistas. En América Latina floreceu un relato curto xenial, con autores como Horacio Quiroga, Borges, Cortázar e tantos outros porque había moitas revistas que publicaban relatos. Tiña a ver tamén coas sociedades agrícolas nas que a oralidade tiña moita importancia. Na nosa literatura temos tamén obras xeniais de relato curto con autores como Fole ou Cunqueiro. Defendo que é preciso volver a publicar literatura en xornais e revistas.
– SG: Acurta a distancia entre literatura e xornalismo?
– XPD: A relación entre literatura e xornalismo é unha relación íntima. Hai momentos en que os textos teñen máis relación coa noticia urxente e a propia premura non permite o tratamento da escrita mais, fóra diso, o xornalismo é literatura. Hai reportaxes marabillosas que se len como un bo conto.
– SG: O xornal permite tamén achegarse a públicos novos?
– XPD: Tes garantido o cen por cen do público habitual, do que lería os teus libros, mais a maiores engádense outros lectores que non son compradores de libros. Fai chegar a literatura a un público que, en principio non estaba tan próximo e desenvolve un traballo didáctico extraordinario. O lector a través do relato na prensa ten que notar como a literatura o está axudando a ter unha percepción do mundo máis completa.”
Arquivo da categoría: Narrativa
Noia: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto
O
mércores 30 de xullo, ás 20:30 horas, no Museo do Mar de Noia (Rúa Malecón de Cadarso, s/n), preséntase Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado por Xerais. No acto participará, xunto ao autor, Martín Veiga.
Ramón Vilar Landeira: “Non hai máis que unha vida e hai que vivila de pé”
Actividades literarias destacadas no Festigal 2014
Na
Galería das Letras do Festigal 2014, que se celebrará no Campus Universitario Sul de Santiago de Compostela, terán lugar as seguintes actividades literarias destacadas o venres 25 de xullo:
PRESENTACIÓNS
– 16:30 h. Espelho de mim mesma, de Cruz Martínez, publicado por Círculo Edições. Presentación da revista literaria Elipse. Interveñen: Alexandre Insua, Cruz Martínez e Rosanegra.
– 17:00 h. 50 preguntas, 50 argumentos para a soberanía, Fundación Bautista Álvarez. Interveñen: Mª Pilar García Negro, Néstor Rego e Bautista Álvarez.
– 17:30 h. A Unión Europea como problema. Reflexións desde Galiza. Interveñen: Xavier Campos López (director da Fundación Galiza Sempre), Carlos Aymerich (coladorador do libro) e María do Carme García Negro (colaboradora do libro).
– 20:00 h. Uma Mãe tão Punk, de Teresa Moure, Chiado Editora. Interveñen: Carlos Quiroga e Teresa Moure.
– 20:30 h. Contos do mar de Irlanda, Xurxo Souto, Edicións Xerais. Interveñen: Manuel Bragado e Xurxo Souto.
– 21:00 h. 55, Xavier Queipo, Xerais. Interveñen: Manuel Bragado e Xavier Queipo.
– 21:30 h. Autores e autoras para o 25 da patria (presentación dos libros de autopublicación Alén do silencio e Un libro de libros). José Estévez, Autoedición. Interveñen: Eva Xanín e José Estévez. A continuación recital a cargo de: Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Rosalía Fernández Rial, Iria López (“Ika”), Rochi Nóvoa, Guillerme López Sueiro, Irene Fernández, Cruz Martínez, Luísa Arias, Alexandre Brea, Beti Arias, Lorena Rei, Isidro Rajo “Isidrez”, Xurxo Valcárcel, Luz Fandiño, Iolanda Aldrei, Ana Pérez Croas, Estela Dopazo, Catarina Laxe, Alexandre Insua e Rosanegra, Victoria Esteban, Chus Amieiro, Maria José Castelo, Mar Romero, Silvia Castiñeiras, Carlos Neira Suárez e Anxo Angueira.
A partir das 18:00 horas, no Espazo Sinaturas:
– Afonso Eiré, Eu estaba alí, Hércules Edicións.
– María Reimóndez, A alternativa está aquí, Xerais.
– Henrique del Bosque, E logo, temos razóns para ser nacionalistas?, Xerais.
– Rodri Suárez, Non temos medo, Nicetrip Edicións.
– Xavier Vence & Xan Carballa, Temos dereito a un futuro distinto, Engaiolarte.
– Bautista Álvarez, Retallos daquela infancia, Xerais.
– Eduardo S. Maragoto, Como ser reintegracionista sen que a familia saiba, Ed. Cumio
e todos/todas os/as que presenten libros.
Rianxo: actividades destacadas do sábado 26 e domingo 27 na Feira do Libro
O
sábado 26 e domingo 27 de xullo finaliza a Feira do Libro de Rianxo (na Praza de Castelao), con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 19:00 a 23:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para ese día:
Sábado 26
– 13:00 h. Presentación, na casa do concello, do libro As crónicas de Bran, Vol. II: A porta de Annwn, de Xosé Duncan. Xunto co autor, participará no acto Adolfo Muíños.
– 19:30 h. Presentación do libro disco Brinca vai!, de
Paco Nogueiras, con ilustracións de David Pintor, publicado por Kalandraka. Na Biblioteca
da feira.
– 20:30 h. Presentación, na casa do concello, do primeiro número do proxecto
Caderno de Literatura popular de Rianxo, adicado a Francisco Rodríguez Gey. Participarán no acto Eulalia Agrelo Costas, Carla Morano e Adolfo Muíños.
– 21:30 h. Concerto na Praza Rafael Dieste. Presentación do traballo discográfico Toc Toc, a cargo de Pablo Díaz e Banda. (Programa Rede Cultural Deputación da Coruña).
Domingo 27
– 13:00 h. Presentación da Antoloxía Poética de Evaristo Martelo, a cargo de Pepe Blanco Alborés, responsable de Plan B Editora e presentado por Adolfo Muiños.
– 19:30 h. Presentación, na Biblioteca Infantil, do álbum ilustrado O libro dos bicos, de Xosé Luna e Nuria Díaz.
– 20:30 h. Presentación, na Biblioteca Infantil, do libro Salseiros, de Suso Lista, publicado por Edicións Embora.
Os Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, en Bueu
Desde
o blogue de Manuel Bragado, Brétemas:
“Cheo histórico no salón de actos do Museo Massó de Bueu para asistir á presentación de Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto organizada pola libraría Miranda. Máis dun cento de persoas vibramos durante unha hora cos relatos, coa música e coa emoción dun serán no que se viviu a épica dos mariñeiros galegos que máis alá do paralelo 48 procuraron os camiño do mar.
Comezou Xurxo Souto a súa intervencion confesando que este libro «era unha ousadía, xa que xeralmente as cousas do mar se calan en terra, ninguén nos aprendeu nada do mar». «Pretendín transcribir as historias dos mariñeiros que foron máis aló do paralelo 48, que entraron nos mares de cuberto e máis da parte de fóra, Os tres codillos, O calcetín, O Gran Sol, ou aqueloutros máis afastados do Volcán de Porcupine ou do Rocal do Con, esa illa entre Irlanda e Islandia». Falou despois Souto de que «Irlanda foi sempre unha obsesión para a cultura galega, sobre todo na música, o que non é estraño xa que os portos galegos de Irlanda, como Bantry, Dingle ou Galway, son a periferia da periferia, onde mellor se conserva a lingua gaélica». Defendeu Xurxo Souto que Vigo e A Coruña, onde están os portos do Berbés e do Muro, epicentros do mar de Galicia, «son a mesma cidade e que rabeen os repunantes».
Relatou Xurxo Souto, con algunha cantarea polo medio, as historias referidas a Bueu, desde a das botas de Riobó, as mellores do mercado, tan importantes para o pé do mariñeiro, famosas dende san Pedro de Miquelón a Trintxerpe, pasando polas de José de Loira de Cela e de Benito Estévez, até a de Lito Gago, un dos gaiteiros do mar, fundador da banda de gaitas Manxadoira de Bueu. A intervención espontánea do propio Lito relatando unha nadal en Terranova foi un dos momentos máis emocionantes do serán. Antes, Xurxo gabara ben chufados aos gaiteiros do mar, «levar un gaiteiro a bordo é unha regalía». A intervención de Rubén Bastón, compañeiro daquel programa inesquecible, Mil Ribeiras da Radio Galega, salientou a importancia destes músicos, que chegaron a gravar un LP no Gran Sol, e o traballo de Xurxo Souto na recpueración e conservación da súa memoria.
No treito final da presentación, antes das repichocas de Xurxo e de Miguel de Cela, Souto advertiu que «este non é un libro de naufraxios, o naufraxio non é épica, é un accidente laboral que debería ter sido posible evitar contando con máis medidas de seguranza marítima,» «máis seguranza e menos épica dos naufraxios», reclamou. »Este é un libro de aventuras, un libro de amor, un libro de descubertas, un libro de pintura, un libro de música, un libro do século vinte, mais tamén un humilde manifesto de futuro. Galicia é o centro do mar, a nosa principal industria, somos a maior potencia pesqueira de Europa. O libro pretende apenas poñer en valor aos galegos como centro do mar.»”
Lousame: presentación de A maleta de Victoria Kent, de Xerardo AgraFoxo
O
domingo 27 de xullo, ás 19:00 horas, no Centro Social Pepa de Vicente (Aldea Grande de Lousame), preséntase a novela A maleta de Victoria Kent, de Xerardo AgraFoxo, publicada en Galaxia. No acto, xunto ao autor, interveñen Teresa Villaverde e Maite Sobradelo Creo. Durante a presentación actuarán membros do Conservatorio de Lousame.
Bueu: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto
O
mércores 23 de xullo, ás 21:00 horas, no Museo Massó (Rúa Montero Ríos, s/n) de Bueu, preséntase Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado por Xerais. No acto, coorganizado pola editora e a Libraría Miranda, participa, xunto ao autor, Manuel Bragado.
Ribadeo: actos destacados do sábado 19 e domingo 20 na Feira do Libro
O
sábado 19 e domingo 20 de xullo finaliza a Feira do Libro de Ribadeo (no Parque de San Francisco), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses días:
Sábado 19
– 13:00 h. Presentación de Caderno de viaxe. A Mariña, con Luz Pozo e Eduardo Baamonde.
– 18:30 h. Presentación do álbum ilustrado 3, 2, 1…, de Pepablo Patiño e Dani Padrón, publicado por Edicións Embora.
– 19:30 h. Presentación do libro disco Brinca vai!, de Paco Nogueiras, con ilustracións de David Pintor, publicado por Kalandraka.
– 20:00 h. O escritor Henrique Dacosta asinará exemplares do seu libro Entrada ao xardín do saber, na caseta da Libraría Cartabón.
Domingo 20
– 19:30 h. Presentación do libro Salseiros, do escritor e actor Suso Lista, publicado por Edicións Embora.
– 20:30 h. Presentación do relato O monxe voador, de Farruco Graña, pertencente á obra colectiva Follas de Carballo, publicada pola A. C. Lumieira.
– 21:00 h. O Grupo de Teatro da Asociación Cultural Francisco Lanza representará a obra O cego, de Daniel Cortezón.
A Pobra: presentación de Liña azul, de David Pobra
O
venres 18 de xullo, ás 21:00 horas, no Auditorio do Museo Valle Inclán da Pobra do Caramiñal, preséntase o libro Liña azul, de David Pobra, gañador do IV Premio de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola editora e o Concello da Pobra, participan, xunto ao autor, Isaac Maceiras, Encarna González Montemuíño e Manuel Bragado.
