Vigo: presentación de Tes ata as 10, de Francisco Castro

OFrancisco Castro martes 4 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa del Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27), Francisco Castro presenta a novela Tes ata as 10, publicada en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Inma López Silva e Víctor F. Freixanes

Xabier Quiroga: “A manipulación mediática é unha realidade coa que nos acostumamos a convivir e da que resulta imposíbel librar”

EntrevistaXabier Quiroga de Montse Dopico a Xabier Quiroga en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Zapatillas rotas fala, como todas as túas anteriores novelas, do poder e da súa capacidade esmagadora para a xente de abaixo. Desta volta, o foco está posto na manipulación mediática. Por que? (Xa en Se buscabas un deus falabas moito do tema dos medios e o poder).
– Xabier Quiroga (XQ): Certamente todas as miñas novelas teñen ese punto de denuncia do sistema como represor ou controlador da vida dos mortais do común. Se cadra ata é unha teima. Pero se matinamos un chisco, veremos que a manipulación mediática constitúe unha realidade coa que nos acostumamos a convivir e da que resulta imposíbel librar, porque, pregunto eu, quen libra dos que mandan cando estes teñen todos os medios aos seu dispor para dirixir a maquinaria que os protexe? O sistema son persoas, non o esquezamos, e estas semellan trasladar o seu medo aos demais cunha férrea e poderosa rede manipuladora que hoxe en día pasa polos medios de control de masas. Se eu pretendo amosar a realidade é porque se trata dun feito que está aí. (…)
– MD: Os protagonistas son un señor con alzheimer e un parado. A situación económica do segundo, -orfo desde neno, criado pola avoa, que era pobre-, condiciona totalmente, aos ollos da sociedade, a interpretación da relación entre eles. É un xeito de facer unha crítica dunha sociedade que olla distinto á xente segundo a súa posición económica?
– XQ: Por suposto. Pero trátase dun dos xeitos que hai entre milleiros de xeitos aos que podemos acollernos os que escribimos para censurar comportamentos nada edificantes. Tamén debo dicir que a escolla dun vello e un parado, figuras moi representativas desta crise que nos asoballa por abaixo mercé aos que se enchen por arriba, quizais leve, neste intre de penuria, a ver os feitos de cada día cunha mirada bipolar: a que se solidariza con eles porque é o pan de cada día e en calquera momento pode tocarnos a nós, e a que se rebela e berra contra o que nos pasa e nos repasa e do que estamos fartos porque chega o momento, como lle chegou ao señor Xaquín nun intre da súa vida, de rachar as cadeas sen importar as consecuencias, simplemente porque temos a razón da nosa parte e ás veces a violencia está máis que xustificada nos adentros. (…)
– MD: En canto á maneira na que está contada, a novela ten un narrador, bastante diálogo, e algo de investigación policial aínda que non é iso o que realmente che interesa. Como pensaches a estrutura?
– XQ: Se dicimos investigación policial alguén pode pensar que se trata dunha novela negra. Nin por asomo. En canto á súa estrutura, antes dixen que saíu o que saíu, pero non exactamente o que cavilei nun principio. Incluso ese marcado contrapunto de varios personaxes e varias situacións a converxer paseniño no remate veu despois de iniciada. Acontece que ti empezas a escribir cunha idea de novela, pero logo, co paso das páxinas e das circunstancias que trazas porque che veñen ao maxín, vas modificando e axustando ata dar cunha estrutura que cres adecuada pero que nin sequera con esa crenza estás seguro de atinar. Escribir tamén é dubidar e, en fin, neste caso podo confesar que mesmo percibía a novela como complexa de máis como para ofrecerlla a unha editorial ou intentar que se lle ofrecese ao público. (…)”

Vigo: presentación de Dende o conflito, de María Reimóndez

OMaría Reimóndez venres 31 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, preséntase Dende o conflito, de María Reimóndez, Premio Xerais de Novela 2014. No acto participan, xunto á autora, Carme Vidal e Fran Alonso.

Ordes: presentación de Os televisores estrábicos, de Ramón Vilar Landeira

O venres 31 de outubro, ás 20:00 horas, no Museo do Traxe de Ordes (Rúa da Feira, 5), terá lugar a presentación do libro Os televisores estrábicos, de Ramón Vilar Landeira, publicado por Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Miguel Calvo e Ignacio Carballo.

Crónica videográfica das IV Xornadas de Literatura e Ensino: mesa redonda Imaxinarios narrativos para o século XXI

O sábado 18 de outubroBannerIVXornadaLiteraturaEnsinoAELG2014, no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia, tiveron lugar as IV Xornadas de Literatura e Ensino, baixo o título A Xeración Nós-outr@s, organizadas pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Esta á e crónica videográfica do acto, onde se poden ver as seguintes intervencións:
– Presentación da mesa redonda Imaxinarios narrativos para o século XXI, con Carlos Negro.
– Intervención de Rosa Aneiros.
– Intervención de Inma López Silva.
– Coloquio da mesa redonda Imaxinarios narrativos para o século XXI, con Rosa Aneiros e Inma López Silva.