“Cris Pavón vén de publicar a novela Limiar de conciencia -e a súa versión castelá, Umbral de conciencia– en formato ebook (pd, epub e mobi). Resultou finalista do Premio Xerais Narrativa 2009 e do Premio García Barros ‘Ken Keirades’ 2010 (non publicaron finalistas en web). Aínda así, quizais por ser unha autora inédita e descoñecida, tamén probablemente polas dificultades que atravesa o eido editorial, non puido vela publicada nin nestas nin noutras editoriais e decidiuse a autoeditala baixo licenza Creative Commons. No seu blog podedes ver unha sinopse da novela, así como outros traballos de Pavón. (…)”. Desde Tendencias Galicia Confidencial.
Arquivo da categoría: Narrativa
Entrevista a Manuel Rivas en Zig zag diario
“O programa da TVG Zig-zag diario, que presenta a xornalista María Solar, entrevistou a Manuel Rivas sobre a súa última novela, As voces baixas. Desde Xerais.”
Xavier Alcalá: “Hai moitísimas semellanzas entre Fidel Castro e Franco”
“O titular é unha frase de Xavier Alcalá tirada da entrevista que publicou o Faro da Cultura e na que o autor de Verde Oliva conversa con Lourdes Varela. Entre outras cousas, sinala que escolleu o formato da novela para contar esta historia pola necesidade de protexer a persoas reais. Pódese descargar a conversa completa, en formato PDF aquí“. Desde Galaxia.
Allariz: actos literarios con Miguel Anxo Fernández
O luns 19 de novembro, en Allariz, Miguel Anxo Fernández terá as seguintes actividades arredor do seu libro Lume de cobiza, publicado en Galaxia:
– De 10:30 a 12:00 h. Tertulia Literaria no Centro Social da rúa do Portelo, con clubes de lectura de Maceda, Xinzo e Allariz.
– De 12:30 a 13:30 h. Encontro do autor con todo o alumnado na Casa da Cultura.
Bueu: presentación da triloxía Dragal, de Elena Gallego
XIII Concurso de Relato Oral Tíralle da Lingua
“Tíralle da lingua é un proxecto da AS-PG, dirixido ao alumnado e profesorado de todo o país, co obxectivo de normalizar o uso oral da nosa lingua, convertir o idioma en instrumento de comunicación normal, de creación e recreación de historias…de lingua de uso do noso sistema educativo, en definitiva, de devolverlle ao galego o espazo que lle corresponde. O proxecto TÍRALLE DA LINGUA consta de dúas fases: as Xornadas de Expresión Oral, dirixidas ao profesorado, nas que se intenta proporcionar técnicas para traballar a oralidade na aula e un concurso de relato oral, dirixido ao alumnado de toda Galiza cunha fase final que se celebra no mes de maio en Compostela.”
XIII CONCURSO DE RELATO ORAL: TÍRALLE DA LINGUA
Bases do concurso
1ª. As historias poderán ser de base popular, de base literaria ou creación propia.
2ª. As historias contaranse en galego.
3ª. Nas historias valorarase a calidade lingüística e o seu carácter construtivo e pedagóxico (linguaxe non discriminatoria, linguaxe non sexista…)
4ª. Os/as participantes concursarán individualmente ou en grupo, pero sempre respectando o tempo máximo por actuación que será de 5 minutos. A superación dese tempo pode supor a descualificación. Poderán participar cun máximo dunha historia.
5ª. O concurso vai destinado a tres niveis académicos.
1) Primaria.
2) 1º Ciclo de ESO.
3) 2º Ciclo de ESO e ensino postobrigatorio.
6ª. O concurso farase en dúas fases con carácter selectivo:
1) A nivel centro de ensino.
2) A nivel nacional.
7ª. Na primeira fase será o propio centro o que determine e se responsabilice dos posíbeis premios aos concursantes. O número de concursantes que pasarán da primeira á segunda fase determinarase en función da participación, o que se comunicará aos centros.
8ª. A formalización da inscrición no concurso por parte dos centros realizarase antes do día 5 de abril enviando un e-mail a: informacion@as-pg.com, recibirán confirmación da inscrición e dos datos que deben completar.
9ª. A fase final celebrarase a primeiros de maio en Santiago, en dous grupos diferentes: un para primaria e primeiro ciclo de secundaria e outro para segundo ciclo de secundaria e ensino postobrigatorio.
10ª. Na fase final concederase un primeiro premio por nivel cun valor de 250 euros e un segundo, se o xurado así o estima por valor de 150 euros. Os centros de ensino dos participantes gañadores recibirán un premio do mesmo importe.
11ª. O xurado estará composto por tres persoas alleas aos centros participantes con experiencia nestas actividades, actuando de secretario/a un representante de Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
12ª. O xurado emitirá o ditame o mesmo día da celebración do concurso.
13ª. A participación no concurso supón a aceitación íntegra das presentes bases.
Padrón: presentación de Tonas de laranxa, de Manuel e María Lorenzo
O venres 16 de novembro, ás 19:30 horas, no Auditorio Municipal de Padrón, preséntase o libro Tonas de laranxa, de Manuel Lorenzo Baleirón e María Lorenzo Miguens, que obtivo o Premio Xerais de novela 2012. No acto participan, xunto aos autores, Anxo Angueira e Manuel Bragado.
Pontevedra: presentación de En vías de extinción, de María Reimóndez
O xoves 15 de novembro, ás 20:00 horas, terá lugar a presentación de En vías de extinción de María Reimóndez en Pontevedra. O acto celebrarase na Libraría Paz (Rúa da Peregrina, 29) e contará coa participación de Fran Alonso, Eva Mejuto e a propia autora.
Fene: tertulia de Xesús Rábade Paredes con Verónica Martínez Delgado, no Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor
O xoves 15 de novembro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Concello de Fene, dentro do Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor, organizado pola Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Fene, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, terá lugar un novo coloquio con Xesús Rábade Paredes, gañador do Premio Blanco Amor organizado polo concello de Cedeira en 2006, coa novela Mentres a herba medra, acompañado por Verónica Martínez Delgado.
Vigo: presentación de O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas
O xoves 15 de novembro, ás 20:00 h., na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, preséntase a novela O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas, publicada por Xerais. No acto, xunto á autora, participan Manuel Bragado e o músico Mig Seoane.