Ramón Nicolás: Berta Dávila e as fracturas da poesía

Entrevista de Ramón Nicolás a Berta Dávila en Qué leer, desde o seu blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Desde os seus comezos como creadora alterna prosa e poesía. Que a leva a un ou outro xénero?
– Berta Dávila (BD): No meu caso, os proxectos de poesía adoitan ser máis continuados no tempo, detéñense e retómanse, pero permanecen como pano de fondo. Supoñen case sempre un enfrontamento coas palabras, un acto de abrir fendas ou fracturas. Creo que, cando escribo narrativa, o intento responde máis á idea de pechar ou conectar esas fracturas entre si, de construír os bordos do oco, en vez de sinalalo como fai o poema. Iso creo, pero non o teño moi claro, porque ás veces sucede o contrario.
– RN: O proceso de creación e maduración de textos poético en vostede, polo que coñezo, é moi meditado. Tamén na narrativa?
– BD: Para min son procesos de escritura moi diferentes. Cada vez corrixo máis o que escribo e síntome máis insegura. Cando escribía Raíz da fenda fun colgando os poemas no corredor da miña casa para ordenalos e corrixilos, necesitaba velos todos á vez, se non na miña cabeza, polo menos si na miña parede. Cando traballo en narrativa o fago sempre en ordenador, imprimo as versións e corrixo a man, supoño que é o máis convencional. (…)”

Taboleiro do libro galego (XVI), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí unha nova entrega das novidades editoriais en lingua galega  máis vendidas segundo os datos obtidos, nesta ocasión, destas  trece librarías galegas: Biblos, Sisargas, Torga, Couceiro, Casa do Libro de Vigo, Trama, Aira das Letras, Suévia, Paz, Cartabón, Carricanta, Libros para Soñar e Librouro.”

NARRATIVA
1º-. Cadeas, de Xabier López López, Edicións Xerais.
2º-. Acordes náufragos, de Antón Riveiro Coello, Editorial Galaxia.
3º-. Bícame, Frank, de Miguel Anxo Fernández, Galaxia.
4º-. O corazón da Branca de Neve, de Francisco Castro, Editorial Galaxia.
5º-. Faneca brava, de Manuel Portas, Edicións Xerais.

POESÍA
-. Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro, Faktoría K de Libros.
2º-. Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure, Através.
3º-. Presente continuo, de María Reimóndez, Edicións Xerais.
4º-. Ningún precipicio, de Olalla Cociña, Toxosoutos.
5º-. Na lingua que eu falo, de Najla Shami e Rosalía de Castro, Editorial Galaxia.

ENSAIO-TEATRO
-. Historia de Galicia,  Anselmo López CarreiraEdicións Xerais.
2º-. Historia da Literatura Galega. I, de Xosé Ramón Pena, Edicións Xerais.
3º-. O valego, de Xosé-Henrique Costas, Edicións Xerais.
4º-. Outra idea de Galicia, de Miguel Anxo Murado, Debate.

INFANTIL-XUVENIL
-. Dragal III. A fraternidade do Dragón, de Elena Gallego, Edicións Xerais.
-. Ámote, Leo A., Rosa Aneiros, Edicións Xerais.
-. O cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións-A porta verde do sétimo andar.
-. O poder de Amabel, de Érica Esmorís, Sushi Books.

ÁLBUM ILUSTRADO
-. Pan de millo, de Migallas, Kalandraka.
2º-. Nicomedes o pelado, Pinto & Chinto, Kalandraka.
3º-. Cocorico, Marisa Núñez & Helga Bansch, OQO editora.

BANDA DESEÑADA
1º-. Asterix e os Pictos, René Goscinny (autor), Albert Uderzo (ilustrador), Jean-Yves Ferri (autor), Didier Conrad (ilustrador), Xavier SenínIsabel Soto López (tradutores), Edicións Xerais.
2º-. Cartas de inverno. Novela gráfica, Antonio Seijas (autor, ilustrador), Agustín Fernández Paz (autor), Edicións Xerais.
3º-. Vida de nai, por Gemma Sesar e Ramón Marcos Ferreiro, El Patito Editorial.
4º-. Oink, varios autores, Agalip.

Entrevistas e reportaxes destacadas do Diario Cultural da Radio Galega, do 29 de outubro ao 1 de novembro

Deixamos aquí as ligazóns ás máis destacadas entrevistas e reportaxes da semana do 29 de outubro ao 1 de novembro no Diario Cultural da Radio Galega relacionadas coa literatura. Agradecemos a Ana Romaní a información:

– O poemario Ático de Arsenio Iglesias Pazos no comentario semanal de libros de Chus Nogueira.
– Toxosoutos publica o primeiro poemario de Ricardo de Barreiro.
– Humor e sátira social na Galicia postapocalíptica de Galiza mutante. Poder nuclear!, a novela de Tomás González Ahola publicada por Urco e Contos Estraños.
De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI: Carmen Blanco.

Parlamento das Letras: Manuel Portas

Entrevista de Armando Requeixo a Manuel Portas no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Manuel Portas (MP): Fáltalles promoción e internacionalización. Se por exemplo encargásemos un estudo de mercado para unha empresa do sector da transformación da madeira, diríanos con toda seguridade que temos unha materia prima magnífica e unha manufacturación moi boa, mais que cumpriría promocionar adecuadamente os móbeis que fabrica no mercado interno e tentar abrir o produto a novos mercados no ámbito internacional. Pois ben, a promoción interna da nosa cultura está sendo esganada, porque a literatura na lingua propia é vista como potencialmente sediciosa, en calquera caso perigosa, polos poderes políticos e económicos. Mellor asfixiala e ocultala, reducila aos cenáculos galeguistas, ás covas céltigas, ás aulas de lingua e aos discursos pomposos nos Días das Letras. Mesmo prefiren promocionar os aparadores e os dormitorios feitos noutras latitudes, por moito que só teñan calidade fimapán. E, no que respecta á procura de mercados externos, seguimos considerando os países de expresión portuguesa -parafraseando a Castelao- como máis estranxeiros que os de Madrid. Por outro lado, a política de tradución das nosas obras carece de apoios e convértese en algo excepcional, sen canles estábeis que permitan a súa perduración no tempo. Con este panorama, o sector cultural en xeral, e o da literatura en particular, mantense en pé cunha teimosía propia dos resistentes do Medulio, ou da aldea gala de Asterix e Obelix, se o queremos ver cun pouco máis de humor. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MP: Creo que o momento creativo é magnífico, multicolor, cunha polifonía de xéneros e de voces e cunha calidade similar á que podemos achar en calquera dos mundos culturais da nosa contorna. Niso non somos nin mellores nin peores que os demais. Na parte negativa, quizá a delicada situación económica pola que atravesan as estruturas que traballan o produto literario.

Xabier López: “Cadeas é unha novela que se cuestiona a si mesma”

Entrevista a Xabier López en Radiofusión, desde Xerais:
“Radiofusión publica unha entrevista a Xabier López López sobre Cadeas (…) O autor asegura que Cadeas é unha novela que se cuestiona a si mesma. A entrevista pode escoitarse nesta ligazón.”

Xabier López: “O mundo reinvéntase con cada libro”

Entrevista a Xabier López no Faro de Vigo, desde Xerais:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): O punto de arranque de Cadeas é a anécdota dun escritor que descobre na praia unha muller nova que está a ler unha novela súa. Trátase dunha experiencia real? Que tipo de curiosidade se suscita en Vde. ante a presenza dun descoñecido que está a ler un libro seu?
– Xabier López (XL): Non, non é unha experiencia real, aínda que podería entrar dentro do posible. Na fin de contas, cando un suma xa algún anos no asunto, sabe que circulan por aí certo número de exemplares co seu nome na capa. Porén, quitando as presentacións e os actos públicos é ben estraño ver alguén cun libro dun entre as mans. Non sendo que sexas un deses best-seller que rematan por poñer a lei de probabilidades da súa parte, claro. Polo demais, un arranque como ese non deixa de ser unha das moitas materializacións dunha pescuda –consciente ou inconsciente- que emprende o escritor dende o primeiro: a busca do lector, do seu lector tipo, a outra “peza” do invento. Outra cousa é, e con isto contesto a segunda parte da pregunta, que toda busca responda en verdade a un desexo real de atopar o que se persegue. De darse o caso, con toda certeza reaccionaría cun pudor extremo. E marcharía na punta dos pés, case seguro. (…)
– FdV: Coa obtención do Premio Xerais, copa Vde. un bo feixe de premios conseguidos ata o de agora. Os premios son fundamentais para a boa saúde da literatura galega actual ou ben se podería prescindir dalgúns deles?
– XL: Ben, iso de “copar” non creo que sexa exactamente así. Certo que houbo temporadas da miña vida nas que houbo certa “acumulación” de premios, mais hai que pensar que xa levo máis de quince anos publicando. E nese tempo, como é de imaxinar, houbo de todo; novelas premiadas e outras que, a non levar premio ningún, obtiveron outro tipo de recompensas: lectores, traducións a outras linguas… Polo demais, creo que os premios literarios son estímulos tan bos coma calquera outros para a promoción dun escritor e, por extensión, do sistema literario onde se inscribe. Faltan, iso si, máis axudas a un sector, o editorial, obrigado a ver como os poderes públicos se esquecen de que as industrias culturais xeran tanta riqueza ou máis que outras que si merecen de vello a súa atención. Para cando, poño por caso, un plan “Pive” para o mundo do libro e a lectura?
– FdV: Cando Vde. gañou o Xerais, declarou que Cadeas reflectía ese obxectivo seu de que a literatura “comezando pola forma, é ou debe ser sempre algo máis”. “Algo máis” qué? É que acaso, salvo contar novas historias, queda algo por inventar en literatura?
– XL: Nada queda por inventar, certo. Pero os lectores sabemos que o mundo se reinventa con cada libro novo que abrimos. Sobre todo naqueles que nos teñen por suxeitos activos.”

Polaroid, de Suso de Toro, ten película

A curta Polaroid dirixida por Chema Montero e interpretada por Aser Alonso estréase o venres, 1 de novembro na páxina web Filmin.
A película está baseada na novela Polaroid de Suso de Toro publicada por Xerais en 1986. A publicación desta novela supuxo un fito na literatura galega moderna e provocou un decidido cambio  de rumbo narrativo. Polaroid recibiu o Premio da Crítica Galicia en 1987. Hoxe é, sen dúbida, un referente inevitable das nosas letras.
Aquí pode verse o trailer da curta.