O
martes 15 de novembro, ás 19:45 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase a novela Brais, de Guillerme Coen, publicada en Toxosoutos. No acto intervirán, acompañando ao autor, Euloxio R. Ruibal e David González Couso.
Arquivo da categoría: Narrativa
Santiago: sinatura de libros de Miguel Anxo Fernández
O
venres 11 de novembro, ás 19:30 horas, no Hipercor de Santiago de Compostela, Miguel Anxo Fernández asinará exemplares da súa última novela, Lume de cobiza, publicada en Galaxia, e do resto da súa obra.
Santiago: acto literario no 25 aniversario de Polaroid, de Suso de Toro
O
xoves 10 de novembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos do IES Rosalía de Castro (Rúa de San Clemente, s/n), de Santiago de Compostela, terá lugar un acto literario en conmemoración do 25º aniversario da publicación de Polaroid, de Suso de Toro, no que participarán Xosé Luís Axeitos, Pepe Barro, José Manuel Estévez Saá, Rexina Vega, Rosa López Gato e o propio autor, con Iago Martínez como moderador.
Gondomar: Agustín Fernández Paz falara sobre a súa última novela en Espazo Lectura
O
martes 8 de novembro, a partir das 20:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, a asociación Espazo Lectura celebra a sesión mensual do club de lectura Sete Vidas, centrado en títulos de narrativa, coa participación de Agustín Fernández Paz, para falar cos lectores e lectoras da súa última novela Non hai noite tan longa (Xerais, 2011). Na primeira parte da sesión, de 20:00 a 21:00 horas, as persoas que participen no club poderán conversar arredor da novela antes de que o propio autor se incorpore á tertulia para charlar cos lectores e lectoras.
Ollos de auga, finalista do premio de novela negra sueca
“A
primeira novela de Domingo Villar, Ollos de auga, un dos libros máis vendidos entre os lectores e lectoras galegos, foi xa publicada en doce países e continúa cos éxitos alén das nosas fronteiras. Xa fora finalista en dúas categorías dos Crime Thriller Awards en Gran Bretaña e agora é a academia sueca de novela negra a que a seleccionou entre as cinco finalistas na categoría de mellor novela negra traducida en 2010. O fallo coñecerase o vindeiro 19 de novembro.” Vía Galaxia. Tamén en La Voz de Galicia.
An Alfaya: “Quixen ser escritora e lectora”
Entrevista
de Camilo Franco a An Alfaya en La Voz de Galicia, desde Xerais:
“- La Voz de Galicia (LVG): Para un autor, ¿que diferenza hai entre presentar unha obra diariamente nun xornal e facelo nun libro?
– An Alfaya (AA): A diferenza é na escrita. Nunha novela para un xornal hai unha esixencia de espazo. Hai que conter a linguaxe, non podes esmerarte nin recrearte nas descricións. Hai que utilizar máis substantivos e menos adxectivos. Cada capítulo ten que pecharse estimulando no lector a continuación para o día seguinte. Cada capítulo, un co outro, ten que levar ao lector ata ao final.
– LVG: No tránsito dun soporte a outro, ¿non tivo a tentación de incorporar cousas que deixou fóra por cuestións de espazo?
– AA: Non tiven a tentación de facelo porque sería outra novela [Vía secundaria]. Os bosquexos estaban perfi lados, os personaxes están aí. Quizais engadir cousas sería abrir outras vertentes e a novela variaría moito. Non gañaría na trama argumental. (…)”.
A Coruña: presentación de Nómades, de Xosé Tomás
O
mércores 9 de novembro, ás 20:00 horas, na Librería Arenas (Cantón Pequeno) da Coruña, Xosé Tomás presenta a novela gráfica Nómades, publicada en Galaxia. No acto estará acompañado por Francisco Castro e Miguelanxo Prado.
Fran Alonso: “A invisibilidade é unha estratexia que nos oprime”
Entrevista
a Fran Alonso en El País:
“- El País (EP): A vida nas cidades e Internet son as columnas vertebrais de Ninguén. Outravolta a contemporaneidade é o signo dun libro seu. É misión do escritor ser cronista do seu tempo?
– Fran Alonso (FA): A miña é estar atento ao que sucede e explicar esa realidade. Eu interprétoa sen afán de achegar solucións. Impórtame a complicidade co lector, que se recoñeza neste estarmos condicionados por sistemas universais. Este libro explora a condición urbana, inexcusábel no mundo desenvolvido onde das cidades mana todo, o que non acontece nos países pobres. Ninguén tamén está no mundo de hoxe, representado metaforicamente nun edificio. Todo o que sucede alí pode pasar en calquera parte.
– EP: Vostede ten blog desde 2003 e foi dos primeiros escritores galegos en empregar a Rede como difusora da súa actividade e mesmo prolongación do seu traballo. Cara onde o leva a súa reflexión sobre Internet?
– FA: Adoito pensar en como inflúe en nós e no noso comportamento. A meirande transformación dáse nas relacións humanas e a aparencia di que son a ciencia e a tecnoloxía o que máis cambia. A capacidade da Rede para salvar distancias é o máis significativo e, en xeral, é algo bo que, ademais, cambia os tipos de relacións. Tradicionalmente, as relacións estaban determinadas pola inmediatez e a veciñanza; hoxe agroman noutros contextos. (…)
– EP: E diante da desaparición alarmante de medios de comunicación en galego, poida que esta crise tamén estea comprometendo o futuro da lingua?
– FA: Descoñezo o fondo da cuestión en termos de xestión empresarial, pero está claro que estamos nun momento de tránsito en que os que primeiro caen son os máis débiles. A iso cómpre sumar que os nosos representantes institucionais eludiron facer que a información chegase tamén nunha das linguas dos galegos. Por outra parte, hai tempo lin unha estatística que reflectía que o galego era unha das linguas máis empregadas en Twitter. Hai un amplo sector galegofalante que trata de impulsar a lingua a través das novas tecnoloxías. Pero é evidente que hai un retroceso nos usos. Esa pésima circunstancia, en contraposición co magnífico estado da literatura e da creación en galego produce un enorme contrasentido. Perviven moitos prexuízos, como a identificación de lingua e opción política, cando as linguas non teñen ideoloxía, son patrimonio da cultura. A sociedade galega debe decidir. (…)”.
Fran Alonso: “Non cambia só a tecnoloxía, cambiamos nós con ela”
Entrevista
a Fran Alonso en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): ¿Como se relaciona vostede coas novas tecnoloxías, está en Facebook, tuitea? ¿Que lle parece todo este entramado de banalidades?
– Fran Alonso (FA): Sempre sentín moitísima curiosidade e interese polas novas tecnoloxías. Creo que supoñen un potencial enorme para a comunicación. Fun dos primeiros escritores en ter blog e tamén dos primeiros en ter conta de Twitter. Con todo, creo que é preciso usalas e contemplalas con ollo crítico. É certo que hai moita banalidade, pero tamén é certo que conlevan unha capacidade de subversión inédita ata o de agora. Usémolas sen vanaglorialas. Sexamos conscientes do que son e non sexamos escravos delas. A min interésame moitísimo Twitter e bastante menos Facebook.
– LVG: ¿Ninguén é ademais un retrato dunha comunidade de veciños do século XXI?
– Fran Alonso (FA): Pode entenderse así, sen dúbida. Os personaxes de Ninguén constrúen unha metáfora do mundo que se centra na comunidade de veciños dun edificio calquera como paradigma das novas formas de relación. En Ninguén, e na vida real, percíbese a veciñanza a través das apariencias, polo que escoitamos a través das paredes, nos ascensores, cos ruídos. En realidade é un tipo de relación mediatizada, que é o que caracteriza ao século XXI, á vida urbana e ás novas tecnoloxías: relacionámonos pero nunca directamente, sempre hai algo que se interpón entre as persoas que se comunican. O mesmo sucede hoxe co poder. ¿Quen manda no mundo? Hai estruturas invisibles que se interpoñen entre os que mandan e nós. ¿Quen lles coñece as caras aos que manexan esta crise? (…)
– LVG: ¿Xa le en libro electrónico?
– FA: Teño unha certa biblioteca de libros electrónicos, aínda que maiormente en pdf, que leo en pantallas diversas. Creo que os escritores hoxe temos que ler en todo tipo de soportes, pero estou convencido de que o futuro xogará a favor da lectura en rede e das pantallas manexables.”
Xinzo: presentación de O paso do esquecemento, de Antón Riveiro Coello
O
venres 4 de novembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Xinzo da Limia, preséntase o libro O paso do esquecemento, de Antón Riveiro Coello, ilustrado por Pilar Sevillano, publicado polo Centro de Cultura Popular do Limia.