Compostela: presentación de A intervención, de Teresa Moure, e primeiro capítulo de balde

«[…] Empregando unha coidadísima técnica de múltiple perspectiva, nesta súa cuarta novela Teresa Moure reúne a cinco persoas para formar un comando artístico que ten como obxectivo argallar unha performance nas montañas do Courel que sensibilice á cidadanía sobre as relacións entre a arte e natureza. Mentres levan a cabo o seu escrupuloso plano, a chegada inesperada dunha nova personaxe, unha psiquiatra vienesa, obrígaos a rexistrar por escrito as súas actividades clandestinas. Desde a múltipla perspectiva que emana dos seus diarios, os membros do grupo van dando as súas respectivas versións, que conforman unha historia colectiva, e que conectan a paixón creativa co pasado remoto de cadaquén, coa súa infancia e cos seus medos máis agochados.

A intervención será presentada o vindeiro 4 de maio, martes, ás 20:00 horas na Feira do Libro de Santiago. No acto acompañarán á autora a académica e catedrática Margarita Ledo e o editor Manuel Bragado.

O primeiro capítulo desta magnífica novela pode baixarse en en pdf aquí.» (Blogue de Xerais)

Miguel Anxo Murado no III Encontro Cidade da Coruña

Organizado conxuntamente pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, o mércores día 28 do mes que andamos, ás 20,00 horas, terá lugar na sede da Real Academia Galega (Rúa Tabernas 11, A Coruña) a segunda conferencia inscrita no III Encontro Cidade da Coruña, nesta ocasión a cargo de Miguel Anxo Murado, baixo título “Inventar un lugar en vez dunha historia”. Ler máis.

A Coruña: presentación do libro de Yolanda Castaño Mariña surrealista

Mércores 28;
20:00;
Museo de Belas Artes da Coruña;
Entrada libre até completar aforo.

A presentación do libro de Yolanda Castaño Mariña surrealista, conto infantil ilustrado por Xosé Cobas, contará coa colaboración de Pedro A. Ramos García.

Miguel Anxo Murado no III Encontro Cidade da Coruña

Organizado conxuntamente pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, o mércores día 28 do mes que andamos, ás 20,00 horas, terá lugar na sede da Real Academia Galega (Rúa Tabernas 11, A Coruña) a segunda conferencia inscrita no III Encontro Cidade da Coruña, nesta ocasión a cargo de Miguel Anxo Murado, baixo título “Inventar un lugar en vez dunha historia”. O III Encontro Cidade da Coruña, baixo lema “Literatura e viaxe”, contou xa coa presenza do poeta arxentino Juan Gelman, e acollerá a Hélia Correia (5 de maio), Alberto Manguel (11 de maio) e a Xavier P. Docampo (19 de maio). Autor galego dunha prolífica obra narrativa, poética, ensaística e dramática, Miguel Anxo Murado cubriu como xornalista as guerras de Croacia e Bosnia e mais a Segunda Intifada Palestina. Durante as súas estadías en Oriente Medio traballou como oficial de prensa das Nacións Unidas, asistindo ao goberno palestino e, máis tarde, como correspondente en Xerusalén do diario El Mundo, xermolo dos volumes Fin de século en Palestina, A segunda Intifada ou Ruído. Presentará ao conferenciante Mercedes Queixas, secretaria xeral da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Compostela: presentación do libro Níxer, de Francisco X. Fernández Naval, Camilo Franco, Alfonso Costa, Moustapha Bello Marka

O acto, que contará coa participación de Alfonso Costa, Camilo Franco, Francisco Fernández Naval, Isabel Iglesias Santos e Manuel Bragado, terá lugar o vindeiro mércores, 28 de abril, ás 20:15 horas no Casino de Santiago na rúa do Vilar.

Vigo: presentación de Settecento, de Marcos Calveiro

Settecento será presentada no Auditorio David Russell do Conservatorio Profesional de Música de Vigo, o vindeiro martes, 27 de abril, a partir das 19:30 horas, nun acto que contará coa participación do autor, de Manuel Candelas (Arume dos piñeiros) e da Orquestra de Corda «CMUS Profesional de Vigo», dirixida por Edita Shulman, que interpretará o concerto «Alla Rustica» de Antonio Vivaldi.