Dispoñíbel o arquivo virtual das músicas de Terra de Montes

“Xa esta dispoñible o arquivo virtual das músicas de Terra de Montes. Despois de moito tempo diante do ordenador xa podo anunciar que este novo proxecto está en marcha.
Neste portal web pódese facer un pequeno percorrído virtual ao que foron as músicas desa zona: gaiteiros, bandas de música, pequenas orquestras… xa que a maioria non foron famosas e famosos pero si populares e grazas a isto todas as festas e romerías estaban amenizadas. Mantiveron a música viva durante moitos anos e nos deixaron un gran legado cultural.
Dentro deste apartado poderemos ler artigos coma os escritos sobre Avelino Cachafeiro, os gaiteiros de Soutelo, Ramiro Cortizo “O Capador de Muras”, Pedro Prado, bandas de música de Cerdedo, as pandeireteiras de Barro de Arén… e referencias a outras publicacións coma Canteiros e artistas de Terra de Montes e das Ribeiras do Lérez, Cancionero Musical de Galicia, as revistas Cotaredo e Metacios ou o Arquivo Dixital do Museo do Pobo Galego.
Toda a información compartida está en constante renovación coas últimas investigacións e novidades que aparezan sobre as mesmas. Esta web pode ter algún erro tanto de formato coma de información, seguirei traballando nela.”

XIV Xornada de Literatura de Tradición Oral. O medo é libre. Os mecanismos do medo na literatura de tradición oral, o 30 de outubro

A XIV Xornada de Literatura de Tradición Oral. O medo é libre. Os mecanismos do medo na literatura de tradición oral é unha iniciativa da AELG co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega.

A XIV Xornada de Literatura de Tradición Oral terá lugar o 30 de outubro no Salón de Actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos, 8).
A inscrición é obrigatoria e previa, seguindo estes criterios:
– As persoas que queiran dispor da homologación da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade, por un total de 8 horas, farase directamente a través da páxina web da AS-PG
– As persoas que desexen recibir un certificado de asistencia por parte da AELG, e aquelas que queiran asistir sen obter homologación nin certificado, deberán incribirse enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org Nel indicarase o nome, apelidos e Documento de Identidade.

No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes nese momento.

O medo é o temor xeralmente irreflexivo ao descoñecido e unha das emocións básicas, primarias e universais do ser humano.
Existe un medo necesario, que actúa en nós como mecanismo imprescindible para a nosa propia supervivencia, intrínseco, pero que hai que aprender a modular e combater, unha emoción que forma parte da nosa herdanza cultural e da propia experiencia. Énos moi útil pois sérvenos para detectar e prever os perigos que nos poden afectar física ou psicoloxicamente.
Pero hai outro gran tipo de medo, o que exercen uns conxéneres sobre outros de múltiples maneiras, usando toda clase de medios, coa finalidade exclusiva de sometelos á vontade dunha persoa, dun grupo ou dun poder tirano. Este tipo de medo é, probablemente, a arma máis poderosa que existe.
Por tanto, o medo é innato ao ser humano pero tamén arma de control das persoas des que nacemos, individual e colectivamente.

Programa

10.15 Recepción, entrega de material e inauguración

10.30-11.30 Conferencia: O medo non é libre.
Ana Carreira
Titulada Superior en Arte Dramática na especialidade de Dirección Escénica e Dramaturxia pola ESAD de Galicia, entra en contacto co mundo teatral da man de Achádego Teatro e da Aula de Teatro da USC. Complementa estas experiencias cunha ampla formación tanto no eido da interpretación como na narración oral e a dramaturxia.
Como narradora oral posúe unha extensa experiencia en moi diversos ámbitos: festivais e ciclos de narración oral, programas de televisión, campañas escolares, itinerarios culturais, campañas de animación á lectura e rotas literarias, como a da novela A praia dos afogados, organizada polo Editorial Galaxia.
Tamén exerce a docencia sobre narración oral no Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo do Concello de Vigo.
Na actualidade combina a súa faceta de narradora oral coa de dramaturga e é membro de UBÚ TEATRO e PÍNCONÚS

11.30-12.30 Conferencia: Días de contar e cantar: poemas para escorrentar o medo.
Federico Martín Nebras
Escritor, contacontos e especialista en Literatura Infantil e Xuvenil, destaca a importancia de educar os nenos e nenas a través do xogo, do canto e da tradición oral para que poidan ler o mundo a través das palabras. Alén diso, resalta a necesidade de inculcar a lectura desde o nacemento como unha forma de alimentar a alma.

12.30-14.00 Mesa redonda: Onde habitan os monstros, mais… habita a palabra?
Ana Carreira e Federico Martín Nebras
Coordina: Lois Pérez

16.00-17.00 Conferencia: Arco da Vella, vaite de aí… Relatos míticos que explican porque esconxuramos ó Arco.
Lidia Mariño
Nacida en Portosín en 1984. Diplomada en Fisioterapia, actualmente atópase cursando o Grao de Antropoloxía Social e Cultural na Uned. Realizou varios cursos de extensión universitaria sobre antropoloxía, mitoloxía e ritualística galega; así como de investigación etnográfica, rituais con máscara e crenzas medievais.
En 2012 publica a novela histórica La verdad del bufón e no 2018 participa no libro colectivo “Achegas ao Patrimonio Inmaterial Galego”. Ten publicados numerosos artigos -así como tamén impartido conferencias- sobre diversos aspectos da mitoloxía, os ritos e as crenzas galegas. O seu tema fundamental de investigación é a figura da Vella mítica, que estuda aplicando os métodos da mitoloxía comparada.  A esta personaxe está dedicado o seu blogue “Tralas pegadas da Vella”.

17.00-18.00 Conferencia: As caras do medo: Narrativas, tipoloxías e caracterizacións na mitoloxía popular galega.
Antonio Reigosa
O medo forma parte da realidade vital e emocional das persoas des que nacen, por iso se expresa simbolicamente e forma parte do imaxinario da humanidade. Segundo a idade da persoa, o lugar e as circunstancias a cultura popular tradicional galega creou diferentes figuras do medo que analizaremos e describiremos.
Naceu en Zoñán, Mondoñedo, 1958. Na actualidade é Responsable de Comunicación e Xestión Cultural da Rede Museística da Deputación de Lugo e Cronista oficial de Mondoñedo.
Escritor, investigador e divulgador da mitoloxía popular, da literatura tradicional e cultura oral. Cofundador do Grupo de Investigación Etnográfica Chaira. Creador en 2005 da enciclopedia virtual Galicia Encantada (galiciaencantada.com) polo que recibiu o Premio Follas Novas do Libro Galego 2021.
Desde a Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), impulsou con  Isidro Novo e Lois Pérez proxectos como as Polafías, os premios Mestres da Memoria e as Xornadas de Literatura de Tradición Oral.
Membro do “Comité de Expertos en investigación de campo” do proxecto Corpus de Literatura Oral da Universidade de Jaén.

18.00-19.30 Mesa redonda: O medo na mitoloxía popular. Figuras e contexto.
Lidia Mariño e Antonio Reigosa
Nesta mesa abordarase o tema do medo e das súas manifestacións individuais e colectivas desde o punto de vista da mitoloxía popular, as diferentes figuras que o representan e a súa pervivencia no imaxinario colectivo.
Coordina: Cesáreo Sánchez Iglesias

19.30-20.30 Sesión práctica: De medos, maxias, músicas e beleza.
Benxamín Otero
Oboísta dende o 1989, formado na clásica Benxamín Otero non tardou en abrir as posibilidades que lle daba a música a outros terreos, non só musicais senón de outras disciplinas. Mestre de Óboe e Historia da Música no Conservatorio de Lalín, tamén foi durante moitos anos mestre de Linguaxe musical no Conservatorio de música tradicional e folque da mesma vila. Froito do contacto coas músicas tradicionais desembocan en grupos como Curitiba, Grodan defló, Linho do Cuco ou do espectáculo “Método cardiofónico” de Germán Díaz. Ten colaborado con Driade, Os Cempés, Marful, Guadi Galego, Uxía, Fuxan os Ventos, Ataque Escampe, Gelria, etc…
No mundo audiovisual é o compositor de bandas sonoras para videos comerciais, curtametraxes coma “Alzheimer” de Alex Sampaio, “Viento” de David Argüelles, ou o documental “Piedad” de Otto Roca. Traballou para a compañía de teatro Matarile nos espectáculos “Primeiro movemento para figuras brancas” e “Historia Natural” e a partir do ano 2009, entra a formar parte da compañía Fantoches Baj como actor, músico pero sobre todo compositor, realizando as músicas para os espectáculos da compañía, “O Asombro”, “Poesía última de LP”,  “As pombas de Carboeiro” ou “Os vellos non deben de namorarse”entre outras.
Ultimamente está a realizar “No tempo dun café” xunto a Celso F. Sanmartín, un espectáculo onde se conxugan contos populares, músicas e maxias, “trece canción bonitas” facendo dúo con Germán Díaz ou o espectáculo musical de Faia “Ao cabo leirín”

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Lugo: Gala dos Premios Mestra e Mestre da Memoria 2021, o 29 de outubro

A Gala dos Premios Mestra e Mestre da Memoria 2021 é unha actividade da AELG, que conta co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega recoñecer como Mestras e Mestre da Memoria 2021 respectivamente a Teresa dos Cucos e Aurelio Ramos Ogando, polas súas achegas á mesma ao longo das súas vidas, contribuíndo así a manter viva unha parte fundamental da nosa memoria colectiva e o saber popular.

As distincións entregaranse no marco da VI Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo, co apoio do Concello de Lugo, o 29 de outubro.
O acto terá lugar no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo (Praza da Constitución, s/n) a partir das 18:00 horas.

No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.

Mestra da Memoria 2021: Teresa dos Cucos

Teresa dos Cucos desenvolveu desde nena un marcado gusto polo canto tradicional, cunha traxectoria reivindicada xa previamente por artistas como Mercedes Peón, Xurxo Souto, Sés ou Xabier Díaz, pero tamén por novas figuras como as Tanxugueiras. Todas elas teñen pasado pola súa casa da Pontella para aprenderen coplas, letras de pezas tradicionais nunca manuscritas, que Teresa conserva intactas na súa memoria e non dubida en cantar.
Ten comparecido ao longo destes anos en varios programas da televisión en innúmeras ocasións (Luar ou Alalá), tamén acompañada do grupo de pandeireteiras de Limiñoa do que fai parte e, ademais, colabora coa Fundación Eduardo Pondal, no Couto.
De orixe humilde, seu pai era mariñeiro de baixura e ela alternou dende moi nova os traballos do agro cos da construción, pero nunca deixou de cultivar o gusto polo canto pois, como ela di, unha cantarea é o mellor xeito de expresarmos o que sentimos.

Mestre da Memoria 2021: Aurelio Ramos Ogando

Aurelio Ramos Ogando é veciño do lugar da Alén, na parroquia de Xirazga, no concello de Beariz (Ourense) e é un magnífico contador. É ben coñecido pola súa facilidade de palabra, o seu humor, a súa disposición e posúe distintos e notábeis talentos: tanto pode coller a gaita para animar unha festa como improvisar un discurso en verso ao xeito dos brindeiros.
Aurelio dá fe a través das súas narracións dos lugares onde os mouros deixaron as súas marcas e tesouros nos montes de Xirazga e arredores e sería quen de falar con eles coma un outro.
Conserva a memoria intacta e conta de xeito sublime as historias e aventuras da xente da parroquia, dos que xa non están pero non se esquecen.

Con esta escolla, a AELG continúa un ano máis recoñecendo a figura e a traxectoria das persoas que, co seu xeito de estaren no mundo, contribúen a preservar a nosa memoria colectiva como pobo, a tradición oral e en definitiva, parte esencial da lingua e a cultura do noso país.

Faladoiros Que se pode facer co Patrimonio Inmaterial?, na Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria

Os Faladoiros Que se pode facer co Patrimonio Inmaterial? celébranse no marco da VI Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo, co apoio do Concello de Lugo e a colaboración da Deputación de Lugo, o xoves 28 de outubro ás 19:00 horas, no Salón de actos da Deputación de Lugo.

Para asistir a este acto é necesaria a inscrición previa no teléfono 981133233 ou a través do mail: oficina@aelg.org

REGUEIFA con Alba María e Sara Marchena

FALADOIRO: Que facemos nós co Patrimonio Inmaterial?
Interveñen:
– Mónica Fernández (Tradescola-As. Gaiteiros Galegos)
Antonio Reigosa (Sección de Literatura Oral da AELG)
Modera: Lois Pérez

HISTORIAS DE FONTARÓN
Pepe Osorio e Suso Telo

ANÉCDOTAS E SUCEDIDOS DE DONCOS
Xosé Espín Mejía

Crónica videográfica da Letra das Festas. San Froilán 2021

O 6 de outubro tivo lugar unha nova edición da Letra das Festas. San Froilán 2021 (Revista oral do San Froilán), unha actividade da AELG, co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, baixo o título de San Froilán En-foco. Memoria das festas tras o visor dunha cámara fotográfica.

Aquí pode verse a crónica videográfica:

Lugo: Letra das Festas. San Froilán 2021 (Revista oral do San Froilán)

Chega unha nova edición da Letra das Festas. San Froilán 2021 (Revista oral do San Froilán) é unha actividade da AELG, co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, baixo o título de San Froilán En-foco. Memoria das festas tras o visor dunha cámara fotográfica.
Terá lugar o mércores 6 de outubro, ás 18:30 horas,  no Auditorio do Centro Cultural Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n).
A entrada é de balde até completar capacidade.

Proxección de imaxes comentadas por:
– Pepe Álvez
– Óscar Cela
– Eduardo Ochoa
– Adra Pallón
– Bego Pérez
– César Quijada
– Aída Soengas

Ambientación musical:
– Luís Monsalve

Coordinación e presentación:
Lois Pérez
Antonio Reigosa

No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.

Lugo: presentación de Letra das Festas 2011-2020. A revista oral do San Froilán

O 7 de outubro, ás 19:00 horas, no Auditorio do Vello Cárcere de Lugo (Praza da Constitución, s/n.), preséntase o libro Letra das Festas 2011-2020. A revista oral do San Froilán, coordinado por Lois Pérez e Antonio Reigosa, publicado na colección “O San Froilán dos devanceiros”, que recolle as intervencións nesta revista oral de arredor de 100 persoas desde 2011 a 2020.
Recoméndase ás persoas que desexen asistir a este acto, por mor da situación sanitaria, o rexistro previo a través do teléfono 982297195.