Publicado o novo número da revista Escrita Contemporánea, coas actas da VII Xornada de Literatura de Tradición Oral

Publicouse1410344862726banner-VIIXLOral2014 un novo número da revista da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua GalegaEscrita Contemporánea, coas actas da VII Xornada de Literatura de Tradición Oral e título Amuletos e reliquias. Usos e crenzas, que xa pode ser consultada en liña aquí.

Identidade e memoria: A sección de Literatura de Tradición Oral da AELG

ArtigoAEDA de Antonio Reigosa publicado na Asociación de Profesionais da Narración Oral en España:
“Os gregos cando consultaban o oráculo de Trofonio tiñan que beber en primeiro lugar da Fonte do Esquecemento (Lete) para borrar da memoria todo canto lles pasara anteriormente na vida. A continuación entraban nunha cova onde experimentaban o pánico que produce o transo da vida á morte, para a continuación recuperar o visto e o vivido bebendo auga da Fonte da Memoria (Mnemósine). Ese horror transitorio que se apoderaba do consultante do oráculo cando se desprendía da memoria (lémbrese o mito do Río do Esquecemento acontecido no noso Limia) representa a necesidade humana de ter lembranzas dun pasado para conformar unha identidade no presente.
Mais esquecemento e memoria, sendo contrapostos pois un inhibe ao outro, son valores aliados e complementarios. Non todo debe fiarse á memoria nin todo debe entregarse ao esquecemento. Como na Cova de Trofonio, a experiencia debe ser o árbitro que concilie un desexable equilibrio entre unha e outra facultade.
A memoria é, xa que logo, imprescindible pero, como dicía Nietzsche, fiar todo á memoria pode matar. A memoria é fráxil, voluble, alterable e vulnerable, e, a pesar de todo isto, constitúe a argamasa imprescindible da nosa identidade.
A memoria e a identidade son representación subxectivas da realidade, mais, coidado coas fontes da memoria. Non é o mesmo alimentar a memoria lendo textos de historia, escritos para que os sucesos do pasado, como afirmaba Heródoto, non queden no esquecemento, ca beber directamente da memoria viva, froito das experiencias e da tradición.
Esta é unha das grandes razóns, non a única, pola que o Consello Directivo da AELG decide aló polo ano 2006 crear nun primeiro momento unha vogalía e logo unha sección de Literatura de Tradición Oral.
Hai outras razóns, evidentemente. Sabemos que a memoria popular e a memoria das elites, que sempre se preocuparon por conveniencia pola conservación da súa memoria de clase, non son as mesmas.
Os historiadores e os arquivos apenas reparan nas memorias da xente do común así que a conformación da nosa identidade como galegos e galegas non pode depender só das interpretacións, máis ou menos certeiras, dos historiadores que desde este ou outro presente indagan e interpretan un pasado máis ou menos recuado. Os saberes que se acumulan na memoria viva da xente e nas súas tradicións, no que se lembra e representa do pasado máis próximo, ten significado no presente e, por tanto, utilidade para o inmediato futuro.
Aos poucos, paseniño, nestes anos fomos poñendo en marcha proxectos de investigación e divulgación como as Xornadas de Literatura de Tradición Oral, que se veñen celebrando en Lugo desde o ano 2008. Creamos as Polafías, un proxecto que, inspirado nos antigos costumes de reunión para contar ou cantar (polavilas, fías, seráns …), nos leva agora por aldeas, parroquias e vilas para, coa axuda indispensable de moitos colaboradores, motivar a recuperación da transmisión de historias, contos, lendas, romances, músicas ou historias de vida. Das vinte e tantas gravacións destas sesións naceu o arquivo da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, que conta agora mesmo con máis de 500 vídeos accesibles libremente para quen o desexe.
E outra consecuencia máis deste proxecto, o arquivo e os premios “Mestres da Memoria”, cos que tratamos de detectar e recoñecer como se merecen aqueles homes ou mulleres que nos amosan un grao de excelencia na transmisión dos saberes propios da nosa cultura popular. Así mesmo, botamos andar os Obradoiros de Narración Oral, unha variante especializada da Escola de Escritor@s da AELG que conta con moita aceptación. A estes habería que engadir outros proxectos menores como a revista oral Letra das Festas, que se desenvolve en Lugo como un acto máis do programa de festas de San Froilán desde o ano 2011.
Con estas e outras actividades son moitos os colectivos e persoas relacionados co estudo, investigación e recreación da tradición que participan dos nosos proxectos. Unha comuñón de intereses e obxectivos que nos fortalece a todos, que nos dá esperanza e ánimo para non perder o paso, nestes tempos nos que calquera descoido pode derramar de vez e para sempre as formas culturais que nos identifican e ata a mesma lingua na que se expresan e transmiten.
A sección de literatura de Tradición oral da AELG procurou desde os inicios da súa andaina crear espazos, desenvolver proxectos onde a memoria viva e a identidade que nos é común a galegas e galegos se manifeste, a ser posible, de viva voz. Cremos na oralidade como soporte de comunicación básico, primordial, onde a nosa lingua resiste, moito máis liberada de prexuízos que noutros ámbitos os embates do desprezo da cultura oficial. Cremos na literatura popular de tradición oral e nos que a aprecian, recrean e transmiten, pois sen eles, a nosa lingua tería morto hai xa moito tempo.
Cremos, en resume, que a auga da Fonte da Memoria adormece os efectos sempre perigosos da outra auga, da que gurgulla da Fonte do Esquecemento.”

Lugo: Letra das Festas: Historias de tolos, chalados e traslidos, o mércores 8 de outubro

OLetra das Festas banner 2014 mércores 8 de outubro, ás 18:00 horas, no Círculo de las Artes de Lugo (Praza Maior, 23), a Sección de Literatura Oral da AELG, co apoio da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, dentro do San Froilán 2014, terá lugar a Letra das Festas. Historias de tolos, chalados e traslidos, onde se recollerá a memoria de personaxes singulares de Lugo e arredores. A entrada é de balde.

Interveñen: Ángel Martínez Fernández de la Vega, Paco Nieto, Isidro Novo, Lourdes Abuíde, Lois Pérez e Marica Campo.

Música: Abraham Cupeiro e Héctor Barro.

Coordinan e presentan: Isidro Novo e Antonio Reigosa (Sección de Literatura Oral da AELG).

Cartel_LetraDasFestas_2014_150(1)

Vigo: IX Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, Como escribir o futuro?, Teatro

AComoEscribirOFuturo Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo, achegarán á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar as reflexións dos nosos/as escritores e escritoras sobre este tema, alén de nos daren un panorama subxectivo de como ven a situación de cadanseu xénero na actualidade.
O IX Ciclo de mesas redondas Escritoræs na Universidade. Como escribir o futuro?, finaliza coa seguinte actividade, que terá lugar entre as 13:00 a 14:30 h. no Salón de actos Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, Lagoas Marcosende, s/n (Campus Universitario):

8 de outubro – Teatro
Contar ao carón da lareira en tempos dixitais. Existen novas linguaxes na oralidade?
Celso Fernández Sanmartín e Paula Carballeira.

CartolinaENU2014-96pppCartelENU2014-72ppp

Narla, Friol, Lugo: nº 3 da revista oral Castronela, arredor da figura de Celestino Fernández de la Vega

O sábado 27 de setembro, ás 19:00 horas, no Museo Fortaleza San Paio de Narla (Friol, Lugo), pertencente á Rede Museística da Deputación de Lugo, terá lugar a terceira edición da Revista oral de periodicidade anual Castronela, coordinada por Antonio Reigosa, con entrada libre e gratuíta. Estará dedicada á figura de Celestino Fernández de la Vega. O sumario é o seguinte:

Portada musical. Preludio da Primeira suite (J. S. Bach), por Paula Rancaño (3’).
Vida. Lugo, cidade feita á medida do meu corazón, por Ramón López Vázquez (10’).
Música. Primeiro movemento Suite para cello só (G. Cassadó), por Paula Rancaño (3’).
Celestino en Friol. Os anos mozos na terra natal, por Higinio Martínez Fernández de la Vega (10’).
Música. Elexía (Andrés Gaos), por Paula Rancaño (3’).
Celestino e Guitiriz. As viaxes a Guitiriz, por Alfonso Blanco Torrado (10’).
Narración 1. Mortes de trasmundo, por Lois Pérez (5’).
Música. Estrada de Madrid (Luigi Bocherinni), por Paula Rancaño (3’).
Narración 2. O novenario do Totó, por Lois Pérez (5’).
Obra. Unha obra tan importante coma breve, por Ramón López Vázquez (10’).
Música. Lela, por Paula Rancaño (3’).
Epílogo. Lembranzas, por María Luísa Maceda Méndez (viúva de Celestino F. de la Vega) (5’).
Colofón. Encarna Lago, xerente da Rede Museística da Deputación de Lugo (5’).
Contracuberta musical. Negra sombra, por Paula Rancaño (3’).

Vigo: IX Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, Como escribir o futuro?, Poesía

AComoEscribirOFuturo Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo, achegarán á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar as reflexións dos nosos/as escritores e escritoras sobre este tema, alén de nos daren un panorama subxectivo de como ven a situación de cadanseu xénero na actualidade.
O IX Ciclo de mesas redondas Escritoræs na Universidade. Como escribir o futuro?, continúa o seu camiño coas seguintes actividades, que terán lugar entre as 13:00 a 14:30 h. no Salón de actos Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, Lagoas Marcosende, s/n (Campus Universitario):

24 de setembro – Poesía
E que faremos do lirismo? A pantasma da poesía dos oitenta.
Rosalía Fernández Rial e Samuel L. Paris.

8 de outubro – Teatro
Contar ao carón da lareira en tempos dixitais. Existen novas linguaxes na oralidade?
Celso Fernández Sanmartín e Paula Carballeira.

CartolinaENU2014-96pppCartelENU2014-72ppp