Desde
Fervenzas Literarias:
“Este venres 1 de maio as rúas e prazas de Mondoñedo encheranse de poesía. Mondoñedo é poesía 2015 é unha actividade cultural enmarcada nas Feiras e Festas das Quendas que convoca nesta segunda edición a trece poetas (seis deles mindonienses), tres músicos e arredor de vinte debuxantes que amosarán as súas creacións en diferentes rúas, prazas e espazos da cidade e do Auditorio Municipal “Pascual Veiga” ao longo da xornada.
Mondoñedo é poesía principiará coa actividade de Sketchcrawl Galicia, onde debuxantes e pintores (Xosé Vizoso, Xoán Guerreiro, Eduardo Baamonde, Lucía López, Isabel Seidel, Pelayo López, Julián Ardura, Antón “Caxoto” …) cítanse nunha quedada en Mondoñedo. Percorreran as rúas tomando apuntes ao vivo da cidade e das xentes, que difundirán a través das redes sociais. Lugar de cita ás 11.00 h. no Campo da Feira dos Remedios.
De seguido intervirá o poeta e narrador oral Lois Pérez na entrega de Premios do Concurso de Gando no Campo da Feira.
Xa á tardiña continuará o Sketchcrawl Galicia coa quedada de debuxantes e pintores na Praza da Catedral. Será a partires das 16.00 h.
Dende as 18.00 h. ata as 20.00 h. haberá recitados nas diferentes prazas de Mondoñedo. Na praza da catedral (ás 18.00 h.) interveñen Eduard Velasco, Chus Amieiro e Hermes López. Na praza do Concello ás 18.30 h. estarán Eduardo Estévez, Conce Agrelo e Aladino Montero; e a partires das 19.00 h. Baldo Ramos, Aleixandre Lago Barcala e Luciano do Monfadal estarán na Praza Jaime Cabot. Tamén participará nestes recitais na rúa alumnado de diferentes centros escolares de Mondoñedo.
Pola súa banda as máis cativas e cativos terán un obradoiro aberto de creación con Caxoto Kativo. Terá lugar ás 18.00 h. na Praza Jaime Cabot.
Un dos actos centrais da xornada celebrarase ás 20.00 h. no Auditorio Municipal “Pascual Veiga” co recital Mondoñedo é poesía, onde participan músicos (César Morán, Miro Casabella, Arcadio Mon), e poetas (Luz Pozo, Yolanda Castaño, Lois Pérez, Eduardo Estévez, Baldo Ramos, Aleixandre Lago Barcala, Eduard Velasco e Caxigueiro).
Como colofón a este Mondoñedo é poesía realizarase unha homenaxe a Antonio Noriega Varela polo 120º aniversario da publicación do seu poema” De Ruada” en 1895.
Ao tempo, continuarán as súas actividades na mesma sala os debuxantes e pintores da quedada Sketchcrawl Galicia.
O Festival Mondoñedo é Poesía está organizado polo Colectivo Mondoñedo É… e mais pola Asociación As San Lucas, e conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura e Educación. Colaboran na súa organización o Concello de Mondoñedo, ACIAM Mondoñedo, Casa Penela, Casa de Mañas, CEIP “Álvaro Cunqueiro” e IES “San Rosendo”.”
Arquivo da categoría: Oralidade
Antonio Reigosa: “Internet é a unha gran oportunidade para a cultura que se expresa oralmente”
Lugo: edición nº 38 da revista oral O Pazo das Musas
Constitución do Grupo de Traballo de Literatura de Tradición Oral da AELG
A
Sección de Literatura de Tradición Oral, cuxo coordinador é o vogal da AELG Antonio Reigosa, promoveu a creación dun Grupo de Traballo neste ámbito co obxectivo fundamental de favorecer, tanto individual como colectivamente, a visibilidade e o prestixio da oralidade como sistema de comunicación primordial da nosa cultura popular.
O Grupo está conformado polas seguintes persoas: Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Isidro Novo, María do Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto e Antonio Reigosa, todas con longa experiencia e recoñecido prestixio nos campos da investigación, recreación e difusión da literatura de tradición oral e, en xeral, nos diferentes ámbitos da cultura popular tradicional galega.
O Grupo, logo de avaliar a traxectoria e actividades da Sección ao longo dos últimos anos, acordou dar continuidade aos proxectos Polafías, Xornadas de Literatura de Tradición Oral, Mestras e Mestres da Memoria.
En canto ás Polafías, organizaranse dúas en 2015: a primeira delas terá lugar o vindeiro sábado 21 de marzo, ás 17:30 h., en Tallo, Ponteceso, co lema Non deas a esquecemento: regueifeiras/os; e outra polafía que terá lugar ben na provincia de Ourense, ben na de Pontevedra.
Tocante á VIII Xornada de Literatura de Tradición Oral -a celebrar en Lugo no próximo outono- o tema a tratar será o sexo e a escatoloxía na Literatura de Tradición Oral.
Tamén acordou reunir propostas para novas gravacións en vídeo de Mestres e Mestras da Memoria.
Así mesmo o Grupo resolveu integrar e promover novas actividades a nivel local (xornadas, relatorios, representacións…) similares ás que se viñeron desenvolvendo en Lugo nos anos pasados como o Obradoiro de Narración Oral, Letra das Festas, Recital de Coplas de Antroido…, considerando representada a Sección naquelas actividades onde participe, colabore, promova ou interveña calquera dos membros do Grupo de Traballo. Tamén elaborar un mínimo de dúas unidades didácticas durante o ano 2015 para impulsar o uso do arquivo videográfico e documental da Sección de Literatura de Tradición Oral da web da AELG, así como crear un blog específico da Sección de Literatura de Tradición Oral dentro da web da AELG, no que se anunciarán as diferentes actividades que se desenvolven polo país en relación á oralidade e cultura popular, así como publicar os artigos que se consideren.
Tallo, Ponteceso: Polafía no Día Mundial da Poesía
Coa participación de:
– Carmen Eiroa (Pardiñas-Tallo), que falará dos regueifeiros/as que coñeceu (por exemplo, a afamada Leonarda de Tallo).
– Obdulia (Xornes), quen falará de seu pai, o afamado Calviño de Tallo.
– Teresa (A Campara-Cores), contaranos do afamado Cadete de Figueroa-Cores.
– Carmen (Mandián-Xornes), ilustraranos sobre o seu parente, o afamado Mandián de Xornes.
– Matilde Vilariño (Dombate-Borneiro), recitará un poema sobre os regueifeiros, composto especialmente para esta Polafía.
O profesorado e alumnado do Centro Rural Agrupado Nosa Señora do Faro tamén colabora e participa nesta Polafía, xunto ás regueifeiras e regueifeiros Lola, de Pardiñas (Tallo), Dolores do Coxo (Borneiro), José de Severo (Borneiro), Manuel Fariña (Cesullas) e Suso de Xornes.
A parte musical correrá a cargo de Eloy Mato, neto de Matilde Vilariño, de Dombate.
Entrevista a Antonio Reigosa
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Entrevista a Antonio Reigosa, escritor, fundador e coordinador de Galicia encantada“. Pódese ver completa aquí.
Compostela: homenaxe a Galicia Encantada, no Festival Internacional de Narración Oral Atlántica
Rianxo: II Torneo de Poesía Recitada Erótica Ferve a lingua
Galicia Encantada cumpre 10 anos
Desde
Galicia Encantada:
“Este xoves, 5 de marzo, sumamos 10 anos enredando cos encantos de Galicia. Unha década de traballos que serviron para coñecervos a moitos de vós, polo que aproveito esta ocasión para agradecervos tanto agarimo e colaboración.
Sabedes que para celebrar este aniversario editamos o libro Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías que andamos presentando polo país.
Aquí tes algo de información sobre o libro.”
Entrevista a Antonio Reigosa no Diario Cultural
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Entrevista a Antonio Reigosa arredor do proxecto Galicia Encantada, que celebra o seu décimo aniversario coa publicación do libro Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, en Xerais.”



