Comezan os VI Encontros Cidade da Coruña

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) anuncia que este xoves 11 de abril, a partir das 20:00 horas, terá lugar a conferencia inaugural dos VI Encontros Cidade da Coruña, organizados coa colaboración da Real Academia Galega e a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, coa presenza de Xosé Luís Axeitos, presidente en funcións da Real Academia Galega, do presidente e da secretaria xeral da AELG, Cesáreo Sánchez e Mercedes Queixas respectivamente, e da relatora, Pilar García Negro, quen desenvolverá o tema Rosalía de Castro: a orixinalidade do seu cantar.
A última das conferencias será impartida pola autora portuguesa Lídia Jorge, que recollerá o premio Escritora Galega Universal concedido pola AELG.

A seguir, o programa completo dos Encontros, que se celebrarán sempre ás 20:00 horas no Salón de Actos da Real Academia Galega:
1. Conferencia inaugural. Xoves, 11 de abril: Rosalía de Castro: a orixinalidade do seu cantar, por Pilar García Negro.
2. Xoves, 18 de abril: Elas, as invisíbeis. Silencios e voces das represaliadas, por Aurora Marco.
3. Xoves, 25 de abril: As voces ausentes. Literatura restitutoria, por Antón Riveiro Coello.
4. Venres, 3 de maio: Quem guardará os livros, por Lídia Jorge, Escritora Galega Universal 2013.

Porque precisamos reconstruírmos os lugares máis escuros da memoria -as guerras, as mulleres represaliadas, as guerrilleiras, as voces enfermas, esquecidas ou simplificadas até o sometemento, as vidas vividas a contrafío na defensa dos dereitos- chegamos á escrita restauradora.
Velaquí a literatura a se converter nos óculos-ponte e no espello reflector que trace, desde a palabra, os lindes xeográficos e humanos dos territorios da invisibilidade.

Celanova: acto de presentación da edición facsimilar de LF

O xoves 11 de abril, ás 19:00 horas, na Biblioteca do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro, preséntase a edición facsimilar de LF, documento de 1939, pertencente ao arquivo familiar de Celso Emilio, do que realizou unha edición limitada a Fundación Celso Emilio Ferreiro en 2012, e que contén as sinaturas de 544 presos do convento de Celanova. O acto, organizado pola Fundación, en colaboración coa Biblioteca do IES e a Coordinadora comarcal ENDL Terra de Celanova – Baixa Limia, ten o seguinte programa:
Olladas dos homes que ao lonxe espreitanXoán Carlos Domínguez Alberte (profesor e escritor).
A edición de LF. – Luís Ferreiro Loredo (membro da Fundación Celso Emilio Ferreiro).
Ideas coas que non puideron acabar – Xosé Manuel Cid Fernández (profesor, especialista no maxisterio da Segunda República).
Poemas musicados de Celso Emilio Ferreiro – voz, Teresa Elvira López Martínez (alumna da ESO do IES Aquis Querquernis – Bande) / piano, Irma Fernández (profesora de música do IES de Celanova).
Recitado de textos de Celso Emilio Ferreiro – alumnado do IES de Celanova.
Presentación do logotipo do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro, elaborado polo poeta e pintor celanovés Baldo Ramos.
Letras da Baixa Limia – presentación do audiovisual elaborado por alumnado de Bacharelato do IES Aquis Querquernis (Bande) sobre o patrimonio literario da Baixa Limia.

Ribeira: o escritor Antón Riveiro Coello abriu os Xoves Literarios de abril

Desde Certo:
“Os Xoves Literarios que organiza o Concello de Ribeira a través da súa Área de Educación deron comezo na tarde de onte cunha conferencia de altura a cargo de Antón Riveiro Coello: prestixioso escritor nacido en Xinzo de Limia no ano 1964, pero que ten en Barbanza “o seu país de adopción”, segundo aseverou durante a charla pronunciada ante unha trintena de atentos oíntes na Biblioteca Municipal.
O título da ponencia, As razóns da escrita. Un país sen límites, na que Riveiro Coello desgranou os motivos que o levaron á creación literaria, nunha disertación salpimentada con numerosas anécdotas e vivencias.
Así, Riveiro Coello lembrou que naceu nunha casa na que non había libros (“o único libro que había alí eran as instrucións da máquinas Singer da miña nai”) e que un dos motivos que lle influenciou foi a gran capacidade do seu avó para narrar historias. Tamén explicou se ben parecía que os seus derroteiros artísticos parecían ir pola música (demostraba grandes actitudes coa guitarra tras recibir clases dun mestre andaluz na súa terra natal e incluso chegou a tocar nun grupo local) finalmente as circunstancias fixeron que se orientase á literatura: un feito no que resultou crucial as cartas que lle escribía á súa moza.
Ao longo da conferencia, Riveiro Coello verqueu moitas das súas opinións en torno ao mundo dos escritores e a literatura. Así, expresou a súa certeza de que os escritores escriben libros para chamar atención (“incluso aqueles que pacemos máis tímidos, máis introvertidos, temos a necesidade de sermos, de proclamar a nosa existencia”), que a literatura é unha mentira asumida por todos e que é tamén un acto de rebeldía (“todo o que escribe o fai contra algo, ás veces contra un mesmo”).
Antón Riveiro tamén explicou que unha das razóns polas que el escribe é por non ser muller. “Ter un fillo é o acto de creación máis fabuloso que lle pode acontecer unha persoa e eu non teño esa posibilidade”, subliñou, ao tempo que opinou que existe un parecido entre a escrita e o embarazo e a xestación.
Ao igual que outros autores como Carlos Casares, Bryce Echenique ou García Márquez, Antón Riveiro tamén escribe para gustar (“máis que para seducir, porque en gustar hai algo espontáneo e en seducir hai algo forzado”) e sempre pensando en persoas concretas, fundamentalmente en dúas: a súa muller (que representa ao lector máis amplo, máis sensorial) e o seu editor (que representa ao lector máis culto, máis esixente).
A ponencia aínda daría pé a outras interesantes manifestacións da vida literaria de Riveiro Coello, como que lle gusta xogar con persoas imaxinarias, que lle gusta converter en materia estética a realidade cotiá ata “habitar espazos inventados” e que ten o propósito consciente de “inventar unha linguaxe propia”, algo que o identifique e deixar constancia da súa pegada.”

Pitões das Júnias, Montalegre: II Jornadas das Letras Galego-Portuguesas, os 11 e 12 de maio

O grupo/blogue despertadoteusono.blogspot.com tem a bem organizar para os próximos dias 11 e 12 de maio as II Jornadas das Letras galego-portuguesas. O programa inclui umas conferências, comidas de irmandade, poesia e visita a alguns dos lugares mais emblemáticos da Freguesia de Pitões e do Concelho de Montalegre. As vagas para a matrícula nas II Jornadas são limitadas e a inscrição acaba o dia 8 de maio de 2013. O programa é:

Dia 11 de Maio Sábado (Hora portuguesa)
12:00 h.: Juntança de irmandade, convívio e jantar na casa de Turismo Rural do Padre Fontes Nossa Senhora dos Remédios em Mourilhe.
16:00 h.: Apresentação em Pitões das II Jornadas das Letras galego-portuguesas. Temática: Lugares mágicos da Gallaecia.
16:30 h.: Recital de Poesia.
17:30 h.: 1ª Palestra: António Alijó: Árvores e pedras mágicas do mundo celta.
18:30 h.: 2ª Palestra: Rafael Quintia: Geografias míticas da Galiza e espaços hierofânicos. Mitos, rito e crença.
19:30 h.: Visita turística pela aldeia de Pitões.
20:30 h.: Ceia-Convívio na Taberna Celta.
22:00 h.: Atuação do Bruxo Queimam.

Dia 12 de Maio Domingo (Hora portuguesa)
10:00 h.: 3ª Palestra: Santiago Bernárdez: Os “Annála Ríoghachta Éireann” e as relações entre a Galiza e Éire na Idade Moderna.
11:00 h.: 4ª Palestra: Miguel Losada: Os que termam do céu. Imagens da Sacralidade antiga ou quando o mundo era um templo.
12:00 h.: Conclusões e encerramento.
14:00 h.: Comida num restaurante da aldeia.
16:00 h.: Roteiro e explicação pelos exteriores de Pitões.

Vagas limitadas
As jornadas são de graça. Não cobramos por assistência mas o jantar do dia 11 de maio ao meio-dia na casa do Padre Fontes em Mourilhe não é obrigatório para a inscrição nas jornadas mas terá um custo de 15 Euros.

Organização e Matrícula:
José Manuel Barbosa 0034-637-47.48.33
Ro Palomera 0034-673-04.88.59
barbosa_gz@hotmail.com
ros@live.cl

Pontevedra: Broche de ouro ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil co acto de homenaxe Marilar Aleixandre

Desde Pontevedra Viva:
“Orbil, a mascota do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, chegaba hai xa tres semanas para abrir a edición 2013 A toda máquina!. Este sábado dixo adeus ata o ano que ven a unha actividade intensa de obradoiros, contacontos, espectáculos, concertos e visitas que levaron polas salas do Pazo da Cultura a 26.000 persoas.
A derradeira xornada foi igual de activa que as 21 anteriores e tivo como broche de ouro o acto de homenaxe á autora Marilar Aleixandre, cargado de emotividade da man da escritora de Lérez Fina Casalderrey, que destacou as cualidades profesionais da protagonista, destacou vivenzas persoais froito da amizade que as une e pechou cunha emotiva aperta.
A autora homenaxeada fixo un repaso da súa traxectoria dende que se iniciou no amor pola lectura á idade de 3 anos e medio e a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, pechou o acto agradecendo a labor de quen cada ano co seu traballo fan posible o Salón. Destacou tamén a importancia de manter nestes tempos un proxecto cultural desta índole, aberto a todos, e que promete estar de volta aínda con máis forza o ano que ven. (…)”.

Narla, Friol, Lugo: nº 2 da revista oral Castronela

O sábado 23 de marzo, ás 19:00 horas, no Museo Fortaleza San Paio de Narla (Friol, Lugo), pertencente á Rede Museística da Deputación de Lugo, terá lugar a segunda edición da Revista oral de periodicidade anual Castronela, coordinada por Antonio Reigosa, con entrada libre e gratuíta. O sumario é o seguinte:

Portada musical. Xota de Pardeiro de Castriz, por Pandereteiras do C.P.I. Dr. López Suárez, de Friol (3’).
Coleccións do Museo Fortaleza San Paio de Narla. Para matar a sede (útiles relacionados coa auga), por María Rosario Fernández González (10’).
Música. Pasodobre de Cabaleiros, por Pandereteiras do C.P.I. Dr. López Suárez, de Friol (3’).
Poesía (I). O mar a punto de abrirse, por Concha Blanco Montecelos (5’).
Música. Muiñeira de Calvos, por Pandereteiras do C.P.I. Dr. López Suárez, de Friol (3’).
Medicina popular. Trasmonte. O ritual terapéutico coñecido como “O mal do sartego”, por Higinio Martínez Fernández de la Vega (10’).
Música. O Son da Mariña, por Pandereteiras do C.P.I. Dr. López Suárez, de Friol (3’).
Poesía (II). As palabras son coitelas, por Concha Blanco Montecelos (5’).
Música. Muiñeira de Grixoa, por Pandereteiras do C.P.I. Dr. López Suárez, de Friol (3’).
Cruceiros de Friol. O cruceiro de Cotá, por Fernando Arribas Arias (10’).
Poesía (e III). Teño a alma cargada de orballo, por Concha Blanco Montecelos (5’).
Música. A Chiviña, por Pandereteiras do C.P.I. Dr. López Suárez, de Friol (3’).
Cultura activa. 1ª Xornadas de Interpretación e Dinamización do Medio Rural (Organiza: Asociación Carballo Vivo), por Ángel Buján Zas e J. Manuel Iglesias Espiño (10’).
Opinión. Intervención do público (5’).
Epílogo. Por Encarna Lago, xerente da Rede Museística da Deputación de Lugo (3’).
Contraportada musical. Chiqui-Chiqui de Lourido, por Pandereteiras do C.P.I. Dr. López Suárez, de Friol (3’).

Madrid: conferencia de Rafael Lema sobre naufraxios na Costa da Morte

O luns 25 de marzo, ás 19:30 horas, no Ateneo de Madrid terá lugar unha conferencia co título Naufraxios na Costa da Morte, a cargo de Rafael Lema Mouzo e do arqueólogo submarino Miguel San Claudio Santa Cruz, acompañados por Gabriel Portal Antón e Juan Manuel Gracia Menocal.