Entrevista
a Edita Fernández Oca e Claudio Pato en Praza:
“(…) – Praza (P): As Escritas son unha ollada sobre a relación de quen escribe coa escritura, pensando nos autores que viven aquí. Calís [Claudio Pato], ti dixeches que a xente nova era a que máis se achegaba á escritura. Isto non é unha contradición dado o estranamento entre xente nova e lingua no noso país?
– Claudio Pato (CP): O que eu dixen é que buscabamos xente nova. Eran os que menos visibilidade tiñan. Eu polo que vía, como espectador, sempre vía os mesmos nomes. Tiramos por xente nova a nivel temporal. A min parecía interesante que esa xente tivese un espazo para falar. (…)
– P: Houbo ocasións nas que falastes dunha permeabilidade do texto, non pensades que esa permeabilidade pode matar a escrita?
– CP: A escrita o que fai é embebedarse de todo o que está no mundo. Interésanos que o de fóra entre na escritura. Non hai autonomía na escritura, senón que bebe de procesos que a rodean. Son persoas que viven, traballan ou estudan e dánlle á cabeza para logo escribilo.
– P: A escritura é para vós un xogo?
– CP: Para min é un oficio.
– Edita Fernández Oca (EFO): Para min é unha responsabilidade.
– P: Se vos comparades coa escrita oficial, sentídesvos coma uns pallasos que non lle fan gracia a ninguén?
– CP: Volvendo ao de xogo, cambiei ese termo polo de oficio, porque a escrita é un oficio que te leva ao oficio máis importante, o de vivir. Apréndese moito por aí. A escritura é un xogo porque ti xogas coa linguaxe. Nese xogo ten que haber un compoñente ético e político para que esa linguaxe non fira, e se o fai que fira a hexemonía que crean os marcos de guerra que non nos deixan vivir. E de ser pallaso, pois os pallasos gustan.
– EFO: Entre pallasos e burros anda a cousa. (…)”
Arquivo da categoría: Palestras
Compostela: novas conferencias no ciclo Escrita(s) 2013
O
ciclo Escrita(s) 2013, coordinado por Claudio Pato, terá lugar en Almáciga(s), na Travesa dos Basquiños, 14, de Santiago de Compostela. Dentro do programa (que pode ser descargado aquí: Escritas-2013), destacamos estes actos para o venres 27 de setembro:
– 18:00 h. A fabricaçom de “terrorismo”: média e excepcionalidade, por Xoán & Aarón. Radicais que “comem de bocadilhos e menu do dia”, cérebros nas sombras… com etiquetas e ‘provas’ que rozam o risível, a elaboraçom do mito do ‘terrorismo galego’ exemplifica a vergonha dum panorama mediático vendido sem reservas à ‘razom de estado’ e a simpleza dum discurso que unicamente visa legitimar a militarizaçom da repressom política.
20:30 h. Dar voz, o pasado é aínda posible, por Brais Gonzalez Arribas. No momento da máxima expresión das sociedades abertas do control, onde este interiorízase, asumíndose, pola contra, como o exercicio individual da liberdade, semella que para a filosofía é xa non unha tarefa senón un deber amosar as fendas posibles polas que ese poder totalizador pode ser descuberto e deslexitimado. Facendo uso da ontoloxía da diferenza, de herdanza heideggeriana, intentaremos amosar o posible acontecer dos pasados agochados e silentes, do deixado á marxe, do sometido e acalado, mostrando que tal é un paso previo necesario para a proxección dun futuro posible onde os “sen-parte” poidan, por fin, ter voz. Dende tal vagar pola historia dos vencidos, na cal o tempo concíbese como apertura e posibilidade, intentaremos ofrecer como conclusión unha noción alternativa de filosofía, onde esta se entenda como o traballo a partires do cal constrúese un “pensamento en común pensando no común”, alén da lóxica do autor -e autoritaria- do individualismo consumista contemporáneo. Todo o cal permitirannos acadar, finalmente, unha confluencia posible entre filosofía, política e democracia.
Compostela: Arturo Casas e Isaac Lourido en Escrita(s) 2013
O
ciclo Escrita(s) 2013, coordinado por Claudio Pato, terá lugar en Almáciga(s), na Travesa dos Basquiños, 14, de Santiago de Compostela. Dentro do programa (que pode ser descargado aquí: Escritas-2013), destacamos estes actos para o xoves 26 de setembro:
– 18:00 h. Corpos, muro, dignidade. Sobre poéticas carcerárias e epistemologias militantes, por Isaac Lourido. A consolidaçom do Estado penal provocou a criaçom de práticas de resistência renovadas. Mas do estudo dos movimentos antirepressivos e anti-autoritários pode-se concluir a existência dumha autêntica epistemologia militante, fundamentada na açom e homologável a outro tipo de saberes? E dentro das açons geradas desde o cárcere: quem escreve poesia, quem a converte em discurso público, com que registros e com que repertórios.
– 20:30 h. Por saber da verdade, co poema, por Arturo Casas. O vello asunto da verdade e da veredicción das artes miméticas?, nas artes miméticas? Non tanto. Algo menos. Só a propósito do obxecto poético —do couso lingüístico para cazarmos a besta—, como argadelo de debandar o mimetismo absolutizador en streaming e o pinganillo horario (ora et labora) que dita e desordena o mundo actuando aquí arreo, xusto no óso máis cativo do corpo humano, no estribo da ficción.
Compostela: O longo devalo da cultura labrega
Dentro
do ciclo Nexos, organizado pola Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, o sábado 5 de outubro, a partir das 12:00 horas, terá lugar, no Centro de Innovación Cultural, unha análise conxunta sobre O longo devalo da cultura labrega:
“A labrega é unha cultura de vello, decantada ao longo de séculos de interacción entre as comunidades humanas e a contorna natural. Esa estreita relación entre o ser humano e a terra, amén das circunstancias históricas, deron pé en Galicia á creación dunha rica, mesta e peculiar antropoloxía, a unha forma de estar no mundo.
O proceso de modernización do país supuxo o paulatino abandono do agro en favor das vilas e cidades, e a substitución daquela cosmovisión tradicional por outros coñecementos e imaxinarios.
Nesta sesión preguntámonos, da man de Uxío Novoneyra, canto daquel mundo aínda subsiste, e desde un ángulo máis técnico ou científico, que lle agarda ao noso agro no futuro inmediato.
Programa
– 12:00 h. Relatorio: Olga Novo.
– 12:45 h. Exposición: Xoán López Facal.
– 13:15 h. Contacontos: Celso F. Sanmartín.”
As reservas pódense realizar aquí.
Cork, Irlanda: conferencia de Fina Casalderrey no Self-Translation in the Iberian Peninsula
A
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega colabora co Centro de Estudos Galegos de Irlanda, radicado na University College Cork, facilitando a presenza de Fina Casalderrey no Self-Translation in the Iberian Peninsula. Impartirá a conferencia Indumentarias da palabra nun vestiario persoal, o venres 20 de setembro entre as 17:00 e as 18:00 horas, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística:
“Os idiomas son traxes cos que se viste a palabra, acomodados a cada ladeira do edificio do mundo. A vestimenta da miña palabra é a galega, que en diferentes momentos da súa historia milenaria sufriu un acoso que converteu á poboación galego-falante en “forzados autotraductores” que, malia soñar en galego, habían de esforzarse en expresarse na lingua dominante: o castelán. Chegamos a tomar como “natural” a tradución simultánea e escribiamos en castelán as cartas que nos ditaban en galego. Vivimos unha situación de diglosia aínda non curada.
Nas autotraducións ao castelán, tanto nas de intervalos de anos con respecto á publicación galega (nese caso non sempre fun “fiel” ao orixinal) coma nas inmediatas (nas que, quizais por mor dese conflito interno, paso dunha versión a outra e viceversa, convertendo as dúas en “orixinais”, ou as dúas en “traducións”), en ambos casos, sentinme máis libre que cando vertín ao galego libros doutros autores.
Nas traducións inmediatas (case sempre álbums), precisamente, por esa “militancia” de escribirmos en galego”, téñome sentido “traidora”. E experimentei esa mesma incomodidade cando sucumbín á tentación editorial de traducir 16 libros de KiKa Superbruxa, do castelán ao galego (polo visto, nalgún dos meus libros mostro un estilo semellante ao do alemán Knister). Son textos sinxelos nos que o autor salta do Salvaxe Oeste á época dos dinosaurios ou aos Vikingos, de don Quijote a Drácula, nos que a acción está por riba doutras consideracións. Con todo, houben de botar man de intuicións en momentos nos que considerei que a versión castelá non era congruente.
Non teño todas as respostas, nin sequera con respecto a textos da miña autoría. Aínda no suposto de que dominase, poño por caso, o irlandés, hai algún que non sabería como “vestir” para conseguir o mesmo efecto que produce en galego, entón lembro aquilo de “catro ollos ven máis ca dous”.
Mentres sigo coas miñas dúbidas, na procura do tradutor ideal.”
Dentro do programa tamén participarán Xosé Manuel Dasilva, María Liñeira, Ana Garrido González, María Reimóndez, Rexina Vega e Martín Veiga.
A Coruña: conferencia de María Xosé Queizán sobre Emilia Pardo Bazán
O
luns 16 de setembro, ás 19:00 horas, na Casa Museo Emilia Pardo Bazán (Rúa Tabernas, 11), na Coruña, celébrase o aniversario do nacemento da autora cunha conferencia a cargo de María Xosé Queizán, baixo o título de Magnífica, absoluta, soberana, un dos versos dedicados por Rosalía de Castro a Emilia Pardo Bazán.
Betanzos: Unha viaxe por Irán, por Cesáreo Sánchez Iglesias
O
luns 26 de agosto, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4) de Betanzos, Cesáreo Sánchez Iglesias pronunciará a conferencia Unha viaxe por Irán.
Previamente, o sábado 24, ás 12:30 horas, Tucho Calvo protagonizará un contacontos arredor do seu libro Paxaro de mar e vento, publicado en Biblos.
Crónica da conmemoración do 50 aniversario da morte de Gonzalo López Abente
Desde
a Fundación Gonzalo López Abente:
“A transcendente figura do poeta Gonzalo López Abente para os muxiáns e para o conxunto da cultura galega, foi homenaxeada no 50 aniversario da súa morte, que tivo lugar o 23 de xullo de 1963. Os acto xa empezaran o sábado día 13, cunha exposición de pintura de Viki Rivadulla, e a estrea da composición musical de Miguel Brotóns, baseada no poema de Abente, O meu mar. O sábado día 20 a Fundación Gonzalo López Abente, organizadora do evento, celebrou un plenario, no que tomaron posesións como novos patróns, Xosé María Lema en representación da Real Academia Galega, ademais de José Enrique Benlloch e Xosé Luís Méndez Ferrín, ambos titulo persoal.
Despois do plenario os patróns e numerosos veciños de Muxía acudiron ao cemiterio para facer unha ofrenda floral na tumba de Gonzalo López Abente, onde falou o historiador Manolo Vilar sobre os acontecementos do enterro de López Abente, e os poetas Miro Villar e X. H. Rivadulla Corcón, deron lectura a textos de escritores coetáneos de López Abente sobre o seu falecemento.
Xa no Salón de Actos do Voluntariado continuaron os actos, que se iniciaron coa actuación das Pandeireteiras de Muxía, e a continuación presentouse o volume da Poesía Completa de Gonzalo López Abente, na que interviñeron Felix Porto, presidente da Fundación e Alcalde de Muxía, que deu lectura un texto enviado por Méndez Ferrín desculpando a súa ausencia e loando a figura de López Abente, de quen se manifesta entusiasta lector dende moi novo. Interviñeron tamén X. H. Rivadulla Corcón, que falou do significado da obra de Abente para as xentes de Muxía, como está feita a partir dun sentimento moi muxián, e de como a figura do poeta e a súa obra son a día de hoxe un dos símbolos identitarios máis relevantes de Muxía. Miguel Anxo Fernán Vello, director de Edicións Espiral Maior, editora da obra conxuntamente coa Fundación, falou da importancia que ten para a cultura galega contar coa obra de López Abente recollida integramente no volume que presentaban, e por último Miro Villar, editor literario da Poesía Completa, falou dos criterios da edición e de como para el supoñía, esta edición, cumprir un soño longamente agardado, e lembrou como chegou á obra de López Abente, descubrindo un poeta dunha alta calidade literaria e lingüística.
Despois desta presentación tocou a quenda da entrega do Iº premio de Poesía Gonzalo López Abente, que foi entregado a Daniel Salgado polo seu libro Dos tempos sombrizos (Diario). Interviñeron, de novo Félix Porto, e a continuación Manuel Bragado, director de Edicións Xerais, que editará o libro premiado, que falou da importancia dos premios para a poesía galega. A continuación Marilar Aleixandre falou en nome do xurado, lendo a acta do premio, e comentando as claves da obra premiada. A Daniel Salgado entregáronlle o premio, Arturo Suárez, tesoureiro da Fundación, e Viki Rivadulla, que ademais de secretaria da Fundación e do xurado, é a autora da escultura que se lle entregou ao premiado conxuntamente coa dotación económica.
A continuación tivo lugar a doazón que os pintores, Xervasio Sar, e Nolo Suárez, fixeron de sendos cadros á Fundación, como agasallo a xeito de homenaxe persoal á figura de López Abente.
E o broche final foi a estrea dunha peza musical baseada no poema de Abente A pedra da Barca musicado por Charo Vázquez Freire, directora da Coral Virxe da Barca, que interpretou a peza musical.”
Padrón: homenaxe a Rosalía de Castro
A
Fundación Rosalía de Castro e o Concello de Padrón organizan o sábado 20 de xullo, a partir das 20:00 horas, no Espolón de Padrón, ao pé da estatua de Rosalía, un acto de homenaxe á poeta, co seguinte programa:
– Lembranza histórica dos actos de 1957 e 1958, polo secretario da Fundación, Xosé Carlos Beiró.
– Intervencións de Maruxa Sanmartín e Pitusa Vidal Cabanillas.
– Entrega da bandeira de Camilo Agrasar á Fundación, coa intervención de Luís González Tosar e Xosé Luís Axeitos.
– Audición da voz de Otero Pedrayo (1958).
– Evocación e testemuña dos actos dos anos 1957-58, por Xosé Luís Méndez Ferrín.
– Intervencións de Anxo Angueira (Presidente da Fundación) e Antonio Fernández Angueira (Alcalde de Padrón).
– Rosalía entre nós, homenaxe dos nenos e nenas de Padrón, coa dirección de Iolanda Eiras.
– Actuacións de A Reixeira e Juan Ordóñez.
– Himno galego.
Casa da Matanza, Padrón: 128 aniversario da morte de Rosalía de Castro
A
Fundación Rosalía de Castro organiza o luns 15 de xullo, a partir das 20:00 horas, na Horta de Rosalía, na Matanza, Padrón, un acto en conmemoración do 128 aniversario da morte de Rosalía. O programa é o seguinte:
– Presentación da edición do I Premio de poesía escolar Rosalía de Castro, José Manuel Blanco Aldariz.
– Vixencia de Cantares gallegos, Pilar García Negro.
– Descuberta nun exemplar único da primeira edición, Xosé Luís Axeitos.
– Recitados: María Vilas, Marcela Porto e Fátima Barros (gañadoras do concurso escolar), así como Ana Blanco, Belén Rico Prieto, Olalla Cociña, Daniel Salgado e Luz Pozo.
– Música para Rosalía, Alba María Rodríguez.
– Pecha o acto o Presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.
– Himno Galego.