Fran Alonso le poemas de Street Poems

Desde a AELG recollemos a lectura de varios textos de Street Poems, de Fran Alonso, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.

A AELG lamenta a perda da nosa Socia de Honra Luz Pozo Garza

A AELG lamenta a dolorosa perda da poeta Luz Pozo Garza, Socia de Honra desde 2001, cando recibiu a Letra E desta entidade, proposta ao longo de todos estes anos desde a nosa asociación como candidata ao Premio Nobel de Literatura.

A intensidade do seu magnetismo poético, que trasladou tamén á súa produción ensaística e dramática, atravesa a súa vida e obra cun fulgor unanimemente recoñecido, sendo unha das primeiras mulleres que abriu camiños, desde a posguerra, no corpus literario galego e que, atenta ás novas promocións líricas, conseguiu ser un referente para todas as xeracións.

As seguintes fotos pertencen ao acto de entrega dos Premios AELG 2010:

Aquí pode verse tamén esta fotografía da Homenaxe A Escritora na súa Terra 2001, en Ribadeo:

Divulgamos tamén estas fotos pertencentes a varios actos da nosa entidade onde estivera presente Luz:

Entrevista con Cristina Corral Soilán

Entrevista de Silvia Penas Estévez a Cristina Corral Soilán, desde Urutau:
“(…) – Urutau (U): A poesía é unha forma de ver o mundo?
– Cristina Corral Soilán (CCS): Por suposto, incluso diría que é un xeito de vestilo, ou de adornalo. O mundo é o que é, pero tamén é certo que dende a poesía podemos ir un pouco máis aló e descubrir cousas, ou dicir cousas del, que doutro xeito máis prosaico non sería posible facer.
– U: Cando escribes pensas nunha lectora/lector imaxinaria/o? O que escribes vese afectado por iso?
– CCS: Non, o que escribo é absolutamente un desafogo persoal, un xeito de ver o mundo, como che dicía antes. Mais penso que seguro que hai moit@s lectores/as aos que, a través dos poemas, lles removo cousiñas que tiñan dentro pero que estaban durmidas. A min pásame o mesmo con moit@s autores/as cando son lectora. Por iso non me afecta directamente no momento de escribir, máis ben diría que cando xa está escrito e alguén me acompaña coa lectura dos meus versos, e vexo que os disfruta, entón si que me afecta, dun xeito realmente positivo e moi satisfactorio. (…)
– U: Este libro, Ficar, en concreto como xurdiu? Onde ou en que dirías que ten o seu xermolo?
– CCS: Pois, como comentaba, o xermolo dos meus libros adoita ser a vida diaria.
Ao vivir é irremediable sentir. Cada instante vivido que che afecta dun xeito ou outro xenera sensacións, e as veces como explicaba teño a necesidade de plasmar ese xeito de ver os acontecementos vitais, deixalos escritos é unha maneira de facer que fiquen na memoria, na persoal e na colectiva en certo modo. Ficar a través do sentimento é da palabra escrita… vou acumulando sentires e acaban conformando libros. (…)”

Toño Núñez le un texto de Poemas de Amor en Outono

Desde a AELG recollemos a lectura dun texto de Poemas de Amor en Outono, de Toño Núñez, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.

Antonio García Teijeiro: “A LIX segue demasiado vencellada á escola. Se desaparece a prescrición escolar, caería en picado”

Entrevista de Montse Dopico a Antonio García Teijeiro en Praza:
“(…) – Praza (P): Por que di que é unha literatura maltratada? A aposta das editoras por ela, por exemplo, é moi forte.
– Antonio García Teijeiro (AGT): As editoras fixeron unha aposta clarísima pola LIX porque é literatura que se vende, fundamentalmete polas prescricións dos colexios. Falta que haxa compra sen esa obrigatoriedade… Falo de maltrato porque non se lle dá a importancia que debería dárselle, por exemplo, a nivel mediático. Ou porque se considera, moitas veces, unha literatura de segunda, é dicir, non é tan valorada socialmente. Mesmo hai escritores que renegan da LIX, o que é moi triste…
A LIX é básica para a formación de futuros lectores e lectoras. A LIX é unha necesidade porque a lectura é unha necesidade. Eu sei, pola miña experiencia como docente, que a literatura axuda a transformar comportamentos, actitudes… Pero teño moitas anécdotas sobre pais que, por exemplo, dicían que non ían gastar en libros porque, unha vez lidos, xa non valían para nada. Falo de maltrato porque se rebaixa o valor social e cultural da LIX.
– P: Na súa experiencia como mestre puido comprobar, segundo comentou en varias entrevistas, que á rapazada si lle gusta a poesía. Que pasa entón para que despois queden poucos como lectores?
– AGT: Eu manteño que cando un docente é motivador, cando é un mediador que cre no que fai, cando é evidente que lle gusta… consegue atraer ao alumnado para a lectura. E non pasa só cos rapaces máis pequenos: tamén cos da ESO. Cando ven que o que dis é auténtico, que cres profundamente niso, déixanse levar pola paixón pola poesía. Durante moito tempo a poesía foi considerada algo “cursi”. Había un rexeitamento cara ela.
O meu reto como docente foi acabar con esa etiqueta para que o alumnado asuma a poesía como algo natural e non como algo alleo a eles, ridículo… Para iso, mostráballes diferentes maneiras de facer poesía, e hoxe ademais xa hai moitos máis poetas que se ocupan de que a rapazada teña boa poesía para ler. O problema é que non hai aínda mediadores suficientes facendo este traballo de campo. E tamén que ás veces os poetas optan por unha escrita complicada e egocéntrica para demostrar que son moi cultos… E a LIX precisa sinxeleza, que non simplicidade.
– P: A que se refire cos mediadores? A todos os axentes que achegan o libro á rapazada?
– AGT: Principalmente ao profesorado, que debe crer no que fai e non terlle medo á poesía. Mais houbo moitos avances nisto: a min hai bastante xente que me pide vídeos, por exemplo. Hai profesores que non presentan a poesía como un traballo escolar, senón que transmiten un interese real por ela. Ás veces eu podo ser crítico cos docentes porque considero que non len o suficiente, pero cada vez hai máis que se preocupan moito disto. Eu tiven rapaces que non eran moi bos academicamente pero que nos obradoiros de poesía eran outros, outra persoa. A poesía é moi importante para eles: provoca reflexións se se escolle ben, ademais do pracer enorme que produce entender as palabras… O que eu procuraba como profesor era que lesen poesía e que a escribisen. (…)”

Entrevista con Rosa Enríquez

Entrevista de Silvia Penas Estévez a Rosa Enríquez, desde Urutau:
“(…) – Urutau (U): A poesía é unha forma de ver o mundo?
– Rosa Enríquez (RE): Creo, máis ben, que a poesía está aí fóra. É anterior. Pensar que somos nós quen podemos mirar desta maneira, e, coa nosa ollada, facela existir, é concedernos demasiada importancia. A poesía non existe porque nós a contemplemos nos detalles, nas manifestacións do amor ou na potencia da natureza. Nós estamos aquí porque ela nos mira.
– U: Cando escribes pensas nunha lectora/lector imaxinaria/o? O que escribes vese afectado por iso?
– RE: Cando era máis nova si que me inquietaba un pouco como podía ser recibido o que escribo, pero agora mesmo non. Penso que preocuparse por isto, deixar que me condicione, limita a potencia do que intento expresar. Segundo eu o vexo, a poesía non entende de límites, é unha transgresión da orde, do sentido común. Pode ser entón considerado o acto de escribir un acto egoísta? Talvez si, pero non me importa. Querer agradar a posíbeis lectoras ou lectores é como querer compracer a todo o mundo. Simplemente non se pode. Cómpre aceptar e asumir isto cando decidimos publicar un texto e dedicarnos ao que verdeiramente importa: vivir. Non ser vividas polos demais. (…)
– U: Este libro, Vacastras, en concreto como xurdiu? Onde ou en que dirías que ten o seu xermolo?
– RE: Xurdiu co texto que aparece ao inicio de “RABIA”. O xermolo é o instinto, esa afluencia de pensamentos caóticos aos que resulta díficil darlle forma. A idea de que a linguaxe deturpa o significado do que realmente sentimos levoume a pensar que nada hai tan interesante nun poema como aquilo que se oculta no escrito, o que fica fóra, o que non conseguimos expresar. Escribir un poema é un intento de tradución do inefábel, e, en tanto que “intento”, implica certa imperfección. Interésame esa imperfección. (…)”

Coidados ante o coronavirus: Arancha Nogueira

Desde a AELG recollemos a entrevista de Arancha Nogueira sobre os coidados ante o coronavirus en Nós Televisión, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.

Susana Sanches Arins le un fragmento de Carne da minha carne

Desde a AELG recollemos a lectura dun fragmento de Carne da minha carne, de Susana Sanches Arins, publicado por Apiario, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.

Festival de poesía en rede, #enredeversos