Artigo de Xoán Costa en Sermos Galiza:
“Outeiro de Rei acolleu a segunda edición do concurso de recitado Rosalia Sempre Viva. Centenares de persoas gozaron e reivindicaron cos versos de Manuel María e Rosalía. (…)
Era o segundo ano que se celebraba o concurso. Dividido en catro categorías, para estudantes de infantil, primaria e secundaria, en sesións de mañá e tarde, un a un ou en grupo, mais de 150 participantes trouxeron até Outeiro poemas de Rosalía porque os de Manuel María xa estaban alí. De Manuel, os mais recitados foron os que reivindican un idioma de noso, seguidos dos dedicados a Saleta; de Rosalía, a emigración, a falta de xustiza social, a reivindicación da muller ocuparon os primeiros postos. (…)
Gañaron, na categoría 1 (Infantil, 1º e 2º de Primaria), o CPI de Xanceda (Mesía) cun recitado colectivo do poema O lobo de Manuel María; na categoría 2 (3º, 4º, 5º e 6º de Primaria) Lucía Ónega Santos, do CEIP Menéndez Pelayo de Lugo, co recitado do poema Galiza de Manuel María; na categoría 3 Irea Ferreiro López, do IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa co poema Por que? de Rosalía; e na categoría 4 (Bacharelato) María Camilla Beltrán Guzmán, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo, co poema Verbas á miña nai de Manuel María.
Ademais, o xurado outorgou catro mencións honoríficas: ao grupo de alumnas/os do CEIP Menéndez Pelayo de Lugo polo poema O arco da vella de Manuel María, ao CEIP Laverde Ruiz de Outeiro de Rei polo recitado do poema A lúa de Manuel María, a Carmen Peñalver Dequit, alumna do IES Xoán Montes de Lugo, polo poema Fun o domingo de Rosalía e a Teresa Elvira López Martínez, do IES Aquis Querquenis de Bande, co poema Negra sombra de Rosalía. (…)”
Arquivo da categoría: Poesía
Antón Patiño presenta a súa Teoría do riso
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“A Teoría do riso, de Antón Patiño, publicada en Xerais, é unha obra en que o autor reivindica o riso revolucionario e transgresor fronte á descomposición e á decrepitude do poder. É un poemario de “intres”, onde o son da palabra falada reflicte a súa sombra no espazo branco das páxinas. A entrevista pode verse aquí.”
A Coruña: O fillo da furia. 20 voces por Lois
O domingo 28 de febreiro, ás 12:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, terá lugar O fillo da furia. 20 voces por Lois, homenaxe a Lois Pereiro, froito dunha colaboración entre AELG e o Concello da Coruña.
Coa participación de Alfredo Ferreiro, Álvaro Antelo, Ana Romaní, Antía Otero, Dores Tembrás, Estibaliz Espinosa, Iolanda Zúñiga, Lino Braxe, Manuel Rivas, Mario Regueira, Miguel Mato, O Leo i Arremecághona, Ramiro Torres, Rosalía Fernández Rial, Silvia Penas, Xavier Seoane, Xosé Henrique Rivadulla Corcón, Xulio Valcárcel e Yolanda Castaño.
Coa colaboración das actrices Manuela Varela e Sabela Hermida.
Produción: Xosé Manuel Pereiro, Mercedes Queixas e Lino Braxe.
Escola de Escritoræs: Obradoiro a cargo de Carlos Negro. “O poema é un animal escondido”
Obradoiro de creación literaria da Escola de Escritoras/es da AELG, a cargo de Carlos Negro, cunha sesión de malabarismo creativo a cargo de Baldo Ramos.
No Pazo da Cultura de Pontevedra (Rúa Alexandre Bóveda)
Aberto o prazo de inscrición.
25 prazas, gratuítas, para maiores de 16 anos, que se adxudicarán por orde de solicitude (inscricions@pontevedra.eu).
O poema é un animal escondido
Se queres escribir, desanda o camiño.
Abre os ollos, as orellas, as portas da casa.
Escoita o inaudible.
Achégate como quen pasa a man polo lombo dunha besta salvaxe.
Estou dentro de ti.
Eu son o poema.
A Coruña: recital de Ledicia Costas e Sara Holland-Batt no Ciclo Poetas Di(n)versos
O luns
29 de febreiro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Ledicia Costas e a poeta australiana Sarah Holland-Batt. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos febreiro 2016.
As celebracións do Día de Rosalía
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Reportaxe no programa televisivo Zig-zag sobre as celebracións do Día de Rosalía. A nova pode verse aquí.”
Darío Xohán Cabana, co-autor da Antoloxía poética de Manuel María
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Escolma de 90 poemas, que publica a editorial Galaxia, Manuel María. Antoloxía poética é un traballo de selección realizado por Amelia Outeiro e o propio Darío Xohán Cabana, que releron os poemas do autor chairego sen perder de vista os destinatarios finais: todo tipo de lectores que se queiran achegar por primeira vez á poesía de Manuel María e tamén aqueles outros que queiran revisar poemarios lidos e poemas lembrados. A entrevista pode verse aquí.”
Vilalba: presentación de Cantigas para aprender a soñar, de María Xosé Lamas
O venres 26 de febreiro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, preséntase o poemario Cantigas para aprender a soñar, de María Xosé Lamas, publicado por Edicións Embora, con ilustracións de Minia Regos. No acto de presentación deste libro, que obtivera o Premio Arume de Poesía para nenos da Fundación Xosé Neira Vilas, participan Martiño Maseda e José Antonio Pita.
A Coruña: presentación de Três Tempos, de Luís Mazás López
A sexta feira 26 de febreiro, ás 20:00 horas, no Centro Ágora da Coruña (Rúa Ágora, s/n), terá lugar a presentación de Três Tempos, de Luís Mazás López, publicado pola Porta Verde do Sétimo Andar. No acto, organizado pola Livraria Suévia, recitan, acompañando ao autor, Pedro Casteleiro, François Davo, Alfredo Ferreiro, Mário Herrero, José António Lozano, Tati Mancebo e Ramiro Torres, xunto á música de César Morán.
Aquí pode verse a entrevista feita ao autor en Palavra Comum.