Pontevedra: relatorio arredor de A noite das palabras, de Xesús Franco

O luns 29 de maio, ás 20:00 horas, na Taberna do Jazz (Rúa de San Sebastián, 19), en Pontevedra, terá lugar un relatorio arredor do libro A noite das palabras, de Xesús Franco. No acto, organizado polo Ateneo de Pontevedra, intervirán, xunto ao autor, Carmen Quinteiro e Antón Sobral.

“O interior das casas”, por María Reimóndez

Artigo de María Reimóndez na Sega:
“Nas habituais disquisicións sobre a literatura galega que adoito presenciamos, unha das ladaíñas recorrentes é a de que este é “un país moi pequeno”, onde todo o mundo se coñece, onde non é posible facer un traballo crítico “rigoroso” precisamente por exceso de proximidade. Sen entrar agora a debater o errado que me semella, dende a epistemoloxía feminista, entender o “rigor” como distancia, nin as raíces e consecuencias que este tipo de pensamento trae para as autoras e críticas, querería utilizar o tropo do “país pequeno” para falar en positivo. Os países pequenos (os literarios, cómpre non enganarse, todos o son) acaban sendo coma as casas, lugares que teñen o potencial de nos encerrar ou de nos axudar a coñecer e a coñecernos, a crecer no literario e no humano grazas á presenza tanxible doutras escritoras nas nosas vidas. A proximidade aumenta tamén, é obvio, o noso potencial para crear comunidade.
Entendo, pois, como unha vantaxe da proximidade, do país pequeno, da casa, ter tido ao longo de toda a miña vida como escritora a posibilidade de compartir espazos con Marta Dacosta, espazos que transcenden as páxinas dos libros, mais que fican prendidos a eles indefectiblemente. Ás veces os contactos son meros comentarios ao aire que sen saber alguén recolle. Hoxe, para falar de Na casa da avoa, debo por forza volver a un deles, aquel no que Dacosta comentaba con ironía que a súa escrita quedara atrapada no caixón desleixado da “escrita de/por/para mulleres”. Para aquelas que canonizaron as poetas dos oitenta e noventa, a súa voz semellaba non encaixar no agardado, non seguir os patróns predeterminados. Quedou relegada a ese espazo que pecha as portas a un achegamento crítico (agora si) rigoroso, é dicir, complexo, intelectualmente competente e respectuoso, da súa obra. É hora de sacar a escrita de Dacosta do –con perdón- rocho onde foi confinada. E para iso vou comezar virando a chave polo final, por esta a súa última obra. (…)”

Pontevedra: “Por un amor común. Homenaxe a Francisco Cortegoso”

Vila Nova de Famalicão: presenza galega nas Raias Poéticas 2017

O 26 e 27 de maio, na Casa das Artes de Vila Nova de Famalicão (Parque de Sinçães), en Portugal, terá lugar a edición de 2017 das Raias Poéticas.
A presenza galega é a seguinte, no domingo 27 de maio:
– 11:00 h. RAIAS-SONORAS (POETAS). Con Carolina Bustos Beltrán; Jaime Rocha; Abreu Paxe; Ramiro Torres.
– 15:00 h. DOBRAS-DE-PENSAMENTO. Literatura não é sequência de obras mas exercitação de escritas em emergência( processo agramatical, delírio híbrido e inacabado). Con Cristina Carvalho; Ana Cristina Silva; Teresa Moure Pereiro; Manuela Gonzaga. Surfista: Jessica Folconi.
– 17:00 h. RAIAS-SONORAS (POETAS). Con Luís Filipe Sarmento; Pedro Enríquez; Luís Adriano Carlos; Alfredo Ferreiro; Ivo Machado!