O
martes 23 de agosto, ás 20:30 horas, na Libraría Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74), en Santiago de Compostela, preséntase -movimentos-, de Francisco Valeiras, publicado en edición de autor, con ilustracións de Alexandre Fernández Sobrado.
Arquivo da categoría: Poesía
Vilalba: presentación de Adagio por outono, de Modesto Fraga
O
luns 22 de agosto, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, Modesto Fraga presenta Adagio por outono, publicado por Alvarellos Editora.
Gonzalo Hermo: “A poesía continúa hoxe na vangarda da literatura galega, sen complexos”
Entrevista a Paulino Pereiro
Entrevista
a Paulino Pereiro na Palavra Comum:
“- Palavra Comum: (PC): Que significam para ti a literatura e a música?
– Paulino Pereiro (P): Son dúas maneiras de expresar os meus sentimentos de xeito creativo. As palabras e os sons permítenme inventar, crear algo que non formaba parte da natureza e acrecentar o catálogo de sensacións que todos experimentamos. Dalgunha maneira, coa literatura e a música alargamos o mundo, prolongamos a curva da espiral infinita das nosas vidas para sentir algo novidoso, que formaba parte da esencia do noso sentir e que só mediante artes afastadas da comunicación cotiá, como son a música e a literatura, poderemos expresar esa nova realidade.
– PC: Como entendes (e levas a cabo, no teu caso) o processo de criação artística?
– P: Estímulo-resposta. A realidade, ou mellor direi a paisaxe, aguilloa os meus sentidos e esa percepción, disfrazada de música, de historias, ou da filosofía creativa da poesía, provoca unha resposta equivalente, proporcionada aos momentos interiores en que o pensamento sente. O meu proceso é coma min, con melancolía e con alegría, ás veces doe e, as máis das veces, esparexe a ledicia de vivir.
– PC: Qual consideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre as diversas artes (literatura e música, artes plásticas, teatro, audiovisual, etc.)? Como é a tua experiência neste sentido?
– P: Creo que a relación se encontra nas diferentes maneiras, moitas delas mixtas, en que o artista percibe a realidade circundante. Hai artistas que ven, outros oen, outros pretenden ser testemuñas da realidade. Son diferentes puntos de vista que se poden relacionar entre si, en igualdade ou non, pero que sempre aportarán novidade.
En canto á miña experiencia persoal, relacionei música e plástica, música teatral en diferentes estilos adaptados ao contexto (iso fixo que publicase A música teatral como reflexión da miña opción persoal sobre como debe ser a música para a escena). Mais as miñas relacións máis intensas e abondosas son a da música coa poesía (ben en forma de cancións ou ben como eco do recitado dun poema) e mais da música e/ou da poesía coa paisaxe natural. (…)”
Foz: actos destacados da Feira do Libro do sábado 20 e domingo 21
O
domingo 21 de agosto finaliza a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
Sábado 20
– 18:00 h. Espectáculo musical O Bigote de Mimí, de Luís Vallecillo e a Banda do Cuberto, baseado no libro homónimo de Manuel María, publicado pola Casa Museo Manuel María.
– 21:00 h. Presentación do libro Entre o abalo e a zaranda. Dicionario léxico do mar, de Paco Rivas, con prólogo de Francisco Fernández Rei.
Domingo 21
– 19:00 h. Concerto da Banda de Música de Foz e recital poético musical sobre os poemarios Chorimas, de Montse González, e Versos florecidos en louvanza de Foz, de Manuel María.
Foz: actos destacados da Feira do Libro do xoves 18
O
xoves 18 de agosto comeza a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 19:00 h. Inauguración da Feira do Libro. Pregón a cargo de Farruco Graña.
– 20:15 h. Presentación do libro Cantos de poeta. Unha antoloxía musicada da poesía galega, de Gelria. Presentan: Federico Mosquera e Noa López.
– 21:15 h. Presentación do libro O soño de Xoán, de Farruco Graña, publicado por Embora. No acto participa, xunto ao autor, Xavier Rodríguez Baixeras.
Adagio por outono, de Modesto Fraga, por Miro Villar
Desde
o blog de Miro Villar, Crebas:
“Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para recoller unha versión do texto que proferín no lanzamento do libro de poemas Adagio por outono de Modesto Fraga, o domingo 14 na Feira do Libro de Cee. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.
Adagio por outono, de Modesto Fraga
A XLI edición do Certame Literario de Vilalba que se convoca na capital chairega, nos últimos anos en parcería con Alvarellos Editora que publica os textos premiados, reafirmou a sólida bagaxe poética de Modesto Fraga (Fisterra, 1974) ao laurear o seu Adagio por outono, que chega dezanove anos despois da súa entrada no noso sistema literario. (…)
Esta apelación ao pasado non é gratuíta, pois o poeta arestora con moito máis oficio e cunha voz máis madura, retorna ao cultivo dos metros clásicos cos que se dera a coñecer, nomeadamente os sonetos. De feito Adagio por outono, que prologa Teresa Seara de maneira fulcral, está conformado por 35 sonetos divididos en tres partes e un intermezzo denominado «Pórtico» de catro poemas en verso libre, mais onde sobrancean hendecasílabos, heptasílabos e pentasílabos.
Non é de estrañar esta escolla porque o libro, que recolle nunha dobre páxina unha reprodución dos músicos no Pórtico da Gloria (século XII) e unha folla de carballo na portada, pretende realizar outra actualización dos principios literarios do Dolce Stil Novo, escola poética toscana da segunda metade do século XIII na que sobrancearon Guido Cavalcanti, Dante Alighieri, e moito despois Francesco Petrarca no seu Canzoniere, quen influíron en moitas épocas e literaturas posteriores.
Entre nós hai un bo número de poetas «dolcestilnovistas», aínda que salienta Darío Xohán Cabana, quen non só publicou varios libros con sonetos ao modo petrarquista, poñamos por caso o fermoso Amor e tempo liso (1987), senón que foi o excelente e premiado tradutor dos autores citados e doutras voces daquela época na Antoloxía do Doce Estilo Novo (Galaxia, 2004). (…)”
A Coruña: actuación de Aldaolado, con Lucía Aldao e María Lado
Cee: actividade literaria destacada na Feira do Libro para o domingo 14
O
domingo 14 de agosto finaliza a Feira do Libro de Cee (na Praza da Constitución), organizada polo Concello de Cee, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., co seguinte acto literario destacado dentro do seu programa:
O acto terá lugar no Museo Fernando Blanco:
– 12:30 h. Presentación de Adagio por outono, de Modesto Fraga, publicado por Alvarellos Editora. No acto estará acompañado por Miro Villar.



