A Coruña: Sempre a barlovento, homenaxe a Serafín Mourelle

O sábado 4 de marzo, ás 21:00 horas, no Bar A Chencha (Rúa San Xosé, 2, bis), na Coruña, o colectivo In nave cívitas fai un chamamento a todas as xentes, en especial ás do mar, para que se acheguen con poemas, textos, ou simplemente a render homenaxe a Serafín Mourelle, Premio Mestre da Memoria 2017 da AELG.

Crónica videográfica do acto central do Día de Rosalía no Panteón de Galegos Ilustres (I)

O acto central do Día de Rosalía 2017, organizado pola AELG, co apoio de CEDRO, tivo lugar o domingo 19 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:

– Coral da Asociación cultural e musical Solfa: A Rosalía.

– Saúda da Presidencia da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.

Lectura do Manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro, por Ledicia Costas.

Lectura de poemas rosalianos, Henrique Alvarellos (Asoc. Galega de Editoras); Pilar Rodríguez (Federación de Librarías), Pilar Astray Rodríguez (Asoc. Traxe Galego), Pilar Reino (A. C. e Musical Solfa) e Ramiro Torres.

As Neves: homenaxe a Evaristo de Sela no centenario do seu nacemento

O xoves 2 de marzo, a partir das 12:00 horas, no salón de actos do IES Pazo da Mercé, nas Neves, terá lugar un acto de homenaxe a Evaristo de Sela por mor do centenario do seu nacemento. Vítima da represión franquista, Evaristo destaca por ser o tradutor ao noso idioma de obras moi importantes da literatura grega antiga, como a Ilíada e a Odisea, ou a primeira Filípica de Demóstenes, así como tamén de poetas modernos como Kavafis ou os Premios Nobel Elytis ou Seferis, entre outros. Tamén ten obra poética propia, en bo grao recollida nas publicacións Amar, 1945, e Versos de preso e outras rimas, 2007.
En dito acto de celebración do centenario van participar distintas persoas vencelladas dalgún xeito coa vida e obra de Evaristo de Sela, como a súa filla e tamén poeta Stella Maris González, o presidente da Asociación Cultural de Sela Agapito Valado, o helenista José Francisco González… Tamén haberá lectura dalgúns textos e estrearase ad hoc unha composición musical a partir dun poema de Evaristo. Tamén se inaugurará unha pequena exposición de láminas cunha escolma da obra do autor, elaboradas polo alumnado do centro.
Recentemente, Manuel Cabada Castro publicou en Atlántico Diario este artigo sobre o autor.